//
arquivo

Maribel Iglesias

This category contains 28 posts

Sobre política, democracia e estatuas


Falaba eu cun amigo polo facebook e saíu a célebre frase de Aristóteles de que “o home é un animal político”, “zoon politikón” transcrito do grego. Lembro as miñas clases de filosofía en COU cun estupendo profesor, Xosé Manteiga e como nos dixo que a miúdo se malinterpreta a frase porque Aristóteles non entende político no sentido que nós lle damos a política e actividade política senón no sentido de ‘polis’ ou cidade-comunidade. A polis era para os gregos a comunidade de cidadáns que vivían nela e se autogobernaban e non só a cidade en sentido físico. Do mesmo xeito anos despois tamén os romanos diferenciaban ‘ urbs’ para referirse á cidade romana e ‘cívitas’ para referirse á comunidade de cidadáns; Roma non foi nunca unha democracia pero nos tempos da República (que ven de res pública ou asuntos públicos) tamén un grupo de cidadáns tomaba as decisións de goberno.

O que quero dicir é que a frase de Aristóteles fala de que o home é un animal social ou urbano, que vive en comunidade. E Atenas, que inventou a democracia, entendía esta como unha comunidade de persoas que participaban no goberno. Autarquía, autogoberno son palabras gregas que para eles eran sinónimo de liberdade. A Ekklesía era a asemblea na que se reunían os cidadáns de Atenas e onde se tomaban as decisións importantes.

Menudo rollo estou soltando pero veume á cabeza ao ler un comentario nun xornal sobre a estatua de Fraga. Este cidadán dicía que os que nos opoñíamos á estatua non aceptabamos os resultados das eleccións municipais que deron un claro triunfo ao partido popular e por iso saíamos á rúa. A democracia como todos sabemos é o goberno do pobo e a esencia desta  é que se escoiten todas as voces non só as da maioría, senón isto sería unha ditadura da maioría. A nosa democracia é representativa, nós cedemos o uso do poder a uns representantes, e non directa, como era a grega, onde na Asemblea ou Ekklesía se tomaban as decisión importantes. Pero o feito de elixir a uns representantes non supón darlle un cheque en branco e que co noso voto teñan poder para facer o que queiran, e ademais todos contribuímos cos nosos impostos a soster a comunidade e non só os que gañaron as eleccións. Eu podo entender que non se nos consulte sobre o ancho dos sumidoiros ou sobre onde se van poñer farolas pero para cousas menos técnicas e de máis calado a cidadanía pode e debe ser consultada. Esa estatua, se se fai, espero que non, tamén vou eu a contribuír a pagala. Así que si o goberno municipal non se dignou a consensuar a decisión cos outros partidos elixidos tamén democraticamente eu síntome totalmente lexitimada a manifestarme. Desta crise na que estamos que é  a un tempo económica e política, moita xente está dacordo en que só sairemos de dous xeitos, cara adiante ou cara atrás. Ou se rompe Europa e o Euro ou máis Europa e máis integración. Ou ditadura ou máis democracia e participación cidadá. O futuro o dirá.

 Por certo nas pasadas eleccións o Partido Popular obtivo 5.208 votos, ampla maioría si, pero en Cambados vivimos 13.946 persoas.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

O padrenuestro


O “Padrenuestro” que eu aprendín de nena era en castelán e dicía así: “perdónanos nuestras deudas así como nosotros perdonamos a nuestros deudores”, pero fai uns cantos anos a xerarquía católica decidiu cambiar este fragmento, só este, que agora di: “perdona nuestras ofensas así como nosotros perdonamos a los que nos ofenden”, non entendín moi ben o porqué da modificación, parecía un cambio pouco sustancial. Pero vista a situación actual, con esta crise endiañada que estamos vivindo semella que cobra sentido. É como se eles intuíran o que ía pasar, porque os poderosos que nos dirixen teñen a determinación de que paguemos todo o que se debe e a quen se lle debe: a Banca, custe o que custe e a costa de todos nós.

Lembrade a reforma express que se fixo na nosa Constitución. Consistiu basicamente en anular o anterior artigo 135 e substituílo por un novo, máis extenso e preciso e no que se di expresamente no apartado 3, o seguinte: “Los créditos para satisfacer los intereses y el capital de la deuda pública de las Administraciones se entenderán siempre incluidos en el estado de gastos de sus presupuestos y su pago gozará de prioridad absoluta”.

