//
estás a ler...
., Cambados

A conta bancaria para a estatua de Fraga existe, e hai vínculo ao Partido Popular


OS PRECEDENTES
A polémica que arrastrou a estatua de Fraga cumpre xa uns cinco meses. As continuas modificacións no discurso que o alcalde foi introducindo para “salvar os mobles” neste tema foron relevantes. Primeiro, a idea da estatua partiu do Concello (que orixinalmente pensara en adicarlle unha rúa), así o confirmou o propio escultor no seu momento e así o reflectía a prensa. Logo, á vista da polémica, Aragunde falou de acudir a administracións para financiar a mesma, pero a resposta social (a saída a prensa en parte grazas á convocatoria -declarada ilegal- de concentración) fixo que Aragunde, un mes despois de que comezara a polémica, declarara que era un misterioso “sector do viño” quen promovía e financiaba a escultura. As propias adegas rexeitaban que a idea partira delas, excepto unha (Bouza de Carril, de Ribadumia). En todo o momento, na prensa e en pleno, Aragunde manifestou que ese misterioso “sector do viño” abrira unha conta bancaria para que “todos os veciños que quixeran” fixeran a súa aportación. Iso si, o número de conta nunca se fixo público abertamente, nin os misteriosos promotores. Logo veu a mobilización das estatuas humanas no verán, a colocación da estatua entre rexas, e a pintada de hai un par de semanas…pero iso xa é outra historia.

A CONTA BANCARIA

Manuel Noya Figueroa nunha imaxe de hai anos publicada no Faro

Manuel Noya Figueroa (cuarto pola dereita) nunha imaxe de hai anos publicada no Faro

Tanto misterio levou a moita xente a pensar que a conta realmente non existira. Pero aínda que existe a certeza, corroborada daquela polo propio Faro, de que o tema do “sector do viño” foi unha invención a posteriori, si é certo que existe tal conta bancaria. Descoñecemos canto se recaudou ou se se cumpriu co suposto prezo (descoñecido). Tamén se se pagou xa ao artista ou non. Pero grazas a un anónimo que tivo curiosidade por coñecer o fondo deste asunto, temos copia dun recibo bancario no que consta o número de conta e nome da persoa titular. A conta está en Novagalicia banco e o titular é Manuel Noya Figueroa, que fora presidente da “Sociedad Agraria de Transformación (SAT) da Agrupación de Cosecheiros de Albariño de Vilariño-Cambados”, o xérmolo do que finalmente foi a grande adega Martín Códax (que dito sexa de novo, rexeitou oficialmente vincularse coa iniciativa da estatua). Noya é parente directo dun concelleiro do Partido Popular, o seu fillo Manuel Noya Chaves, que foi edil (pincha no enlace para ver foto no blog “A ti meu Cambados”) durante varias lexislaturas.

CONCLUSIÓNS
1.- Sabemos desde hai meses que a conta bancaria foi unha artimaña que o Concello quixo empregar para xustificar a mala idea da estatua. Demostrouno o xornal Faro de Vigo nun claro artigo sobre  as versións contraditorias de Aragunde.
2.- A conta foi efectivamente creada, e salta á vista o vínculo co Partido Popular, o cal confirma aínda máis que a idea de creala vén dese entorno. As principais adegas, incluída Martín Códax, rexeitaron ter que ver co asunto. O “sector do viño” que sacou a relucir Aragunde está reducido, de momento, á adega Bouza de Carril e a Manuel Noya. Queda claro que a palabra “sector” se emprega a cotío moi lixeiramente. Aínda que polo menos, desde o PP tiveron a “delicadeza” de que fora unha persoa relacionada co viño a que abrira a conta.

NOTA LEGAL OU ALGO SEMELLANTE
Desde Cambados(tk) queremos ser totalmente escrupulosos coa confidencialidade da persoa que fixo o ingreso, e coa propia protección de datos, información bancaria, etc. Eses son motivos para non publicar o propio recibo, cuxa copia podemos garantir que si custodiamos (non publicaríamos algo deste xeito sen o material que o avale). Unicamente tentamos con esta publicación botar algo de luz a un tema que segue a ser demasiado escuro, e que non deixou aínda de ser polémico. Non o será, cremos, até que esa estatua desapareza do Pazo Torrado e do chan público de Cambados. Agora, polo menos, xa temos un nome ao que se lle podería devolver desde o Concello a escultura para que se garde no espazo privado que desexe(n).

