//
arquivo

Archive for

Aragunde atribúe a pintada á estatua a “unha gamberrada” xuvenil relacionada coa movida nocturna


O alcalde fixo declaracións hoxe a Radio Arousa – Cadea Ser, e atribuiu hoxe a unha “gamberrada” a transformación da estatua de Manuel Fraga no superheroe Superman, como vimos informando desde onte. Luís Aragunde relacionou o acto directamente coa mocidade, e chamou a atención que se repetira varias veces que veñen a Cambados mozos “de toda a comarca”, seguramente coa intención de non relacionar estes feitos coa polémica que arrastra a instalación da escultura desde hai semanas na propia vila. Desde o goberno local non lle queren dar importancia ao ocorrido: “hai que darlle o mesmo valor que se fora un banco ou a escultura de calqueira outro persoeiro”. Tamén indicaron na radio que o Concello xa intentou limpar a estatua pero non foi quen de facelo, e que se volverá a intentar. Escóitao todo premendo no botón do “play”.

Actualizado 27/11 Hoxe no Faro de Vigo o Concello anuncia que a Policía Local abriu “unha investigación” sobre o caso, aínda que Aragunde descarta que houbera motivacións políticas neste acto. A estatua parece que foi limpada, polo menos case na súa totalidade, por traballadores do Concello de Cambados. Isto a pesar de que en teoría a estatua foi sufragada por unhas persoas descoñecidas (só parace coñecelas o goberno local). É preciso manter o que reclamabamos onte: a estatua con ou sen pintura fóra dos terreos públicos de Cambados. Que lla devolvan aos promotores da homenaxe (se existen)!

Víctor Caamaño (BNG) considera “inaceptable” que o CIM leve pechado todo o ano


O Centro de Información á Muller (CIM) leva todo este ano coas súas portas pechadas. O BNG considera este feito inaceptable, xa que aínda que apoia a decisión do goberno local de mancomunar o servizo con outros Concellos, ve totalmente erróneo paralizalo mentres non se leva esta cooperación a bo porto. Ademais, o Bloque sinala que isto leva acontecendo varios anos, nos que o CIM só funciona uns meses de cada exercicio. Segundo Víctor Caamaño, voceiro desta formación, hai dúas lexislaturas o Concello empregou o conflito do CIM politicamente contra a Xunta do bipartito, mentres que na lexislatura primeira de Núñez Feijoo o goberno local simplemente deixou de reivindicar e mantivo paralizado o servizo. Unha mostra, para o BNG, de que ao Concello lle interesa ben pouco este tema. Caamaño propón que o goberno local sufrague os custos do persoal mentres non reciba a subvención da Xunta, para non deixar a moitas mulleres sen esta ferramenta.

Un bo momento para devolver a estatua aos supostos promotores (se existen)


Cando en Maio se coñeceron os plans do goberno de Cambados de poñerlle unha estatua na vila a Manuel Fraga, a polémica estaba claramente servida. O propio PP, e o propio Aragunde, recurriu a mentiras e medias verdades sobre quen estaba detrás da iniciativa e sobre todo, quixeron levalo adiante pola vía do rodillo. Pero unha homenaxe dun pobo non pode ter éxito cando unha parte moi importante del está en contra; é máis, cando esa parte é non só ignorada senón que desprezada polos que gobernan. A oposición á estatua de Fraga fraguouse rapidamente fóra dos propios partidos políticos (aínda co seu apoio), na rede, o cal  puxo de manifesto que non se trataba dun simple tema de oposición municipal; e tivo como punto álxido unha acción de protesta cívica sen precedentes en Cambados (a ocorrida durante a inauguración do Albariño, que é quizais a máis orixinal das últimas décadas, e que contra todo pronóstico reuniu a arredor dun cento de persoas).

Tralo coñecemento de que a escultura de bronce que descansa entre rexas no Pazo de Torrado foi cuberta de pintura (non sen certa orixinalidade) é momento outra vez de reclamar que se retire do espazo público cambadés unha homenaxe coa que non concorda unha parte importante dos cidadáns. E sobre todo, que no caso de que non se revele a identidade dos autores da pintada (algo que parece xa probable) se acorde non destinar fondos públicos ao mantemento (limpeza, custodia, etc) da estatua. Hai que reiterar que se o goberno mantén que a iniciativa partiu dun grupo de viticultores (en tal caso moi reducido, como se demostrou hai meses), o Concello pode e debe devolverlles a estatua para que sexa colocada nos terreos privados destes ou onde eles consideren oportuno.

SEN REACCIÓNS POLO MOMENTO

O Concello de Cambados non emitiu no día de onte ningún comunicado, tal e como se desprende da ausencia de comentarios do gabinete de Aragunde na prensa, que si se fixo eco amplamente do sucedido (editado: xa houbo reaccións). A nova de CTK chegou outra vez a portada do dixital español Menéame, que redirixiu a esta web unhas 14.000 visitas até esta esta hora. Isto foi posible simplemente grazas a que unha veciña se puxo en contacto onte pola mañá connosco para comunicarnos os feitos e achegarnos a imaxe; lembra que ti tamén podes contactarnos polo email en cambadostk@gmail.com, ou persoalmente.
Anecdóticos un par de gazapos da prensa, un o da Voz que sinalaba que convertiran a Fraga en Spiderman (na edición dixital xa está corrixido) ou o de Terra, que sinala no pé de foto que se trata da “estatua de Franco”.

