//
arquivo

Óscar

Óscar has written 1238 posts for Cambados(tk)

CTKast – Episodio Catro: Cidade Europea do Viño…e isto que é?


cidadeeuropea

Logo do proxecto gañador de Cambados

Episodio Catro: Cidade Europea do Viño…e isto que é? No mes de Novembro Cambados foi elixida pola Rede Europea de Cidades do Viño (Recevin) como Cidade Europea do Viño para 2017. Unha nova que foi acollida con ledicia na nosa vila por xente de todas as cores políticas. Mais, a piques de chegar xa a 2017… que supón este proxecto para Cambados? Neste capítulo de CTKast falamos das incógnitas que xurden trala boa nova da vitoria cambadesa fronte a rivais fortes como Villafranca del Penedés ou Aranda del Duero. Ademais, analizamos criticamente as desavinzas xurdidas no goberno a raíz da convocatoria dunha comisión organizadora das actividades enmarcadas neste proxecto.
Na segunda parte do programa entrevistamos a Bárbara Abal, unhas das impulsoras da iniciativa de interacción xuvenil “Que fago da miña vida?”para falar dese proxecto e das actividades que queren impulsar neste novo ano que está a punto de comezar. Ademais, reunímonos con Dani, Edu e Álex, membros do novo club de fútbol gaélico, para coñecer máis sobre este deporte que bota a andar no noso Concello.
Ademais de Carlos e Óscar, contamos con este capítulo con Eulogio Romero para a tertulia de CTKast. Un pracer telo connosco e agardamos que a experiencia se repita!

Ir a iVOOX para descargar

Podes escoitar este capítulo empregando o reprodutor que aparece enriba, ou tamén podes descargar o audio e escoitalo no dispositivo da túa preferencia cando teñas tempo libre seguindo este enlace. Non dubides en deixar comentarios coas impresións, críticas e ideas…tanto aquí como no Facebook ou Twitter.

Máis información sobre os temas tratados:

Vídeo de Juan Galiñanes “Cambados, hecho a mano”

Páxina de Facebook de “Que fago da miña vida?”

Páxina de Facebook de Fútbol Gaélico de Cambados

O escándalo do Xantar e máis cifras (Información complementaria ao Episodio Tres)


Como información complementaria ao Episodio Tres: Episodio Serenísimo, publicamos algúns datos aos que nos referimos durante este capítulo de CTKast.

GASTO PÚBLICO DO CONCELLO PARA A FESTA DO ALBARIÑO

Este foi un dos temas máis discutidos nos últimos anos entre oposición e goberno. Nos anos de goberno popular foi un dato moi difícil de conseguir, sobre todo en termos desglosados. Coa entrada do goberno de cambio en 2015, publicáronse non só os datos do novo goberno senón os de varios anos anteriores (con excepción de 2011, non dispoñíbeis).

GraficaGasto

Todas as partidas adicadas á Festa desde o goberno local sumaron desde que hai rexistro público máis de 200.000 euros. Ben é certo que o custo para as arcas locais descendeu desde que o novo goberno tomou as rendas do Concello. Aínda que hai que tomar con precaución os datos, xa que do novo goberno só temos información de 2015 e non desta última Festa de 2016 (aínda non revelados). Aínda así, nese ano 2015 o goberno local reduciu nun 26% o gasto para a Festa en comparación coa media dos datos de catro dos últimos gobernos do PP. Un descenso que superaría o 30% se o comparamos co ano 2010, o gasto máis alto dos que se teñen rexistro. Se falamos de gasto con respecto aos Orzamentos totais do Concello, a Festa do Albariño superou amplamente o 2% do orzamento, sendo dun 3.7% en 2010 e descendendo até o 2.45% do total en 2015.