Conversa

6 thoughts on “A conta bancaria para a estatua de Fraga existe, e hai vínculo ao Partido Popular

  1. Os meus mais sinceiros parabens por este bombazo informativo e pola prudencia de non publicar o recibo, que nun dúbido nin por un só instante, coñecendo como coñezo a Oscar, que está no seu poder. Agora mesmo fagome eco da nova no meu blog. Reitero parabéns.

    Posted by CHON | 13/12/2012, 2:04 pm
    • Grazas Chon, aínda que simplemente exercín de medio de difusión do asunto. Foi posible porque as persoas que tiñan a información decidiron pasala, grazas a eles. E si, podo asegurar que aínda que se tiña a información desde hai un tempo agardouse a ter a copia do recibo pero polas razóns que se aducen no texto non vai ser publicado. Saúdos!

      Posted by Óscar | 13/12/2012, 2:11 pm
  2. Súmome aos parabens de Chon, Oscar……….grande noticia e grande exclusiva e agora a esperar acontecementos pra ver con que milonga sae agora o sr. alcalde.

    Posted by Ricardo | 13/12/2012, 3:08 pm
  3. Noraboa Oscar polo artigo…pouco a pouco desmantelando as grandes mentiras do PP…;)

    Posted by Marcos | 14/12/2012, 10:53 pm
  4. Mi no entender. Onde está a mentira? O señor Noya non pertence ao sector do viño? E Bouza de Carril non pertence ao sector do viño? E Don Olegario non pertence ao sector do viño? E don Fabián de Castrelo non pertence? E o Capítulo Serenísimo do Albariño non pertence ao sector do viño? E Pintos e Pedro Piñeiro tampouco? Noraboa öscar por descubrir que o sector vinícola está detrás da idea. E que en Cambados non hai centos de admiradores do finado Don Manuel Fraga que poden apoiar a iniciativa da estatua? Galicia está chea de estatuas de Pablo Iglesias, por exemplo, fundador do PSOE. Por que non pode haber unha dedicada a Don Manuel? Foi presidente democrático da Xunta de Galicia 16 anos, un dos políticos máis queridos polas xentes humildes do noso país, por moito que vos amole. E Cambados débelle moitísimo, por máis que vos amole. Non vos pedimos que o admiredes, só pedimos respeto para a súa memoria e para os milleiros de galegos que o admiramos como gran líder que foi deste país.

    Posted by Jacinto Cobas | 16/12/2012, 3:23 pm
    • Si tú no entender, tú leer artículo del Faro de Vigo, pero resúmocho a continuación.
      A mentira está en que a conta bancaria non existía cando o alcalde dixo que existía. Outra mentira é que a iniciativa non foi do “sector do viño”, senón que estes foron arrastrados para tapar a incapacidade do alcalde, e do PP local, para xustificar a erección dunha estatua a un señor que mandou fusilar a xente de ideoloxía contraria á súa (aínda haberá que ver se isto non vai en contra la Lei de Memoria Histórica).
      Que Fraga é admirado, pois non cho nego, persoalmente non vexo razóns de admiración, máis que o populismo estándar do que fixo gala en tantos anos de goberno. Que mandou moitos cartos para Cambados, habería que ver de onde sacou eses cartos, e a onde deixou de mandalos para que viñeran para aquí.
      E outra cousa; desde cando fai falta que un concello medie entre un sector industrial e un escultor para que faga unha estatua? e desde cando as estatuas de sectores privados se poñen en chan público (de noite, a escondidas e con persoal municipal, facendo horas extras)? Se tes resposta, xa sabes onde poñelas.
      Saúdos.

      Posted by Robert Henstridge | 16/12/2012, 5:28 pm

Deixar unha resposta (o comerntario deberá ser aprobado polo administrador antes de ser visible)

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Nas redes sociais

Decembro 2012
L M M X V S D
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

A %d blogueros les gusta esto: