Como material complementario ao Episodio Dous: Repaso ao primeiro ano de cambio, quixéramos adxuntar información da que falamos no podcast.
SALARIOS DO GOBERNO LOCAL
En primeiro lugar, tratamos o tema dos soldos. Como xa publicáramos en A Ti Meu Cambados no mes de Xaneiro, os soldos do goberno cuatripartito son practicamente iguais que os da lexislatura pasada. A diferenza radica en que agora só perciben salario representantes electos democraticamente, e non asesores a dedo. Co executivo de Luís Aragunde cobraban tanto o alcalde como o tenente de alcalde, como entre dous e tres (dependendo do ano) asesores postos a dedo polo Partido Popular. Na figura de embaixo, realizada con información oficial de rendiciondecuentas.es e transparenciacambados.gal, pódese apreciar isto.
DURACION DOS PLENOS E INICIATIVAS PRESENTADAS
Outro dos temas que tratamos é a queixa do Partido Popular porque se realizan agora o dobre de plenos (antes só se facía o mínimo que marca a lei). Segundo o PP, Cambados non xera contido suficiente como para encher un pleno ao mes, e din que os plenos agora están baleiros de contido. Se ben é certo que o partido da oposición non axudou moito durante o primeiro ano a encher os plenos (presentaron moi poucas mocións, e de feito tardaron catro meses en presentar a primeira), comparamos tanto a duración dos plenos neste ano cos da lexislatura pasada como o número de puntos da orde do do día, e concluímos que no existe diferenza entre os plenos agora antes. Tendo en conta que agora se convocan o dobre de plenos, isto quere dicir que agora se debate o dobre que antes, resultando nunha mellora no funcionamento democrático do Concello. O Partido Popular, ademais, como oposición, vese beneficiado con isto xa que o pleno é practicamente o único rol institucional que xoga e lle dá visibilidade perante a cidadanía de Cambados. Nas figuras de embaixo, a lonxitude das barras representan a media de dez plenos e os corchetes unha desviación estándar.
Tamén estudamos quen defendeu cada moción presentada no último ano e desglosamos as iniciativas dependendo de quen as defendeu en Pleno. O resultado amosa que Xurxo Charlín (SC) foi a persoa máis activa nos plenos, con arredor do 35% das iniciativas defendidas. Seguírono Tino Cordal (SC), Fátima Abal (PSdeG-PSOE) e Víctor Caamaño (BNG). Este pequeno estudo sobre os plenos fixémolo analizando as actas dos dez últimos plenos desta lexislatura (até Maio) e as dez últimas actas dispoñíbeis da anterior lexislatura, todo isto atopado en transparenciacambados.gal. O estudo completo pódelo descargar en formato Microsoft Excel neste enlace (fíxate que hai dúas pestanas, unha sobre duración de plenos e outra sobre autoría das mocións).
CUSTO DA FESTA DO ALBARIÑO
Outro dos datos que dabamos durante o episodio era o do custo da Festa do Albariño, que se reduciu en 2015 con respecto ao custo da Festa durante os gobernos do PP nun 26%. Os datos foron tirados da web oficial do Concello, xa que despois das Festa de 2015 o novo executivo publicou o desglose de gastos non só de 2015 senón de anos anteriores, que nunca se fixeran públicos dese xeito.
CUMPRIMENTO ACORDO DE GOBERNO
Na parte final do episodio, facemos referencia a unha pequena análise que fixemos para avaliar o cumprimento do Acordo de Goberno das catro forzas do cambio. Dos 34 puntos que se recollen no acordo, están cumpridos 17 (a metade), mentres que non se empezou a traballar en 11 (arredor dun terzo) e 6 estaban en progreso no momento en que fixemos o estudo. Podes consultar cada un dos puntos do programa, xunto coa nosa availiación e comentarios, premendo neste enlace (arquivo formato Microsoft Excel). Aínda que é satisfactorio que nun 25% da lexislatura se cumpriran tantos puntos, queremos incidir en que o Acordo non recolle todas as cuestións que o goberno local debe abordar nestes catro anos, así como tamén é certo que moitos dos puntos se refiren a funcionamento do Concello, e no caso de mudar a xestión en temas como transparencia, a avaliación positiva deses puntos podería mudar outravolta.
