Hai un días coñecimos a moi mala nova de que Paradores, unha empresa dependente do Estado, aplicará un ERE a parte da súa plantilla. Nalgúns casos péchanse centros, noutros os Paradores só abrirán sete meses ao ano, e na maioría despídese a parte do persoal. Cambados está nese último grupo, con tres despidos sobre os pouco máis de trinta traballadores. Precisamente a ese extremo, ao non-peche do hotel da nosa vila, agarrouse Luís Aragunde para facer unhas declaracións moi desafortunadas ao Faro: “Dentro de lo malo, porque hay tres personas que van a quedarse sin trabajo, en Cambados estamos relativamente contentos”. Na mesma liña se expresou o presidente dos comerciantes, Marcos González. Non debían estar pensando no traballador de mantemento, nunha empregada de limpeza e no director do centro cambadés, que van perder o posto de traballo fundamentalmente pola mala xestión da alta dirección de Paradores, intimamente ligada ao goberno de turno, na actualidade ao Partido Popular. Os traballadores teñen claras sospeitas de que esta operación é a preparación a máis recortes e á privatización total ou parcial da empresa.
PSOE E BNG APOIAN TOTALMENTE Á PLANTILLA
O voceiro do Bloque, Víctor Caamaño, presentou unha moción para o vindeiro pleno relativa á situación de Paradores. Na moción pídese aos grupos que acorden instar á Xunta e ao Estado a que solucionen o problema e eviten despedimentos e peches de centros, así como a que fomenten a ocupación hoteleira nos Paradores e un plan de mellora dos mesmos. Tamén piden desde o BNG que as solucións sexan consensuadas cos sindicatos.
Desde o PSdeG-PSOE, a súa portavoz Fátima Abal, solidarizouse cos traballadores, que secundaron amplamente as protestas en Cambados. Abal acusou ao alcalde de pasividade ante conflitos como este, o de Alfageme, ou á vista das “ducias de negocios que pechan” no noso entorno.
Reflectido en Cambados. tk está, fai algúns meses, que a dona de Rodrigo Rato, Presidenta de Paradores, “ya se estaba haciendo notar” …. e de qué xeito …. a golpe de despidos. Bárbaro. A miña solidariedade cos traballadores do Parador de Cambados.