Víctor Caamaño, a pesar de ter nacido en Noia, é cambadés, e aquí vive desde hai máis de corenta anos. Traballa como profesor no IES Francisco Asorey, na disciplina das ciencias naturais. A natureza é precisamente unha das súas paixóns, non en van é membro desde comezos dos noventa do Colectivo Ecoloxista do Salnés. Estas dúas ocupacións, ensino e natureza, levárono a participar na publicación de diverso material sobre o tema, destacando os magníficos libros da editorial A Nosa Terra. Tranquilo e cordial, dialogante, pero tamén firme nas súas conviccións. Foi candidato do BNG á alcaldía de Cambados en 2007 e 2011 e é o voceiro desta formación no noso Concello.
Que valoración do goberno fas deste ano e medio de lexislatura?
Estamos nunha crise moi forte, non só económica pero quizais o económico marca máis que outro tipo de cousas. Aínda que ás veces semella que todo isto está fóra da vida municipal, quero deixar claro que aquí neste ano e medio de lexislatura o goberno de Cambados o que fixo foi tratar de trasladar esas políticas ao Concello, sexa con suba de impostos, sexa con privatización de determinados servizos, ou sexa simplemente aceptando o que che impoñen aínda que consideres que é inxusto. Por un lado, hai ese papel de sumisión ao que veña “de arriba”, e polo outro o papel de continuas meteduras de pata e postas en evidencia do alcalde que viña con outra imaxe e comprobamos que realmente no Partido Popular non importa quen sexa o alcalde; os modos e as formas son as mesmas. PREME EN “SEGUIR LENDO” PARA VER A ENTREVISTA COMPLETA
A NOVA LEXISLATURA
“Luís Aragunde non é quen goberna. En moitos casos nótase que detrás segue Tourís”
Íache preguntar precisamente por iso: Aragunde amosábase como unha persoa con talante diferente, e parece que foi mudando de posicións…
Si, nós no Bloque sempre tivemos claro que non importaba quen estivera no PP. Mesmo eu nas anteriores eleccións dicía que non importa o como sexas a nivel persoal na túa casa, senón como sexas capaz de transmitir a túa política, e en Cambados escoitamos moitas veces en plan broma que se podía presentar Balboas porque en realidade o que se vai facer é o que o Partido Popular di que hai que facer: ser sumiso, obediente, e aceptar o que che impoñen. Demostrouse a idea de que goberna o Partido Popular, non Luís [Aragunde]. E todo o mundo ten presente que quen segue a ter as rendas en asuntos importantes (non en tapar unha zanxa ou poñer unha farola) segue sendo Tourís. Iso quedou de manifesto en múltiples equivocacións, meteduras de pata, onde se viu que Luís é unha especie de encargado aquí.
Entón pensas que Tourís segue a marcar a axenda en temas importantes…
Si, sigue mandando. En Cambados seguen a ter unha masa social sólida pero en temas como o de Pinal de Maza Luís non se atreve a actuar de alcalde e dicir: “mira, aquí hai que cumprir a lei” porque hai ordes do que se debe facer. Tamén estou seguro de que no caso moi cantoso da famosa estatua de Manuel Fraga, aí Luís ten pouco que dicir e ten que aceptalo e incluso mentir en varias ocasións para saír adiante cun asunto que eu penso que non vén del senón que é un mandado.
…tampouco saiu dos adegueiros a iniciativa?
Non, non, eu estou seguro de que non. Ademais incluso xornais como Faro de Vigo o demostraron preguntándolles e ninguén sabía nada, e que foi todo un remendo. Recordemos que na primeira proposta ao respecto Luís saíra dicindo que rapidamente ía ir ás administracións a pedir subvencións (e isto está nas hemerotecas). Cando o Bloque sacou unha nota de prensa dicindo que “nin falar” de financialo con cartos públicos, el cambia e xorde o tema dos adegueiros. Foi un remendo como outros que leva facendo o alcalde nos últimos tempos.
