O BNG pediu onte cun escrito ao Valedor do Pobo que non dea por pechado o caso das irregularidades cometidas polo goberno local canto á entrega das actas das Xuntas de Goberno á oposición. Xa foron dúas veces as que o Valedor constatou que o goberno incumpría o prazo legal (dez días) que ten para informar aos concelleiros da oposición (que non pode asistir a estas reunións nas que se decide practicamente todo) . Nos dous casos o Valedor dirixiouse ao Alcalde para reclamarlle que puxera fin a esta demora de meses. O problema é que non parece que o asunto vaia a quedar resolto nas sucesivas entregas.
O Bloque quéixase de que Aragunde conteste ao Valedor que a demora débese “á acumulación de traballo pola Festa do Albariño”, cando as actas de Febreiro foron entregadas en Xuño (e o Albariño celébrase en Agosto). Ademais lembran que é o Secretario quen debe redactar as actas, non o equipo de goberno, polo tanto o Albariño ou outras épocas de traballo no Concello non deben alterar o cumprimento deste tema. O grupo que lidera Víctor Caamaño ten claro que a demora é por intereses políticos, para entorpecer o labor da oposición. Para o Bloque é o alcalde quen pon trabas a que se envíen as actas en prazo, xa que o Secretario lles comunicou que non ten problemas en redactalas no período que marca a lei. Un tema, polo tanto, político e non administrativo.
Conversa
Aínda non hai comentarios.