Xa vai alá máis de un ano en que os cambadeses votamos por última vez. Luís Aragunde fíxose co bastón de mando do Concello cun elevado apoio que o levaron a gobernar con maioría absoluta. Nestes días nos que falamos moito de estatuas, é preciso tamén poñer a vista no que máis importa. O Partido Popular presentouse ás eleccións municipais coa promesa estrela de traballar para loitar contra o desemprego. Os datos un ano máis tarde amosan pouca efectividade, máis ben nula.
En Cambados contábanse no mes de Abril deste ano (último datos do IGE) 1.673 persoas no paro, mentres que no mesmo mes un ano antes esta cifra era de 1.441, é dicir, houbo un aumento do 16.1%. Comparando coa bisbarra e co país, Cambados creou máis paro, xa que no Salnés ese incremento foi do 14.8% e en Galiza do 13.5%.
E é certo que desde un Concello non se teñen todas as ferramentas para crear emprego, pero si hai cuestións nas que o goberno local podería ter incidido. En campaña electoral Luís Aragunde prometeu crear un “viveiro de empresas” no Polígono Industrial, cedendo locais a xóvenes emprendedores para que tiveran o espazo necesario para comezar a súa empresa. Un ano despois, non houbo nin un só paso na dirección de crear este servizo. O propio polígono, segue cun aspecto case desértico (hai pouco coñecíase un informe que criticaba o estado do mesmo) e as parcelas teñen un prezo demasiado elevado porque se empregaron para especular co terreo e non para crear actividade.
O sector do marisqueo é un dos únicos en Cambados que non só non sofre a crise, senón que segue a medrar coa posta en marcha de procesos destinados a contratar máis persoas. Porén, o prometido saneamento da nosa costa segue no caixón cando sería unha mellora clara na produtividade dos nosos bancos marisqueiros.
Aragunde manifestou en precampaña que ás veces “lle custaba comer” ao pensar na xente desempregada. Hoxe, non só o Goberno de Cambados permanece impasíbel ante este tema, senón que segue a malgastar cartos de todos en actividades tan cuestionábeis como Xantar do Albariño, Xantar dos Maiores ou agora nunha estatua a maior gloria do PP.
Si ganará el BNG habría menos paro?? seguro?? ponéis la mano en el fuego a que bajarías el número de parados?? Por que no lo hicisteis cuando estabais en la Xunta.
Ángel, os datos son rabudos, e os feitos, máis. Non podo falar polo BNG, pero un goberno local decente tería posto en marcha polo menos iniciativas para impulsar o emprego, sexan directas (caso da promesa de aragunde do viveiro de empresas), como indirectas (caso do saneamento ou de ter xestionado ben o polígono). Saúdos
PD. Durante o bipartito Galicia tiña un comportamento respecto ao paro que xa nos gustaría ter agora, repasa os datos.