O blog dos rañeiros de Cambados vén de publicar esta nova sobre o Patrón Maior de Cambados e presidente da Federación Galega de Confrarías. Dita información asegura que Benito González sería obxecto dunha querela interposta pola Fiscalía de Santiago no Xulgado de instrución nº1 da capital por presunta malversación de caudais públicos, ao ter percibido presuntamente retribucións económicas (non permitidas pola lei) no desempeño do seu cargo na Federación.
Esta querela é resultado dos documentos que a Asociación Galega de Mariscadoras/es (Agamar) enviou á Fiscalía, nos que aportarían probas de que González tería percibido 103 mil euros como remuneración. Agamar asegura que tamén puxo en coñecemento da Consellaría do Mar da Xunta de Galicia estes feitos, sen que a día de hoxe haxa constancia de que os cartos se devolveran ou se abrira expediente sancionador ningún.
Agora, Agamar asegura que se personará na causa como acusación e non descarta a a ampliación na imputación dos feitos criminais que se lle atribuirían inicialmente ao patrón maior de Cambados, “contra todos aqueles que foron coñecedores destes feitos e ou ben participaron directamente ou ben permitiron que sucedesen sen exercer as competencias administrativas que lles correspondían por razón dos seus cargos públicos”.
Conversa
Aínda non hai comentarios.