//
estás a ler...
., Artigos de opinión, Óscar Pardo-Planas, Cambados

Un alto no camiño (a “tregua sen entrega de armas” de CTK)


Non é un cese definitivo, pero tampouco sei ben o que é. O que está claro é que é un alto no camiño, e que quizais estas liñas son as máis difíciles de escribir nestes últimos oito anos de activismo na rede. A rede, ese espazo tan global e que pode, e demostrámolo, ser tan local ás veces. Porque os que cremos nun mundo diferente, mellor, sabemos que os cambios comezan cos pequenos xestos, e coas accións cercanas. É a suma de todo iso o que nos acerca á utopía, esa que nos axuda a seguir camiñando.

A "marea laranxa" en 2006

A “marea laranxa” en 2006

Precisamente o cambio estivo presente en toda a traxectoria de Cambados.tk.. O lema foi, desde o ano cero “Mudar Cambados”. No plano electoral non o conseguimos –por agora-, mais eu agardo que no plano político e social a incidencia de CTK teña sido positiva. Non creo este pequeno recuncho fora fundamental, nin moitísimo menos!, pero quero pensar que foi un graniño, máis ou menos diminuto, que aportou algo bo a toda a xente que soñamos cun Concello transformado e transformador. Que dera que pensar. Que ás veces revelara algunha cousa, e outras simplemente puxera enriba da mesa o que todos pensamos e que por desgraza non vemos reflecido noutros espazos máis “convencionais”. Un medio crítico, moi crítico, e serio, levado adiante simplemente con boa vontade e ilusión. Sen, por suposto, fins lucrativos, e posible grazas á colaboración de ducias de persoas ao longo de anos. E tamén con fallos que agardo sexan menos relevantes que o propio proxecto. As circunstancias persoais van cambiando, e a partires de hoxe fan difícil que a páxina continúe como o estaba a facer até o de agora. Isto non quere dicir que se peche a porta a unha continuación, pero si significa que polo menos nunha pequena tempada vai quedar suspendida a actividade.

CTK comezou coa reivindicación das pistas de tenis en 2005

CTK comezou coa reivindicación das pistas de tenis en 2005

De aí o da “tregua” e de aí o de non entregar “as armas”. Cambados.tk non pecha. Para empezar, porque o arquivo da última etapa da web (a etapa blog, desde 2009), ten que quedar na rede como testemuña dunha visión de esquerda de Cambados nese período. Porque se algo comprobamos é que neste Concello os erros se repiten, e para iso cómpre coñecer a historia do que pasou. Ademais tampouco se pode descartar que finalmente as circunstancias si permitan volver á actividade, aínda que sexa doutra forma ou cunha intensidade diferente. Xa sei que houbo outras veces nas que CTK “calou” un rato, mais creo que desta volta é diferente e sentía a necesidade de anuncialo axeitadamente.

Tamén de aproveitar para agradecer fondamente a todas esas persoas que xa mencionei antes, que dunha forma ou outra colaboraron con esta web ao longo de sete anos e medio, case oito (que sodes un montón!). A todos, por suposto, os que lestes e participastes da páxina. Aos que compartistes nas redes sociais os enlaces que fixeron que CTK fora lida. Aos xornalistas que nos foron seguindo con atención. Aos diversos representantes políticos, incluídos os do Partido Popular que fixeron todo o posible por ignorarnos (e que orgullo nos produce!) até que non puideron facelo.

No plano máis persoal lévome desta experiencia cousas moi boas. Aprendín moito, e coñecín a moita xente coa que doutro xeito posiblemente non tería chegado a coincidir. A tantos e tantas dos “bos e xenerosos”. Fun coñecedor dos problemas do meu Concello e tentei que estes foran coñecidos. Seguramente a raíz do traballo na rede, participei en política de maneira máis ou menos activa, e aprendín a valorar o traballo daqueles que, desde a base, dan a cara polos seus veciños. Eles terán sempre a miña simpatía e apoio, dunha forma ou doutra.

A protesta contra a estatua de Fraga congregou a ducias de persoas no verán

A protesta contra a estatua de Fraga congregou a máis dun cento de persoas no verán

Na miña memoria –e agardo que na de máis xente- quedan cousas tan positivas como aquela “marea laranxa”, aquelas revistas tituladas Mocidade en Marcha, tamén algúns panfletos. E tantos temas da actualidade cambadesa que tentamos transmitir desde CTK, unhas veces acertadamente e outras, posiblemente non tanto. Tantos e tantas veciños que falaron connosco para pedirnos que tratáramos algún tema, ou que se achegaron para felicitarnos ou para facernos algunha crítica. E sobre todo está na miña memoria recente este último ano frenético no que conseguimos pasar da acción virtual á real e ducias de persoas se mobilizaron connosco na rúa (e de que xeito orixinal!) contra a xa famosa estatua de Fraga. Algo inédito en Cambados.

