Como case todos os anos, volven as críticas ao Xantar do Albariño, unha comida que nos últimos anos pasou de ser de confraternidade entre membros do sector do viño a unha celebración do Partido Popular pagada con cartos de tod@s. Nas últimas edicións a cifra de convidados a cargo do erario público ascendeu a máis de cincocentos, a maioría cargos, militantes ou simpatizantes do PP. Este ano o BNG volve a pedir que se elimine esta cita e se prepare outro marco para a entrega dos premios do Albariño. O Bloque cre que nun momento en que o propio PP impón recortes brutais á cidadanía “debe impoñerse o sentido común á hora de xestionar o Concello”.
Mañá sábado as xuventudes do PSOE teñen convocado un acto de protesta diante do Concello de Cambados para queixarse pola política de recortes aplicada polo Partido Popular. Co lema “Así non!” os mozos socialistas chaman a manifestarse contra os ataques ao ensino público, contra o copago sanitario, a suba do IVE, os ataques aos funcionarios, a amnistía fiscal, o desemprego…
Despois de ler a entrevista que lle realizaron a Rafael Louzán en “La Voz de Galicia” (30/07/12) non podo máis que preguntarme como se pode ter tanta cara, tanto morro para dicir o que di, ver como está actuando o seu partido nos distintos gobernos autonómicos e central e quedar tan pancho, tan chulo; son tal a cantidade de bobadas, de tonterías que di que sinceramente non sei nin por onde empezar.
Quizais, o primeiro que lle aconsellaría a este suxeito é que antes de falar dun tema (que polo cargo que ostenta debería de dominar), tería que documentarse un pouco, e non dicir o primeiro que se lle pasa pola cabeza; aprezado Louzán as Deputacións provinciais nacen a comenzos do século XIX, nun contexto político, histórico, económico e social moi distinto do actual onde se facía necesario un organismo, unha institución, en definitiva un nexo que conectase os diferentes concellos entre si e coa administración central; hoxe en día co desenvolvemento das autonomías e todas as transferencias e atribucións que asumen, as Deputacións non teñen ningún sentido, senón a de aupar a individuos como Rafael Louzán.
Dende logo o primeiro incongruente é o propio Louzán basta reseñar o título do artigo “ESTÁ CLARO QUE OU PECHAMOS AS DEPUTACIONS OU AS POTENCIAMOS” onde deixa claro a súa declaración de intencións, se o propio presidente da Deputación Provincial de Pontevedra pensa iso do organismo que preside, se pensa que é absolutamente o mesmo que siga dita institución ou non, se está recoñecendo de forma velada que as atribucións que leva a cabo se poderían exercer doutra maneira, que pensará o cidadán de a pé, e máis nun período de crise como no que estamos actualmente, que nos están pedindo sacrificio tras sacrificio a todo ó mundo xa sexan funcionarios, parados, xubilados, autónomos, traballadores en xeral, e sen embargo ves a unha institución tan caduca, tan sobredimensionada en persoal, que dáste conta que ao final solo sirve para perpetrar no cargo a individuos de dubidosa credibilidade coma Louzán, cuns salarios fora de toda lóxica (o presidente da Deputación de Pontevedra ou de A Coruña cobra máis que o presidente do Estado español) e que benefician maioritariamente ós concellos da súa corda.
Nun momento da entrevista o Sr. Louzán di sen ningún tipo de rubor “no 2012 a Deputación contratará máis de mil cincocentos traballadores para resolver as prioridades que os concellos nos demandan…” e fala de prioridades tan básicas para a nosa sociedade como son limpeza de praias e asesores turísticos, iso si, en cousas tan importantes en sociedades avanzadas como son a educación ou sanidade , non lles importa aplicar os recortes que fagan faltan nin mandar á rúa a profesores, enfermeiros ou persoal de dependencia, ademais ¿dende cando unha Deputación se dedica a facerlle competencia ao INEM ou as axencias privadas de colocación? Non vou a recordar ahora toda a xente de Ribadumia que colocou na Deputación (excelente artigo o que no seu dia publicou o xornal “EL Pais”).
Tamén fai gracia cando nun momento da entrevista sentencia con solemnidade “..o papel que estamos facendo é crucial” De que papel falas Rafael? e o mais importante en que municipios? Os que son da vosa corda?. Hai pouco contáronme unha anécdota deliciosa : a mediados dos anos 80 cando en Cambados gobernaba un partido que non era o PP (daquela AP), pedíronlle unha subvención á Deputación para dotar ó pobo dalgunha infraestrutura deportiva (inexistente daquela) , a resposta do entón Presidente da Deputación ……un tal Mariano Rajoy, foi que Cambados cunha pista de tenis tiña máis que cubertas as súas necesidades deportivas; así é, o mesmo que hoxe en día fala da importancia do deporte, o mesmo que sen importarlle a situación que estaba a vivir ó pais ao borde do rescate, colle un avión, atravesa media Europa só para fotografiarse coa selección de fútbol, ese mesmo negoulle unha subvención para equipamento deportivo a un pobo polo simple feito de gobernar un partido de esquerda nacionalista; nese sentido Louzán é un digno herdeiro.
O Sr. Rafael Louzán énchese a boca a falar de reformas lexislativas e outros termos dos que non ten a máis mínima idea… se de verdade quere unha lei de proveito eu invítolle a que promova unha lei de transparencia na que se lles esixa (como ocorre con deputados e senadores) unha declaración do Patrimonio cando chegan e cando se van, tanto a Presidentes de Deputacións coma ós familiares directos (e nalgún caso tamén a chóferes de confianza), ao mellor levariámonos algunha sorpresa o ver as inversións que algúns teñen, por exemplo, en Brasil.