Máis información sobre os temas tratados:
–Análise do cumprimento do Acordo de Goberno (descarga arquivo Excel)
A estatua de Fraga amenceu pintada por segunda vez en un mes. Se a finais de Novembro os “artistas” elixiron a Superman para decorala, con pintura vermella na capa e un símbolo no peito, agora tocoulle o turno a Batman. Polo menos así o reflectiron co morcego característico plasmado no peito, aínda que ademais os pantalóns da escultura foron cubertos de amarelo.
O curioso de todo isto é a rapidez coa que o Concello (presuntamente, claro) limpou a pintura. Se ás 12.30 se difundía en Twitter a imaxe da pintada, pouco máis tarde da unha xa estaba medio limpa. Da anterior vez, o Concello asegurara que a limpara rápido porque estaba a máquina de limpeza a presión na zona, pero restaran importancia ao sucedido porque segundo Aragunde “hai que darlle o mesmo valor que se fora un banco ou a escultura de calqueira outro persoeiro”.
Polo de agora, non hai reaccións oficiais ao acto desta noite, aínda que parece complicado manter agora que non hai relación entre estes actos e o malestar que causou a instalación da estatua en Cambados. Na rede, a imaxe estase a extender moi rapidamente, a pesar de que os medios convencionais non se fixeron eco da nova por agora. Os comentarios retranqueiros son os máis extendidos, e hai usuarios que solicitan que para “a próxima” sexa Spiderman o que se plante en Torrado.
Por motivos persoais, Cambados(tk) vese na obriga de declarar unha tregua indefinida na súa acción e difusión. Pode que sexa abordada máis ou menos progresivamente (dependendo da dispoñibilidade destes días e dos temas de actualidade), pero a decisión é firme. É un alto no camiño, nun camiño de máis de sete anos e medio que percorrimos xunto a vós e que a vós en definitiva debemos.
Grazas pola vosa atención, simpatía e colaboración.
Se queres, podes ler o artigo de Óscar Pardo Planas referido a este tema.
A nova noutros medios
A ti meu Cambados – Un día triste para o Cambados progresista e alegre para o conservador
Rif-Rock – Unha tregua de CTK
Vivir Cambados – Cambados(tk) fai un alto no camiño
Dos Vueltas de Tuerca – Cambados(tk) anuncia una tregua
Asoblog – Sorrisos e bágoas en Asoblog
Non é un cese definitivo, pero tampouco sei ben o que é. O que está claro é que é un alto no camiño, e que quizais estas liñas son as máis difíciles de escribir nestes últimos oito anos de activismo na rede. A rede, ese espazo tan global e que pode, e demostrámolo, ser tan local ás veces. Porque os que cremos nun mundo diferente, mellor, sabemos que os cambios comezan cos pequenos xestos, e coas accións cercanas. É a suma de todo iso o que nos acerca á utopía, esa que nos axuda a seguir camiñando.
Precisamente o cambio estivo presente en toda a traxectoria de Cambados.tk.. O lema foi, desde o ano cero “Mudar Cambados”. No plano electoral non o conseguimos –por agora-, mais eu agardo que no plano político e social a incidencia de CTK teña sido positiva. Non creo este pequeno recuncho fora fundamental, nin moitísimo menos!, pero quero pensar que foi un graniño, máis ou menos diminuto, que aportou algo bo a toda a xente que soñamos cun Concello transformado e transformador. Que dera que pensar. Que ás veces revelara algunha cousa, e outras simplemente puxera enriba da mesa o que todos pensamos e que por desgraza non vemos reflecido noutros espazos máis “convencionais”. Un medio crítico, moi crítico, e serio, levado adiante simplemente con boa vontade e ilusión. Sen, por suposto, fins lucrativos, e posible grazas á colaboración de ducias de persoas ao longo de anos. E tamén con fallos que agardo sexan menos relevantes que o propio proxecto. As circunstancias persoais van cambiando, e a partires de hoxe fan difícil que a páxina continúe como o estaba a facer até o de agora. Isto non quere dicir que se peche a porta a unha continuación, pero si significa que polo menos nunha pequena tempada vai quedar suspendida a actividade.
