O pleno do mes de Agosto foi moito máis polémico do esperado. O alcalde amosouse algo nervioso durante o transcurso da sesión, e isto fixo que en máis dunha ocasión se enzarzara co voceiro do BNG logo de interrumpilo. No público membros das Xuventudes Socialistas, representantes sindicais da Policía Local (debatíase a eliminación da paga extra dos traballadores públicos) ou a deputada Rosa Oubiña. Preme en “Seguir Lendo” para ver toda a crónica, con vídeo e audios. Seguir lendo
O pasado xoves asistín ao Pleno da Corporación de Cambados en calidade de oínte (pois todas as sesións do órgano representativo municipal son públicas). Non é primeiro pleno ao que acudo, nin será o último. A pesar de que foron moitos os que, antes da eleccións municipais, louvaron a Luís Aragunde polo seu “talante” diferente, eu non vin que tralo paso do tempo as actitudes dos edís e dos alcaldes do PP se diferencien demasiado.
Obviamente sempre hai cambios que se desprenden das personalidades de cada un; Cores Tourís foi, é, e atreveríame a dicir (oxalá me equivoque) que será un perfecto maleducado. Foino nos plenos pero tamén fóra deles, fomos moitos os que sufrimos a súa insolencia e o seu carácter sectario persoalmente. Aragunde prometíase diferente pero, ao fin e ao cabo, o sillón da Alcaldía e a maioría absoluta rematou por convertelo en algo semellante. Continuas interrupcións aos edís da oposición (resulta moi curioso que o volume do micro do alcalde, estea ademais, máis alto que todo o resto…), normalmente burlescas, faltas de respecto dos concelleiros do PP como saír a fumar no transcurso do debate, pasarse a sesión escribindo no móbil, aplaudir, rirse… Unha pequena mostra tentei reflectila no resumo do último pleno, nun vídeo no que se lle escoita ao alcalde respostar ao concelleiro do BNG: “non me jodas, Víctor” entre risas dos seus edís; ou cun audio dunha rastreira chamada de atención do alcalde ás “faltas de ortografía” dos escritos do Partido Socialista.
Fóra disto, a democracia municipal representada nos Plenos é ben pobre. Estas sesións, onde está representada a soberanía do pobo de Cambados, están limitadas en contidos. Primeiro, e isto é algo que eu descoñecía, porque entre os tres grupos só pode presentar catro mocións para o debate. O resto ha de ser presentado como preguntas ao goberno. Estas preguntas non dan lugar a debate, tan só son respostadas por Aragunde con escuetos “si”, “non”, “xa veremos”… E en moitas ocasións tamén bota man de “precisamos aínda documentación para poder responder”. Isto fai que temas como o do Pinal da Maza, que poderían ser constituíntes de irregularidades de tipo urbanístico que beneficiaron a un concelleiro do PP ou ao ex alcalde Tourís, leven desde Maio sen ser aclarados.
En Cambados, ademais, celébrase o mínimo de sesións de Pleno que marca a lei: tan só se celebra un cada dous meses. E o resto de temas, como se aproban? En Xunta de Goberno, algo así como o que sería o “Consello de ministros” a nivel Estado. Esas reunións, a diferenza dos plenos, non son de carácter público, é dicir, ti e mais eu non podemos acudir a elas. En teoría empregaríase para que o goberno local desenvolva o seu día a día executivo, pero na realidade cambadesa este órgano é empregado para evitar que temas espiñentos cheguen ao Pleno, onde están todos os concelleiros –tamén da oposición- , a prensa, e a cidadanía que queira acudir. Respecto ás Xuntas de Goberno, o Concello ten que enviar as actas do que alí se decide á oposición, pero aínda que a lei marca un prazo máximo de 10 días para isto, xa van varias veces que o retraso acumulado é de máis de catro meses. O Valedor do Pobo tivo que actuar en varias ocasións ante denuncias do BNG, xa que cun Pleno cada dous meses e sen actas de goberno, o labor da oposición perde toda a súa capacidade.