Aínda que sempre haberá alguén que vexa a Rafael Louzán coma un verdadeiro “selfmade man” un triunfador, o ascenso dun humilde bedel…non sei que esta esperando Hollywood para facer unha película sobre a súa vida (o problema é que non hai un actor co atractivo para encarnalo, esa porte, ese donaire nin Marlo Brando nos seus mellores tempos, pero é o problema de ser tan guapo).
Ricardo Domínguez Rey. Le máis artigos seus aquí.
Xa abondou de “ocultalo”. A protesta que barallabamos nas últimas semanas é case arte, arte reivindicativa e participativa. Queremos contar con todos e todas vós. De todas as idades, de todos os lugares. De calquera orientación política.
É moi sinxelo:
O mércores 1 de Agosto, ás 13 horas e coma todos os anos, os políticos inauguran a Festa do Albariño no Paseo da Calzada. Arredor da 1 o alcalde, algún conselleiro e outros asesores-concelleiros-cargos cortan unha cinta e durante uns minutos a comitiva popular dá unha volta polos stands.
A nosa idea é que xusto ao cortar a cinta e mentres eles paseen polo entorno, os participantes da protesta fagan de estatuas humanas ao longo do Paseo. Sen moverse. Pode ser individualmente ou en grupo. Pode ser representando unha estatua que exista ou unha imaxinaria, ou simplemente quedándose conxelados. Podes levar “complementos” ou deixalo todo á imaxinación.
Pedímoslle aos participantes que vaian cunha parte de arriba branca (para darlle algo de homoxeneidade ás estatuas) e repartiremos unhas pegatinas co logo da acción. Tamén teremos uns sinais para colocar a carón de cada “estatua” co título da mesma, se procede, e o motivo real da protesta.
Trátase de non quedar quietos ante a falta de consenso e de transparencia que ocasiona a actitude do Partido Popular no Concello de Cambados. Diante deles, de xeito pacífico (até pasivo) pero firme. E tamén de facelo sen danar a Festa do Albariño nin o propio sector, ao que tamén de paso pedimos maior contundencia logo de que foran utilizados polo Concello como excusa para poñer a citada estatua.
Cando se dea por rematada a acción, quedará inaugurada para nós a 60º edición da Festa do Albariño e celebrarémolo, como non, tomando unha copa do mellor viño branco no Paseo da Calzada.
Hoxe tivo lugar a presentación de cara a prensa da 60 Festa do Viño Albariño de Cambados. O alcalde compareceu para detallar o programa que vai desde o 31 de Xullo (martes) até o domingo 5 de Agosto. A lista de concertos xa a coñecíamos, polo cal non houbo demasiada novidade a ese respecto. Seguir lendo
A xornada de hoxe xa foi calificada de éxito polos organizadores das más de oitenta manifestacións a nivel estatal. En Galiza o resultado das mobilizacións foi tamén excelente, encabezando a lista a cidade de A Coruña que xuntou entre 50 e 70 mil persoas (segundo policía e sindicatos, respectivamente) na marcha. En Compostela houbo tanta xente que en lugar de rematar en Praterías como estaba previsto, fíxoo no Obradoiro. Seguir lendo
O grupo do BNG de Cambados deu unha rolda de prensa hoxe fronte á finca denominada Pinal de Maza para seguir denunciando o que consideran un atropelo legal. Lembrar que estas obras tiveron por fin talar unha superficie moi importante de arbolado para darlle ao chan uso vitivinícola. O problema é que o solo está catalogado como forestal, e segundo a lei estes movementos de terra estarían fóra da norma. Ademais o BNG probou que cando se comezaron as obras non existía licenza municipal. O caso é sangrante porque as dúas empresas implicadas pertencen a un concelleiro do PP de Cambados (Juan Ramiro Gómez) e á dona do delegado da Xunta en Pontevedra e ex alcalde, Cores Tourís. Seguir lendo
O 19 de Xuño é xornada de mobilizacións contra os recortes aprobados polo Goberno de Mariano Rajoy. Se pola tarde será o turno das cidades, hoxe nalgún Concello xa houbo concentracións de funcionarios pola mañá. Concretamente no caso de Cambados esta protesta tivo lugar n’A Calzada onde funcionarios do Centro de Saúde, de Xustiza, do Concello, mestres… berraron contra as recentes decisións do goberno do PP a respecto do seu sector. Lembrar que á recente baixada de salario váiselle sumar a eliminación da paga extra de Nadal.
Pola tarde será o conxunto da cidadanía quen leven á rúa as protestas, no noso caso en Vilagarcía ás 21 horas saíndo da Casa do Mar. Entre as medidas máis rexeitadas están a baixada da prestación aos parados, unha suba xeralizada do IVE, privatización de empresas como RENFE, os mencionados recortes aos funcionarios…que se suman aos recortes na Sanidade e no Ensino, mentres as entidades financeiras que contribuiron a crear esta situación son “rescatadas” cos cartos de tod@s.
Xa había demasiados meses nos que a unidade sindical era por moitos reclamada e seguía facéndose de rogar. Nuns tempos tan críticos como os que estamos a vivir, coa maioría social asoballada polo poder financeiro e os seus apéndices políticos, só era de recibo unha resposta en bloque na rúa. Iso exactamente é o que acontecerá o xoves 19 de Xullo nas rúas de todo o país. Na nosa comarca a marcha terá lugar en Vilagarcía de Arousa desde a Casa do Mar ás 21 horas. Seguir lendo