De aí o da “tregua” e de aí o de non entregar “as armas”. Cambados.tk non pecha. Para empezar, porque o arquivo da última etapa da web (a etapa blog, desde 2009), ten que quedar na rede como testemuña dunha visión de esquerda de Cambados nese período. Porque se algo comprobamos é que neste Concello os erros se repiten, e para iso cómpre coñecer a historia do que pasou. Ademais tampouco se pode descartar que finalmente as circunstancias si permitan volver á actividade, aínda que sexa doutra forma ou cunha intensidade diferente. Xa sei que houbo outras veces nas que CTK “calou” un rato, mais creo que desta volta é diferente e sentía a necesidade de anuncialo axeitadamente. Tamén de aproveitar para agradecer fondamente a todas esas persoas que xa mencionei antes, que dunha forma ou outra colaboraron con esta web ao longo de sete anos e medio, case oito (que sodes un montón!). A todos, por suposto, os que lestes e participastes da páxina. Aos que compartistes nas redes sociais os enlaces que fixeron que CTK fora lida. Aos xornalistas que nos foron seguindo con atención. Aos diversos representantes políticos, incluídos os do Partido Popular que fixeron todo o posible por ignorarnos (e que orgullo nos produce!) até que non puideron facelo. No plano máis persoal lévome desta experiencia cousas moi boas. Aprendín moito, e coñecín a moita xente coa que doutro xeito posiblemente non tería chegado a coincidir. A tantos e tantas dos “bos e xenerosos”. Fun coñecedor dos problemas do meu Concello e tentei que estes foran coñecidos. Seguramente a raíz do traballo na rede, participei en política de maneira máis ou menos activa, e aprendín a valorar o traballo daqueles que, desde a base, dan a cara polos seus veciños. Eles terán sempre a miña simpatía e apoio, dunha forma ou doutra.
Na miña memoria –e agardo que na de máis xente- quedan cousas tan positivas como aquela “marea laranxa”, aquelas revistas tituladas Mocidade en Marcha, tamén algúns panfletos. E tantos temas da actualidade cambadesa que tentamos transmitir desde CTK, unhas veces acertadamente e outras, posiblemente non tanto. Tantos e tantas veciños que falaron connosco para pedirnos que tratáramos algún tema, ou que se achegaron para felicitarnos ou para facernos algunha crítica. E sobre todo está na miña memoria recente este último ano frenético no que conseguimos pasar da acción virtual á real e ducias de persoas se mobilizaron connosco na rúa (e de que xeito orixinal!) contra a xa famosa estatua de Fraga. Algo inédito en Cambados.
Vivimos tempos convulsos, e nos que máis que nunca é necesario que as persoas teñamos claro que, de non exercer como cidadáns (en toda a amplitude da palabra), os espazos que os nosos antecesores foron gañando nos serán roubados. É tempo de loita, na rede, pero sobre todo aí fóra. En Cambados, e no país, para impedir que os “de sempre”, os que provocaron a crise e os que queren gobernarnos, se saian coa súa. É tempo de rebeldía. Para iso estivo Cambados(tk) nestes anos, e para iso cada quen debera traballar na medida en que lle sexa posible. CTK non dá tregua porque os poderes locais o merezan. Nin moito menos: temos comprobado que o cambio de caras a nivel municipal non garante ningunha mellora para os cidadáns.