VENDA DE BOTELLAS E CATAVIÑOS

Un dos temas que tratamos en CTKast é como podemos cuantificar a afluencia á Festa. Unha das medidas que se empregan logo de cada Festa é o dato facilitado pola Consello Regulador sobre o número de botellas de viño vendidas nas casetas d’A Calzada. Este número aumentou moito nos últimos anos, pasando de 60.000 botellas en 2009 a 95.000 nesta última edición de 2016, a maior cifra rexistrada nunca. A figura de embaixo reflicte os datos oficiais do Consellor Regulador das Rías Baixas diseminados por múltiples medios. O descenso puntual de 2014-2015 relacionouse coas condicións metereolóxicas durante os días da Festa. (Nota: Os datos de cataviños, máis modestos, non puideron obterse para 2011-2013)

GraficaBotellas2

 

CONVIDADOS AO XANTAR DE ALBARIÑO: DATOS ESCANDALOSOS

No momento da gravación do podcast non contabamos máis que cos datos máis recentes de convidados ao Xantar do Albariño. Aínda que pareza incríbel,  non existían datos publicados serios sobre o asunto. A única lista que foi feita pública foi en 2010 e tratábase dunha lista pouco veraz. Incluía a menos de 300 persoas, cando era publico que asistían máis de 600, unha grande parte co convite subvencionado polo Concello, e non incluía convidados tan obvios como o propio alcalde de Cambados. Aínda así, a lista permitía comprobar o que é sabido, que unha grande parte das persoas que comían de balde eran membros do Partido Popular (un 40% da lista publicada), e máis de corenta eran confrarías convidadas polo Capítulo Serenísimo pero sufragadas con cartos públicos.

Cambados(tk) enviou recentemente unha petición formal ao Concello de Cambados (vía páxina de transparencia) para acceder a máis documentación sobre este tema. Cómpre parabenizar ao goberno local actual pola colaboración amosada ao liberar estes datos. No día de hoxe recibimos resposta por parte do responsábel da web de transparencia, Xurxo Charlín. A seguir amosamos unha análise dos datos recibidos, e ao final do artigo podes descargar tanto o noso arquivo Excel con todos os números publicados hoxe por nós, como tamén a información que recibimos do Concello.

O Concello revelou datos dos últimos dez anos. Desde 2007, o ano máis escandaloso foi 2009, no cal o Concello sufragou a entrada ao Xantar a 701 persoas. Asistiron ese ano un total de 900. A media de convidados durante os anos do PP foi de 559 persoas a cargo das arcas públicas. A media de convidados do goberno de coalición foi de 359 persoas. Tal e como comentamos no podcast, o novo goberno si que recortou o número de convites gratuitos ao Xantar (e incrementouse o número de persoas que pagan por asistir). En base á lista publicada polo executivo de Aragunde en 2010 sabemos a que tipo de persoas convidaban os gobernos do PP (maioritariamente a cargos e non-cargos do seu partido). Pero…a quen convida o novo goberno? Fontes municipais informaron a Cambados(tk) de que en 2016 o Concello entregou 64 entradas á Denominación de Orixe, incluíndo catadores do premio do Albariño, 108 a  adegas que cederon cadansúas dezaoito botellas de viño, 54 ao Capítulo Serenísimo (cada vez se entenden menos as súas queixas), 20 a patrocinadores da Festa, 14 a autoridades, e 24 a xornalistas.
graficaxantar

Do mesmo xeito, fontes municipais comentaron que o descontrol nos convites durante os gobernos do Partido Popular era patente. O ex Presidente da Xunta Manuel Fraga, por exemplo, recibiu segundo listas de convidados de hai anos non un, senón que entre 8 e 17 pases, e ducias de cargos do PP figuran nas listas, incluíndo senadores, numerosos deputados de todos os tipos, conselleiros, alcaldes, e concelleiros…non só de Cambados senón tamén doutros municipios. O máis escandaloso, na lista do ano 2000 figuran dez entradas gratis a “Partido Popular”, sen máis explicación, a maiores de todas as outras entradas nominais a xente do PP

Estas datos sobre o Xantar son unha mostra perfecta da combinación de descontrol, despilfarro, e amiguismo practicados polo Partido Popular no Concello de Cambados nas lexislaturas nas que ostentou o poder municipal.

O custo por persoa do Xantar do Albariño foi de 50 euros entre 2007 e 2014 (gobernos do PP), co que o gasto público puido chegar aos 35.000 euros no ano de máis convites. No primeiro Albariño organizado polo novo goberno o custo por persoa rebaixouse a 40 euros, que en 2016 convertíronse en 45 polo recargo de 5 euros destinados a Esperanza Salnés. (Nota: No podcast dixemos erroneamente que o custo era sobre 50 ou 55 euros).

