O portavoz do BNG deu unha rolda de prensa hoxe na que anunciou que o BNG solicita ao Valedor do Pobo que faga cumprir a lei ao Goberno de Cambados. Xa en semanas anteriores o BNG rexistrou en pleno até 5 mocións (desde Outubro até Marzo) para que o equipo de Goberno de Luís Aragunde lles remita aos concelleiros as copias das actas das Xuntas de Goberno no prazo que marca a lei. Este prazo é de 10 días como máximo e o Bloque asegura que leva 4 meses de retraso nesta recepción.
Ademais, Caamaño afirma que o novo secretario do Concello nunha conversa co líder da oposición lle confirmou que el non tería problema en remitirlle unha copia electrónica en cuestións de días, polo que o Bloque cre seguro que se o retraso continúa é debido a unha estratexia política de Aragunde para torpedear o labor da oposición.
Hai moitísimos temas sobre os que o BNG non pode realizar unha correcta fiscalización ás veces por mero descoñecemento. Un exemplo deles é o da estatua a Fraga, moi comentada estes días, porque o Bloque tivo coñecemento desta medida a través da prensa e non pola información facilitada polo grupo de goberno (que foi nula, de feito o asunto non pasou polo Pleno). Víctor Caamaño cre que é unha burla por parte do Concello esta forma de actuar, que amosa unha clara falta de respecto non só ao BNG, senón a todos os veciños que estes concelleiros representan.
OS DATOS DO PARO, MOSTRA DA INOPERANCIA DO GOBERNO
Aproveitou Caamaño para referirse tamén aos últimos datos de desemprego, os relativos ao mes de Maio. Coñeceuse que Cambados é un dos tres Concellos da comarca no que o paro continúa a medrar a pesares de que Maio é un mes no que tipicamente ocorre o contrario. O BNG cre que a inutilidade manifesta dos Gobernos de Feijóo e Rajoy vese potenciada pola do de Aragunde, que se traduce nun Polígono para a especulación, incumprimento da promesa do viveiro de empresas, falta de apoio ao pequeno comercio fronte á grande superficie de Vilanova ou preferencia polas comportas do Saco antes que polo sector do marisqueo.
Conversa
Aínda non hai comentarios.