Os socialistas do PSdeG-PSOE de Cambados van levar dous temas de actualidade política ao vindeiro pleno da Corporación, previsto para finais do mes de Nadal. Unha das mocións está relacionada coa Lei de Taxas Xudicias que en teoría entrou en vigor esta semana, aínda que o Goberno xa recoñeceu que se adiantou demasiado na tramitación e hai problemas técnicos para aplicala aínda durante unhas semanas. O PSOE de Cambados asegura que a lei de taxas do ministro Gallardón vulnera o dereito de igualdade dos cidadáns e o dereito fundamental da tutela xudicial efectiva. Moitas persoas que tiñan dereito á xustiza gratuita perderán este dereito e outras verán incrementados os prezos das taxas. Na vía dos recursos sinalan que un traballador que teña que recurrir un despido que vulnere os seus dereitos deberá aboar cincocentos euros por adiantado. Por isto queren que a Coporación amose o seu rexeitamento a esta medida do goberno central.
Por outra banda o grupo municipal do PSdeG-PSOE pide noutra moción que o Concello de Cambados retire as contas dos bancos que executen desafiuzamentos no noso termo municipal. Tamén recollen no texto a petición de que o goberno central acorde medidas lexislativas para evitar este problema social que afecta a moitas familias. Trátase de exercer presión nas institucións financeiras para replantexar que tomen medidas tan drásticas como desafiuzar a xente que vive xa situacións dramáticas.
Conversa
Aínda non hai comentarios.