//
arquivo

Archive for

Alfonso Rueda hoxe en Cambados


O PP de Cambados celebra hoxe o seu mitin central de Cambados. Será ás 22.00 horas na Sociedade Cultural e intervirá Alfonso Rueda, o nº2 por Pontevedra e director da campaña. En principio parecía que Alberto Núñez Feijóo estaría na nosa vila pero hoxe o Diario de Arousa só fala de Rueda.

Outra política é posible


Eu creo firmemente na política. Pero coido que neste momento de perda de credibilidade, é preciso, máis que nada, destacar a importancia de mudar a política. E iso empeza por mudar a nosa visión da mesma, porque só así acharemos a forma de sermos cidadáns libres e iguais.

Levo tempo observando como se corrompe a política desde os propios partidos ou desde os medios de comunicación. Non deixo, efectivamente, de ler a xornalistas preguntando sobre pactos, consellerías, presidencias e vicepresidencias. E non, non se trata diso. Cómpre deixar claro que estas son unhas eleccións lexislativas e que o que estamos votando é a candidatos ao parlamento. E que o parlamento é a voz do pobo, a nosa voz, a voz de todos. Xa foi repetido centos de veces, e nunca deixará de ser certo, que a ‘democracia’ é o goberno do pobo polo pobo, e que o que temos neste momento é unha oligarquía, é dicir, o goberno duns poucos que ademáis, gobernan só para outros poucos.

E porén, non é certo que o goberno non é máis que unha das tres patas do poder político? Seica é máis o poder executivo, é dicir, o executor da lexislación aprobada no parlamento, que o poder lexislativo, o centro de toda soberanía democrática? A que vén, entón, tanto afán por repartírense consellerías?

É necesario, por tanto, facermos unha nova política. E aí é onde de verdade entra a Alternativa Galega de Esquerda. Hai agora en Galicia un establishment político de tres partidos, que conforman un parlamento depauperado democráticamente. É, pois, a hora de renovar o Hórreo. Parece que non hai ventilación no piorno. Chegou a hora de abrir portas e ventás e permitir que entre o aire novo, un furacán de dignidade que sexa o altavoz do 99%, o noso altavoz, o da maioría social.

Dicía tamén, aí atrás, que temos a forza da ilusión. Digo agora que esa forza nos acompañou durante todos estes días de campaña, sen esmorecer. É importante que sexades conscientes de que somos unha coalición nova, que pensedes na falta de recursos e nos esforzos que estamos a facer pra que chegue a nosa voz á xente. Pero tamén vos digo que levamos case quince días facendo unha campaña nova, cargada de optimismo, de indignación e de resistencia. Somos auténticos guerrilleiros á procura dunha rebelión cívica, da toma verdadeira das institucións democráticas (e polo tanto nosas) a través da recuperación da confianza na política. A nosa bandeira, a integridade. O noso símbolo, un zapato sostido en alto. Somos guerrilleiros e somos zapatistas, porque con eses zapatos imos marcar un camiño de ida e volta entre o parlamento e a sociedade e porque con eses zapatos contribuiremos a darlle a patada (enténdase a metáfora, non me acusedes de incitar á violencia) ás gaivotas que sobrevoan San Caetano.

Somos, pois, unha forza nova, que recolle moitas das teses propias da esquerda social, do activismo antiglobalización, do altermundismo, do ecoloxismo. Representamos a unha esquerda inclusiva, lonxe de dogmatismos. Somos galeguistas, nacionalistas, independentistas, pero tamén federalistas. Achégannos as gañas de cambiar o mundo. Únenos a visión de que, ante un momento de crise, a asociación dos diferentes sectores políticos e sociais de esquerdas, supón un deber. O noso obxectivo, e dígoo desde o convencemento, coa razón e o corazón, é darvos voz. Como dixo Castelao, “nós temos fe no noso pobo e moi logo o noso pobo terá fe en nós”.

Estamos, en conclusión, ante un momento clave da historia contemporánea galega, española, mundial. É por isto que vos pido que vaiades votar. A vós, que este 21 de outubro tedes o dereito de escoller aos que si vos deberían representar en Galicia e ante o mundo. E co orgullo de formar parte da xente que traballa por un mundo mellor e por levar á realidade aquilo de que “outro mundo é posible”, pídovos tamén o voto para Alternativa Galega de Esquerda.

Non só iso. O noso traballo non remata este domingo. Iso sería de necios. Pídovos ademais que participedes activamente con nós. Tedes a forza da palabra. Quérovos pedir, pois, que contribuades a recuperar a credibilidade na política, pois esta é o fundamento da vida en sociedade, do civismo activo, da cidadanía plena.

Notade que a sigla resultante da Alternativa Galega de Esquerda ben podería conformar o acrónimo “age” en língua portuguesa; é dicir, o imperativo do verbo agir: “actúa”. E iso é o que demandamos. Que actuedes. Porque quedar na casa é ser cómplice da deturpación do sistema, quedar na casa significa ser partícipes da destrucción da nosa identidade social, e supón asumir a nosa aniquilación como cidadáns, como pobo. Dicía Rosa Luxemburgo que se non te moves, non sentes as cadeas que te manteñen atado. Eu coido que xa é o momento de romper esas cadeas, de exercer o noso dereito a, simplemente, ser.

O 21 de outubro comeza un novo tempo. Entre todos, podémolos parar. Estamos xa a paralos.

O 21 de outubro, actúa!

Nas redes sociais

Outubro 2012
L M M X V S D
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.