O Faro de Vigo volve hoxe sobre a polémica xurdida tras coñecerse que o Concello de Cambados ten encargada unha estatua de bronce de Manuel Fraga Iribarne. Cuestionados ao respecto, varias persoas do mundo da cultura de Cambados amosáronse contrarios á instalación da escultura. Todos coinciden nun asunto clave: a figura de Fraga non reúne o consenso do pobo de Cambados. O Faro recolle as declaracións do escritor Ramón Caride, o pintor Saúl Otero, e os historiadores Jacobo Domínguez ou Maribel Iglesias. O académico da RAG e trianero, Fernández Rei, incidiu nesta cuestión e propuxo que se lle adicara unha homeaxe a xentes da terra e do mar de Cambados que si suscitan consenso entre a poboación.
No mundo do viño tampouco a proposta é recollida con fervor. Aínda que desde Condes Albarei o seu presidente amósase a favor e eloxia a figura do ex presidente da Xunta en relación co Albariño, o seu homólogo en Martín Códax non é partidario de erixir o monumento a pesares de que na súa opinión Fraga se portara ben con eles.
“MÁIS DE 15.000 EUROS”
O alcalde, Luís Aragunde, non despexou a incógnita aínda de cal vai ser o prezo que teñamos que pagar pola estatua. Só declarou que serán “máis de 15.000 euros” e que pedirá axuda a outras administracións para sufragar o custo. Hai que lembrarlle ao señor Aragunde que o feito de que parte dos cartos veñan da Xunta e/ou Deputación non significa que non sexamos, finalmente, os veciños quen paguemos este despropósito que ten como único fin a propaganda particular do PP. Aínda así, unha estatua de iguais características (mesmo material e mesmo esculturor) custou hai un ano 28.000 euros e non 15.000.
Non se descarta a convocatoria de mobilizacións nos próximos días.
Grupo en Facebook contra a iniciativa do Concello. NON á estatua de Fraga en Cambados.
Os primeiros en pronunciarse sobre a nova escultura que o Concello mercou para honrar ao fundador do seu partido foron as Xuventudes Socialistas de Cambados, que declararon que “non permitirán” que se erixa esta estatua, e lembraron o pasado franquista de Manuel Fraga.
Pola súa banda o Bloque xa rexistrou no Concello preguntas ao alcalde sobre o tema. Para Víctor Caamaño é unha “burla” que o goberno local pida austeridade e lle suba os impostos aos veciños de xeito abusivo para a continuación gastar miles de euros nunha escultura “para mellor gloria do PP”. Para o BNG é claro que a figura de Fraga cando menos non suscita consenso (lembran tamén o seu pasado como ministro de Franco) aínda que todos e cada un dos cambadeses -incluídos os que non queremos a estatua- teremos que pagar por ela. Seguir lendo
28.000 euros, a falta dos datos oficiais do Concello (que nin sequera anunciara que ía mercar a escultura e esta xa se está facendo) esta e a cantidade que nos podería custar a todos os cambadeses a homenaxe a Manuel Fraga Iribarne. Non é unha estimación, é o que custou en 2011 a estatua a Francisco Asorey, en principio de similares características e deseñada e realizada polo mesmo artista. Seguir lendo
Hai uns días que en Cambados a xente está indignada; está indignada coa proposta do PP de malgastar os cartos públicos nunha escultura de Manuel Fraga; e a verdade é que teñen argumentos e razóns para estalo. Este caso é todo un exemplo de como o goberno municipal do PP está a xestionar este concello e a malgastar os nosos recursos.
O PP toma esta decisión, non só, sen consultalo con ningún outro grupo político (como fai sempre), senón que ademais tenta ocultalo o maior tempo posible. De feito, esta é unha das razóns polas que envían as actas da Xunta de Goberno con máis de 3 meses de retraso, en lugar dos 10 días que marca a lei. Así o BNG, que forma parte da corporación municipal, ten que coñecer polos medios de comunicación barbaridades como o encargo desta escultura.
Co agravante de que o PP toma a decisión de encargar a escultura sen ter cartos para elo e, despois de facelo, afirma que tentará conseguilos a posteriori; o cal indica a “excelente planificación” coa que traballa o goberno municipal do PP de Cambados.