TRABALLAR NA OPOSICIÓN
“Obstaculízase o noso labor, é unha falla de respecto a unha parte da cidadanía”
Ás veces no pleno vívense discusións encendidas, que agora saen á luz, como a do famoso “non me jodas, Víctor”…como te tomas persoamente esas actitudes?
Por un lado son moi consciente do meu traballo político, non me parecen mal e creo que os deixa en evidencia, e o que sería penoso ou triste é que non puidera chegar á sociedade o que é o Partido Popular na xestión municipal. A min non me parece mal que Luís diga iso, se para alguén é negativo é para el. Tamén dicir que iso é unha estratexia recente, el non se comportaba así e estou seguro que lle dixo o xefe “mira, imos transformar isto en como me comportaba eu cando estaban outros líderes (sexan do Bloque ou do PSOE)”. E era totalmente despreciativo e lamentable.
Gustaríame aclarar unha cousa: a dereita ten unha idea de democracia moi diferente á dos que somos de esquerda. Reducen a democracia basicamente ao período electoral, para o cal se matan conseguindo votos (ás veces ata levando xente en camillas) e posteriormente, se gañan, entón acabouse a democracia ata dentro de catro anos. Entón, cal é a estratexia? Tentar que a vida municipal e a oposición se minimcen, que haxa o menor número de plenos que marca a lei e se os hai, que estean baleiros de contido. Eles queren ocultar o que é realmente o Partido Popular, e como actúan; unha serie de persoas que van facer alí teatro, que votan e apoian un montón de propostas que van en contra da sociedade e dos veciños de Cambados.
Entón ti cres que desde o goberno se entorpece o labor de oposición? Como?
Entorpécese e de xeito claro. Con pequenas actuacións constantes. A min se me entorpece, por exemplo, facéndome ir ao Concello e que só para ver unha documentación, se me obrigue a pedilo por escrito estando o alcalde aí ao lado. Logo teño que volver o día que me diga el (que pode ser que profesionalmente non poida) e se ese día descubro algo que me interesa, teño que pedilo por escrito outra vez. E así sucesivamente. A min, ao Bloque, entorpécesenos cando fas unhas preguntas e non chas contesta (teño un montón delas así) e volves a insistir antes do pleno porque está obrigado a respostar, e outra vez non o fai. Tes que acabar acudindo ao Valedor do Pobo, acaba sendo ridículo … o alcalde rise del. Non se quere que o Bloque vaia ao Concello, que acceda á información. Un exemplo é a documentación das Contas das festas do albariño e a lista de convidados. Pasa todos os anos. É un desprezo ao sistema democrático.
E aos cidadáns que non votamos ao Partido Popular
Por suposto, non entenden que o grupo municipal do Bloque representa a unha serie de persoas que nos votaron e estase gobernando só para os veciños que lle votan a el. Isto é unha falla de respecto a unha parte dos cidadáns.
E logo deste repaso “ao negativo”, que podes salvar da xestión local?
En Cambados o PP hai tempo que non ten un proxecto para este Concello, sempre funcionou de xeito moi práctico, moi modelo dereita: ter un asunto estrela cando se achega un momento electoral. Ninguén nega que Cambados recibiu bastantes axudas económicas, aínda que eu (a pesar de que isto non lle gusta a moita xente) creo que é criticable que un Concello por non ser da cor política do PP non reciba nada, e viceversa. Pero está claro que eu, se se arranxa o paseo marítimo, non podo criticar o feito de que se faga. Pero critico o conxunto, que non haxa planificación de pobo, onde as necesidades máis importantes de Cambados siguen estancadas. Como un Plan Xeral Urbanístico [PXOM], ou mellorar o saneamento, que é necesario non só por estética senón por unha cuestión de produtividade. Os repartos de axudas en cada momento deben ser equitativos e non depender de quen goberne senón tendo en conta os proxectos e peticións de todos.