É dicir que antes de pagar as pensións, o paro a sanidade ou a educación haberá que pagar prioritariamente o que se debe. Sábeno ben os gregos, e o suicidio  na Praza Sintagma de Atenas, dun xubilado desesperado polas débedas é unha metáfora do suicidio colectivo cara o que nos diriximos.

Os presupostos xerais do Estado que se acaban de anunciar, bendicidos dende Bruxelas, van nesta liña, o primeiro é reducir o déficit e calquera é capaz de entender que unha economía non depende só do que gasta senón tamén do que ingresa, polo que se o país segue sumido na depresión, anque gastemos menos o obxectivo de déficit non se cumprirá. Supostamente son os mercados os que nos piden estes sacrificios para confiar en nós e son eles mesmos, xusto despois de coñecelos os que subiron a prima de risco por riba dos 400 puntos, porque tampouco se fían da nosa recuperación económica, en fin unha espiral absurda.

Pero nin a reforma laboral nin a redución do déficit son por si sós capaces de sacarnos deste pozo, a raíz do problema, o din os economistas sensatos e moitos empresarios, está na falla de financiación. O diñeiro non chega a empresas e particulares. O BCE prestou miles de millóns de euros aos bancos a baixo xuros coa esperanza de que chegase a empresarios e familias, pero non, os bancos preferiron investilo en débeda pública ou volver a depositalo de novo no BCE. Eses mesmos bancos que fai cinco anos dábanlle créditos a calquera sen apenas avais, para mercar casa, coches, viaxes… hoxe non se fían de ninguén. Ás veces semella que a economía é bipolar, pasamos da fartura á fame, da euforia á depresión. E asáltanme varias preguntas: por que se deixa caír Spanair e se salva a CAM?,  por que non pode prestar directamente, sen intermediarios, o propio BCE?. Por que  se presta aos bancos a 3 anos e a un 1% de xuro e  sen garantías (pese á difícil situación de moitos bancos) e non ás nosas empresas?.Parece ser que Merkel e unha cláusula absurda o impiden. Ou non tan absurda, trátase en definitiva de evitar que asuma as funcións da banca privada; se descubrimos que un banco público pode prestarnos diñeiro directamente, para que necesitamos aos  bancos privados?. Algo disto fixeron os cidadáns islandeses para desatascar a súa situación, e non lles vai nada mal.

Mentres tanto aos cidadáns só nos queda rezar para que a situación mellore. Xa o dicía Inaki Gabilondo nunha das súas crónicas en vídeo, crer que a reforma laboral vai solucionar o paro é cuestión de fe. Rezade por favor co “vello padrenuestro”. Poder ser máis eficaz.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.

Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

A comida do Albariño


Tiven ocasión de pasar o outro día pola exposición que se exhibe nestes días na recén renovada Cultural de Cambados. A exposición trata sobre Álvaro Cunqueiro, (aproveitando a conmemoración do seu aniversario) e a Festa do Albariño, á que acudiu en numerosas ocasións. Alí poden verse artigos de prensa escritos por Cunqueiro sobre a festa, documentos varios e sobre todo fotos antigas, que é o que a min máis me gusta. Aproveito para recomendar a súa visita que pode facerse ata fin de mes e de paso botarlle unha ollada a como quedou a nova cultural.

A parte das interesantes fotos que se mostran chamoume a atención un documento no que se relacionan os asistentes á comida do VI Certame do Albariño. Sorprendeume por dous motivos. Un porque pese a ser os tempos da Ditadura aparecía unha relación clara e aparentemente veraz dos asistentes, do seu número e de quen eran. E en segundo lugar porque nesa comida, como é lóxico, a algún asistente se lle convida pero outros teñen que pagar (e son máis os que pagan que os convidados). Quizais vós chegastes á mesma conclusión ca min, hoxe en día, en plena democracia, ninguha das dúas cousas é posible. Vai resultar que con Franco vivíamos mellor…

Remato dicindo que teño curiosidade por ver como organizan este ano a comida do Albariño, tendo en conta a austeridade demostrada dos políticos que nos gobernan e as dificultades económicas polas que pasamos.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

A prima de Risco


Temos un amigo en Ourense que se chama Risco, en realidade chámase Luís Martínez-Risco (si, é parente de Vicente), pero con ese apelido tan famoso e sonoro todo o mundo lle chama Risco ou dito en ourensán “O Risco”. Comentábanos Ana, a súa muller que ultimamente o chiste que todo o mundo lle fai é preguntarlle “pola prima de Risco” ao que Ana responde sempre que a prima do Risco está fenomenal.

