Falando o outro día cun adegueiro da zona (por certo, contrario á famosa estatua) comentábame varias razóns adicionais para opoñerse á homenaxe a Manuel Fraga que agora o Concello sostén que saiu do sector do viño.
Un argumento é claro. Que imaxe quere dar un sector tan importante para a economía da comarca? Nos últimos anos Rías Baixas ten realizado un importante labor de apertura a novos mercados, de internacionalización. O ano pasado, a denominación de orixe exportou máis de cinco millóns de botellas, a maioría aos Estados Unidos e mais abrindo novas frontes de traballo.
En Cambados, xa o sabemos, a figura de Fraga mal que lles pese aos gobernantes non xera en absoluto consenso senón división. Para uns Fraga “fixo moito por Cambados”, para outros Fraga foi o cacique maior de Galiza e alguén que non renegou nunca do totalitarismo. Pero que opinan fóra da península sobre “Don” Manuel? Só fai falla ver os titulares das novas no día do falecemento do ex presidente e ex ministro. The Guardian (Gran Bretaña): “Manuel Fraga, last minister from Spain’s Franco era, dies aged 89”; The New York Times (EEUU): “Manuel Fraga Iribarne, Aide of Franco and Spain Political Force, Dies at 89”; The Washington Post (EEUU): “Manuel Fraga Iribarne, last surviving minister of Franco regime, dies”. Non é cousa nosa, esta pequena escolma de titulares internacionais o que destaca nas primeiras liñas é a pertenza de Fraga ao rexime franquista. É esa a imaxe que quere dar o “sector do viño” nos mercados que quere seguir abrindo?
Sabemos de sobra que a proposta da estatua non partiu de ningún sector do viño (os presidentes de Martín Códax e Condes de Albarei descoñecían que era os impulsores a semana pasada) senón en tal caso de certas persoas do PP, demasiado acostumadas a empregar Cambados como a súa finca privada. Desde logo, como mínimo pode dicirse que unha estatua non se erixiría sen o visto e prace do Concello, que require decisión política…ou é que a partires de agora calquera estatua promovida por un grupo (nin sequera definido) de persoas, poderá ser chantada en solo público?
A estatua está a ser construida. Ese é un dos motivos polos que moita xente, incluso estando en desacordo con este disparate, nos di estes días: “para que protestar? Total, xa está feita”. Precisamente é o que lle gusta ao PP, anular calquera tipo de disidencia incluso pola vía de feitos consumados. Pero a dignidade tamén a temos construida desde moito antes que esa estatua e nunca, e menos agora, está de máis exercela. Hai que deixarlles claro que unha maioría absoluta non debería significar absolutismo, e que en Democracia gobernar en maioría debe seguir significando gobernar para todos.
E si, a estatua pode que estea feita. Eu propoño que, en primeiro lugar, se pague integramente por eses militantes/simpatizantes do PP que agora din que hai que facelo por suscrición popular. Que non saia un peso dos impostos (subvencións incluídas, claro). E que se publique a lista dos doantes: transparencia. E segundo (e isto tamén é idea doutra amiga), que a fagan algo máis lixeira, transportábel, e que a vaian transladando cada ano aos terreos dun doante. Así todos a poden ter de cando en vez, e ademais recordará a certa celebracion relixiosa desta vila. Se están tan agradecidos con Fraga é a solución perfecta para todos, nonsi? Eles a teñen para si mesmos e nós ademais de non pagala non sufrimos a Fraga en terreo público. É o que se dá en chamar un win-win.
Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.
excelente e intelixente artigo.