OS RETOS PARA CAMBADOS
“É necesario que teñamos un plan como Concello, tanto no económico como no urbanístico”
Mencionaches o PXOM e o saneamento. Que retos cres que debe afrontar Cambados atá o final da lexislatura municipal?
Temos dous problemas comúns a outros concellos. Un é o paro. Demostrouse que nós, a pesar de ter máis potencialidades que outras zonas, sufrímolo máis. E outro, agora en segundo plano, é ese PXOM.
Que leva anos sen resolver…
Si, temos un borrador de 2011, acaba sendo ridículo… O que demostra isto é que non interesa, que é preferible deixar facer urbanisticamente en función de quen o pida e sobre todo, deixar que o Bloque exerza de “malo” ao denunciar casos irregulares. Tamén é necesario ter para Cambados un proxecto de tipo económico, que non se consigue nun par de anos pero si se debía ter conseguindo estando moitos máis no poder, como é o caso. Que se axude ao sector do mar, recuperando os bancos marisqueiros e non anunciando praias. Debíase ter conseguido un polígono industrial en condicións, pensado para ofrecer terreo industrial con servizos a baixo custo. E non facéndoo de xeito especulativo. E, aínda que é máis difícil a nivel local, apoio a nivel produtivo agrario. Máis apoio ao sector do viño, indo máis alá da típica subvención para saír na foto…por exemplo solventar o tema da mesa do viño, acordando prezos xustos para todos. Facer estable un sector clave e que reparta riqueza. Ata agora fixose máis na liña de que se vexan cousas materiais, de ver edificios ou infraestruturas.
Nos últimos meses falouse moito de Alfageme e agora o asunto rematará no xulgado e parece que con poucas posibilidades de manter os postos de traballo. Credes que os alcaldes da comarca fixeron todo o posible para salvalos?
Non, non vimos iniciativas para solucionar este problema. Aquí estiveron, non nun segundo, nun terceiro plano esperando a ver como se desenvolvían as cousas. Estamos falando dunha industria con 150 postos de traballo, moitos deles de veciñas de Cambados. Eles xogaron un papel lamentable, miraron para outro lado. Non vimos aos alcaldes (tampouco ao de Cambados) dicindo “isto hai que arranxalo como sexa porque é prioritario”. É que non só é Alfageme, pechou tamén Alimentos Arosa (Guau).
E agora parece que Cuca…
Quedamos sen sector transformador da industria do mar. Non se entende a postura dos alcaldes, aquí aceptaron o que lles viña de arriba, da Xunta.
Outro tema polémico a nivel local: o Piñeiral de Maza. Finalmente levastes o caso aos Xulgados…que agardardes? Que importancia ten este tema?
A orixe do propio conflito é unha preocupación popular. Nós consideramos que fixemos todo o que estaba no noso alcance: de tipo mediático, de tipo administrativo e político. E quedou claro que tanto a nivel local como da Xunta se oculta unha actuación que nos parece lamentable, penosa e perigosa. E nun momento en que as actuacións políticas on tan criticadas amósase unha falla de respecto coa cidadanía. Dáse a mensaxe de “eu fago o que quero, non teño que presentar a documentación nin dar contas a ninguén”. E isto ocúltase e tápase por unha alcaldía e por unha Xunta da mesma cor política. Deixámolo en mans da Xustiza para que sexa ela a que decida.
As novas tecnoloxías xogan un papel de crecente importancia, tamén na política. A este respecto teño dúas preguntas. Unha é sobre a gravación dos plenos: como valorades que a Aragunde pareza molestarlle que se difundan por internet?
O papel do pleno é puramente funcional: non podemos estar os catorce mil veciños de Cambados reunidos e decidindo. Estamos os representantes, pero os cidadáns teñen que saber o que se fala alí. Parece que eles teñen medo a que determinadas cousas que defenden nos plenos se transladen á sociedade. Creo que é algo sano, é posible que se se consigue esta difusión o Partido Popular faga menos “tonterías” no pleno e que tamén pense máis á hora de tomar unha decisión ou apoiar certas propostas. Sería ideal que o veciño vexa o que fai o seu representante político, vería se lle responde.
