Hoxe tiveron lugar dous plenos extraordinarios en Cambados. Un deles tiña como obxecto elixir por sorteo ás persoas que formarán parte das mesas no día das eleccións galegas. O outro foi o que tiña por obxecto proceder respecto ao cese do concelleiro Rafael Blanco, tristemente falecido como xa informamos nos días pasados. Respecto a esta última cuestión soubemos por medio da prensa que a persoa quen ocupará o seu lugar na Corporación será Ángel Manuel Giráldez.
A persoa que seguía da lista socialista era Sara González pero renunciou en favor de Giráldez, quen xa fora concelleiro en lexislaturas anteriores. Este incorporarase ao grupo do PSdeG-PSOE na vindeira sesión ordinaria, prevista para a última semana do mes de Outubro (os plenos en Cambados celébranse tan só unha vez cada dous meses). Segundo o blog “A ti meu Cambados”, os concelleiros presentes nos dous plenos extraordinarios de hoxe renunciaron aos 100 euros que perciben por asistencia a estas sesións.