Máis información

Volve a escoitar o Episodio de CTKast sobre o tema

Descarga un arquivo Excel cos datos presentados no programa e neste artigo

Datos cedidos polo Concello de Cambados

Resposta do Concello á solicitude de información (contén facturas)

Escoita o Episodio 3 sobre este tema aquí:

Ir a iVOOX para descargar

CTKast – Episodio Tres: Episodio Serenísimo


Imaxe

Presentación do Albariño 2015 (Faro de Vigo)

Episodio Tres: Episodio Serenísimo. Neste capítulo de CTKast falamos da organización da Festa do Albariño. Tratamos o resultado da Festa de 2016 así como os cambios introducidos nos útlimos dous anos polo goberno do cambio. Adicamos unha boa parte a tratar de analizar que é o chamado Capítulo do Serenísimo e que relación debe ter o novo goberno local con esta entidade.

O programa inclúe unha entrevista co tenente de Alcalde e concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño, co que ademais do Albariño falamos da súa área de goberno.

Para rematar, viaxamos até Gran Bretaña, onde conversamos con André, cambadés que leva uns catorce anos vivindo e traballando en Inglaterra.

Ir a iVOOX para descargar

Podes escoitar este capítulo empregando o reprodutor que aparece enriba, ou tamén podes descargar o audio e escoitalo no dispositivo da túa preferencia cando teñas tempo libre seguindo este enlace. Non dubides en deixar comentarios coas impresións, críticas e ideas…tanto aquí como no Facebook ou Twitter.

Nota – Fe de erros : durante a gravación mencionouse que o custo das entradas ao Xantar é de “sobre 50 e 55 euros” e isto non é certo. O custo era de 50 euros durante os gobernos do PP e descendeu a 40 coa entrada do novo goberno (45 e 2016 polo donativo de 5 euros a Esperanza Salnés)

Máis información sobre os temas tratados:

Datos sobre o Xantar e outras cifras (info complementaria ao Espisodio 3)

O Capítulo Serenísimo rexeita retirar o nomeamento a Jaume Matas (2015)

Entrevista a Víctor Caamaño en Cambados(tk) (2012)

Xantar do Albariño de 2012, máis de 600 convidados (2012)

Lista de convidados ao Xantar facilitada polo Concello en 2010 (2010)

Xantar do Albariño: quen son e por que comen gratis? (2010)

I Congreso AME, ELA e esclerose múltiple en Cambados o 2 e 3 de Setembro


I Congreso AMEA asociación GaliciAME, xunto con AGAELA e AVEMPO, organiza o primeiro congreso de AME (atrofia muscular espiñal), ELA (Esclerose Lateral amiotrófica) e esclerose múltiple no noso Concello.

Será durante os días venres 2 e sábado 3 de Setembro no Salón de Congresos José Peña de Cambados. A cota de inscrición é de entre 10 e 20 euros, dependendo da situación laboral do participante, máis o prezo dos xantares opcionais. O programa inclúe charlas de expertos nos temas nos que se centra o congreso, tanto do noso país como de resto do Estado. É o primeiro congreso destas características que se celebra na provincia.

Consulta aquí o programa do Congreso

Descarga a folla de inscrición

De soldos, duración de plenos, e cumprimento do Acordo de Goberno (Información Complementaria ao Episodio Dous)


Como material complementario ao Episodio Dous: Repaso ao primeiro ano de cambio, quixéramos adxuntar información da que falamos no podcast.

 

SALARIOS DO GOBERNO LOCAL

En primeiro lugar, tratamos o tema dos soldos. Como xa publicáramos en A Ti Meu Cambados no mes de Xaneiro, os soldos do goberno cuatripartito son practicamente iguais que os da lexislatura pasada. A diferenza radica en que agora só perciben salario representantes electos democraticamente, e non asesores a dedo. Co executivo de Luís Aragunde cobraban tanto o alcalde como o tenente de alcalde, como entre dous e tres (dependendo do ano) asesores postos a dedo polo Partido Popular. Na figura de embaixo, realizada con información oficial de rendiciondecuentas.es e transparenciacambados.gal, pódese apreciar isto.

