Despertei a semana pasada coa nova publicada polo xornal “El País” dunhas manifestacións gravadas, e que se atopan en poder do xulgado de Arzúa, nas que o ex alcalde de Melide implicaba a Xosé Manuel Cores Tourís, ex alcalde do meu amado pobo, nun asunto de comisións ilegais, e, como a maioría dos meus veciños, a miña primeira reacción foi de sorpresa.
Porque, quen é Xosé Manuel Cores Tourís? Teñen algunha base estas acusacións? Recordo os inicios de Tourís na política municipal, despois dunha discreta xestión en Horsal, e como xa, dende os inicios, optou (coma o entonces alcalde Santiago Tirado) pola dedicación exclusiva (non hai nada mais atractivo que chupar da teta do estado) a diferenza do antecesor de ambos, Xosé Antonio Pillado Silvoso, que, por contra, non nos custou un peso aos cambadeses xa que optou por compaxinar a súa labor ó fronte da Casa Consistorial co seu traballo de mestre, sacrificando o seu tempo libre e o da súa familia, para poder levar a cabo ambas tarefas.
Recordo que Tourís volveuse o fiel escudeiro de Tirado, e sobre todo recordo, unha época crucial para Tourís, como foi o enfrontamento entre o alcalde Tirado e a funcionaria Botana que desembocou na inhabilitación do primeiro, co que, Tourís, numero dous daquela, tiña vía libre para iniciar a que sería a súa fulgurante carreira política (nunca lle poderás estar mais agradecido a Botana, Xosé Manuel).
Da súa etapa como alcalde de Cambados, recordo, a parte do seu indubidable “sex appeal”, que levou a máis dunha simpatizante pepera a dicir: “Tenemos al alcalde mas guapo de la provincia!! ou “Que guapo me va hoy Tourís!” (asegúrovos que eu escoitei isto en máis dalgunha ocasión), dicía, que a parte de isto, recordo moita obra en Cambados, non vaiades a pensar mal, seguro que era porque quería o mellor para Cambados, verdade Tourís? Porque seguro que nunca cobraches un peso na túa xestión o fronte do consistorio cambades, que non fora os teus emolumentos como alcalde, verdade Tourís? e porque a túa entrada na política municipal foi un indiscutible desexo altruísta de axudar aos teus veciños, verdade Tourís?
Por certo desa época tamén recordo que Tourís, para evitarse posibles rivais e alternativas á súa figura (como o foi el mesmo de Tirado), optou, intelixentemente, por buscar un tenente de alcalde sen ningunha aspiración política, nin capacidade algunha nin ansias de disputarlle o trono cambades …………. a afortunada foi Rosa Oubiña, mellor elección imposible.
Tamén recordo desa época o seu especial apego, primeiro, a Manuel Fraga e posteriormente a Feijoo, xa fose na Festa do Albariño ou coa escusa de calquera sarao ou inauguración que se levase a cabo e que, sen dúbida, influíu para colocarse na mellor posición de cara a progresar dentro do partido como posteriormente se vería o ser elixido Delegado Provincial da Xunta na provincia, e xunto co ínclito Rafael Louzán, presidente da Diputación, erixíronse como unha especie de Rómulo e Remo o fronte desta particular Roma que é Pontevedra.
Iso si, antes de irse, Tourís tivo, a precaución de colocar a alguén que lle gardase o sitio (por si a súa carreira autonómica non era o suficientemente longa xa que sempre cabe a posibilidade de que volva a gobernar o bipartito ) e que, sobre todo, como no caso de Rosa Oubiña, non lle puidese facer sombra co que, para alegría do interesado e desgraza dos cambadeses, tal honor recalou no insigne Luís Aragunde.
Por certo a raíz das citadas declaracións do ex alcalde de Melide e respetando sempre a presunción de inocencia a que ten dereito o Sr. Tourís, no hipotético caso de que fosen certas, virían a corroborar o papel de “chico de los recados” que sempre amosou ter o actual alcalde Aragunde, pois demostrarían quen segue a gobernar realmente Cambados; aínda que sendo xustos, Aragunde, si que ten algo de autoridade, ten a autoridade (e a cara ) de pasarlle dietas de comidas ao concello por mais de 8.400 euros en apenas catro meses ou, peor aínda, mais de 3.700 euros en apenas dez días (“hai que recoñecer, Luís, que non lle saes nada barato ás arcas cambadesas”)
Pero podes estar tranquilo, Tourís,á fin e ao cabo, quen é o xornal “El País”? ……….. Só é o xornal mais lido da prensa nacional con case dous millóns de lectores na súa edición impresa (datos da segunda oleada do EGM de 2012) pero iso non lle garante a verdade absoluta, verdade Tourís?.
Como se di nestes casos deixemos que a xustiza faga o seu traballo e poña algo de luz neste caso,non xa por Tourís, senón polo ben do nobre nome do pobo de Cambados.
Un saúdo a todos.
Ricardo Domínguez Rey.
Ricardo estou cáseque de acordo contigo no expresado, porén a min me gustaba máis coma Alcaldesa Anabel Carro .. era a nº 2, e por riguroso orde, a ela correspondía a Alcaldía … non entendo por qué non loitou polo seu dereito … Aínda que votante de esquerdas, nada que ver a capacidade intelectual dun e doutro (ten unha carreira Anabel).
Con Tourís o do sex appeal non o entendo: por moito que penso, non atopo actor de cine, nen modelo na revista Vanity Fair alguén parecido: debe ser iso, que é “único e intransferible”, coma dicía José María García .. unha bomba deportiva o del Pinal de Maza e o de Melide: “ojo al dato señores” …