Vivimos tempos convulsos, e nos que máis que nunca é necesario que as persoas teñamos claro que, de non exercer como cidadáns (en toda a amplitude da palabra), os espazos que os nosos antecesores foron gañando nos serán roubados. É tempo de loita, na rede, pero sobre todo aí fóra. En Cambados, e no país, para impedir que os “de sempre”, os que provocaron a crise e os que queren gobernarnos, se saian coa súa. É tempo de rebeldía. Para iso estivo Cambados(tk) nestes anos, e para iso cada quen debera traballar na medida en que lle sexa posible. CTK non dá tregua porque os poderes locais o merezan. Nin moito menos: temos comprobado que o cambio de caras a nivel municipal non garante ningunha mellora para os cidadáns.

Vivimos nun pobo cuxa calidade democrática se foi degradando a pasos axigantados nos últimos lustros, unha vila que moitas veces segue durmida á veira do mar, como relatara o propio Ramón Cabanillas. Cambados(tk) só deixaría de ser necesaria tal e como se plantexou cando sexa verdadeiramente o pobo quen goberne Cambados, e Cambados non sexa máis a leira particular dun grupo de persoas. Por iso tamén queda a porta aberta.
Porque son tantas as batallas as que quedan por librar! seteanos Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

Conversa

9 thoughts on “Un alto no camiño (a “tregua sen entrega de armas” de CTK)

  1. Teño unha dúbida, se marco as 5 estrelas porque me gusta o artigo, igual se entende que alédome de que a páxina deixe de publicarse, cando non é certo. Se marco unha estrela igual coidas que o artigo é malo, que tampouco é certo. ¿Que fago Oscar?, pois o mais sinxelo, darte as grazas de todo corazón e decirte que me entristece non poder volver a lerte case todolos días. Unha aperta¡¡¡

    Posted by Benito | 26/12/2012, 7:40 pm
    • Que va, non vou “malinterpretar” estrelas 😉 . Encántame que se poña de manifesto que quen está “ao outro lado” do ordenador son persoas, non números (visitas). Encantoume compartir estes anos convosco. Moitas grazas Benito, apertas, e vémonos na rede!

      Posted by Óscar | 26/12/2012, 11:37 pm
  2. Para min Cambados TK foi, é seguira sendo o meu norte nesto da rede de redes. Tiven o ser de ir coñecendo un rapaz que estaba “mudar” Cambados e que agora é xa todo un home. A súa valentía debia de ser exemplo para todos os mozos cambadeses con gañas de loitar polo seu pobo e pola súa nación. Sabes Oscar que te admiro moitisimo, para min o pau mais grande é que houberas deixado o BNG, pero estou seguro que nun futuro non moi lonxano nos volvamos a atopar na casa comun do nacionalismo galego chámese como se chame. Espero de verdade que che vaia todo ben e espero que volvas a rede porque non sei se o sabes pero sempre quixen ser o lado trasgresor de Cambados TK. A miña admiración, o meu respeto e a miña simpatia, unha forte aperta.

    Posted by CHON | 26/12/2012, 7:51 pm
  3. Nós, os que sufrimos o voso sectarismo, os que padecemos a vosa división maniquea entre bos (nacionalistas galegos) e malos (conservadores españois), tamén te imos botar en falta Óscar. Os do PP non somos tan malos como vos queredes facer crer á xente. Nin queremos destruir o idioma galego, nin queremos acabar coa Sanidade ou coa Educación (se tal fose certo xa o denostado don Manuel se teria ocupado diso). Pero ainda que sexa de maneira esaxerada e inxusta, é lóxico que se nos critique cando estamos no poder. E dende ese prisma prefiro o estilo tk que o estilo Chonito. Dende logo, Óscar, non es complacente nin moito menos, pero es educado. Atacas, criticas, mordes se é preciso, pero procuras non ofender. Sodes todos uns tocapelotas, e aí seguiredes teimudamente, pero agradécese cando se nota un chisco de respeto persoal (non digo político. Mentres estés nos USA teremos que aturar ó llanero solitario que insulta, ofende e dalle igual humillar públicamente ás persoas, se estas son do PP ou mesmo sospeitosas de conservadurismo. Iso si, lamento que fales de tregua cando esta non é unha guerra e de entrega das armas cando isto recorda a unha banda asesina que truncou case un milleiro de vidas. Sobran esas apelacións, pero ainda así deséxoche moita sorte nese novo camiño que emprendes. O cortés non quita o valente.