Salarios

DURACION DOS PLENOS E INICIATIVAS PRESENTADAS

Outro dos temas que tratamos é a queixa do Partido Popular porque se realizan agora o dobre de plenos (antes só se facía o mínimo que marca a lei). Segundo o PP, Cambados non xera contido suficiente como para encher un pleno ao mes, e din que os plenos agora están baleiros de contido. Se ben é certo que o partido da oposición non axudou moito durante o primeiro ano a encher os plenos (presentaron moi poucas mocións, e de feito tardaron catro meses en presentar a primeira), comparamos tanto a duración dos plenos neste ano cos da lexislatura pasada como o número de puntos da orde do do día, e concluímos que no existe diferenza entre os plenos agora antes. Tendo en conta que agora se convocan o dobre de plenos, isto quere dicir que agora se debate o dobre que antes, resultando nunha mellora no funcionamento democrático do Concello. O Partido Popular, ademais, como oposición, vese beneficiado con isto xa que o pleno é practicamente o único rol institucional que xoga e lle dá visibilidade perante a cidadanía de Cambados. Nas figuras de embaixo, a lonxitude das barras representan a media de dez plenos e os corchetes unha desviación estándar.

Duracion

PuntosOrdeDia

Tamén estudamos quen defendeu cada moción presentada no último ano e desglosamos as iniciativas dependendo de quen as defendeu en Pleno. O resultado amosa que Xurxo Charlín (SC) foi a persoa máis activa nos plenos, con arredor do 35% das iniciativas defendidas. Seguírono Tino Cordal (SC), Fátima Abal (PSdeG-PSOE) e Víctor Caamaño (BNG). Este pequeno estudo sobre os plenos fixémolo analizando as actas dos dez últimos plenos desta lexislatura (até Maio) e as dez últimas actas dispoñíbeis da anterior lexislatura, todo isto atopado en transparenciacambados.gal. O estudo completo pódelo descargar en formato Microsoft Excel neste enlace (fíxate que hai dúas pestanas, unha sobre duración de plenos e outra sobre autoría das mocións).

MocionsDefendidas

CUSTO DA FESTA DO ALBARIÑO

Outro dos datos que dabamos durante o episodio era o do custo da Festa do Albariño, que se reduciu en 2015 con respecto ao custo da Festa durante os gobernos do PP nun 26%. Os datos foron tirados da web oficial do Concello, xa que despois das Festa de 2015 o novo executivo publicou o desglose de gastos non só de 2015 senón de anos anteriores, que nunca se fixeran públicos dese xeito.
Albarinho

CUMPRIMENTO ACORDO DE GOBERNO

Na parte final do episodio, facemos referencia a unha pequena análise que fixemos para avaliar o cumprimento do Acordo de Goberno das catro forzas do cambio. Dos 34 puntos que se recollen no acordo, están cumpridos 17 (a metade), mentres que non se empezou a traballar en 11 (arredor dun terzo) e 6 estaban en progreso no momento en que fixemos o estudo. Podes consultar cada un dos puntos do programa, xunto coa nosa availiación e comentarios, premendo neste enlace (arquivo formato Microsoft Excel). Aínda que é satisfactorio que nun 25% da lexislatura se cumpriran tantos puntos, queremos incidir en que o Acordo non recolle todas as cuestións que o goberno local debe abordar nestes catro anos, así como tamén é certo que moitos dos puntos se refiren a funcionamento do Concello, e no caso de mudar a xestión en temas como transparencia, a avaliación positiva deses puntos podería mudar outravolta.
Cumprimento Acordo

Máis información sobre os temas tratados:

Análise do cumprimento do Acordo de Goberno (descarga arquivo Excel)

Análise da duración dos plenos e das mocións defendidas por cada concelleiro (descarga arquivo Excel)

Escoita ou descarga o Episodio Dous neste enlace.