Pero do que vos quero falar hoxe é da “prima de riesgo”, mirade no enlace que puxen á Wikipedia o que é, así aforro explicalo (se alguén a estas alturas aínda non o sabe). Pois o xoves os xornais dábannos unha boa noticia sobre a situación económica! Nas poxas de débeda do Estado español e italiano houbera moita demanda e polo tanto pagáronse menos xuros polos bonos, co conseguinte alivio para as finanzas destes países (e para os seus cidadáns que son en realidade os que os pagan cos seus impostos). A prima de risco baixou. Pero a felicidade dura pouco na casa do pobre porque ao día seguinte a axencia cualificadora (máis ben descualificadora) Standard and Poors decidiu baixarlle a nota de solvencia á débeda de Francia e outros países europeos, incluída España, isto supuxo inmediatamente a subida da prima de risco. Eu sei que son moi mal pensada, e como boa galega, desconfiada, pero se isto non é un complot, parécese moito.

Na miña opinión esta nova cualificación desta dubidosa axencia (a mesma que daba a máxima nota no 2008 ás hipotecas lixo que provocaron a crise) responde a un dobre obxectivo. Por un lado debilita a Sarkozy, que vai ter eleccións pronto. O presidente francés foi o único político que parecía estar disposto a sacar adiante un imposto ás transaccións financeiras internacionais (“Taxa Tobin”) tan necesaria contra os especuladores, e lembrade que foi el tamén o que falou de “refundar o capitalismo” que debeu de asustar a máis de un. E por outro lado permite volver a ter agarrada polo pescozo á economía da Europa máis feble, facéndolle pagar máis xuros pola débeda, para enriquecer os petos de banqueiros e especuladores e de paso atemorizar aos seus gobernos poñéndoos ante o abismo da creba para que non lles trema o pulso á hora de facer reformas contra os seus propios cidadáns. É significativo que a propia axencia lanzase ao mesmo tempo unha ameaza a Rajoy para que sacase xa adiante a reforma laboral, so pena de novas rebaixas; non vos parece escandaloso que se pasen a soberanía dun país por aí, xusto por aí!

Remato aconsellando aos cidadáns europeos (como fixen no meu blog O Umia) que saquemos os aforros dos bancos e os invistamos en débeda pública, onde non están menos seguros, deste xeito poderíamos facer baixar a prima de risco e colaborar a afastarrnos do abismo. A Standard and Poors, nin caso, e lembrade que a prima do Risco, está fenomenal.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

É posible un Museo Asorey?


Facíase esta pregunta o noso compañeiro blogueiro de Cambados Web. Eu penso que si.

Os tempos que vivimos son moi difíciles, non será posible este proxecto no prazo que manexan a miúdo os políticos que non soen ver máis alá de 4 anos, é dicir as seguintes eleccións. Pero como as cousas que se fan ben fanse despacio, creo que si se van dando pasos, nun futuro non moi lonxano, ao mellor non en 4 pero si en 8 anos, é posible velo.

Como?
Precisamos un continente, é dicir un edificio. A casa natal da praza Asorey non será posible, nela vive unha familia dende fai máis de cen anos, é dicir, bastante máis tempo do que viviu nela a familia Asorey e coa que ten lazos afectivos moi intensos polo que non estarían dispostos a vendela. Pero en Cambados hai outras casas en zonas céntricas e con posibilidades de albergar un Museo Asorey e os tempos son bos para mercar propiedades, os prezos baixaron. O Concello non ten diñeiro (alomenos para certas cousas, porque o proxecto do Saco de Fefiñáns parece que sí vai adiante), ao mellor poderíase recurrir ao patrocinio privado, tanto de empresas, grandes e pequenas como dos propios veciños e veciñas. Seguindo o modelo anglosaxón, case todos os museos importantes do mundo teñen patrocinio privado a través de fundacións ou da figura de “amigos do Museo”. Este debería ser un proxecto de todo o pobo de Cambados e non só “popular”. Anque recoñezo que estamos pouco acostumados a traballar en común, preferimos que nos dirixan. Ao mellor a crise que vivimos fainos cambiar.
Ocórreseme tamén outra posibilidade. O meu amigo Eduardo Baamonde díxome que os centros comarcais van desaparecer (outro proxecto fallido dos nosos políticos e outro tiracartos públicos). A súa titularidade vai pasar da Xunta de Galicia aos concellos. Así que Expo-salnés senón é xa do Concello de Cambados o será no futuro. Pois non é un mal lugar para instalar un “Museo Asorey”.

