Os dous escritos de Cambados(tk) a respecto de poder gravar os plenos e difundir estas imaxes ou son a través da rede, seguen hoxe sen contestación. Considerando este silenzo administrativo como positivo para nós, onte procedimos a acudir ao pleno cámara en man (deuse a casualidade de que Tele Salnés tamén tomou algunha imaxe do acto). A pesar das declaracións do grupo popular na prensa hai semanas, nas que recoñecían “estar fartos” de CTK e de que se filtraran á rede as actitudes dos concelleiros do seu grupo, onte o alcalde non interrumpiu a sesión (como na anterior vez) para advertir que non permitía gravar. Así pois, puidemos rexistrar integramente o sucedido, tendo lugar un pleno bastante monótono e moi medido nas formas -ao contrario que noutras ocasións-. Isto último puido deberse á presenza da cámara ou, máis ben, a que un grupo de traballadores de Paradores asistiron ao Pleno, un Pleno no que normalmente non adoitan sentar no público máis de dez persoas.
O Diario de Arousa cuestionou ao goberno local sobre a polémica das gravacións. O alcalde e os seus recoñeceron agora que as sentenzas que existen son favorables ao exercicio deste dereito, e que aínda non se posicionaron posto que solicitaron informes a “instancias superiores”. Segundo o Diario, o feito de que onte permitiran gravar pode ser temporal. Aínda así, vistas as sentenzas e os diversos informes xurídicos, resulta moi difícil de crer que esa “instancia superior” á que se refire Aragunde, vaia ser contraria á legalidade vixente. Polo tanto, todo aquel que queira gravar, tan só ten que presentar por cortesía un escrito como este no que informa ao alcalde de que o vai facer, baseándose no marco legal e no respecto á protección de datos. Aínda así, nós agardamos recibir resposta aos dous escritos que presentamos no rexistro do Concello, pasaron case dous meses desde que presentamos o primeiro.
No vídeo: o último cacho do pleno, no que Aragunde se refire ao acto de protesta de Lois Baúlo como “chegou un señor que se puxo en calzoncillos”. O BNG pediulle que se solidarizara cos afectados pola estafa das preferentes.
Conversa
Aínda non hai comentarios.