Fátima Abal ten dous fillos e vive no barrio de Fefiñáns. En 2011 concurriu ás eleccións municipais na candidatura do PSdeG-PSOE como número 3 e obtivo a acta de concelleira. Hai un par de meses pasou a ser portavoz municipal logo do inesperado pasamento de Rafael Blanco, que desempeñaba esta función trala renuncia de Domingo Tabuyo. Fátima comezou a participar en política ano e medio antes da súa entrada na Corporación, segundo ela dun xeito casual. “É que desde a casa non se cambian as cousas” díxolle un coñecido cando falaban do mal que vían a situación. E púxose a disposición dun partido baseado nuns principios cos que ela coincide. Para “botar unha man no que fixera falta”. CONTINÚA LENDO A ENTREVISTA PREMENDO EN “SEGUIR LENDO”
A EXPERIENCIA COMO NOVA CONCELLEIRA
“Levamos a voz de xente que doutro xeito non estaría representada”
Para unha persoa que é concelleira por primeira vez…como é a experiencia?
O positivo é ser a voz, a representación dunha parte do pobo que te vota e tes que falar por eles; o que che comentan eles me smos e ti o transmites ao pleno. Iso é moi positivo porque doutra forma non terían cabida, xa que o que se fala desde o grupo de goberno non é en moitas ocasións o que a xente opina e o que a xente quere, aínda que eles pensan que si. “Cando a xente nos vota e porque están contentos”, iso xa o oín dúas ou tres veces nos plenos. Igual que o de que a culpa de todo é de Zapatero…
E do bipartito
Si. Cando xa hai tempo que gobernan eles e as cousas van a peor.
E o negativo?
Hai cousas que me parecen moi moi mal. Por exemplo a falta de respecto dos concelleiros que teño en frente [polos edís do PP]. Eu nunca pensei que puidera haber xente tan maleducada nun sitio así. Hai certas normas, como a de que o público non pode falar; pero logo eles poden acudir ao pleno sen un papel e un boli, poden xogar co móbil, quedarse a durmir, estar cuchicheando, rir, aplaudir… é que me parecen faltas de respecto moi grandes.
E no último pleno de Rafael Blanco como portavoz a actitude de Aragunde co das faltas de ortografía..
Iso si que foi unha falla de respecto e unha humillación innecesaria. Cando rematou o pleno el quedou sentado e preguntounos “Pero de verdade teño tantas faltas de ortografía?”. E non era iso, el preparou até o último pleno e non eran faltas, si que había letras cambiadas no escrito e era debido a como se atopaba el coa medicación e o cansanzo. E outra cousa; ti podes pensar o das faltas antes de ir ao pleno, pero unha vez chegas e ves como está fisicamente a persoa, e calas… Independentemente do desenlace que se deu ti ves a unha persoa enferma e non lle dis “non sei quen che escribiu isto pero para a próxima vez…”. Pois mira, non houbo próxima vez. Escribírao el e foi o seu último pleno. Tiveron un detalle moi bonito os concelleiros do Bloque ao achegarse ao final e dicirlle que non fixera caso. Eu creo que o alcalde estaba de mal humor, era o final do pleno e tivera varios piques con Víctor [Caamaño, BNG] (fora o día do famoso “non me jodas Víctor”) e pagounas coa única persoa que non lle pedía contestar, porque de feito xa lle pedira réplicas a Rafa no pleno e el declinara facelas.
A CARA NEGATIVA DA OPOSICIÓN
“Ás veces pregúntaste para que están os plenos”
Consideras que se vos permite incidir efectivamente na vida política municipal?
Non, moitos temas xa son “dar conta de”. E cando che “dan conta de” é que xa decidiron eles, e nunca te chaman para avisar dos temas que van levar a pleno, como por exemplo o do nomeamento de Manso como fillo adoptivo.
E logo no pleno parece que xa está decidido todo de antemán
Si, ás veces pregúntase “de que serven?”. Eu peco dunha cousa, cando escoito algo co que non concordo sinto a obriga de replicar, pero sei que replicando todo non acabamos ata mañá.
E aparte igual non se che permite
Bueno, neste último [o alcalde] si me deixou intervir cando pedín a palabra. Pero entendo que non podemos estar discutindo todo porque non conduce a nada. Iso si, non soporto que me traten de idiota, como cando Eulogio Pomares dixo que os pensionistas que cobran máis de 150.000 euros teñen que pagar medicamentos… pero que di? Non sei con que xente se codean, coa que me codeo eu desde logo non gaña iso nin en dez anos. Entón si, pregúntome ás veces de que valen… Porque ademais é certo que os plenos son públicos, pero públicos para as catro persoas que van, se queres facer difusión xa sabes o que pasa…
Precisamente tiña unha pregunta sobre iso: que posición tedes con respecto a que o público poida gravar os plenos?