Vivimos nun pobo cuxa calidade democrática se foi degradando a pasos axigantados nos últimos lustros, unha vila que moitas veces segue durmida á veira do mar, como relatara o propio Ramón Cabanillas. Cambados(tk) só deixaría de ser necesaria tal e como se plantexou cando sexa verdadeiramente o pobo quen goberne Cambados, e Cambados non sexa máis a leira particular dun grupo de persoas. Por iso tamén queda a porta aberta.
Porque son tantas as batallas as que quedan por librar! Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.
Como xa reflectimos aquí hai uns días, o alcalde non fixo nada por impedir que gravaramos a última sesión plenaria do ano, logo dunha polémica entorno a este tema. A propia prensa referiuse a este feito, no caso de La Voz de Arousa non dubidaron en calificalo como o máis relevante -máis ben era o máis incerto- do pleno (xa que os demais asuntos eran máis ou menos de trámite). Nos primeiros puntos tratáronse aprobacións de taxas ou novas regulacións. A taxa de realización de tarefas de control e verificación de actividades e tramitación dos expedientes de licenzas de apertura ou actividade, foi aprobada cos votos do Partido Popular. O BNG votou en contra, porque considera que os cidadáns están a ver subas de impostos a diarios nun momento moi difícil, e PSOE abstívose. Este esquema repetiuse nos puntos seguintes. Tamén se modificou a taxa de outorgamento de licenzas urbanísticas (subiuse) e o mesmo aconteceu co imposto sobre construcións, instalacións e obras. Aprobouse unha nova ordenanza do procedemento para a concesión de licenzas de obras e de actividade, e de comunicación previa e declaración responsable. Todos estes asuntos están no vídeo “Varios (taxas…”. Seguir lendo
A Óscar e a min presentounos a estatua de Fraga.
Foi a raíz da manifestación popular espontánea xurdida en Cambados, cando un grupo de xente de Cambados (entre os que se atopaba Óscar como uns dos seus máximos expoñentes) decidiu protestar contra a decisión caprichosa, persoal e irracional do alcalde de levantarlle unha estatua ao ex- ministro de Franco; foi entón cando empecei a facer as miñas humildes colaboracións con Cambadostk e “A ti meu, Cambados”; recordo que nunha das nosas charlas e, ante a miña inminente visita, pra pasar as vacacións de verán, no meu amado pobo, Óscar díxome: “¿vémonos na Calzada o dia 1 de agosto, non?” en relación coa orixinal protesta de estatuas viventes, idea, como non, de el mesmo; evidentemente confirmeille a miña asistencia e a súa pose do pensador de Rodin, ao paso da comitiva, quedará para sempre no recordo dos moitos que alí estábamos.
Evidentemente calquera cousa que poida dicir de Óscar, será dende un prisma subxectivo, froito da miña admiración e, de seguro, que coincido con moitos de vos; este rapaz con apenas dezaoito anos montou un blog que acabou sendo unha referencia en Cambados; un blog que descubriu, sobre todo, as vergoñas dos nosos gobernantes e sempre cun valor valioso, dos mais valiosos que nos pode ofrecer a democracia, como é o da liberdade da expresión. Unha liberdade de expresión que sempre defendeu ata as últimas consecuencias: o mellor exemplo, ó último pleno no que desafiando as directrices caprichosas do alcalde de Cambados, gravou o pleno, para podérnolo facer chegar a todos.
Grazas, Óscar, por deixarme expresar libremente no teu blog; grazas por abrir unha fiestra a tódolos cambadeses que, coma min, estamos lonxe e amosarnos a realidade cotiá do noso pobo. Grazas, sinxelamente, pola túa amizade.
Espero que che vaia ben no teu novo destino e coñecéndote non me estrañaría que dentro de nada aparecese un novo blog: Oklahomatk, dándolle caña ó gobernador do estado ou ó alcalde, capaz es de iso e mais; ou que non sei (xa nos informarás) se estes gobernantes son tan incompetentes e mediocres como Louzán, Tourís e Aragunde.
Espero tardar en verte, iso será a mellor sinal de que os americanos saben a quen teñen entre mans e de que non te deixaran marchar e si te vexo que sexa en vacacións, ben en Galiza ou ben en Catalunya.
