Durante o pasado sábado celebrouse a final da categoría de música do certame Novos Creadores Xuventude Crea 2012, que impulsa a Xunta de Galicia. Nesa final que tivo lugar no Dado-Dadá de Compostela, o Trío Phil Jazz fíxose co primeiro premio do certame, que compartirá con A máquina de meter medo. O Trío Phil Jazz leva xa arredor de un ano tocando e nel participa o cambadés Rubén Iglesias tocando o baixo eléctrico. Tamén son parte da banda Manuel Méndez (guitarra), Miguel Rodríguez (saxo) e Noli Torres (batería). Os temas cos que se proclamaron vencedores foron “It’s not a dream” e “The same direction”, que podedes escoitar no vídeo da actuación de Santiago. Toda esta información sacámola do blog do Rif-Rock.
Os diarios La Voz de Galicia – Arousa e Diario de Arousa, adicaron hoxe unha porción das súas páxinas a describir a polémica das gravacións nos plenos. Ambas recollen que o pasado venres, o día despois do pleno en cuestión, presentamos un escrito solicitando formalmente o permiso para gravar.
Dos dous recortes, cabe destacar a frase de La Voz: “En las filas populares dicen estar hartos de que la plataforma que se hace llamar “web crítica non oficial do Concello de Cambados” utilice las imágenes de los plenos de forma sesgada e interesada, a fin de menoscabar la imagen del gobierno local”. Logo a Voz deixa claro que as imaxes que amosamos en CTK dos anteriores plenos responden ao ocorrido neles (é obvio que non manipulamos a realidade). Como aclaración a isto: tan só se publicaron en CTK imaxes de dous plenos.
Do primeiro colgáronse todas as intervencións que gravamos de cada un dos grupos (alcalde, Víctor Caamaño e Fátima Abal) e do segundo si é certo que se seleccionou o máis interesante ou polémico (o cacho do “Non me jodas, Víctor”). E sendo CTK como eles admiten a “web crítica”, é claro que non temos por obxectivo publicitar as “mellores imaxes do Alcalde”, pero si que defendemos que calquera persoa do PP ou simpatizante poida facelo, gravando o pleno e distribuíndoo no blog que crea convinte. Non podía ser doutro xeito.
(Os recortes obviamente publícanse con afán informativo e sen ánimo de lucro)
Aragunde di que non houbo movemento de terras
O voceiro do BNG puxo de relevo que o alcalde tardou cinco meses en respostar ás preguntas do seu grupo no relativo ao caso do Pinal de Maza. As cuestións foran plantexadas a mediados de Maio e reiteradas até en tres ocasións e os nacionalistas tiveron que agardar até o pleno da pasada semana para obter unha contestación (bastante escueta, por certo, como adoita acontecer coas preguntas da oposición).
En primeiro lugar, Víctor Caamaño reiterou, que a pesares do informe que esgrime Aragunde, si existiu movemento de terras na parcela. O movemento de terras defínese, segundo o voceiro do Bloque, como “operacións que implican movementos de terras por medios mecánicos”, algo que xa foi probado mediante fotografías de escavadoras operando nas terras. O informe presentando por Aragunde argumentaba que non había este movemento de terras por non existir cambio nas cotas do terreo; para Caamaño esta resposta non ten sentido posto que só en macro-obras se xera un cambio tan grande na parcela que se reflicte na modificación das cotas (puxo como exemplo as excavacións de Meirama). Para o Bloque o informe técnico que redactou un técnico municipal non é máis que a excusa que o PP buscou durante meses para poder saír do paso destas preguntas.
Para Víctor Caamaño é moi grave o que acontece no Concello de Cambados, xa que o alcalde estaría dando cobertura a unha obra ilegal por unha razón moi simple: a obra está relacionada con cargos do PP; un concelleiro de Cambados e o ex delegado da Xunta en Pontevedra Jose Manuel Cores Tourís. Tamén critica que varios departamentos da Xunta participaran no silenciamento do caso, cando menos obstruíndo o labor da oposición. Foi o caso de Patrimonio o de Medio Rural, ou da Axencia de Protección de Legalidade Urbanística, que lle pasou a responsabilidade de volta a Aragunde sabendo que este estaba a dar cobertura a estas irregularidades. Tamén lamenta que as preguntas do BNG no Parlamento sigan sen resposta.