Eu levo anos mantendo que Cambados precisa un cambio. Un cambio tamén político, por suposto. A necesidade deste cambio non só vén dada por cuestións programáticas (cambio nas políticas de contratación, peonalización do casco histórico, saneamento da costa, mellora da situación económica, dos programas culturais -ou coolturais como lles chama Aragunde-, da Festa do Albariño…). O cambio ten que traer en primeiro lugar outra forma de actuar por parte do goberno local. Comecemos polas cuestións éticas para logo trocar as políticas. Máis transparencia, non só cumprir os prazos de entrega da documentación á oposición senón melloralos e poñer a disposición da cidadanía por medio da páxina web de cantidade de información; máis debate, dobrar polo menos a cantidade de sesións plenarias e aumentar se é posible as mocións a presentar; novas formas, rematar con xestos que pouco teñen que ver coa democracia, con expresións burlonas e outras faltas de respecto.
Que a xestión do goberno local sexa positiva depende de moitos factores, pero cambiar as formas na política municipal só depende da vontade de cada quen.
Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.
A etapa de onte de La Vuelta, con inicio en Cambados, supuxo toda unha celebración nas rúas do noso Concello e arredores. Centos de persoas se reuniron arredor do percorrido, que saía de Fefiñáns, para ver pasar aos ciclistas no seu camiño até Pontevedra. Fóra de Cambados, a Armenteira e o Castrove foron lugares moi empregados polos afeccionados para ver aos corredores.
Destacou o apoio que tivo o ciclista Gustavo César Veloso, o único galego competindo e ademais de Bamio. Este corredor comezou a súa carreira no Club Ciclista de Cambados, que agora ten ao Salnés de clube herdeiro. A familia, os amigos, os compañeiros e os veciños de Veloso fixéronse notar e moito, aínda que o arousán non puido cumprir o seu obxectivo de quedar entre os dez mellores nesta contrarreloxo. Seguir lendo
O Pleno da Corporación, mañá Xoves, volverá tratar o tema da estatua a Fraga grazas a unha moción do BNG ao respecto. Os nacionalistas queren saber algo (porque o goberno local foi totalmente opaco ao respecto), desta volta sobre como se colocou dita escultura. Preguntan quen pagou o translado desde Madrid a Cambados do Manuel Fraga de bronce; se foi o Concello ou algunha outra institución pública, e se colaborou na colocación en Torrado algún traballador dependente das mesmas institucións. Tamén queren saber en que acta de goberno se reflicte a petición de persoas ou colectivos privados de facerlle esta homenaxe ao ex presidente da Xunta (despréndese desta pregunta que esta información non foi publicada polo goberno). Seguir lendo
O Bloque de Cambados non quere entrar nas “descalificacións e mentiras” de Cores Tourís sobre a familia de Montse Prado, e só lle lanzan unha mensaxe: “Cre o ladrón que todos son da súa condición”. Segundo os nacionalistas, o delegado da Xunta en Pontevedra emprega o seu cargo para atender negocios persoais, como se puido comprobar anteonte cando Tourís fixo servir a comparecencia ante a prensa para cargar contra Prado en lugar de falar sobre o tema que motivaba a rolda de prensa. Seguir lendo
Montse Prado e a súa familia foron onte o obxectivo das declaracións de Cores Tourís, ex alcalde e delegado da Xunta en Pontevedra. O político cambadés volveu recurrir máis outra vez aos ataques persoais para defenderse dunha acusación. O caso do Monte de Maza ten moito que ver co delegado da Xunta, xa que tanto a súa muller como o sobriño desta (e concelleiro do PP) están envoltos nunha serie de presuntas irregularidades na petición de permisos para desmontar o monte e convertilo en viñedo. Seguir lendo
O 21 de Outubro será a vindeira cita electoral. Así o decidiu o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen fixo uso da súas competencia exclusiva para adiantar as eleccións que doutro xeito se celebrarían en Marzo de 2013 e que agora volverán coincidir coas eleccións bascas. Este anuncio enmárcase a todas luces na complicada situación que se atopa tanto o país como o partido que goberna (PP) canto a expectativas electorais. Ademais, o anuncio colle á oposición un tanto “desarmada”; a un PSOE sen ter elixido aínda o seu candidato e a un Bloque que vén de varias escisións. Pola súa banda, as novas formacións no campo do nacionalismo, Anova e Compromiso por Galicia, non foron quen de confluír e encararán a súa primeira proba electoral con grandes dificuldades. Formacións que nunca foron decisivas en Galiza, como Esquerda Unida, poderían dar a sorpresa ante a desorganización da esquerda nacionalista.