Se son públicos a xente que non pode vir ás sesións ten dereito a saber o que pasa no pleno. A única explicación que teño para que non queiran permitir isto é que teñan vergoña do que din e do que fan. A min, que non me gusta nada saír en fotos ou nos medios, paréceme que é necesario que se difunda. Eu creo que lles dá vergoña, no último pleno por exemplo o alcalde tivo que facerlle un xesto aos concelleiros do PP para que levantaran a man porque había que votar.. ou as actitudes que mencionei antes…Forman parte do goberno do seu pobo e non lles importan un pemento os seus problemas?
Unha durísima situación (o falecemento do voceiro Rafael Blanco) fixo que tivésedes que reestruturar o grupo municipal, Giráldez é novo edil. Ides facer algún cambio máis?
Si, Lucas [Vieites] marcha a Londres por motivos de traballo, e entrará a número 8 da lista, Milagros Martínez. Entón seremos Mila, Giráldez e mais eu. E seguramente faremos como no último pleno, cada un levará un tema e así tamén se fai o pleno máis ameno. Gustoume que no último tamén o Bloque repartiu as intervencións [Víctor Caamaño non puido asistir e falaron Chon e Mª Xosé Cacabelos]. Así dentro do aburridos que poden ser, ao falar varios faise menos monótono.
AS PRIORIDADES PARA OS VINDEIROS ANOS
“Hai que atallar o problema do paro, a xente marcha e os comercios pechan”
Logo de ano e medio de lexislatura… como o está a facer o PP?
Eu fixeime o outro día nunha cousa, cando falabamos alí das Contas. Teño por costume ir anotando nos plenos todo o que se fala, e tiña a intervención de Jose Juan [Cores Chaves, PP] do ano pasado e a deste ano era clavada. Cambiou datos e a data pero o resto todo igual, xa non se molestan nun en cambiar a intervención. Para eles todo está moi ben, se chegou a dicir o alcalde que o Concello estaba “perita”! Ás veces dame a sensación de que non viven aquí ou non saen á rúa.
E que consideras que debería resolver o goberno municipal no tempo que queda de lexislatura?
O primeiro o do paro. Está marchando moitísima xente fóra. E non é a emigración de antes, marchan os máis preparados. Os comercios están cerrando, hai moitos locais vacíos co “alúgase” e parece que non lles preocupa. Iso si, a empresa máis grande é o Concello; eles contratan… amigos, favores…. Logo eu vexo desde a miña posición a nais que queremos traballar e ao ter fillos, tes as portas pechadas. Hai gardería municipal pero só até os 3 anos.
Ademais entendo que os cartos que adicou o Concello a mercar locais e montar museos (unha manía que lles entrou) deberían invertirse noutras cousas. Como en acondicionar o que se usa, como o parque de Torrado, onde os baños están asquerosos e o caucho en mal estado. Cando rompe un cabaliño do parque en lugar de arranxalo arríncano. Hai espazos infrautilizados, como a Merced, por non falar de Exposalnés, e non se fomenta que haxa actividades. Moitos dos gastos que considero superfluos dos museos deberían ir tamén ao centro de día.
…que era un compromiso electoral
Si, desde hai dúas lexislaturas. E hai xente maior en Cambados que o empregaría. Na campaña das eleccións municipais levaron alí máquinas para dar a entender que comezaban as obras (non empezaron aínda) e tivemos que pagar o aluguer desa maquinaria para nada. A foto que fixeron foi cos nosos cartos, non cos seus.
A estatua de Fraga: que opinión vos merece?
A mesma que tiña antes, no pleno no que se falou diso non se aclarou nada. Eles din que a paga o “sector vitivinícola”, as grandes adegas din que non saben nada, o escultor di que lla encargou o Concello. Máis claro… E outra cousa; paréceme moi irreal que unha persoa pague unha estatua e non queira dicir que o fixo, xa sen entrar en que non é moi normal que se unha persoa particular merca unha estatua o Concello lla poña en lugar público. Porque entón eu se lle fago unha á miña nai tamén a podo poñer na Praza de Fefiñáns? Eu penso que as cousas non son así. Levaron a estatua ás agachadas o domingo do Albariño e puxérona detrás da valla, que bueno, queda ben para sacar a foto coa estatua entre rexas (risas).
Entón a pintada de hai unha semana non cres que sexa unha simple “gamberrada” como dixo Aragunde?
Non, se fora un acto de vandalismo non irían a facerlle algo á estatua de Fraga, e en tal caso farían algo nas demais cousas no parque. Só foron contra a estatua. Pero tamén é curioso que se limpara tan rápido, que os baños non os limpan nun día!
AS RELACIÓNS COS OUTROS GRUPOS
“No eido municipal únennos cousas co Bloque; a diferenza está co PP”
A simple vista pode parecer que no estritamente municipal, as posicións do PSdeG-PSOE e do BNG no Concello son bastante converxentes. Onde está a diferenza?
