//
estás a ler...
., Cambados

Dous plenos nunha xornada: Salvador Cores “Manso” homenaxeado e polémica por gravar os plenos


A sesión plenaria do mes de Outubro pasaría sen pena nin gloria de non ser por dúas cuestións. Unha, a polémica aberta polos concelleiros do PP e que rematou por facer que o Alcalde interrumpira o debate para lembrarlle ao público que non podía gravar o pleno; a outra, as contestacións pendentes sobre o caso Pinal da Maza e que Aragunde estaba esquivando desde hai meses. Estes dous temas especiais publicaranse aparte pola imposibilidade de facer unha entrada asequible na lonxitude, neste artigo imos cos temas menos “polémicos”.

En primeiro lugar celebrouse un breve pleno extraordinario no cal se designou fillo predilecto a Salvador Cores “Manso”. Os grupos da oposición (BNG e PSOE), apoiaron a moción, pero ámbolos dous grupos fixeron énfase en que o equipo de goberno non os consultou para sacar adiante esta iniciativa, mesmo cando saben que terían apoiado a designación. Tanto Xaquín Charlín polo Bloque, como Fátima Abal, polo PSdeG, lamentaron ter que manter esta postura nun pleno que debería cinguirse ao recoñecemento da persoa homenaxeada, e máis cando o propio Salvador Cores estaba presente (Charlín chegou a desculparse con el, pero insistiu en que esas cousas había que dicilas). Ao final, toda a corporación e o público adicou un sonoro aplauso a “Manso”, que se amosou moi agradecido.

Ao remate desta rápida sesión comezou o pleno ordinario. O primeiro punto foi a toma de posesión do novo concelleiro socialista, Ángel Manuel Giráldez. Chamou a atención que o fixera en castelán sobre todo porque o resto das súas intervencións en pleno foron en lingua galega. Nada máis sentar na cadeira de concelleiro tomou a palabra para opoñerse á retirada das pagas extras aos funcionarios do Concello. O goberno presentou unha moción para facer efectiva esta medida, que eles aseguran que é transitoria e que vén obrigada de “arriba”. Aragunde acusou a Zapatero de facerlle aínda máis dano aos empregados públicos retirándolles o 5% de retribución “para sempre”. O Bloque, que se abstivo, insistiu en que era moi negativo retirar esta paga porque afectaría ao consumo e sobre todo ao comercio local.

O seguinte punto era outra moción do goberno para incrementar algunhas taxas e prezos públicos. Explicaron desde o PP que a suba, que afecta a moitos servizos (terrazas, instalacións deportivas, gardería, vehículos…) tan só era para actualizar o IPC con excepción da gardería, onde se incrementa máis porque non foi subida desde 2002. O PSOE vota en contra e o BNG abstense, logo de que a voceira en funcións, Mª Xosé Cacabelos (Víctor Caamaño non puido asistir), mantivera un debate sobre o desafortunado do momento para moitas familias que vén incrementado o servizo de gardería municipal e o comedor. Desde o PP responderon que a suba deste servizo se facía “por tramos de renda” como plantexaba Mª José, pero ela seguiu mantendo que a unha familia que cobra entre o 30 e 50% do salario mínimo o custe do comedor pode supoñer un esforzo demasiado grande, e que cumpriría subir máis ás rendas máis altas para beneficiar a estes casos.

A seguinte moción era relacionada coa protección de datos. O único matiz aportouno o concelleiro do PSOE, Lucas Vieites, que interviu para solicitar que se ofrecera formación aos empregados do Concello relacionados coa informática para evitar casos de inseguridade como os que se viviron recentemente (seguramente estaba referirse a casos como o de Cerdedo que sufriu unha estafa de 200.000 euros por internet).

Por último chegaron as mocións da oposición. O PSOE presentou a súa, que pedía realizar os trámites para a declaración da Festa do Albariño como de Interese Turística Internacional. A voceira do PSOE, Fátima Abal, repasou a importancia do sector e da festa para salientar a relevancia que tería para todo o municipio a consecución deste recoñecemento, e recordou que hai uns anos presentaron unha moción moi semellante que fora tumbada pola maioría popular. Polo PP contestou Eulogio Pomares dicindo estar sorprendido pola moción, xa que no verán se publicara na prensa a intención do goberno local de acadar esta distinción, e  que só quedaba un requisito a cumplir: reunir un número de artigos publicados en prensa internacional sobre a Festa. O PSOE respondeu que non era de recibo ter que enterarse pola prensa das accións do goberno, unha queixa á que se uniu o Bloque. Aragunde argumentou o voto contrario do PP á moción en base á suposta apropiación do PSOE do recoñecemento da Festa. Sobre a cantidade  información que se lle dá á oposición afirmou “nós estamos aquí para gobernar e xestionar” e dixo que se informaran tanto como pide a oposición “non faríamos outra cousa, necesitaríamos dúas persoas só para iso”. Para Fátima Abal a resposta non é suficiente, para ela da mesma forma que o Concello informa á prensa, podería informar á oposición. A moción foi apoiada por BNG e PSOE e rexeitada polo PP.

O Bloque presentou a última moción da noite, para que se rexeitara a intención da UE de non vincular a etiquetaxe coa procedencia dos produtos conserveiros. Os nacionalistas fixéronse eco das queixas do sector do mexillón, que vén como a procedencia do marisco é empregada fraudulentamente noutras latitudes pola boa sona dos nosos produtos. Agora grazas a unha iniciativa da eurodeputada galega do PP, Carmen Fraga, estas prácticas poderían ter base legal. O Bloque está opoñéndose a esta emenda do PP nas últimas semanas no Parlamento Europeo a través da eurodeputada Ana Miranda. Mª Xosé Cacabelos pediu o apoio dos concelleiros para que a Corporación instara a que se obrigue a incluir a procedencia do produto na etiquetaxe. O PP, a través de Aragunde, amousouse contrario porque segundo el “tómase o todo pola parte” e a lei fala máis de “especies migratorias” coas que os barcos se van movendo e é difícil marcar unha procedencia. Cacabelos (BNG) insistiu en que o Consello Regulador do Mexillón estaba en contra da norma, pero o PP votou igualmente en contra. O PSOE si apoiou dita moción.

Como xa se comentou, publicaranse proximamente entradas separadas para tratar o tema das gravacións en pleno e do Pinal de Maza.

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta (o comerntario deberá ser aprobado polo administrador antes de ser visible)

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Nas redes sociais

Outubro 2012
L M M X V S D
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

A %d blogueros les gusta esto: