Hai motivos para pensar que si, dada a experiencia de 2011. Durante o ano pasado houbo dúas campañas electorais, a das municipais en Maio e a das xerais en Novembro. O Partido Popular incumpriu en Cambados até en catro ocasións unha das normas que fixa a Lei Electoral, concretamente a que no seu artigo 50 prohibe aos gobernos “calquera inauguración de obras ou servizos públicos ou proxectos destes”, así como visitas ás mesmas. Isto, ademais, será tamén aplicable ás eleccións autonómicas. A continuación se enumeran as veces que os cargos do PP incumpriron en 2011 esta medida:
–A Deputación reparte propaganda institucional en campaña – Abril de 2011
-Tourís e Aragunde visitan as obras da Cultural – Outubro de 2011
-Tourís e Aragunde visitan obras en Beleco e Fefiñáns – Novembro de 2011
-Aragunde visita obras en Oubiña – Novembro de 2011
O BNG denunciou todas estas irregularidades, a Xunta Electoral de Zona deulles aos nacionalistas a razón nas tres primeiras (descoñecemos como rematou o último caso). Aínda así a Xunta Electoral foi moi feble na súa actuación, xa que tan só reprendeu a Aragunde e a Tourís, chegándoos a ameazar con sancións económicas pero que finalmente non aplicou. O PP demostrou o pasado ano, unha vez máis (só hai que ver agora o tema do Pinal de Maza) que as leis ás veces a eles non lles apetece cumprilas.
O 21 de Outubro volve haber eleccións, agora galegas. As maquinarias dos grandes partidos están a engraxarse, mentres os pequenos ultiman os intentos por acadar coalicións electorais. A campaña comezará na madrugada do 5 de Outubro e promete ser intensa, logo de que a primeira sondaxe abre as portas a que o Partido Popular perda a maioría absoluta.
Conversa
Aínda non hai comentarios.