O caso do antigo piñeiral de Maza (agora reconvertido nunha gran superficie adicada ao albariño) deixou a vía política para entrar na xudicial, logo de que tal e como informaramos hai semanas o Bloque transladara ao Xulgado este tema. En resumo, convertiuse un terreo forestal nunha plantación de viñedo, sen, presuntamente, os trámites legais necesarios. Vinculados a estas obras están un concelleiro do PP de Cambados e o propio Jose Manuel Cores Tourís, volto a nomear hai tres días delegado da Xunta en Pontevedra.
Pero a pesar de que o asunto está nos xulgados, o tema segue a traer cola porque cada vez que chove, a auga e a lama baixan desde Maza (situado no punto máis alto dos arredores). Estes días, veciños da zona reportaron fortes ríadas. Un cacho do muro que ou se veu abaixo ou estaba sen pechar (como se pode ver nas fotos) fixo que o material da finca fose expulsado ao exterior, e a maquinaria aínda presente na zona tivo que actuar. Esa porción do linde da finca está protexida por vallas e dentro do antigo piñeiral parte da terra veuse literalmente abaixo. Isto ten que ver, seguramente, coa falta de vexetación na parcela. Ata hai meses unha espesa masa forestal e vexetal cubría Maza, exercendo esta vexetación de soporte para a propia terra. Desprovista agora deste soporte natural, e fallando o muro, a terra vense abaixo invadindo a vía pública. Xa se sabía desde hai semanas que a baixada de auga desde Maza causaba inundacións na capela de San Antón (xusto fronte á finca), e colocáronse sacos na entrada da mesma para evitar problemas. Agora, xa non é só auga o que baixa.
Relacionada
Xa hai mes e medio, “A ti meu Cambados” informou de sucesos similares en Maza, con intervencións da Policía Local incluídas. O alcalde dixo en pleno días despois a que se tomaran fotos da Policía na zona que os axentes non interviñeran nunca en asuntos relacionados con esta finca.
Conversa
Aínda non hai comentarios.