Por se isto non fose suficiente, o alcalde manifesta que agarda conseguir os cartos para a estatua de “Don Manuel”, a partir de axudas doutras Administracións. Esta é outra das teimas do PP: ten que enterarse, dunha vez, Luís Aragunde que os cartos das Administracións son públicos. Son cartos que proceden dos nosos impostos e que merecen ser gastados con sentido común e eficacia para o benestar de todos e todas. Porque os cartos públicos, tamén os da Deputación; eses que Louzán gasta tan alegremente, realmente non son del, senón nosos. E cando son “malxestionados”, como adoita a facelo o PP, está demostrar que non lle doe malgastar os cartos das Administracións, como se estas non tiveran onde investilos. Porque con estas actitudes, semella que sobran cartos para sanidade, educación, servizos sociais, cultura…, ou en saneamento (no caso de Cambados) e como sobran tantos, pois se lle poden facer cos sobrantes unha escultura para maior gloria do exministro de Franco.
Esta decisión do PP non hai por onde collela, porque nin é momento para tirar os cartos en esculturas como esta, nin se trata dun personaxe que concite o mínimo consenso entre as diferentes sensibilidades políticas e sociais. Isto é simplemente unha “cacicada” do PP de Cambados que con este tipo de decisións está a situarse, cada día, máis á dereita.
Víctor Caamaño. Voceiro do BNG de Cambados. Podes ler o seu blog premendo aquí.
Un estudo do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral vén de darlle a razón á equipa de Víctor Caamaño no referente ás súas críticas sobre o Polígono Industrial. O estudo cualifica a situación de Sete Pías como de “mala” por carecer das infraestruturas e servizos mínimos. Destaca a falla de servizo de mantemento, cortes de luz que o Concello non dá solucionado, falta de plans de seguridade, falta de beirarrúas… Seguir lendo
Cúmprense estes días un ano das eleccións de 2011 nas que o Partido Popular revalidou a alcaldía de Cambados con maioría absoluta, facéndose Luís Aragunde co posto de rexedor que xa ostentaba pola renuncia de Tourís. Desde cambados(tk) íamos repasar estes días o que fixo (ou non fixo) o goberno conservador desde Xuño do ano pasado pero imos comezar coa medida que anuncia o equipo de Aragunde neste aniversario.
Ao parecer a escultura de Manuel Fraga xa está encargada (segundo Faro está incluso avanzada) ao artista Lucas Míguez (que creou as estatuas de Cabanillas e Asorey) e incluso a data de inauguración e o lugar están elixidos. O Albariño parece ser o momento proposto para descubrir a nova “obra” e o Pazo Torrado o espazo no que estará o ex presidente. Este lugar foi elixido polo Goberno porque permanece fechado polas noites e sería unha garantía para evitar sabotaxes. Seguir lendo
Onte á tarde tivo lugar unha nova reunión do denominado Novo Proxecto Común, unha nova organización política que se pretende crear co centro de gravidade na esquerda e de carácter nacionalista-galeguista. O acto deu lugar a un debate que se extendeu por máis de dúas horas con un bo número de intervencións. Seguir lendo
Os partidos da oposición celebran que Red Eléctrica paralizara o proxecto de emprazar unha subestación eléctrica na parroquia de Vilariño. O caso xerara moitas críticas entre os veciños que mesmo se organizaron nunha asociación veciñal (O Batuqueiro) para loitar contra o proxecto, que consideraban perigoso ao estar situado a escasos metros das casas. Seguir lendo
A asociación de fotografía Click Cambados vai darse a coñecer máis alá de internet a través dunha exposición fotográfica que se inaugurará o día 8 de Xuño. Terá lugar na Praza das Rodas en Fefiñáns, e as imaxes colocaranse nas fachadas dos bares Lume de Leña, Vago Viños, A Fonte do Viño e a Casa da Leña. O acto inaugural desta exposición arrancará ás 20.30 horas e haberá concerto de “Gerundio Canto”, grupo composto por Tino González,Félix Solla, e Jose Mª Trigo, que tamén se dan a coñecer a través grazas a esta inauguración. Seguir lendo
Se hai días se desconvocaba unha reunión da denominada Asemblea Nacionalista de Arousa por coincidir co 15M, agora xa hai nova data para o encontro. Será o vindeiro sábado 26 de Maio ás 19 horas no Salón de Peña de Cambados. Na xuntanza (aberta a todos os interesados nun novo proxecto nacional e progresista) darase información sobre os pasos que se están a dar para a creación do novo referente político, e debatiranse diversos puntos sobre a estruturación comarcal e local e sobre o traballo a realizar. Tamén se prevé que se elixa unha xestora comarcal. Seguir lendo