//
arquivo

Óscar Pardo-Planas

This category contains 15 posts

Un alto no camiño (a “tregua sen entrega de armas” de CTK)


Non é un cese definitivo, pero tampouco sei ben o que é. O que está claro é que é un alto no camiño, e que quizais estas liñas son as máis difíciles de escribir nestes últimos oito anos de activismo na rede. A rede, ese espazo tan global e que pode, e demostrámolo, ser tan local ás veces. Porque os que cremos nun mundo diferente, mellor, sabemos que os cambios comezan cos pequenos xestos, e coas accións cercanas. É a suma de todo iso o que nos acerca á utopía, esa que nos axuda a seguir camiñando.

A "marea laranxa" en 2006

A “marea laranxa” en 2006

Precisamente o cambio estivo presente en toda a traxectoria de Cambados.tk.. O lema foi, desde o ano cero “Mudar Cambados”. No plano electoral non o conseguimos –por agora-, mais eu agardo que no plano político e social a incidencia de CTK teña sido positiva. Non creo este pequeno recuncho fora fundamental, nin moitísimo menos!, pero quero pensar que foi un graniño, máis ou menos diminuto, que aportou algo bo a toda a xente que soñamos cun Concello transformado e transformador. Que dera que pensar. Que ás veces revelara algunha cousa, e outras simplemente puxera enriba da mesa o que todos pensamos e que por desgraza non vemos reflecido noutros espazos máis “convencionais”. Un medio crítico, moi crítico, e serio, levado adiante simplemente con boa vontade e ilusión. Sen, por suposto, fins lucrativos, e posible grazas á colaboración de ducias de persoas ao longo de anos. E tamén con fallos que agardo sexan menos relevantes que o propio proxecto. As circunstancias persoais van cambiando, e a partires de hoxe fan difícil que a páxina continúe como o estaba a facer até o de agora. Isto non quere dicir que se peche a porta a unha continuación, pero si significa que polo menos nunha pequena tempada vai quedar suspendida a actividade.

CTK comezou coa reivindicación das pistas de tenis en 2005

CTK comezou coa reivindicación das pistas de tenis en 2005

De aí o da “tregua” e de aí o de non entregar “as armas”. Cambados.tk non pecha. Para empezar, porque o arquivo da última etapa da web (a etapa blog, desde 2009), ten que quedar na rede como testemuña dunha visión de esquerda de Cambados nese período. Porque se algo comprobamos é que neste Concello os erros se repiten, e para iso cómpre coñecer a historia do que pasou. Ademais tampouco se pode descartar que finalmente as circunstancias si permitan volver á actividade, aínda que sexa doutra forma ou cunha intensidade diferente. Xa sei que houbo outras veces nas que CTK “calou” un rato, mais creo que desta volta é diferente e sentía a necesidade de anuncialo axeitadamente.

Tamén de aproveitar para agradecer fondamente a todas esas persoas que xa mencionei antes, que dunha forma ou outra colaboraron con esta web ao longo de sete anos e medio, case oito (que sodes un montón!). A todos, por suposto, os que lestes e participastes da páxina. Aos que compartistes nas redes sociais os enlaces que fixeron que CTK fora lida. Aos xornalistas que nos foron seguindo con atención. Aos diversos representantes políticos, incluídos os do Partido Popular que fixeron todo o posible por ignorarnos (e que orgullo nos produce!) até que non puideron facelo.

No plano máis persoal lévome desta experiencia cousas moi boas. Aprendín moito, e coñecín a moita xente coa que doutro xeito posiblemente non tería chegado a coincidir. A tantos e tantas dos “bos e xenerosos”. Fun coñecedor dos problemas do meu Concello e tentei que estes foran coñecidos. Seguramente a raíz do traballo na rede, participei en política de maneira máis ou menos activa, e aprendín a valorar o traballo daqueles que, desde a base, dan a cara polos seus veciños. Eles terán sempre a miña simpatía e apoio, dunha forma ou doutra.