Para o Bloque as obras de Maza seguen a ser ilegais independentemente do informe presentado por Aragunde, xa que se acometeu un cambio de uso do solo totalmente irregular. Dita parcela consta como de uso forestal nas Normas Subsidiarias do Concello (alí había un monte moi xeitoso até o ano pasado) e para convertilas en uso agrícola -agora van ser empregadas para o cultivo de albariño- entende o BNG que o cambio tería que ser aprobado polo Pleno da Corporación, onde tería que argumentarse que dito cambio é de “interese xeral”… o cal neste caso non parece nada claro.
Polo tanto Víctor Caamaño puxo énfase na dobre presunta ilegalidade das obras, por un lado por este cambio de uso irregular e polo outro por carecer das licenzas municipais pertinentes (isto admitiuno Aragunde cun dos seus “non” en resposta ás cuestións no último pleno).
Caamaño afirmou na rolda de prensa de hoxe que o caso do Pinal de Maza estaba a ser estudado polo equipo xurídico do BNG e que seguramente remate nas instancias xudiciais.
Relacionado: O Blog “A ti meu Cambados” publicou unhas fotos onde se pode comprobar como a Policía Local acudiou ao Pinal de Maza hai dúas semanas, aínda que Aragunde no Pleno dixo que non existiu tal actuación.
Recordo ter lido nunha ocasión a existencia dunha tribu en África que, nas raras ocasións, nas que se atopaban con occidentais se negaban rotundamente a que lles sacasen fotografías; a razón de tal curiosa medida era que pensaban que, no momento que lle facían unha fotografía, o seu espírito, a súa alma quedaba plasmada na mesma , abandonando para sempre o seu corpo.
Habería que indagar no árbore xenealóxica do señor alcalde de Cambados para descubrir se ten algún antepasado lonxano en dita tribu para saber si procede da mesma o seu rexeitamento a que se graven os plenos municipais, a que quede plasmada dixitalmente a súa presenza, a súa actitude para a posteridade; en canto a posibilidade de que lle roubase o espírito, pode estar tranquilo, non xa porque sexa unha superstición ancestral senón porque cada dia estannos a convencer mais de que carece de espírito.
Todo isto ven a raíz do derradeiro pleno municipal, no que o señor Alcalde, a petición da súa concelleira Isabel Varela, tras comprobarse que algún dos asistentes estaba gravando dito pleno, e baseándose nunha “suposta xurisprudencia”, negouse a que se seguise gravando.
A primeira pregunta que se me ocorre a min e de seguro que a ti tamén, querido lector, e que de onde se saca o alcalde esa “xurisprudencia”, porque hai que lembrar que estamos a falar dun acto público como é un pleno municipal, en instalacións públicas e debatendo de cuestións públicas e de interese xeral. Salvando as distancias hai que dicir que as sesións do Congreso dos Deputados e dos diferentes parlamentos autonómicos non só son gravadas senón que, na maioría dos casos, son emitidas pola televisión, en algúns casos, a través de cadeas especificamente creadas para tal fin; igualmente, en tódolos xulgados, as comparecencias nas salas de vistas, incluso un simple xuízo de faltas, son gravadas e arquivadas, sen que ninguén obxecte nada o ríspeto.
Dende logo se hai un adxectivo que define e que quedara na posteridade, como exemplo do que foi a xestión de Luís Aragunde, como alcalde de Cambados, ese é o de escurantismo, o de tratar de tapar de tódolos modos posibles as súas accións, a súa xestión; fíxoo no tema da estatua de Fraga, escondendo todo o tempo que lle foi posible a súa iniciativa, e unha vez que se descubriu o pastel, intentou facernos creer a tódolos cambadeses que dita iniciativa partiu dun suposto sector do viño; por certo, nunca mais se supo de esa suposta conta aberta na que centos de cambadeses, agradecidos a Fraga, depositarían os seus donativos.
Outro exemplo deste escurantismo do que fai gala o alcalde, foi raíz dunhas gravacións nas que se acusaba ao seu antecesor no cargo Cores Tourís de cobrar, presuntamente, unhas comisións nunhas obras realizadas en Cambados; neste caso, Aragunde, dou carpetazo o asunto, negándose a que se abrira unha comisión de investigación e alegando que non había nada que investigar, aínda que neste caso hai que recordar que Aragunde segue a ser un vasallo de Tourís, e loxicamente, seguindo a pirámide de mando non ten nin a capacidade nin o mando de enfrontarse a un superior.
