A Asociación Cultural e Deportiva de Cambados -A Cultural- vén de designar ao ex presidente de Unha Grande Chea e actual concelleiro, Xaquín Charlín, “persoa non grata”. Isto tradúcese nun veto explícito no acceso ás instalacións da asociación. Un edificio (na Rúa Nova coa Avenida de Galicia) que lembremos foi totalmente remozado recentemente coa aportación de case un millón de euros de cartos públicos a través da Deputación. A pesar desa inxección económica, a asociación segue a ter un carácter privado e tan só se asinou un escueto convenio entre o Concello e a Cultural para que o primeiro poida realizar alí actividades. Seguir lendo
É algo que sempre se comentou en Cambados e que moitos votantes de San Tomé viron en repetidas ocasións. Acontece en máis lugares e aínda que na maioría das veces é unha práctica nos lindes da legalidade, a moitos semella que está fóra de toda ética. No caso de San Tomé, trátase do transporte (noutros lugares denominado “carretaxe”) de anciáns do asilo para votar. Testemuñas ao longo de anos dan fe de casos de persoas que non están nas condicións físicas e sobre todo mentais para exercer libremente o dereito ao voto. Nos últimos tempos parte dos anciáns do asilo votan por correo pero as monxas aínda levan a votar in situ a moitos deles, que veñen do asilo co voto preparado. Agora hai un vídeo que pon imaxe a todos eses rumores ou comentarios, que xa está a circular con forza nos círculos cambadeses das redes sociais. No vídeo aparecen (semella que por casualidade) o alcalde Aragunde, Cores Tourís, Rosa Oubiña e o teniente de alcalde, acompañados polo asesor do alcalde.
Xa que se fala nesta entrada de ética, a moitos nos resultou clarificador ver como se mestura totalmente Concello e Partido en Cambados, neste caso ao ver ao secretario persoal do alcalde (cargo de confianza sufragado por todos os cambadeses) acompañar a Aragunde durante a xornada electoral (domingo) nas súas visitas aos colexios electorais. Computaron tamén estas horas de “traballo” (de partido) como horas extra?
Tras a nova de que a “distinguida” e “moi nobre” Sociedade Cultural de Cambados declarou “persona non grata” a Xaquín Charlín “Chon”, asáltanme varias dúbidas, a primeira e mais interesante: ¿poderá o pobre Xaquín superar tal trauma? imaxino que dende que lle deron tal desafortunada misiva, haberá entrado nunha profunda crise existencial e persoal, preguntándose que fará agora da súa vida sen poder formar parte de tan “elitista” entidade, seguro que, ao igual que o Club Siglo XXI, Real Madrid, F. C. Barcelona ou o Liceu, hai unha longa lista de espera para poder ingresar como socio na mesma ¿non? , e, de seguro, que sempre se atopa abarrotada e cun amplo cartel de actividades que fan honor ó seu nome.
Tamén teño as miñas dúbidas se é legal prohibirlle ó paso a un edificio público !ah! ¿que non é un edificio publico? Home!! Dígoo porque a súa derradeira reforma foi subvencionada, practicamente na súa totalidade, con cartos públicos como si da Casa Consistorial ou do pavillón de deportes se tratase, polo tanto, deduzo, que o seu uso debería de ser, tamén, público.
Móstrase, tamén, indignada tan insigne directiva de que se insinuase que alí se celebrou unha despedida de solteiro con “girls” incluídas, aínda que, se o mirades ben Luisiño, é un campo que non tedes explotado e que de seguro podería dar bos réditos, e, sen lugar a dúbidas, é moito mais rentable que alugar o local para mitins electorais que, ó fin e ao cabo, soamente se producen cada catro anos; mentres que rapaces que queiran despedir a súa solteria, antes de pasar pola vicaria ou polo xulgado, hainos, practicamente, cada sema ou ó sumo cada quince días; polo aspecto moral non vos preocupedes lembrade que antigas sociedades culturais (¿pillades a metáfora linguistica?) como a grega ou a romana tamén eran coñecidas polas súas bacanais celebracións, onde o alcohol, o divertimento e as mulleres en coiros eran parte de tales exaltacións humanas e nada divinas.
Aínda que ben visto estas celebracións non deixan de ter unha vertinte cultural, ¿acaso hai algo mais fermoso e, a vez, mais representado na historia do arte como o desnudo feminino? dende as deusas da fecundidade, nos albores da humanidade pasando polas esculturas da antiga Grecia ou pintores tan diversos como Rubens, Goya e Picasso destacaron todo o arte que amosa o corpo da muller; polo tanto non pensedes dende a directiva da Cultural que é un espectáculo vergoñento onde rapaces coas feromonas en niveis estratosféricos van a poñerse “palotes” ó ver mulleres en coiros. ¡non! queridos amigos, o que lograriades con estes espectáculos é fomentar o arte e á cultura entre a mocidade (a parte de beneficiar ás maltreitas arcas da entidade). ¡que mellor forma de honrar o apelido de tan gran entidade!
Incluso dende o punto relixioso e ante o reparo moral que podería amosar algún directivo o, incluso, algún mozo que asistise a tal “manifestación cultural” , sempre pódese falar con Don José, para que expida algún tipo de bula eclesiástica ou salvaconducto espiritual temporal dado o carácter pedagóxico e instrutivo que se busca e que, en ningún senso, ten porque estar enfrontado coa Fe.
Sei que sodes unha institución que “pretende fomentar a concordia entre os seus asociados a través da cultura e o deporte” o cal sumado a que o Concello ten a debilidade de facer museos en canto currucho atopa : Museo do mar, museo do viño, Casa museo de Ramón Cabanillas etc. dende logo , os cambadeses somos os cidadáns do mundo con ratio cultural mais elevado.
Sin mais un cultural saudo a todos.
Ricardo Domínguez Rey.