O Centro de Información á Muller (CIM) leva todo este ano coas súas portas pechadas. O BNG considera este feito inaceptable, xa que aínda que apoia a decisión do goberno local de mancomunar o servizo con outros Concellos, ve totalmente erróneo paralizalo mentres non se leva esta cooperación a bo porto. Ademais, o Bloque sinala que isto leva acontecendo varios anos, nos que o CIM só funciona uns meses de cada exercicio. Segundo Víctor Caamaño, voceiro desta formación, hai dúas lexislaturas o Concello empregou o conflito do CIM politicamente contra a Xunta do bipartito, mentres que na lexislatura primeira de Núñez Feijoo o goberno local simplemente deixou de reivindicar e mantivo paralizado o servizo. Unha mostra, para o BNG, de que ao Concello lle interesa ben pouco este tema. Caamaño propón que o goberno local sufrague os custos do persoal mentres non reciba a subvención da Xunta, para non deixar a moitas mulleres sen esta ferramenta.
Conversa
Aínda non hai comentarios.