CTKast – Episodio Dous: Repaso ao primeiro ano de cambio


AnodeCambio

Os líderes das catro forzas do cambio (Diario de Arousa)

Episodio Dous: Repaso ao primeiro ano de cambio.  En Maio de 2015 os cidadáns de Cambados decidiron poñer fin a 28 anos de goberno do Partido Popular. A investidura de Fátima Abal como primeira alcaldesa cos votos de PSdeG-PSOE, BNG, Somos Cambados e Cambados Pode colleu a moitos por sorpresa, incluída a propia Fátima. Días despois, asinábase o pacto de goberno coas propostas e reparto de áreas e dedicacións exclusivas.

Está a cumprir coas expectativas o goberno do cambio? Cumpre coas medidas do acordo de goberno? Mellorou ou empeorou o noso Concello? Neste episodio especial de CTKast analizamos o primeiro ano de goberno cuatripartito. O programa inclúe entrevistas con Xurxo Charlín, concelleiro de Economía e Facenda e portavoz do Goberno, e con Fátima Abal, alcaldesa de Cambados.

Ir a iVOOX para descargar

Podes escoitar este capítulo empregando o reprodutor que aparece enriba, ou tamén podes descargar o audio e escoitalo no dispositivo da túa preferencia cando teñas tempo libre seguindo este enlace. Non dubides en deixar comentarios coas impresións, críticas e ideas…tanto aquí como no Facebook ou Twitter.

Máis información sobre os temas tratados:

Análise do cumprimento do Acordo de Goberno (descarga arquivo Excel)

Análise da duración dos plenos e das mocións defendidas por cada concelleiro (descarga arquivo Excel)

Entrevista con Fátima Abal en Cambados(tk) de Nadal de 2012

Páxina web de Transparencia do Concello de Cambados

-Audio: O ex alcalde non permitía gravar os plenos (2012) 

Artigo en ATMC “Unha ollada ao medio ano de cambio”. Xaneiro de 2016

Hemeroteca sobre a praia artificial


Programa do PP 2003

Programa do PP de 2003

Como complemento ao Episodio 1 “Aquí non hai praia”, deixamos uns cantos enlaces a novas e artigos sobre a historia das praias artificiais.

2008 (con recopilatorio desde os noventa) – “El eterno aspirante al sol y playa”.

Artigo da cambadesa Maruxa Alfonso que repasa todas as promesas de praia. Segundo isto, foi Santiago Tirado o primeiro impulsor da idea da praia artificial. De feito, foi con el co que se botou area no porto de San Tomé (e puxéranse duchas) mais non callou como lugar de baño polos barcos e a insuficiente marea. El quixo facer unha obra máis grande, unha praia “en condicións”, pero a idea desbotouse porque “non era moi popular”. Tentou ubicala a carón do parque. Fixéronse informes de Costas e estudouse dragar a zona pero a obra parou pola oposición das mariscadoras.

Onde si se botou area foi nunha zona de Tragove. Houbo proxecto para Montes Outeiro (onde están as depuradoras),e botouse area fronte a estación de buses (que como zona de baño nunca se usou).

2003El PP promete una playa artificial en Tragove y pide a sus seguidores el voto de familiares y amigos

Campaña electoral municipal de 2003. No mitin de presentación do programa do PP a “obra estrella” do candidato á reelección Tourís era unha praia artificial en Tragove.

O programa incluía  ampliación do espigón de Tragove e unha grande praia , mirando a Cambados, de dimensións desorbitadas. Ademais desta praia enorme tamén se prevía unha praia por toda a costa desde o peirao de Cambados até o de Tragove, na ribeira de Fefiñáns.

2010Aragunde plantea a Costas la necesidad de construir una playa urbana y de sanear el litoral

Aragunde considera que esta é unha actuación “prioritaria”. A praia da que fala Aragunde estaría no Saco de Fefiñáns, mais tamén fala de unir Fefiñáns coa Casa do Mar cun areal, do mesmo xeito que o fixeran antes Tirado e Tourís.

2012“Co PP na Xunta, teremos praia en Cambados” di Aragunde no mitin

Autonómicas de 2012. O entón alcalde de Cambados pide o voto para reelixir a Feijóo para que Cambados teña praia. Isto xa nun momento en que a crise estaba totalmente en auxe e se recortaba en ensino e sanidade.

