O BNG de Cambados presentou un escrito dirixido ao alcalde no que lle solicita ao goberno local que amplíe a dotación das bolsas ao ensino. Agora que comeza o curso 2012-13, nun contexto de recurtes, suba do IVE e ante a escaseza nas axudas da Xunta para os libros de texto, o BNG propón que se faga contrapeso desde o Concello. Lembran os nacionalistas que cando se debateron os Orzamentos para este ano eles propuxeron elevar esta dotación, que actualmente é só de 7.000 euros, e estendela a ciclos formativos, ensino primario e secundario e até universitarios. Agora, volven a pedilo e solicitan máxima difusión da convocatoria de becas para que o maior número de familias posible se vexa beneficiada.
Eva Soto participou hai uns días do desfile Madrid Fashion Week, recollendo críticas moi positivas. Esta cambadesa confirma que xa recibiu chamadas de fóra de España para interesarse polo seu traballo, e seguramente para abrirlle máis portas no mundo da moda. Nunha entrevista que publica hoxe Faro de Vigo – Arousa, a deseñadora fala deste e de máis temas.