O Partido Socialista anunciara hai uns días que poñían en marcha a campaña de nadal adicada a recoller alimentos non perecedoiros en diversos puntos de Cambados para doar a Cáritas, e que estes chegaran ás familias en apuros para que todos teñamos un Nadal. Pois ben, tal e como apunta o blog de Xaquín Charlín “A ti Meu Cambados”, a voceira do PSdeG-PSOE denunciou boicot por parte do alcalde.
Os socialistas pedíanlle ao Concello tan só un pequeno espazo na entrada do auditorio para recoller alí alimentos (tamén se poden levar a centros escolares e supermercados da vila), e aínda que o Secretario do Concello lles dixo verbalmente que non habería problema, o rexedor denegou este permiso. Teoricamente porque “haberá actividades” alí, aínda que desde o PSOE argumentan que este recuncho da entrada non obstaculizaría o normal desenvolvemento das mesmas. Finalmente poderán usar o auditorio pero terá que ser na primeira planta (no local de Cáritas). Para depositar os alimentos no Auditorio o horario será de 11 a 13 e de 17 a 20 horas os días 13, 14, 15, 19, 20 e 21. O ano pasado as Xuventudes Socialistas recolleron máis de seiscentos quilos froito da solidariedade dos cambadeses.
Conversa
Aínda non hai comentarios.