Cóidate meu amigo e unha forte aperta.
Ricardo Domínguez Rey.
Luís Aragunde naceu en Fefiñáns e di coñecer á perfección todos os recunchos da nosa vila. “Unha persoa sinxela que sinte orgullo de ser cambadés”, así se definía na carta de presentación da web electoral de 2011. É traballador da lonxa en excedencia, e foi tenente de alcalde de Cores Tourís até 2009, cando o sucedeu na alcaldía.
Logo, nas eleccións de 2011 foi o candidato do Partido Popular e conseguiu un excelente resultado para a súa formación, nun momento en que o PP vivía a “marea azul” que expulsou ao PSOE das principais institucións do Estado. Esta podería ter sido, por exemplo, unha entrevista a Aragunde se nola tivese concedido algunha vez.
Preme en SEGUIR LENDO para ver a entrevista completa
Seguir lendo
(BASADO NA OBRA DO MESMO TITULO DE CHARLES DICKENS)
Ao Alcalde de Cambados non lle gustaba o Nadal; o Nadal son festas familiares, festas íntimas onde el perdía todo o protagonismo que lle gusta ter; ao Alcalde de Cambados gustáballe mais a Festa do Albariño onde se podía sentir importante, retratarse ao carón do Presidente da Xunta ou do “famosete de turno” ou,por outro lado, a festa de San Roque, onde presidía a procesión, sentíndose mais presenciado que o propio santo. Ademais este Nadal estaba especialmente cabreado coa festa: os funcionarios municipais botábanlle en cara que non fixese nada porque cobrasen a paga extra de Nadal, cando vían que en outros concellos (como no de Pontevedra, por exemplo ) os seus rexedores buscaban artificios pra podela abonar e non deixar aos seus traballadores sen tal paga tan merecidamente gañada; ademais (como lle argumentaban os propios traballadores e a oposición) se había un superávit nas contas municipais de case 300.000 euros ¿por que non aproveitalo para ditas pagas?, de seguro que era o comercio local haberíao de agradecer.
“Quen se creen estes empleaduchos” (pensaba o Alcalde), “non se dan conta que ese é un superávit maquillado (como ben fixera ver a oposición), e, ademais, aínda que así fose tal decisión non dependía de min, as decisións importantes séguenas a tomar Tourís, eu só son un mandado, ademais os cartos sempre se poderían empregar en cousas mais importantes ….. para que carallo quererán eles unha paga extra”, seguía cavilando o alcalde para intentar xustificar tal actitude. Faltaban so un par de días para o Nadal e xa estaba desexando que pasase
Aquela noite, o Alcalde estaba especialmente cansado, non porque houbese traballado arreo (nunca o facía), senón porque levaba durmindo mal un par de dias e mentres estaba a ver a televisión no sofá, quedou durmido; de repente unha voz estrañamente familiar espertouno: “Luís, esperta”, o Alcalde aínda medio durmido, abriu os ollos e, no medio dunha especie de néboa, no seu salón atopábase ¡Xaquín Charlín “Chon” ataviado cunha especie de túnica como flotando no aire……..!
“¡Que fas aquí! ¡é que na miña propia casa non me podes deixar en paz!” , de repente a presenza levantou o brazo e unha forza misteriosa tombou ao Alcalde no sofá, facendo que non se puidese mover.
“Cala, ¡ostias!, que non son quen ti crees, simplemente adoptei unha presenza humana que che resultase familiar, son o espírito de todos os nadais, veño a visitarte pra anunciarte que o longo de esta noite recibiras a visita de tres fantasmas, o Fantasma do Nadal Pasado, o Fantasma do Nadal Presente e o Fantasma do Nadal Futuro, quero que vexas co paso do tempo no que te convertiches e medites se vale a pena seguir así……”
De repente a presenza desapareceu e o Alcalde púidose reincorporar “vaia sono mais raro” pensou “ porque en vez do cabrón de Chon non podería soñar con Beyonce co que a min me gustan as mulatiñas……..”