A protesta contra a estatua de Fraga congregou a ducias de persoas no verán

A protesta contra a estatua de Fraga congregou a máis dun cento de persoas no verán

Na miña memoria –e agardo que na de máis xente- quedan cousas tan positivas como aquela “marea laranxa”, aquelas revistas tituladas Mocidade en Marcha, tamén algúns panfletos. E tantos temas da actualidade cambadesa que tentamos transmitir desde CTK, unhas veces acertadamente e outras, posiblemente non tanto. Tantos e tantas veciños que falaron connosco para pedirnos que tratáramos algún tema, ou que se achegaron para felicitarnos ou para facernos algunha crítica. E sobre todo está na miña memoria recente este último ano frenético no que conseguimos pasar da acción virtual á real e ducias de persoas se mobilizaron connosco na rúa (e de que xeito orixinal!) contra a xa famosa estatua de Fraga. Algo inédito en Cambados.

Vivimos tempos convulsos, e nos que máis que nunca é necesario que as persoas teñamos claro que, de non exercer como cidadáns (en toda a amplitude da palabra), os espazos que os nosos antecesores foron gañando nos serán roubados. É tempo de loita, na rede, pero sobre todo aí fóra. En Cambados, e no país, para impedir que os “de sempre”, os que provocaron a crise e os que queren gobernarnos, se saian coa súa. É tempo de rebeldía. Para iso estivo Cambados(tk) nestes anos, e para iso cada quen debera traballar na medida en que lle sexa posible. CTK non dá tregua porque os poderes locais o merezan. Nin moito menos: temos comprobado que o cambio de caras a nivel municipal non garante ningunha mellora para os cidadáns.

Vivimos nun pobo cuxa calidade democrática se foi degradando a pasos axigantados nos últimos lustros, unha vila que moitas veces segue durmida á veira do mar, como relatara o propio Ramón Cabanillas. Cambados(tk) só deixaría de ser necesaria tal e como se plantexou cando sexa verdadeiramente o pobo quen goberne Cambados, e Cambados non sexa máis a leira particular dun grupo de persoas. Por iso tamén queda a porta aberta.
Porque son tantas as batallas as que quedan por librar! seteanos Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

A Alternativa


Que vivimos nun momento de emerxencia social e nacional é evidente. Que remata un ciclo histórico, tamén creo que o é. Vivimos un tempo no que boa parte da cidadanía deixou de confiar nas institucións ao decatarse de que en moitos casos non son máis que parte da correa de transmisión que nace duns poderes non democráticos, que desvirtúan o resto da cadea. Uns poderes, a oligarquía, os poderes financeiros, que ninguén elixiu e que a pesar disto gobernan ao seu antollo apoiados en pseudo institucións como o BCE, FMI, etc. Só así pode explicarse que as receitas que o dogma impón para saír da crise sempre lastimen aos máis feridos e beneficien aos menos, aos de sempre. Ese lema tan popular nos Estados Unidos que di que “We are the 99”, en referencia ao 99% da poboación que conforma esa maioría social fronte a un 1% no cal se concentra riqueza e poder (as porcentaxes non son tan esaxeradas pero a idea si vai na boa dirección).

A indignación percorre os centros de traballo, as colas do INEM (cada vez máis longas), e as familias das máis de 20.000 persoas que o ano pasado tiveron que emigrar desde Galicia. A historia da Galicia que marcha repítese. E en fronte están os bonecos de ventríluoco dos poderes oligárquicos que mentres aplican as súas receitas e nos esmagan, desenvolven un discurso perigoso e antidemocrático: o de que “todos son iguais”, que a política non serve. Temos que paralos. Porque esta batalla é unha batalla polos dereitos básicos: dereitos cidadáns (hoxe o dereito á manifestación está tamén en entredito) e sociais, o dereito a unha sanidade pública, a un ensino público. Os piares do por que da democracia. En definitiva é  unha batalla pola xustiza social. A codicia dun poucos está a chegar demasiado lonxe, até o punto de que hoxe segundo a Constitución Española (esa que era sagrada até que os de arriba mandaron cambiala, e así foi nun par de semanas e sen referedum) sexa máis prioritario pagarlle aos bancos que os servizos públicos. Basicamente, pagar os créditos ten prioridade por riba de todo. Aínda que segundo a campaña de Alberto Núñez Feijóo, por riba de todo está Galiza. Cando vimos que a realidade é que con Feijóo todo está por riba de Galiza, máis ben.

Non quero estenderme demasiado por agora, houbo e haberá tempo durante esta campaña e máis alá (porque en absoluto falamos dalgo que remate cuns comicios). O certo é que a emerxencia apremia. A política SI vale mentres estea en conexión coa cidadanía e non se profesionalice. Cómpre recuperala para a cidadanía e para iso a cidadanía debe saber que é imprecindible na tarefa. É tempo de rebelión, non se trata de ocupar as institucións senón de rachar democraticamente coas actuais porque non serven para o seu cometido.