E a outra… como se compaxina no Bloque o feito de que un dos concelleiros (Xaquín Charlín “Chon”), sexa á vez o blogueiro máis lido (e ás veces polémico) de Cambados?
Ben. No Bloque todos temos a nosa actividade profesional e temos as nosas actividades e apetencias persoais (eu sigo colaborando cando podo co Colectivo Ecoloxista). Entón Chon ten unha afección que a transmite na súa páxina web, onde di cousas que ás veces comparto e ás veces non. Pero el días como Xaquín Charlín; o que di o Bloque está no noso blog, como manifestacións oficiais.
O BLOQUE POST-ESCISIÓN
“O futuro pasa por un nacionalismo de esquerdas, temos que buscar puntos de encontro”
O BNG viviu nos últimos meses un proceso convulso logo de que trala última Asemblea Nacional houbera unha escisión. A simple vista parece que en Cambados esta situación pasa menos factura…
A división do Bloque a nivel numérico non foi tan grande como algúns medios quixeron transladar, pero foi importante. E despois das eleccións vimos que si tivo efecto, ademais doutras cuestións. A nivel Cambados, a xente coa que se traballa agora é a mesma, aproximadamente, que antes, de xeito que no día a día non notamos moito cambio. O proceso a nivel xeral foi duro, difícil, unha situación tensa. E chegouse a unha división que foi negativa para o Bloque. Eu penso que calquera división deste tipo é mala para o nacionalismo porque non somos maioritarios en Galiza, e precisamos de todos. Nesta situación non mandaron tanto as diferenzas ideolóxicas como os conflitos persoais. Na asemblea houbo decisións democráticas e as persoas que marcharon están, loxicamente, no seu dereito, pero creo que se equivocaron. Tampouco hai que ocultar que os resultados estiveron relacionados con esa fractura que foi mala para o nacionalismo.
E que cres que debería pasar a curto ou medio prazo no BNG, no nacionalismo ou na esquerda…?
Parto da base de que nestas eleccións creo que o nacionalismo e a esquerda sairon perdendo. Era un momento en que a xente debía ter claro quen está ao seu lado defendendo a calidade de vida contra o deterioro a nivel social, laboral, económico… E quedamos nun segundo plano, preocúpame. En Galiza non podemos separar nacionalismo e esquerda; nós temos que defender que poidamos producir leite, pescar, facer barcos…Coas políticas que se aplican hoxe imos quedar co Camiño de Santiago e pouco máis. O futuro de Galiza pasa por un nacionalismo de esquerdas, está claro que hai que buscar puntos de encontro e que de cara o futuro teñamos todos metas comúns e poñamos por diante os intereses da maioría social galega, que o está a pasar realmente mal.
Falando de futuro… veste con ánimo e ganas de seguir sendo candidato á alcaldía en 2015?
Preferiría non entrar nisto agora, paréceme moi lonxe. É unha decisión que non está tomada, tamén porque dentro do BNG (que é un grupo totalmente democrático) dependerá quen se presente. Eu espero que sexa unha decisión de consenso, estea eu ou non. Logo é certo que nos 15 días de campaña te presentas como candidato a alcalde, pero o resto do ano eu preséntome como traballador por un modelo de sociedade distinta e estou cómodo con toda a xente que traballo. Non me plantexo esta cuestión, o que si creo é que o facer do Bloque comezará a ter os seus resultados. É unha tarefa lenta, diaria, e eu quero que cando chegue o momento a xente valore optar por unhas persoas que van estar traballando por eles os catro anos da lexislatura.
Conversa
Trackbacks/Pingbacks
Pingback: CTKast – Episodio Tres: Episodio Serenísimo | Cambados(tk) - 02/09/2016