Precisamos un contido, é dicir obra que expoñer. Eu son da idea de que o que busca, atopa, non dun día para outro pero sí de vagar. Por exemplo temos a obra que custodia a familia Asorey, as condicións nas que está, nunha casa antiga de Compostela non son as mellores para a súa conservación. A disposición deles en todos os actos que se celebraron este ano foi plena, son dito dun xeito claro, moi boa xente. Creo posible que puideran ceder en depósito a obra se se asegura a conservación desta. E con esa base pódese ir avanzando. Hai algunha familia en Cambados e en Pontevedra que custodia obras de Asorey, coa fórmula do depósito e en algúns casos se se puidese, a compra, creo que se poderían ir reunindo pezas, e ter un museo con contido e non como lle acontece aos demais museos de Cambados (coa honrosa excepción do Muiño da Seca), como afirman con acerto en Cambados web.
Sería rendible un Museo Asorey?, preguntábanse tamén en Cambados web. Depende do que entendamos por rendible. Se ao mellor só temos en conta o que se ingresase por entradas ou catálogos, non. Pero si se convirte nunha peza que contribúe a promocionar a figura deste magnífico escultor e do pobo no que naceu e a difundir a cultura entre nós e a xente que nos visite; si conseguise ese obxectivo, si que podemos consideralo rendible.

Remato dicindo que todo é cuestión de vontade, si queremos, podemos.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

Ciencia-Ficción


“ Era o ano 2118 os EUA vían vir a perda da  súa hexemonía mundial a mans de potencias asiáticas como China e India.

Moitos anos antes o mundo estivera dividido en dous bloques antagónicos: un capitalista e outro comunista, a existencia deste contrapeso político fixera que os países capitalistas mimasen as condicións de vida dos seus traballadores por medo a unha revolta social e por facer de escaparate das bondades do sistema fronte ao bloque comunista. Pero no ano 2089 o bloque comunista desplomouse e os capitalistas celebraron triunfalmente o éxito definitivo do seu sistema, era “a fin da historia”, na que quedaba demostrado que o sistema capitalista era o único válido. A codicia dos axentes económicos disparouse, o predominio da economía produtiva deixou paso á economía financeira. Xa non era preciso mellorar os soldos dos traballadores, pero era necesario que continuasen consumindo para que o sistema seguise funcionando, así que se fomentou o crédito. Os salarios non subían e os traballadores endebedábanse, os beneficios das entidades financeiras disparábanse, por pequeno que fose o seu soldo podían mercar unha casa, o banco daba todas as facilidades, a demanda de casas aumentaba e polo tanto o seu prezo, ata cando? Ata que a burbulla re ventou. O sistema capitalista (igual que antes o fixera o comunista) víñase  abaixo,coa  quebra masiva de bancos e empresas… O goberno americano tivo que deixar a un lado os seus principios ultra liberais e inxectar diñeiro no sistema financeiro, a General Motors, a principal empresa automobilística do mundo, foi nacionalizada!. A globalización estendeu a crise por todo o mundo. Un presidente francés dixo que había que “reformular o capitalismo” poñer controis ao sistema financeiro. O pánico chegou aos despachos de banqueiros e especuladores e decidiron tomar eles o control da situación: eliminaron mediante un escándalo sexual ao presidente do FMI e lanzáronse á conquista de Europa. A Unión Europea era o último resto que quedaba  de ideas socialistas que fomentaban a regulamentación económica por parte do Estado e a existencia dun niveis de benestar para os seus cidadáns. Ataques especulativos e control sobre os gobernos converteron a desmesurada débeda bancaria e débeda pública, ao transvasarse masivamente  capital dos Estados aos bancos con ameaza de quebra. As axencias de rating colaboraron reducindo a cualificación da débeda dos países, empezando polos de economía máis feble. Os intereses que entón tiñan que pagar para financiar a débeda eran desmesurados e conducían directamente á quebra destes países. A economía de Grecia, Irlanda e Portugal foron intervidas. A intervención supoñía ceder soberanía. En Grecia e Italia quitouse do poder ao presidente democraticamente elixido, no seu lugar situaron a ex-directivos de Goldman Sachs, tamén no Banco Central europeo; e o novo ministro de economía español era “ un home do sistema” ex-directivo de Lehman Brothers, o banco que vendeu hipotecas lixo por todo o mundo e dou inicio coa súa quebra a toda a crise posterior. Durísimas medidas de axuste sobre as clases traballadoras fixeron que as entidades financeiras recuperasen os seus ingresos, estábase transvasando riqueza dende as clases humildes e medias cara as clases ricas. O Estado do benestar facía augas. Curiosamente esta invasión de Europa coincidía no tempo coa retirada militar das tropas americanas de Irak, semellaba que xa non facía falla controlar este conflitivo país se había outras fontes de ingresos. Nacía um novo concepto bélico, “a Guerra Económica”.  O obxectivo estábase cumprindo, as democracias europeas desaparecendo, os salarios dos traballadores diminuíndo, a inviabilidade dun estado do benestar demostrada…”