Nese intre soou a porta da casa, e pensando quen podería ser a esas horas, abriu a porta e atopouse de fronte ¡coa estatua de Fraga que cobrara vida¡, aterrado o Alcalde dou para atrás…..
“Boas noites Luís, son o Fantasma do Nadal Pasado e vamos a ver como eras antano…”; de repente Luís veuse transportado no tempo e co o Fantasma, empezou a ver etapas da súa vida, víase moito mais novo (e delgado), en outros nadais, como o animador da festa; tamén o Luís deportista, facendo piragüismo e, tamén, presenciou a súa etapa no Instituto “Ramón Cabanillas” encabezando as manifestacións, megáfono en man, contra o proxecto inicial do Concello de que a carreteira pasara pegada ó centro, berrando: “¡Tirado, fascista aquí non farás unha autopista!”
A Fantasma do Nadal Pasado mirouno co seu ollar de bronce (por algo era a estatua de Fraga) e espetoulle: “Que irónica é a vida, Luís, tanto criticar ó alcalde de entonces e, o final, volvícheste igual ou peor que el, ¿que queda de aquel rapaz tan sano e nobre?” (Luís, non sabia onde meterse) “quizais, véndote, o Luís de agora semella que se tragou o Luís de entonces”.
Luís mirábase en todas as escenas do seu pasado como quen se esta a mirar nun espello, xente coa que se falaba e agora non se fala, xente que o apreciaba, e o vían como o bo rapaz que nese tempo era; a Fantasma fixo un xesto e díxolle: “temos que regresar” e de repente apareceu no salón da súa casa; o Fantasma xa non estaba, quedou uns intres pensando no que había visto.
Novamente soou a porta e Luís apresurado foi a abrila e da impresión case cae de cu: ¡era Mariano Rajoy!, Luís non o podía crer e a duras penas balbuciu:
“Señor Presidente ¿que fai vostede aquí?”
“Luís, son o fantasma do Nadal Presente, xa sei que me asemello ó Presidente do goberno pero e que, en moitos casos, el aínda é mais fantasma que eu, vamos a ver no quen te convertiches na actualidade”………
Novamente Luís sentiuse transportado e veuse en moitas esceas da actualidade:o dia que Tourís lle dixo que quería que fose o seu alcalde “de prestado”, a súa actitude “chulesca” nos plenos ……. o pleno no que lle faltou ao ríspeto ó finado de Rafael Blanco co tema das supostas faltas de ortografía. Tamén amosoulle a situación na que estaban os seus funcionarios, os que tiñan as nóminas mais humildes e que esperaban a paga extra como auga de maio e as privacións que terían este Nadal; a Luís caíaselle a cara de vergoña, o fantasma espetoulle: “pra os teus funcionarios non tes cartos pero para invitar a moita xente o domingo do Albariño ó Parador ¿verdade que si?, xente que só se lembra de Cambados pra encher o bandullo ese dia ¿crees que iso é xusto? Luís non quixo ou non soubo que responder; o fantasma seguía a fusilalo con preguntas: “¿cres que ti es un bo gobernante?”, “¿sabes que no teu Concello hai xente que o está a pasar moi mal co tema da crise? ¿pensáchelo algunha vez?, co que gastas ti ó ano en dietas de comidas ¿sabes a canta xente poderías axudar? Sabes das deficiencias no colexio Magariños e no pavillón e, sen embargo, pra ti é mais importante levantarlle unha estatua a un fascista como Fraga, velo normal? Cando quixo contestar, Luís estaba novamente no salón da súa casa, a fantasma do Nadal Presente despediuse pero antes avisoulle de que recibiría a visita do último fantasma e que non se asustase pois a imaxe que había adoptado era a dun fantasma de verdade.
