Ao comezo da sesión, a voceira do PSdeG-PSOE, Fátima Abal, pediu a palabra. “En memoria de Rafa Blanco” [o anteiror portavoz do PSOE, finado hai tres meses] quixo dirixirse ao alcalde, a quen lle lembrou dun xeito bastante efectivo a falla de educación que amosara Luís Aragunde no último pleno ao que acudira Rafael Blanco. Naquela ocasión, cun portavoz do PSOE visiblemente afectado fisicamente, canso, o alcalde espetáralle ante todos os presentes a cantidade de “faltas de ortografía” que segundo el contiña un escrito asinado polo portavoz socialista. Fátima Abal xa recoñecera na entrevista a Cambados(tk) de hai un par de semanas que aquelo non lle sentara nada ben ao propio Rafael Blanco nin aos seus compañeiros de filas. Unha “humillación innecesaria”, así o calificou na entrevista. Daquela, en CTK calificáramos o xesto de Aragunde como “unha terrible falla de educación”.
No pleno do xoves, Fátima Abal fíxolle ver a Luís Aragunde que o escrito da convocatoria do pleno que el asinara, contiña “en doce frases 29 faltas de ortografía” . Acusouno de non ver a viga no seu ollo cando si vira a palla no ollo alleo, naquela ocasión no dun compañeiro cunha enfermidade con resultado de morte. O alcalde quixo zanxar axiña a polémica e o pleno deu comezo. Podes escoitalo audio que encabeza a entrada. No que tedes a continuación podedes escoitar a intervención de Aragunde que desencadeou esta pequena polémica.
Un dos puntos do día do pleno do xoves era o debate e votación da moción do Bloque sobre o problema laboral de Paradores, que no caso de Cambados podería deixar tres traballadores na rúa. Os propios afectados e compañeiros estaban presentes ese día no salón de plenos, algo que quizais fixo que o desenlace do debate fora a unanimidade da votación. Isto quere dicir que a Corporación insta ao Goberno central a parar o plan de axuste de Paradores, impedindo os despedimentos e o peche dalgúns centros en Galiza. Ademais, pide que se realicen plans para mellorar a ocupación hosteleira no país, potenciando e mellorando a rede de paradores, e reclama que calquera plan que afecte á plantilla sexa negociada cos seus representantes. O curioso é que no texto expositivo da moción, que votou o Partido Popular a favor, dise textualmente que estamos ante un “plan, duro e salvaxe”, que contou “co silencio cómplice e o beneplácito do goberno do PP na Xunta e dos alcaldes do PP nas vilas afectadas”. Ademais, do PP tamén di: “demostra a falta de xestión do PP, con capacidade demostrada para o recorte e o despido de centos de traballadores e traballadoras”. Podes ler a moción íntegra premendo aquí.
A nota “anecdótica” do debate púxoa o propio alcalde, que ao comezo da súa intervención, non deixou pasar a oportunidade para gabar a figura de Manuel Fraga, chegando a dicir textualmente que “Manuel Fraga foi quen construiu o Parador en Cambados”, por iso “lle debemos tanto a Fraga”. Parecía outra autoxustificación máis polo tema da estatua no canto dun debate sobre o problema laboral dos traballadores. O alcalde salientou que Cambados non era un dos centros en perigo aínda que dixo sentirse “sensible” ante calquera perda de postos de emprego, sobre todo ao poñerlle “nomes e apelidos”. O voceiro do BNG, Víctor Caamaño, fixo a defensa da moción que o seu grupo presentou poñendo de relevo a contradición entre a apertura de Pousadas por parte da Deputación e do feche de Paradores polo goberno central, e a do PSdeG-PSOE, Fátima Abal, argumentou o voto positivo do seu grupo lendo unha iniciativa do PSOE no Senado na mesma dirección.