Isto que acabo de escribir podería ser un relato de ciencia-ficción como os que fai o meu amigo Moncho Caride, senón fose  perigosamente parecido á realidade. Non sei se vos decatastes que nos están roubando o presente, pero non quero ser pesimista, o futuro aínda é noso.

A que isto escribe deséxavos unhas boas festas e que disfrutedes do que menos diñeiro costa: estar cos que máis queremos.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

Reforma da Lei Electoral


Discutía eu o venres pasado no recreo, tomando café cos meus compañeiros sobre o noso sistema político. Eu dicíalles que tal como está deseñado, é unha ditadura que dura catro anos. Os cidadáns emiten un voto a un partido que se obtén a maioría absoluta, ten un cheque en branco para facer e desfacer o que queira, dixera o que dixera o seu programa electoral. Chus e Domingo dixéronme que eu estaba un pouco radical, quizais teñan razón pero creo que os tempos están para poñerse radical.

Para o 18 de decembro o movemento do 15-M tiña varias protestas convocadas a favor da reforma do actual sistema electoral. Ese que entre unha peculiar distribución das circunscricións e a aplicación da Lei D’Hont fai que con un censo de votantes de 34.952.313, o PP saque maioría absoluta con menos de 11 millóns de votos (10.830.693), un 30,98% dos votos posibles, un 44,62% dos emitidos. É dicir menos dunha terceira parte dos posibles votantes, votaron ao Partido Popular. O número de votos dos demais partidos foi de 13.681.250, máis que os do PP (un 55,38%). Sen lei D’Hont o PP tería uns 158 deputados, lonxe da maioría absoluta actual (186). Vale, isto non é unha ditadura, pero tampouco é unha democracia real.

Fronte a esta situación están xurdindo  novas propostas, moitas delas baseadas nas posibilidades que abren as novas tecnoloxías. Neste enlace tendes un vídeo cunha interesante. Permitiría que os cidadáns exercéramos de feito a nosa parcela de soberanía para votar leis importantes que nos afectan de cheo (de xeito electrónico, a través de internet). É máis, penso que sería o único xeito de aprobar leis que “os mercados” non permitirían aprobar a unha clase política demasiado próxima aos seus intereses. Lembrade o que pasou con Papandreu (foi cesado fulminantemente, pese a haber sido elixido democraticamente facía pouco tempo) cando quixo facer un referendum en Grecia sobre os axustes que lle esixía Merkel.

Quizais eu teña unha confianza demasiado grande en internet, pero estou segura de que vai cambiar o mundo (esperemos que sexa para mellor).

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

Sobre transparencia


Comentaba Óscar fai uns días neste mesmo lugar as deficiencias da páxina web do Concello de Cambados e o feito de que non se empregue precisamente para favorecer o contacto cos veciños e a transparencia. Pola páxina de Chon  enterámonos tamén estes días dalgunhas das contas (só algunhas) da festa do albariño, contas que Vitor Caamaño leva pedindo reiteradamente. Así que é interesante a nova que aparece hoxe nos xornais como El País de que a Casa Real vai a ser mais transparente a partir de agora, e que a través da súa web fai dar unha información detallada (veremos como de detallada) dos seus ingresos e gastos. Nese mesmo artigo cóntase como case todas as casas reais europeas subministran esta información dende hai anos, dise que a raíña inglesa chega a especificar o que se gasta en perruquería e calefacción. Así que me alegro desta decisión do Rei, anque esta chegue forzada polas circunstancias dun proceso xudicial en marcha no que aparecen varias persoas da familia real. Como dicía Peces Barba onte nunha entrevista na radio, o Rei está poñendo a venda antes da ferida para evitar males maiores.