E nestas chegamos ao último pleno referido no que o alcalde négase a que se grave o mesmo, aínda que se o pensamos ben Aragunde non ten ningún problema coas fotografías, e mais invítovos a que vaiades as distintas hemerotecas e veredes como sempre está á expectativa de onde está o obxetivo, intentando namorar á cámara, con poses solemnes, xa sexa o lado da maciza de turno, na Festa do Albariño ou nos distintos saraos e inauguracións ó lado dos seus amados Feijoo e Rajoy.
O que pasa, Luisiño, que ser alcalde e moito mais importante que iso, é aceptar que todas as túas accións como edil requiren de luz e taquígrafos, que a política en xeral, e a municipal en particular, non é unha cousa que se faga as escondidas, nin o concello e a túa finca particular, que te debes os teus concidadáns ….cando aceptaches o cargo, aínda que fose como un alcalde de palla, alguén debería de tercho dito.
Finalmente quería dirixirme a Isabel Varela, despois de ver que es unha muller ben guapa non sei a que ven o teu rexeitamento a que che graven, pensa que estas desempeñando unha tarefa moi digna ó representar os teus veciños, e non dubido da túa capacidade para desenrolala aínda que vendo como fai o actual alcalde, penso que no Partido Popular canto mais alto é o cargo mais incompetente o buscan.
Un saúdo para todos
Ricardo Domínguez Rey.
“As cousas boas axiña se botan en falta”, esa é a idea base do proxecto. É unha excelente nova en tempos onde estas escasean, unha iniciativa emprendedora de mans de xóvenes cambadeses. Son catro, a maioría aínda estudantes, pero durante o verán comezaron a madurar unha idea que agora plasmaron na realidade de internet. Trátase dunha tenda virtual centrada en produtos gastronómicos de Galiza (como ben indica o nome), e non pretenden ser “unha máis”, senón “a mellor”. Isto queren conseguilo co feedback dos seus clientes ou potenciais clientes, que poden contactar cos responsables da empresa de varias canles.
Os catro rapaces son xóvenes e tres deles aínda están a formarse. Jorge Horro faino en administración de empresas e Dereito en Madrid, e Javier Álvarez e Ramón Gómez fanno en Compostela; o primeiro Enxeñaría Química e o segundo Dereito. Jonatan Ríos vive en Cambados, onde entrena á base do Club Juventud. El, técnico administrativo, supoñemos que exerce de centro de operacións (a sede física da tenda está na Avenida de Vilariño). Na web pódense atopar xa un bo número de produtos da terra, desde viños, licores ou cervexas, até conservas, algas ou sobremesas. No Facebook xa contan cunha páxina onde van informando das novidades que lanzan. Desexámoslles moita sorte nesta iniciativa!
Curiosa reviravolta na polémica das gravacións. Se a semana pasada Luís Aragunde prohibía no pleno calquera gravación do mesmo (sendo este un acto público e existindo sentenzas favorábeis a esta transparente práctica), hoxe anunciamos que o Concello estaría a incumprir a normativa vixente no relativo á instalación de cámaras de gravación para videovixilancia.
O goberno local instalou hai tempo estes dispostivos na propia Casa do Concello (no vestíbulo do edificio), algunhas informacións apuntan a que xa se terían mercado cando se acometeu a reforma do mesmo (adxudicada en 2005), en calquera caso levan da orde de meses alí. Pois ben, a instrución 1/2006 de 8 Novembro da Axencia Española de Protección de Datos, publicada neste número do BOE, sostén que calquera persoa ou entidade que instale dispositivos de videovixilancia debe notificalo previamente á Axencia de Protección de Datos, inscribíndose no Rexistro Xeral da mesma.
Menuda casualidade que foi precisamente no pleno da semana pasada na que se aprobou inicialmente (aínda hai un período de reclamacións de un mes) por parte da Corporación un “Regulamento de ficheiros de carácter persoal” que nun dos seus puntos prevé a creación do ficheiro relacionado con videovixilancia. Este ficheiro, reitaramos, é obrigatorio segundo a lexislación vixente en materia de protección de datos, como se desprende do Informe Xurídico 116/2008 da AEPD.