As ideas nacionalistas do Bloque ou a forma de facer política igual non son as que teño eu. Pero si que coincidimos en moitas cousas. Eu hai mocións que defende o Bloque que se nón soubera que as van defender eles gustaríame levalas. Como a última, sobre o etiquetado dos produtos do mar galegos, ou sobre a canceira, ou agora co Piñeiral de Maza…cousas coas que coincidimos. Vexo claro que a gran diferenza está entre o PP e o resto.
É patente que se existe un cambio en Cambados viría, hoxe por hoxe (e a expensas de que poidan entrar novos grupos no consistorio) dunha coalición de goberno. Vouche preguntar algo do que nunca se falou antes… sería posible algún día unha candidatura única de centro-esquerda?
Depende dun montón de cousas, dos outros grupos que houbese (podería aparecer ANOVA e hai que ver que posicións teñen). É certo que a nivel municipal é máis factible que a nivel nacional, pero pode que sexa complicado. Dependería do sentir das militancias dun e doutros.
O PSOE presentou nas últimas contendas electorais a Domingo Tabuyo como cabeza de cartel. 2015 será a cita con outro candidato ou a porta de Tabuyo segue aberta?
Eu penso que cando Domingo deixou de ser Secretario Xeral e renunciou á acta de concelleiro é porque se quere manter un pouco á marxe nese sentido. Rafa pasou a ser o Secretario Xeral e sería seguramente o candidato, pero ninguén se esperaba o que ía pasar… Home, as portas nunca están pechadas, se el quixera o meu apoio teríao, pero aínda temos que renovar en Maio a executiva local e logo xa virá ese debate.
O PSOE EN HORAS BAIXAS
“Necesitamos mudar o PSOE comezando desde a base”
O PSOE vive unha mala situación electoral tanto en España como en Galiza. A que cres que se debe?
Penso que ten que ver co sentimento xeral de que a xente non cre na política. E moita veuse enganada con Zapatero, pero tamén sabemos de que parte están os medios e botouse toda a culpa a Zapatero, cando logo se viu que non era así, que había outras cousas detrás. Pero a xente quedouse con iso, e o PP cansouse de poñelo en pancartas, mesmo aquí: “Se non queres que lle fagan a Vilanova (ou a Cambados) o mesmo que fixo Zapatero en España, vota PP”. E tamén no PSOE hai de todo, hai xente que non fai o que ten que facer. Como tamén no PP ou no Bloque, unha vez que chegan a esferas tan altas esquécense do por que comezaron en política.
Cres que hai un alonxamento entre a base dos partidos e as cúpulas?
Si, pero penso que en todos os partidos. Quero pensar que a xente do PP tampouco está dacordo con todo o que fan, quero pensalo. E nós igual.
Cal cres que debería facer o PSOE para que a xente recupere a confianza nel?
Na miña opinión necesitamos un cambio moi grande, pero un cambio que empece por abaixo. A xente ten que confiar no partido porque confía na xente das agrupacións locais. Temos que estar máis coa xente, falar con ela saber o que lle pasa, os problemas que ten e levalos ao pleno e intentar resolvelos. Para que o pobo vexa que o apoiamos.
Fenomenal entrevista. Moi ben e Oscar e excepcional a miña veciña Fatima. Gustoume moito.
Da entrevista a Fátima Abal coincido con Chon: é do millor que lin en Cambados.tk en meses …é un consolo atopar unha oposición que se basa no respeto, na educación e no idealismo. Irreprochable. Me gosta sobre todo pola súa sobriedade, direta, fonda, e con grande valor humano. Domingo Tabuyo acertou de pleno o escoller a esta moza. Parabens.
Moitas gracias polos comentarios e pola entrevista. Síntome moi halagada, pero teño que recoñecer que o todo o mérito é do entrevistador, q ademáis, é moi bó fotógrafo. Moita sorte en todo, q de verdade o mereces!!!
Grazas de novo Fátima! Aínda que eu só podo levar o “mérito” das preguntas, o resto -que é maioría- é colleita túa. Unha aperta
As grazas son menos das que mereces Fátima, porén o que tes que aturar … velar polo interese dos cidadáns namentras un teña esa posibilidade é unha obligación moral, e esto non é unha opoción, é unha responsabilidade…. Todos temos que aportalo noso grao de area para millorar Cambados, desde onde seña, Concello, Sector servizos e por suposto o traballar arreo onde alí se precise.
Óscar Pardo é un mozo que ten unha preparación académica e un sentido da responsabilidade que vai máis alén do que amosan outras personaxes que viven a costa de todos nós, e que o único que fan é despilfarrar os cartos públicos asemade o único que lles preocupa é o seu aumento PATRIMONIAL o inflar o seu ego, que non cabe na Casa Grande, como lle gosta de chamar o meu amigo Chon. Esta é unha vila que precisa de trocos, non cambios, moi fondos .. intercambiar estructuras anquilosadas no pasado,e vertebrar un espazo COMÚN onde tódolos veciños estean representados. Luis Aragunde comprometeuse con esta idea, está explicitado por escrito e oralmente: en 2 anos a nosa vila dirá sí é certo este extremo ou non, nas furnas, que é onde corresponde facelo.
Saúdos