Nas últimas semanas a promoción das etapas que pasan pola comarca foi “in crescendo” até o punto de que a Deputación colocou sinais e faixas por todo o percorrido de La Vuelta, deixando claro a cidadáns e visitantes onde deben acudir os días da cita ciclista se queren vela. Un despregue de medios que en Cambados tamén incluirá unha botella de Albariño xigante na Torre de San Sadurniño e unha bicicleta no mar, para aproveitar a emisión televisada da etapa que comeza na Praza de Fefiñáns o mércores.
E é que se ben moita xente está estes días contenta porque a proba deportiva recale esta semana na nosa vila, tamén se escoitan moitas voces que critican o aparentemente desproporcionado gasto das institucións en momentos en que a resposta “non hai cartos” sae a relucir ante temas tan básicos como sanidade, ensino ou servizos sociais. Segundo La Voz as tres etapas da provincia son sufragadas pola Deputación (150.000 euros) e o Concello de Pontevedra (80.000) aínda que non precisan se este investimento é tan só o que tiveron que pagar para que a proba pasara pola zona ou tamén se inclué toda a produción propagandística.
Pero para evitar as críticas polo lado económico, tanto as institución locais, provinciais, así como a empresa que xestiona La Vuelta, apresuráronse a dar datos do suposto retorno económico que as etapas comarcais terán na zona. Segundo a propia empresa (Unipublic), haberá un retorno de dez euros por cada euro investido. Unha das compoñentes deste cálculo económico que están a espallar entre os medios é a cantidade de xente que acude coa comitiva da proba, unhas dúas mil persoas que pernoctarán nos Concellos de Vilagarcía, Cambados, Pontevedra e sobre todo, Sanxenxo (aínda así non precisan números da proporción para cada localidade). Segundo a Deputación, estas persoas xerarán un gasto de 480.000 euros durante os catro días que permanecen. No que se refire á publicidade que implica para o Concello ou a marca Rías Baixas o evento televisado, é difícil calcular o seu impacto en euros pero presúmese grande.
A discusión aquí é se neste momento a inversión de cartos de todos neste evento é xustificable ou deberían ser dirixidos á cantidade de asuntos que están a ser recortados a diario e que desde logo son máis básicos para o día a día dos veciños.
E aparte do económico, a queixa máis escoitada está a ser os problemas que xerará La Vuelta en Cambados ao ocasionar que moitas rúas da vila permanezan cortadas ao tráfico desde a mañá do martes até a noite do mércores. Algunhas destas rúas son as Avenidas de Vilagarcía, Salnés, A Coruña, O Pombal e Tragove. O paso de persoas podería ser tamén restrinxido nesta zona en certos momentos. Algúns negocios poderían verse afectados por este corte de dous días e os veciños residentes non foron tan sequera informados de se poderán entrar e saír cos seus vehículos ou non. Xuventudes Socialistas denunciou que o Complexo Polideportivo d’O Pombal permanecerá fechado o martes pola tarde e todo o mércores.
O que está claro é que polémicas aparte, La Vuelta levantará moita expectación entre a veciñanza e a través das pantallas, e quen queira disfrutar da etapa que sae de Cambados poderá facelo o mércores a partires das 12.30. Trátase dunha contrarreloxo con saída deste a Praza de Fefiñáns. Os ciclistas irán un a un, baixarán pola Rúa Príncipe, pasarán a carón do Concello, subirán pola Avenida de Vilariño e irán cara a Modia e até Oubiña. Logo, desde Ribadumia subirán o Castrove para chegar á cidade de Pontevedra.
”Xuventudes Socialistas de Cambados protesta por el cierre del complejo deportivo de O Pombal debido a La Vuelta” http://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2012/08/24/psoe-protesta-cierre-pombal-debido-vuelta/0003_201208A24C10996.htm#.UDdNG_WHEoI.facebook
Iclúoo no corpo da entrada
Gustariame saber si houbo algún perxudicado polo peche do complexo deportivo do Pombal. Por un dia penso que non pas ou nada. Hasta podian aproveitar para arranxalo. Eu creo que onte os “deportistas” estaban na rua vendo o acontecemento da volta. Pagou a pena. Foi unha festa.