    Posted by Jacinto Cobas | 28/12/2012, 6:16 pm
    • Eu sempre fixen distincións entre “a xente do PP” e os que están arriba, e os numerosos graos de responsabilidade que hai polo medio. Daría para horas de falar! Non creo que CTK fora sectaria, pero ás veces tamén puidemos errar. De todas formas, moitas grazas pola túa mensaxe e por leres a miúdo a web, para min é un pracer e encántame que a lera xente que en moitas cousas non está dacordo co aquí expresado. Non sei se Jacinto é o teu nome, pero de todas formas: graciñas e oxalá me leve esa sorte.
      PD. O da tregua e das armas, non é máis que unha forma metafórica de falar, xa non fai falla que o aclare. Sempre fun (e fomos) moi pacíficos.

      Posted by Óscar | 29/12/2012, 8:38 pm
      • Jacinto eu teño amigos no PP coma en outros partidos, e os respeto, namentras me respeten a min. Te podía contar o sectarismo con todo luxo de acenos, pero do Goberno Municipal de Cambados … a oposición o que ten que facer é opoñerse e facer un traballo, que por certo, non lle permiten facer conforme dicta a lei … eu de Chon podo decir que se tivemos algún roce, solucionouse de xeito inmediato falando … non sei se o ollaste algunha vez en Tele Salnés, é do máis correcto e educado … do Blog algunhas cousas me gostan máis que outras .. agora que se un fai labouras de goberno é polo tanto, unha personaxe pública e estás exposto a que te fagan caricaturas … que non é insultar … senón están os Tribunais para quen se sinta ofendido. Saúdos e feliz ano 2013 co corazón para tódolos veciños de Cambados, incluídos os que non comparten as miñas ideas e que haia saúde e traballo, que falta fan…

        Posted by oscarman | 02/01/2013, 9:59 pm
  4. Leo perplexo o comentario do facha de quenda, o tal Jacinto Cobas, que polo que me din e algúen moi achegado a Luisiño Aragunde, a primeira lectura parece dunha probe muller maltratada, vai de víctima cando é o verdugo, e claro insulta como saben os do PP a unha persoa que di verdades como puños, que mostras as súas vergoñas e os seus lios. E logo di que non queren acabar coa sanidade, ou ca educación as mostras me remito. Foi o unico partido que puxo en pe de guerra incluso a colectivos conservadores. Hai que foderse os cambadeses, galegos e españois temos que sufrir os insultos e mentiras diarias de xente como Rajoy, Cospedal, Louzán, Touris e Aragunde, temos que sufrir como os nosos rapaces que valen, e ti eres un dos moitos exemplos Oscar, teñen que marchar para afora mentres eles enchufan os seus nos Concellos, Deputación, e Xunta a asesores personais sen preparación e sen estudos solo polo simple feito de ser uns lambecus do PP, e temos que aguantar as ciriticas destes suxetos porque somos democratas e eles non, pero que sepan estes aprendices de dictadores que se dedican a amenazar os blogueiros que non son da súa corda, que como dicia Dolores Ibarruren “A Pasionaria” que vai haber xente que “prefire morrer de pe e non vivir de xeonllos”.

    Posted by Irmán "rojo" de Jacinto Cobas | 01/01/2013, 1:29 pm
    • Jacinto non sabía que estabas tan ben relacionado … Benito Pérez Galdós, na súa grande novela El Abuelo, dicía que o que se achega / arrexunta a aqueles que manexan o poder, progresan … estás no teu dereito de expresarte e xuntarte con quen ti queiras, abofé. Eu non estou na UPG, nen no PSOE, nin en AGE, nin no PP … polo tanto desde a miña condición de veciño de Cambados, aporto a miña opinión, e tento non ofender a ninguén, aínda que me trabuque coma todo o mundo. A diferencia é que non minto, ás probas me remito … hai que ter pouca altura moral e ética nen (de ningunha clase) para dicir “que o que está facer ao PP é obligado, que incitounos a mentir ZP PARA SALVAR ESPAÑA” … por Deus, para CHEGAR AO PODER ….
      Namentras Galiza ten 20.000 parados máis ,,,, record no Estado Español ,,,, a primeira Autonomía en destrución de emprego, a culpa non é do PP, e de quen o colocou aí, agora que escarmenten.
      Saúdos

      Posted by oscarman | 03/01/2013, 2:22 pm

Deixar unha resposta (o comerntario deberá ser aprobado polo administrador antes de ser visible)

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Nas redes sociais

Decembro 2012
L M M X V S D
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

A %d blogueros les gusta esto: