O 21 de Outubro será a vindeira cita electoral. Así o decidiu o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen fixo uso da súas competencia exclusiva para adiantar as eleccións que doutro xeito se celebrarían en Marzo de 2013 e que agora volverán coincidir coas eleccións bascas. Este anuncio enmárcase a todas luces na complicada situación que se atopa tanto o país como o partido que goberna (PP) canto a expectativas electorais. Ademais, o anuncio colle á oposición un tanto “desarmada”; a un PSOE sen ter elixido aínda o seu candidato e a un Bloque que vén de varias escisións. Pola súa banda, as novas formacións no campo do nacionalismo, Anova e Compromiso por Galicia, non foron quen de confluír e encararán a súa primeira proba electoral con grandes dificuldades. Formacións que nunca foron decisivas en Galiza, como Esquerda Unida, poderían dar a sorpresa ante a desorganización da esquerda nacionalista.
Desde Cambados(tk) agardamos cubrir efectivamente esta importantísima cita coas urnas, poñendo especial énfase no que aconteza na comarca e sobre todo, en Cambados.