Nesta empresa atópase unha fórmula electoral inédita en Galiza: A Alternativa Galega de Esquerda, que une á esquerda nacionalista coa non non nacionalista e con movementos sociais. E AGE non é só Xosé Manuel Beiras, pero temos a sorte de contar con el e con todo o que el representa, cunha persoa que pese a estar na vellez física ten unha mente máis xoven e sobre todo lúcida que a de calquera político de mediana idade de calquera dos partidos convencionais. Só fai falla escoitalo (e estamos a ter oportunidades a diario, terémolas tamén na comarca). Alternativa conta ademais con homes e mulleres por todo o país decididos a practicar esa máxima básica da esquerda (e que por desgraza en moitas organizacións se perdeu): a entrega de tempo gratuito para transformar a sociedade. É ilusionante, saber que hai Alternativa, e loitar por ela. O mellor, o máis importante, é que se o conseguimos, o seu éxito será en beneficio do ben común.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

A pobre democracia municipal


O pasado xoves asistín ao Pleno da Corporación de Cambados en calidade de oínte (pois todas as sesións do órgano representativo municipal son públicas). Non é primeiro pleno ao que acudo, nin será o último. A pesar de que foron moitos os que, antes da eleccións municipais, louvaron a Luís Aragunde polo seu “talante” diferente, eu non vin que tralo paso do tempo as actitudes dos edís e dos alcaldes do PP se diferencien demasiado.

Obviamente sempre hai cambios que se desprenden das personalidades de cada un; Cores Tourís foié, e atreveríame a dicir (oxalá me equivoque) que será un perfecto maleducado. Foino nos plenos pero tamén fóra deles, fomos moitos os que sufrimos a súa insolencia e o seu carácter sectario persoalmente. Aragunde prometíase diferente pero, ao fin e ao cabo, o sillón da Alcaldía e a maioría absoluta rematou por convertelo en algo semellante. Continuas interrupcións aos edís da oposición (resulta moi curioso que o volume do micro do alcalde, estea ademais, máis alto que todo o resto…), normalmente burlescas, faltas de respecto dos concelleiros do PP como saír a fumar no transcurso do debate, pasarse a sesión escribindo no móbil, aplaudir, rirse… Unha pequena mostra tentei reflectila no resumo do último pleno, nun vídeo no que se lle escoita ao alcalde respostar ao concelleiro do BNG: “non me jodas, Víctor” entre risas dos seus edís; ou cun audio dunha rastreira chamada de atención do alcalde ás “faltas de ortografía” dos escritos do Partido Socialista.

Fóra disto, a democracia municipal representada nos Plenos é ben pobre. Estas sesións, onde está representada a soberanía do pobo de Cambados, están limitadas en contidos. Primeiro, e isto é algo que eu descoñecía, porque entre os tres grupos só pode presentar catro mocións para o debate. O resto ha de ser presentado como preguntas ao goberno. Estas preguntas non dan lugar a debate, tan só son respostadas por Aragunde con escuetos “si”, “non”, “xa veremos”… E en moitas ocasións tamén bota man de “precisamos aínda documentación para poder responder”. Isto fai que temas como o do Pinal da Maza, que poderían ser constituíntes de irregularidades de tipo urbanístico que beneficiaron a un concelleiro do PP ou ao ex alcalde Tourís, leven desde Maio sen ser aclarados.

En Cambados, ademais, celébrase o mínimo de sesións de Pleno que marca a lei: tan só se celebra un cada dous meses. E o resto de temas, como se aproban? En Xunta de Goberno, algo así como o que sería o “Consello de ministros” a nivel Estado. Esas reunións, a diferenza dos plenos, non son de carácter público, é dicir, ti e mais eu non podemos acudir a elas. En teoría empregaríase para que o goberno local desenvolva o seu día a día executivo, pero na realidade cambadesa este órgano é empregado para evitar que temas espiñentos cheguen ao Pleno, onde están todos os concelleiros –tamén da oposición- , a prensa, e a cidadanía que queira acudir. Respecto ás Xuntas de Goberno, o Concello ten que enviar as actas do que alí se decide á oposición, pero aínda que a lei marca un prazo máximo de 10 días para isto, xa van varias veces que o retraso acumulado é de máis de catro meses. O Valedor do Pobo tivo que actuar en varias ocasións ante denuncias do BNG, xa que cun Pleno cada dous meses e sen actas de goberno, o labor da oposición perde toda a súa capacidade.