Desde Cambados(tk) agardamos cubrir efectivamente esta importantísima cita coas urnas, poñendo especial énfase no que aconteza na comarca e sobre todo, en Cambados.
Hai un par de semanas en “A ti, meu Cambados” e baixo este mesmo titulo Xaquín “Chon”, nos presentaba un interesante artigo onde, despois de enumerar toda unha serie de despilfarros por parte do concello, se preguntaba onde estaba a crise para Aragunde e os seus adláteres, porque dende logo algún dos gastos (por non dicir todos) son prescindibles e, sobre todo, algúns son realmente vergonzosos. Dende logo o título dío todo. Polo visto para o Sr. alcalde non existe crise porque senón no se explica a forma estúpida de tirar os cartos. Eu quería engadir a toda esa serie de despropósitos un novo, que humildemente parece vergonzoso, como é a etapa de contrarreloxo da “Vuelta Ciclista a España” que tera lugar no noso amado pobo.
Ante todo deixar ben claro que quen suscribe isto é un gran afeccionado aos deportes en xeral, e ao ciclismo en particular, polo que non vexades na miña crítica aversión algunha contra este grandísimo deporte senón que considero que unha gota máis na política de despilfarro sen fin que caracteriza ao goberno do Sr. Aragunde.
Segundo os datos oficiais estas tres etapas na provincia custarán sobre uns 150.000 euros, aínda que a estes gastos hai que sumar outros propios de cada Concello. En Cambados, por non ir máis lonxe, vaise a instalar un cartel de 30 metros de longo por 6 de ancho a carón da Torre de San Sadurniño e , ademais, unha bicicleta xigante con boias, sobre todo para as tomas aéreas da televisión. Tamén hai que sumar gastos de loxística, seguridade e un longo etc. derivados da propia volta.
Loxicamente para todo este desembolso Aragunde e Louzán, ampáranse na suposta gran promoción que supón a Volta, sobre todo en televisión e que dará moita publicidade ao noso pobo e comarca. Vamos, que despois da etapa do mércores, Cambados vai ser coñecido no mundo e parte do estranxeiro e non imos ter que botar fóra tanto turista coma vai vir (perdoade o meu sarcasmo), ademais falan dun suposto estudo de Unipublic (empresa organizadora da Volta) segundo por cada euro invertido recuperaranse 10 (que van a dicir senón , teñen que venderse).
Por empezar por unha orde, os que somos aficionados ao ciclismo e temos un mínimo de idea de retrasmisions deportivas, sabemos que nas probas de contrarreloxo (coma a deste mércores en Cambados), priman as cámaras no punto de saída e meta, máis cámaras en puntos intermedios (para ir sacando as diferenzas entre os distintos corredores) e finalmente as cámaras en motos, sobre todo para seguir a evolución dos favoritos no traxecto. Digo todo isto porque as imaxes dende o helicóptero quedan nun segundo plano, sendo mais importantes nas etapas en liña, nas cales si son relevantes pois marcan a diferenza visual entre os escapados e o pelotón, entre os distintos grupos etc. É dicir, as mentes brillantes do Concello fixeron unha inversión brutal nun cartel e figura de boias xigante, Para que?, Para unha toma xeral nada máis comezar e rematar a etapa? Ademais son tan rematadamente inútiles que gastan unha animalada no cartel xigante e, enriba, en vez de colocalo nun punto polo que pase a proba para entrar no plano televisivo cada vez que que pase un ciclista por dito punto van, os moi burros, e colócano na zona máis lonxe do pobo con respecto a carreira… dende logo os asesores de Aragunde que lle aconsellaron colocar o cartel na Torre non viron na súa vida unha proba ciclista (polo menos por televisión).