Noraboa, Aragunde!!!


(8: 30 da maña, diante da porta dun colexio de Catalunya)

–          “¡Gallego! : acabo de leer lo que pasó ayer en tu pueblo.”

–          “¿ en mi pueblo? ¿que paso?”

(Pregunto intrigado, debo confesar que o domingo pasei boa parte da maña no hospital co meu fillo Pau,  debido a unha febre moi alta que me tiña preocupado, e, o único momento  que puxen as noticias, foi para seguir o desenrolo das eleccións cataláns.)

–          “¡Si, hombre! La estatua de Fraga ¿de verdad que no sabes lo que le ha pasado?”

–          “Dame una alegría, dime que alguien la ha robado o que mi querido alcalde ha recapacitado y ha decidido retirarla….”

–          “¡ha aparecido pintada de Superman!”

–          “¡¿Comor!?”

Despídome do meu interlocutor e tras deixar os meus fillos no colexio, achégome a un kiosko e compro un xornal e ahí  esta a nova “Aparece pintada de Superman, la estatua de Manuel Fraga en Cambados (Pontevedra)”……….

Téñome que render aos teus pes,Luís, se dende aquí, sempre se criticou (con razón na inmensa maioría dos casos) a funesta xestión municipal, tamén é xusto,  cando o noso alcalde realiza unha brillante  actuación,  destacala e felicitalo. ¡menuda campaña de marketing!

¡Eres un crack, Aragunde! ¿como se che ocorreu a idea? Non sei,  imaxínote, vendo un dia pola televisión  a película “Titanic”  e no momento  que se funde o barco, de repente tes unha visión, quizais, pensas: “Este barco non pasou a historia por ser o mais avanzado da su época, nin polo seu tamaño, non,  este barco pasou á historia polo   pouco que durou dende a  súa inauguración e como  deixou de existir para pasar a ser lenda”.

Algo así debiches de pensar entorno a estatua de Fraga ¿non?, quizais, pensaches en como rexenerala, en como facer que pasase do seu aspecto actual de vilán  a heroe, de unha figura de dubidoso gusto como era Fraga a alguén querido por grandes e menores   como é o personaxe de  Superman.

Veña, va, confésamo agora que non nos escoita  ninguén  ¿onde estiveches  o sábado dende ás dez da noite ao domingo ás  seis da maña? ¿aínda tes as mans manchadas de pintura? Imaxínote enfundado nunha mono negro, cun pasamontañas, escalando a valla, cun bote de pintura vermella na man e levando a cabo tan magnifica obra.

¡Eres un monstruo! (ollo! no bo sentido da palabra!), levanto a miña copa e brindo pola túa saúde, estou repasando os medios de comunicación por internet e o nome de Cambados empeza a asomar en moitos de eles.

¿Parácheste a pensar nas múltiples posibilidades desta acción? Ocorréseme que poderías ampliar ó numero de estatuas con personaxes coñecidos do noso pobo e caracterizalos como superheroes  do comic ou, simplemente, como calquera outro tipo de heroes.

Xa o estou vendo, amigo Aragunde, por exemplo, unha estatua túa pintada de verde, ¡¡non me digas que non eres cravado ao Incrible Hulk!! ….. vamos que si te ven ¡chámante de Hollywood!, cando pos esa mirada túa penetrante, como querendo mirar mais ala do infinito, pareces “La Masa” a punto de pegar unha labazada.

E, seguindo coa lista de persoas ilustres da nosa comarca, ocorréseme, por exemplo, que a nosa querida Rosa Oubiña con ese tipazo que ten, unha estatua dela, pintada de  negro, semellaría  perfectamente o personaxe de Catwoman,  a muller- gato,  a heroína que sempre vai enfundada nun traxe de coiro negro,e, dende logo,  non envexaría,  en absoluto, a interpretación que para o cine fixo no seu dia Michelle Pfeiffer ou, mais recente,  Anne Hathaway.

¿ E que me dis de Louzán, unha estatua coa  forma esférica (que de si xa ten)  da sua cabeza e o seu ritus case imperturbable, coma de robot, pintada de amarelo e vermello e clavado a Iron Man, o home de ferro …  ¡¡se ata ten os seus andares!!.

Evidentemente non podía faltar o teu mentor, Xosé Manuel Cores Tourís, con esa barbiña e bigotiño, co seu andar altivo e señorial,  parécese totalmente ao nobre hispano D. Diego de la Vega, a personalidade debaixo da cal se esconde “El Zorro”, non  me negaras que si lle pos un anteface, un sombreiro de ala ancha, unha capa (serve a que ten de cabaleiro do albariño)   e o montas a cabalo polas terras de Oubiña,  parece totalmente “El Zorro” atravesando o territorio da Baixa California.

Poderiamos seguir con cantidade de exemplos,unha estatua do patrón maior da cofradía, con esa planta e esa barba, con unha túnica  e un tridente, parecería totalmente Neptuno, o deus do mar, aínda que dáme a sensación de que este señor, fai moito tempo que  xa non se acerca ao mar nin para mollar os pes.

Pénsao,  querido alcalde, ata poderiamos intentar facer uns decorados para darlle a Cambados un aire como de Nova York, total, o barrio chino xa o temos.

Na espera de haberte sido de axuda despídome.

Ricardo Domínguez Rey. 

Nas redes sociais

Novembro 2012
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.