Luís quedou intrigado pensando como seria o Fantasma do Nadal Futuro e nese momento sonou a porta por terceira vez e topouse con: ¡Jose María Aznar! efectivamente…… o home que dixo, poñendo os pes encima da mesa e diante de George Bush que era capaz de correr 10 kms. en 5 minutos e 20 segundos;o mesmo Aznar, que dixo que foi unha bendición pra España que el fose o seu presidente; en definitiva, o home dos abdominais pétreos, dende logo, o Fantasma do Nadal Futuro non podería haber adoptado unha presenza mais …..fantasmal.
“Mire Uste” (díxolle o fantasma) imos ver como será o teu Nadal do Futuro e por terceira vez o alcalde veuse transportado, aparecendo no seu despacho do Concello. Alí sentado no súa cadeira estaba un señor que non acababa de recoñecer, “¿que é ese e que fai sentado no meu sitio” preguntoulle ao fantasma do Nadal Futuro; este respondeulle: “Luís, estamos no futuro,ti xa non es o alcalde de Cambados e ese que está sentado é o teu sucesor”, “coma ti, sóubolle facer a pelota moi ben a Tourís, coma ti estivo o carón de Feijoo pra darlle de man á mangueira cando este fixo a comedia de facer que apagaba un conato de incendio forestal” “ese que está sentado é o actual chico dos recados de Tourís como ti fostes en tempos pasados”
Luís preguntoulle intrigado: “¿e que foi de min?, supoño que ascendín politicamente ¿verdade?, o fantasma botou un sorriso malicioso e díxolle :”vámolo a ver”, e apareceron na lonxa de Tragove, alí estaba un Aragunde, claramente mais avellado, no medio das sobastes de peixe e marisco.
“Pero ¿que pasou?”, preguntou Luís confuso “¿como volvín ao meu antigo traballo?”.O fantasma respondeulle: “Cando deixaches de valerlle a Tourís, abandonouche coma un xoguete roto, xa no lle eras útil pra os seus intereses; así de claro e así de real”. ¿que esperabas? ¿ fidelidade por parte de Tourís? ¿non te dabas conta que te manexaba como manexa a outros moitos? Ti, Rosa Oubiña, e outros solo sodes pezas, peóns nun axedrez, deberías de haberte dado conta Luís; a parte de pasar a historia de Cambados como un dos peores alcaldes, tamén pasaras como o alcalde que nunca tivo nin a autoridade nin o valor de facerse respetar
“¡¡¡¡NOOOOONNNN¡¡¡¡¡”…………….
Luís espertou no sofá do seu salón sen saber se aquilo fora un pesadelo ou se había ocorrido realmente
Un final feliz seria que o Alcalde cambiase radicalmente, que abrira os ollos e que empezase a gobernar pra tódolos cambadeses e cambadesas, e non só pra os do seu partido; que respetase e que fixese aos seus concelleiros respetar á oposición nos plenos, que non enganase mais os seus veciños, que, en resumen, mirase polas verdadeiras necesidades do pobo.
Pero pra todo iso fai falla ter o valor e os bemoles que ao noso alcalde lle falta e unha alma que aparenta haberlle vendido o diaño, aínda que o diaño teña a aparencia de Tourís.
Mentres tanto o gran prexudicado por tanta incompetencia segue a ser o pobo de Cambados.
QUERO FELICITAR O NADAL A TODOS E, ESPECIALMENTE, A QUENES ME DERON A POSIBILIDADE DE EXPRESAR A MIÑA OPINION COMO SON XAQUIN CHARLIN “CHON” E OSCAR PARDO PLANAS, DOUS VALENTES QUE TEÑEN TODA A MIÑA ADMIRACION POR ENFRENTARSE O CACIQUISMO QUE OUTROS QUEREN IMPOÑER; A OSCAR DESEXARLLE SORTE NESA AVENTURA AMERICANA A PUNTO DE EMPEZAR E A TODOLOS CAMBADESES E CAMBADESAS OS MEUS MELLORES DESEXOS PRA ESTE ANO QUE ESTA A PUNTO DE COMENZAR.