É dicir, o requisito que marca a lei antes mecionada non se cumpriu. Isto, ademais, pode ser corroborado por calquera lector, xa que o rexistro dos ficheiros de cada institución é totalmente transparente e público. O de Cambados pode ser consultado premendo neste enlace. Como se pode comprobar, o goberno local non deu de alta este ficheiro de videovixilancia con anterioridade a colocar as cámaras, xa que só ten rexistrados a 29/10/12 catro ficheiros relativos a outros temas.
Polo tanto, e antes de recibir a resposta do Señor Alcalde ao escrito que remitimos dende CTK para gravar os plenos a partires de agora, podemos afirmar que mentres o alcalde fixo una advertencia que non ten solidez legal (a de que estea prohibido gravar no pleno sen autorización), o Concello de Cambados tería incumprido presuntamente a lei ao instalar as cámaras na entrada da Casa do Concello. E isto, con independencia de se as cámaras funcionan ou non… nisto a regulación está moi clara, posto que os trámites serían sempre previos a colocar os dispositivos.
Que autoridade ten o goberno local e Aragunde para falar de cámaras, móbiles e gravadoras nun pleno público se o Concello non cumpre a lei nun tema semellante?
Documentos legais
No día de onte unha noticia publicada en Cambados(tk) foi portada na web española Menéame.net. Esta páxina é un agregador de novas no que os usuarios votan segundo as súas preferencias até que unha parte dos enlaces propostos chega a portada. A nova en cuestión foi a relacionada coa advertencia de Aragunde ao público do pleno para que non se gravara o mesmo. Seguir lendo
Sen dúbida foi o momento máis interesante do último pleno. A pequena “obra de teatro” executada por algúns concelleiros do Partido Popular parecía estar perfectamente orquestrada e planificada. No momento en que Mª Xosé Cacabelos (BNG) estaba a presentar unha moción do seu grupo, unha concelleira do Partido Popular (Isabel Varela) comezou a xesticular airadamente sinalando a unha persoa do público que estaba a soster un teléfono móbil. Este asistente, como outros no mesmo, estivera nesa posición durante máis momentos da sesión sen causar ningunha molestia nin entorpecer o normal desenvolvemento da mesma. A concelleira comezou a queixarse en voz alta (tanto que se oía no público a pesares de non contar con micrófono) dicindo que non quería ser gravada, e comentouno en repetidas ocasións co seu compañeiro e teniente de alcalde, Antonio Iglesias Pombo. O curioso de todo isto é que, aínda que esta persoa do público estivera gravando (cousa que el mantén que non é certa) o seu móbil nin sequera estaba enfocando á concelleira “indignada”. Finalmente os concelleiros do PP fixeron unhas señas ao alcalde (que senta na mesa presidencial) e foi entón cando interrumpiu a sesión para realizar unha advertencia.
“Quero advertirlles aos asistentes ao Pleno que non está permitido gravar neste Pleno, hai que solicitalo previamente”. A continuación deulle a palabra ao Secretario, basicamente para que lle dera a razón. E aquí veu o curioso do asunto, o Secretario falou de que é totalmente ilegal gravar sen autorización e referiuse á “moita xurisprudencia sobre o tema”. Ao rematar o pleno, quen escribe estas liñas achegouse ao Secretario para transladarlle o que é unha realidade: que hai moitas sentenzas e informes legais que avalan o dereito a gravar un Pleno sempre que non se altere o seu normal desenvolvemento, xa que é un acto público. O Secretario admitiu entón (xa rematada a sesión e en conversa informal) que si hai fallos xudiciais neste sentido, algo que obviaron tanto o alcalde como el mesmo durante a súa intevención no Pleno.
Desde Cambados(tk) constatamos o seguinte: O Partido Popular quere evitar que se sigan propagando imaxes e son dos Plenos polo interese que suscitan entre a cidadanía. É patente que ao goberno local non lle gustou que en relación aos dous últimos plenos se publicaran vídeos en youtube que acumularon máis de oitocentas visitas, nalgúns dos cales o Alcalde amosaba unha actitude impropia dun rexedor local, como pon de relevo a xa famosa frase de Aragunde a Víctor Caamaño nun debate: “Non me jodas Víctor”. Ou quizais estean molestos pola recente publicación dun vídeo no que se ve ás monxas do asilo levar a anciáns a votar a San Tomé (o vídeo vai polas 11.000 visitas e chegou non só a medios dixitais galegos como Praza senón a webs españolas como Menéame).