Pero volvamos a Cambados, se o vai facer a Casa Real, non sería posible que o noso alcalde-presidente dun pobo de pouco máis de 13.000 habitantes puxese tamén unha información detallada de gastos e ingresos na páxina do Concello?. Eu creo que sería doado, e se non se fai, que non nos enganen, é porque non lles da a “real gana”, porque aos políticos, sobre todo aos malos, gústalles dispor a discreción dos fondos públicos (ou sexa de todos), é dicir, gastar o diñeiro como lles pete e sen dar explicacións a ninguén. Así que hai que recordarlle unha vez máis á nosa clase política o artigo 2.1 da Constitución, ese que di:

 “La soberanía nacional reside en el pueblo español, del que emanan los poderes del Estado”. O Rei debeu de botarlle unha ollada estes días nos que se conmemoraba a súa aprobación. A ver se hai sorte e o señor Aragunde o fai tamén.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

“Coa sombra do teu nome”, un libro de Pío Dalonga


O pasado venres fun ao Grove á presentación na Casa de Cultura dun libro de  Pío Dalonga (pseudónimo de Manuel Guillán Besada), “Coa sombra do teu nome”, outra publicación de Miguel Muñiz e a súa editorial Todogrove edicións, iniciativa cultural de enorme mérito nos tempos que corren.

A presentación do libro estivo a cargo de Luís Rei, outro incansable da cultura, que describiu o libro como unha novela de amor, de amor platónico. Tomado este concepto no seu sentido mais superficial, é dicir ese amor que non pasa da idealización do ser amado, pero tamén no sentido mais profundo da filosofía platónica. Esa filosofía dualista que distingue dúas realidades, a que percibimos cos sentidos, falsa e impura, e a que se percibe a través da intelixencia. E Luís coa súa fina e intelixente ironía atopou na novela un dos símbolos de Platón: a caverna, a cova, anque neste libro a coba platónica é con “b” e agacha o acrónimo de “Colexio Oficial de Borrachos Alustrados”. E isto xa dá pé a cambiar o ton desta crónica e achegarnos a esta obra na que non aparecen sesudas reflexións filosóficas senón realidades traxicómicas como a vida mesma, e non  por iso menos acertadas; que son dous xeitos de ver a vida, dúas caras da mesma moeda, a da intelixencia e a da paixón, como tamén cría Platón, anque el pensaba que a válida era a primeira.

Pío Dalonga dixo na presentación que este libro non o escribiu el, só é un relato certo de como sucederon uns feitos un verán do mil novecentos noventa e tantos. Dixo que tampouco era unha novela de amor, porque non chegou a haber tal cousa, anque Luís moi atinadamente recitou aqueles versos de Neruda que din: “ Yo la quise, y a veces Ella también me quiso”. Non é este libro segundo o autor unha crónica de amor, quizais si de desamor, o berro inocente dunha alma soa e desamparada que afogou as súas penas “cunha rubia holandesa chamada Heineken”. Pío lembroume aos pallasos da miña infancia, esas figuras, tenras, tristes e desvalidas que nos facían rir doadamente porque a angustia e a desesperación lindan co humor que fai rir a escachar, só os separa unha liña fina, igual de fina que a que separa a cordura da tolemia, que é o punto exacto no que agroma a arte, a literatura e  en definitiva a creación humana e o coñecemento. Aí nese punto atópase Pío, aí onde as musas inspiran ao artista a verdadeira literatura.

En fin que disfrutei moito indo ao Grove a escoitar a Luís, a Pío e a Miguel, rindo a escachar e lendo esta estupenda novela de non amor, que recomendo.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

Cousas que non entendo desta crise


COUSAS QUE NON ENTENDO DESTA CRISE

1) Os países “periféricos” da zona euro, os chamados por mal nome PIIGS (Portugal, Italia, Irlanda, Grecia e España) son os que se atopan en máis dificultades coa súa débeda pública. Pero se consultamos certas estatísticas atopamos que a débeda do goberno (débeda soberana) é dun 67 % en España e dun 81 % en Reino Unido, 83% en Alemaña e 100%! en EEUU. Se miramos o reparto da débeda total dos Estados entre o número de habitantes tamén saen datos estraños: En Grecia cada habitante debe 38. 073 euros, 41.366 España e 66.508 en Alemaña e 117.580  en Gran Bretaña!!. Pero de quen desconfían os mercados é dos PIIGS.