¡¡¡¡¡FELICES FESTAS E FELIZ 2013 ¡¡¡¡¡¡
UN SAUDO A TODOS
Ricardo Domínguez Rey.
Ao comezo da sesión, a voceira do PSdeG-PSOE, Fátima Abal, pediu a palabra. “En memoria de Rafa Blanco” [o anteiror portavoz do PSOE, finado hai tres meses] quixo dirixirse ao alcalde, a quen lle lembrou dun xeito bastante efectivo a falla de educación que amosara Luís Aragunde no último pleno ao que acudira Rafael Blanco. Naquela ocasión, cun portavoz do PSOE visiblemente afectado fisicamente, canso, o alcalde espetáralle ante todos os presentes a cantidade de “faltas de ortografía” que segundo el contiña un escrito asinado polo portavoz socialista. Fátima Abal xa recoñecera na entrevista a Cambados(tk) de hai un par de semanas que aquelo non lle sentara nada ben ao propio Rafael Blanco nin aos seus compañeiros de filas. Unha “humillación innecesaria”, así o calificou na entrevista. Daquela, en CTK calificáramos o xesto de Aragunde como “unha terrible falla de educación”.
No pleno do xoves, Fátima Abal fíxolle ver a Luís Aragunde que o escrito da convocatoria do pleno que el asinara, contiña “en doce frases 29 faltas de ortografía” . Acusouno de non ver a viga no seu ollo cando si vira a palla no ollo alleo, naquela ocasión no dun compañeiro cunha enfermidade con resultado de morte. O alcalde quixo zanxar axiña a polémica e o pleno deu comezo. Podes escoitalo audio que encabeza a entrada. No que tedes a continuación podedes escoitar a intervención de Aragunde que desencadeou esta pequena polémica.
Un dos puntos do día do pleno do xoves era o debate e votación da moción do Bloque sobre o problema laboral de Paradores, que no caso de Cambados podería deixar tres traballadores na rúa. Os propios afectados e compañeiros estaban presentes ese día no salón de plenos, algo que quizais fixo que o desenlace do debate fora a unanimidade da votación. Isto quere dicir que a Corporación insta ao Goberno central a parar o plan de axuste de Paradores, impedindo os despedimentos e o peche dalgúns centros en Galiza. Ademais, pide que se realicen plans para mellorar a ocupación hosteleira no país, potenciando e mellorando a rede de paradores, e reclama que calquera plan que afecte á plantilla sexa negociada cos seus representantes. O curioso é que no texto expositivo da moción, que votou o Partido Popular a favor, dise textualmente que estamos ante un “plan, duro e salvaxe”, que contou “co silencio cómplice e o beneplácito do goberno do PP na Xunta e dos alcaldes do PP nas vilas afectadas”. Ademais, do PP tamén di: “demostra a falta de xestión do PP, con capacidade demostrada para o recorte e o despido de centos de traballadores e traballadoras”. Podes ler a moción íntegra premendo aquí.
A nota “anecdótica” do debate púxoa o propio alcalde, que ao comezo da súa intervención, non deixou pasar a oportunidade para gabar a figura de Manuel Fraga, chegando a dicir textualmente que “Manuel Fraga foi quen construiu o Parador en Cambados”, por iso “lle debemos tanto a Fraga”. Parecía outra autoxustificación máis polo tema da estatua no canto dun debate sobre o problema laboral dos traballadores. O alcalde salientou que Cambados non era un dos centros en perigo aínda que dixo sentirse “sensible” ante calquera perda de postos de emprego, sobre todo ao poñerlle “nomes e apelidos”. O voceiro do BNG, Víctor Caamaño, fixo a defensa da moción que o seu grupo presentou poñendo de relevo a contradición entre a apertura de Pousadas por parte da Deputación e do feche de Paradores polo goberno central, e a do PSdeG-PSOE, Fátima Abal, argumentou o voto positivo do seu grupo lendo unha iniciativa do PSOE no Senado na mesma dirección.