Tamén sabemos que a de onte foi unha operación preparada, co paripé da “indignación” dunha concelleira á que o móbil en cuestión nin estaba dirixido a ela. Preguntámonos: Tampouco se pode estar consultando o móbil en sesión plenaria? Vanse prohibir estes dispositivos no Pleno? Ou hai que ensinar o que se está facendo con el? E comentámolo porque asistentes ao Pleno relacionados co PP tamén sacan o seu teléfono (como non pode ser doutro xeito) durante o mesmo. O máis gracioso é que este é o primeiro pleno de tres en que non temos imaxes en vídeo da sesión. Nese sentido a “obra de teatro” orquestrada polo PP fallou estrepitosamente.
Esta mañá rexistramos no Concello de Cambados un escrito dirixido ao Alcalde no que solicitamos formalmente gravar calquera Pleno tanto en vídeo como o audio. Dito escrito está totalmente fundamentado na legalidade vixente e adxuntamos copias de sentenzas e informes favorábeis a este dereito. Podes consultar aquí o escrito presentado.
Nota legal: O audio que se pode escoitar nesta entrada foi recabado en Internet, onde foi subido de xeito anónimo.
Relacionado: Hai meses o alcalde denegou o permiso solicitado por Xaquín Charlín do blog “A ti meu Cambados” aducindo que un concelleiro non gozaba de tal dereito.
O goberno tiña pendentes varias preguntas do Bloque sobre o espiñento tema do Pinal de Maza, no cal un concelleiro do PP e a muller de Cores Tourís a través de dúas empresas, desmontaron un bo cacho de monte para transformalo en viñedos. Aragunde foi moi escueto en case todas as súas respostas (que podedes escoitar a continuación).
O alcalde declarou que as obras NON teñen licenza municipal nin informes favorables nos organismos cometentes na materia (Consellaría de Medio Rural, Consellaría de Medio Ambiente, e Patrimonio). Tamén respondeu negativamente cando foi preguntado sobre se existe algún estudo que xustifique en base a interese público a conversión dunha área de protección forestal a outra de usos agrarios. Outro escueto “non” pronunciou Luís Aragunde ao ser preguntado se o goberno local modificou as Normas Subsidiarias que afectan á zona do Pinal de Maza.
Do mesmo xeito “non” foi a resposta á pregunta do BNG “En caso de que non tivera licenza municipal, ditou o Concello unha orde de paralización das obras?”. O interesante é que Aragunde tamén contestou “non” ao ser preguntado sobre se o Concello abrira expediente de legalización das obras. É dicir, basicamente o goberno local non fixo nada a respecto das obras sen licenza no Pinal de Maza, que están impulsadas polas empresas dun concelleiro do PP (Juan Ramiro Gómez) e da dona de Cores Tourís.
O sorprendente chegou ao final das preguntas, cando Luís Aragunde anunciou que tiña no seu haber un informe do técnico municipal no cal se afirma que as obras no Pinal de Maza non constituiron ningún movemento de terras na zona, si, seguramente, un acondicionamento do terreo.
Nota legal: O audio que se pode escoitar nesta entrada foi recabado en Internet, onde foi subido anonimamente.
A sesión plenaria do mes de Outubro pasaría sen pena nin gloria de non ser por dúas cuestións. Unha, a polémica aberta polos concelleiros do PP e que rematou por facer que o Alcalde interrumpira o debate para lembrarlle ao público que non podía gravar o pleno; a outra, as contestacións pendentes sobre o caso Pinal da Maza e que Aragunde estaba esquivando desde hai meses. Estes dous temas especiais publicaranse aparte pola imposibilidade de facer unha entrada asequible na lonxitude, neste artigo imos cos temas menos “polémicos”.
En primeiro lugar celebrouse un breve pleno extraordinario no cal se designou fillo predilecto a Salvador Cores “Manso”. Os grupos da oposición (BNG e PSOE), apoiaron a moción, pero Seguir lendo