En canto a suposta promoción do noso pobo por saír na televisión, deixádeme que vos dea uns datos correspondentes as tres últimas etapas desta actual Volta e a continuación explícovolos:
Fecha Etapa Audiencia Share
24 agosto Jaca = Alcañiz 1.230.000 espectadores 10 %
25 agosto Lleida = Andorra 1.378.000 espectadores 13 %
26 agosto Andorra = Barcelona 1.156.000 espectadores 10, 7 %
Á vista de estes datos, dicirvos que calquera audiencia inferior de 17 % ou 18% de share considerase moi pobre. Incluso programas de televisión con audiencias superiores a 20 % de share foron retirados da grella televisiva ás dúas ou tres semanas, a título anecdótico dicir que incluso algún capítulo de “ Amar en tiempos revueltos” (que é a serie que ocupa esta franxa horaria o resto do ano) superou con creces estas audiencias.
Non hai que ser moi listo par ver que unha retransmisión deportiva un 29 de agosto (en plena operación retorno para moita xente), cun verán saturado de deporte televisado (primeiro coa Eurocopa de Nacións e despois cos Xogos Olímpicos), tería unha audiencia moi pobre.
Todo isto desmonta a farsa de Aragunde e Louzán en canto a gran promoción televisiva da nosa comarca coa volta ciclista (Aragunde os teus asesores non te han sabido aconsellar), pero que máis dá, pagan os pontevedreses, o Alcalde e o Presidente da Deputación terán, iso si, os seus cinco minutos de gloria.
Por certo dicirvos que o domingo baixei até Barcelona a ver o final de etapa e , dende logo, non vin ningún cartel xigante de 30 metros nin figura de boias no porto olímpico e non creo que sexa porque Barcelona non ten máis recursos que Cambados, ou, quizás, é porque nin o alcalde nin o Presidente da Deputación de Barcelona teñen o afán de protagonismo ou, porque non dicilo, a chulería, que caracteriza a Aragunde e Louzán.
Sinceramente cando vexo a Rajoy e os seus ministros pedíndonos a todos os cidadáns austeridade, pregúntome que pensará un xubilado de Cambados que lle fan pagar as mediciñas, un parado de Arousa que lle van a retirar o subsidio de desemprego ou un funcionario de calquera Concello do Salnés que lle acaban de quitar a paga extra do Nadal. Cando ven coma derrochan os cartos os seus gobernantes e dende logo unha cousa está clara para ser alcalde, ou presidente da Deputación, vale calquer zoquete, até o mais torpe do lugar, Cambados e Pontevedra é unha boa proba disto, outra cosa moi distinta é ser un bo gobernante, un bo dirixente entre os teus cidadáns, sobre todo a hora de ter claro cales son as prioridades.
Un saúdo a todos.
Ricardo Domínguez Rey.
Nas últimas semanas a promoción das etapas que pasan pola comarca foi “in crescendo” até o punto de que a Deputación colocou sinais e faixas por todo o percorrido de La Vuelta, deixando claro a cidadáns e visitantes onde deben acudir os días da cita ciclista se queren vela. Un despregue de medios que en Cambados tamén incluirá unha botella de Albariño xigante na Torre de San Sadurniño e unha bicicleta no mar, para aproveitar a emisión televisada da etapa que comeza na Praza de Fefiñáns o mércores. Seguir lendo
Un dos temas máis polémicos dos últimos anos volve á palestra informativa. O goberno local e a Xunta anuncian, máis unha vez, a instalación das comportas para regular o volume de auga pechada no Saco de Fefiñáns. Este espazo no Pombal é zona marisqueira que foi degradándose nos últimos anos até ser declarada “zona C”, onde non se pode mariscar.Unha das demandas do colectivo de marsicadoras era que antes de falar de comportas se acometera un saneamento integral do Saco. Algo que trala presión exercida por este importante grupo (lembremos que é un dos únicos sectores que segue a crear emprego en Cambados) tiveron que asumir, cando menos de palabra, desde os gobernos do PP. Seguir lendo