2) Financiar a débeda alemá (bono a 10 anos) costa en torno ao 2% de tasa de xuro (interés) anual, a inglesa un pouco máis, a española sobre o 7% e a grega 50%!!!. Os inversores piden máis xuros para comprar a débeda porque teñen medo de que non lla devolvan, e a ese tipo de xuro como lla van devolver?

3) Aos directivos  dos bancos e caixas quebrados non só non se lle esixen responsabilidades civís nin penais senón que se lles premia con fortes indemnizacións, mentres as directrices económicas do FMI e da Unión Europea esixen aos países con dificultades favorecer o despido dos traballadores, baixar salarios e facer recortes sociais. Mentres tanto os mesmos que dirixían as axencias de cualificación (que horas antes de que caese Lehman Brothers dábanlle  a AAA de máxima solvencia) e os bancos quebrados son os dirixentes económicos do goberno de Obama (ver a peli Inside Job) e están tamén detrás de moitos gobernos europeos.

4) En plena crise económica a porcentaxe de persoas que teñen máis dun millón de euros aumentou a 10, 9 millóns de persoas en 2009 (un 8,3 % máis) e mentres que pequenas e medianas empresas están pechando as portas e botando traballadores á rúa os beneficios das 35 maiores empresas españolas subiu un 24,7 % en 2010 (moi recomendable ler Hay alternativas na web de ATTAC).

COUSAS QUE CONSEGUÍN ENTENDER DESTA CRISE

1)      Sobre os bancos centrais europeo e americano pesan os prexuízos da historia. Os EEUU sufriron a gran Depresión dos anos 30 que supuxo unha recesión económica sen precedentes e debido á falta de consumo unha forte deflación. Pola contra o Banco Central Europeo, con sede en Frankfurt, ten o recordo seguramente da crise Alemá dos anos 20-30 e a súa hiperinflación. Deste xeito a Reserva Federal americana é mais dada a ter intereses baixos e aumentar o diñeiro en circulación para estimular a economía e evitar unha nova depresión. E o Banco Central Europeo prefire evitar medidas que provoquen un aumento da inflación algo que ademais prexudica aos alemáns que son unha nación aforradora (exportan moito e a súa balanza comercial ten superávit) polo que a Sra Merkel non quere oír falar de nada que poña os aforros alemáns en perigo, co risco de botar abaixo todo o proxecto europeo. Xa o dixo o ex-chanceler alemán Helmut Köhl (conservador como Merkel pero intelixente) que o que el fixera pola construción europea o estaba agora desfacendo a súa compatriota.

2)      Hai un dito en EEUU que di que ningún banco ou sociedade lle pode gañar un pulso á Reserva Federal pola sinxela razón de que esta ten a capacidade de poder fabricar todo o diñeiro que queira e iso frea calquera ataque especulativo contra a súa débeda.

3)      Recomendo encarecidamente ver o vídeo, diñeiro como débeda,  a conclusión á que chega é que en realidade os bancos non teñen diñeiro, senón que prestan o diñeiro que os bancos centrais dos estados fabrican e avalan, e entón por que temos os cidadáns dos estados que pagar aos bancos por un diñeiro que é noso?

Curioso paradoxo que non se resolverá mais que pola vía de control dos mercados que ameazan con quebrar todo o sistema (pero sempre ao seu favor). Ou será mellor que rebente todo e empecemos con reglas de xogo novas e sen cartas marcadas? Que tal nacionalizar os bancos e que o Estado preste o diñeiro sen cobrar xuro ningún?. Esa idea  apúntase no vídeo do que falei.

O Banco Central Europeo debería dar un golpe na mesa e dicirlle aos mercados de quen é o diñeiro e non ao revés como está pasando. Témome que isto non fai suceder xa que o actual presidente do Banco Central Europeo é Mario Draghi, ex-directivo do banco americano de inversións Goldman Sachs, que tivo gran protagonismo nas causas da crise grega e que axudou ao seu ex-goberno conservador a falsear as contas para que Grecia entrase no euro.

Definitivamente vamos ter que ser os cidadáns os que demos o golpe na mesa e canto antes se faga, mellor.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.