2015Somos Cambados carga contra Aragunde por prometer dos playas fluviales

Tino Cordal, na campaña das municipais, criticou que o PP prometera dúas praias, unha en Oubiña e outra en Vilariño, esta vez fluviais.

CTKast – Episodio Un: Aqui non hai praia


Programa do PP 2003

Propaganda do PP (2003)

Episodio Un: Aqui non hai praia. É necesaria unha grande praia en Cambados? Precisamos dun areal para atraer turismo? Hai outros modelos de turismo?

Neste episodio falamos de praias e turismo. Conversamos con Carmelo, dono dun hotel, José Ramón, Concelleiro de Enoturismo, e Victoria, mariscadora xubilada que participa en Guimatur.

Viaxamos até Luanda, Angola para conversar con Blas Charlín, cambadés  adestrador na Academia de Fútebol de Angola (AFA). Rematamos cun tema de Xeografías do Deserto, traballo musical de Sito Suárez e Manuel Núñez sobre poesía de Ramón Caride.

Ir a iVOOX para descargar

Podes escoitar este capítulo empregando o reprodutor que aparece enriba, ou tamén podes descargar o audio e escoitalo no dispositivo da túa preferencia cando teñas tempo libre seguindo este enlace. Non dubides en deixar comentarios coas impresións, críticas e ideas…tanto aquí como no Facebook ou Twitter.

Máis información sobre os temas tratados:

Páxina de Facebook de Guimatur

Artigo de Maruxa Alfonso sobre praia en Cambados en La Voz de Arousa (nota: no podcast dixemos que era un artigo recente, e non é en absoluto recente senón de 2008, mais serve de repaso á historia da praia artificial)

A praia proposta en 2003 e outros incumprimentos electorais (2011)

“O Saco de Fefiñáns en 3 minutos”, vídeo de CTK (2011)

Páxina web da Académia de Fútebol de Angola

Páxina de Facebook de Xeografías do Deserto

 

CTKast – Episodio Piloto: Fefiñáns, Guatemala


Episodio Piloto – Fefiñáns, Guatemala. Primeira entrega deste novo proxecto. Despois dunha breve introdución sobre CTKast, entramos de cheo no tema central; a peonalización (ou non) da Praza de Fefiñáns. Repasamos a polémica do mes pasado xerada entorno a pechar ao tráfico a Praza durante a Semana Santa e a crise de goberno asociada. Para afondar no tema de fondo, a peonalización, falamos con Iago Pillado Losada, un dos promotores da páxina de Facebook “Peonalización da Praza de Fefiñáns”. Para rematar, conversamos con Manuel Silva Rey, cambadés que leva xa tres anos na Cidade de Guatemala. Ao final do programa escoitamos un tema musical moi especial.

Ir a iVOOX para descargar

Podes escoitar este capítulo empregando o reprodutor que aparece enriba, ou tamén podes descargar o audio e escoitalo no dispositivo da túa preferencia cando teñas tempo libre seguindo este enlace. Non dubides en deixar comentarios coas impresións, críticas e ideas…tanto aquí como no Facebook ou Twitter.

REMATA A “TREGUA” DE MÁIS DE TRES ANOS


logo2Cambados(tk) puxo fin neste Marzo de 2016 á “tregua” que declarou en Decembro de 2012. Aínda así a actividade non retornará a CTK do mesmo xeito que no período anterior, senón que o fará nun formato diferente.

Cambados(tk) comeza unha nova aventura na rede; un podcast, que non é máis que un arquivo de audio gratuito que poderás escoitar online ou descargalo para oir cando mellor che vaia. CTKast é o nome desta nova aventura, na que pretendemos abrir debates sobre temas municipais e máis alá, con información, entrevistas, e análise crítica. Tamén se fará especial fincapé en conectar coa comunidade cambadesa no exterior.

CTKast será conducido por Carlos e mais Óscar, polo cal será unha produción cambadesa-americana. O venres 29 de Marzo publicarase o episodio cero, ou capítulo piloto. Agardamos contar convosco non só para escoitar senón para compartir, debatir, e criticar.

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.