O alcalde de Cambados leva máis de cinco semanas sen responder ao escrito que entregamos o 26 de Outubro informándoo de que procederíamos a gravar os plenos da Corporación en audio e/ou vídeo. Transladábamoslle daquela que este materia sería usado para difundir o devir das sesións plenarias desde este blog a todos os interesados, e que numerosas sentenzas e informes avalan o dereito do cidadáns a gravar estes actos públicos. No documento, solicitámoslle ao rexedor explicitamente unha resposta, que a día de hoxe, máis de un mes despois, non chegou. Só coñecemos a posición do goberno local do PP por medio da prensa, que hai un mes reflectía que desde o PP estaban “fartos” de Cambados(tk) porque consideran que empregamos de forma sesgada as imaxes do pleno. Toda a polémica comezou cando no último pleno o señor alcalde interrumpiu o mesmo para sinalar que estaba “prohibido gravar” sen solicitalo previamente, a pesar de que nese momento CTK non estaba a rexistrar imaxes da sesión.
Pois ben, no día de onte entregamos por rexistro do Concello un novo escrito para solicitarlle ao Secretario (ou a quen teña a ben responder) que nos comunique cal é o prazo que ten o Alcalde para contestarnos, tendo en conta que o vindeiro pleno é a última semana de Nadal. Nós consideramos que dous meses para resolver esta cuestión é tempo máis que suficiente, e que doutro xeito podería interpretarse (vistos os precedentes) que o alcalde pretende obstaculizar o exercicio deste dereito cidadá. Tamén consideramos (aínda que cuestionamos tamén ao Secretario ao respecto) que o silencio administrativo sería positivo. De todos xeitos, queremos deixar claro que acudiremos (salvo imposibilidade persoal ou técnica) a gravar o vindeiro pleno, e que non pararemos até que o goberno local recoñeza este dereito; non só para o caso de CTK, senón para todos os cidadáns que hoxe ou no futuro queiran facer uso del. Nós demostramos a nosa boa vontade informando ao alcalde de Cambados, agora a pelota está no seu tellado.
Hai escasos dez días coñeceuse unha nova resolución do Defensor del Pueblo tras unha denuncia cidadá por un caso semellante na localidade de Matillas (Guadalajara). O Defensor del Pueblo non só insta ao alcalde a permitir gravar os plenos da Corporación, senón que tamén lle recomenda que convide aos cidadáns a exercer este dereito ao inicio de cada sesión. E este é tan só un documento máis que avala a legalidade que nós defendemos tamén para Cambados.
Conversa
Aínda non hai comentarios.