A etapa de onte de La Vuelta, con inicio en Cambados, supuxo toda unha celebración nas rúas do noso Concello e arredores. Centos de persoas se reuniron arredor do percorrido, que saía de Fefiñáns, para ver pasar aos ciclistas no seu camiño até Pontevedra. Fóra de Cambados, a Armenteira e o Castrove foron lugares moi empregados polos afeccionados para ver aos corredores.
Destacou o apoio que tivo o ciclista Gustavo César Veloso, o único galego competindo e ademais de Bamio. Este corredor comezou a súa carreira no Club Ciclista de Cambados, que agora ten ao Salnés de clube herdeiro. A familia, os amigos, os compañeiros e os veciños de Veloso fixéronse notar e moito, aínda que o arousán non puido cumprir o seu obxectivo de quedar entre os dez mellores nesta contrarreloxo.
Por desgraza a retransmisión en directo tivo repercusión limitada ao comezar pasadas as 16.10 horas da tarde, minutos antes de que sairan os últimos ciclistas da Praza de Fefiñáns. Si que se puideron ver bastantes imaxes aéreas da nosa vila, aínda que das tres decoracións que preparan o Concello e os comerciantes para que fosen tomadas polo helicóptero, só se puido ver por TVE a das Goritas. Consistía no símbolo da Vuelta en grandes dimensións co lema “Cambados con La Vuelta” escrito enriba. Podes ver o programa online premendo aquí.
Conversa
Aínda non hai comentarios.