Eu levo anos mantendo que Cambados precisa un cambio. Un cambio tamén político, por suposto. A necesidade deste cambio non só vén dada por cuestións programáticas (cambio nas políticas de contratación, peonalización do casco histórico, saneamento da costa, mellora da situación económica, dos programas culturais -ou coolturais como lles chama Aragunde-, da Festa do Albariño…). O cambio ten que traer en primeiro lugar outra forma de actuar por parte do goberno local. Comecemos polas cuestións éticas para logo trocar as políticas. Máis transparencia, non só cumprir os prazos de entrega da documentación á oposición senón melloralos e poñer a disposición da cidadanía por medio da páxina web de cantidade de información; máis debate, dobrar polo menos a cantidade de sesións plenarias e aumentar se é posible as mocións a presentar; novas  formas, rematar con xestos que pouco teñen que ver coa democracia, con expresións burlonas e outras faltas de respecto.

Que a xestión do goberno local sexa positiva depende de moitos factores, pero cambiar as formas na política municipal só depende da vontade de cada quen.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

Sobre a estatua (contén solución)


Falando o outro día cun adegueiro da zona (por certo, contrario á famosa estatua) comentábame varias razóns adicionais para opoñerse á homenaxe a Manuel Fraga que agora o Concello sostén que saiu do sector do viño.

Un argumento é claro. Que imaxe quere dar un sector tan importante para a economía da comarca? Nos últimos anos Rías Baixas ten realizado un importante labor de apertura a novos mercados, de internacionalización. O ano pasado, a denominación de orixe exportou máis de cinco millóns de botellas, a maioría aos Estados Unidos e mais abrindo novas frontes de traballo.

En Cambados, xa o sabemos, a figura de Fraga mal que lles pese aos gobernantes non xera en absoluto consenso senón división. Para uns Fraga “fixo moito por Cambados”, para outros Fraga foi o cacique maior de Galiza e alguén que non renegou nunca do totalitarismo. Pero que opinan fóra da península sobre “Don” Manuel? Só fai falla ver os titulares das novas no día do falecemento do ex presidente e ex ministro. The Guardian (Gran Bretaña): “Manuel Fraga, last minister from Spain’s Franco era, dies aged 89”;  The New York Times (EEUU): Manuel Fraga Iribarne, Aide of Franco and Spain Political Force, Dies at 89”; The Washington Post (EEUU): “Manuel Fraga Iribarne, last surviving minister of Franco regime, dies”. Non é cousa nosa, esta pequena escolma de titulares internacionais o que destaca nas primeiras liñas é a pertenza de Fraga ao rexime franquista. É esa a imaxe que quere dar o “sector do viño” nos mercados que quere seguir abrindo?

Sabemos de sobra que a proposta da estatua non partiu de ningún sector do viño (os presidentes de Martín Códax e Condes de Albarei descoñecían que era os impulsores a semana pasada) senón en tal caso de certas persoas do PP, demasiado acostumadas a empregar Cambados como a súa finca privada. Desde logo, como mínimo pode dicirse que unha estatua non se erixiría sen o visto e prace do Concello, que require decisión política…ou é que a partires de agora calquera estatua promovida por un grupo (nin sequera definido) de persoas, poderá ser chantada en solo público?

A estatua está a ser construida. Ese é un dos motivos polos que moita xente, incluso estando en desacordo con este disparate, nos di estes días: “para que protestar? Total, xa está feita”. Precisamente é o que lle gusta ao PP, anular calquera tipo de disidencia incluso pola vía de feitos consumados. Pero a dignidade tamén a temos construida desde moito antes que esa estatua e nunca, e menos agora, está de máis exercela. Hai que deixarlles claro que unha maioría absoluta non debería significar absolutismo, e que en Democracia gobernar en maioría debe seguir significando gobernar para todos.

E si, a estatua pode que estea feita. Eu propoño que, en primeiro lugar, se pague integramente por eses militantes/simpatizantes do PP que agora din que hai que facelo por suscrición popular. Que non saia un peso dos impostos (subvencións incluídas, claro). E que se publique a lista dos doantes: transparencia. E segundo (e isto tamén é idea doutra amiga), que a fagan algo máis lixeira, transportábel, e que a vaian transladando cada ano aos terreos dun doante. Así todos a poden ter de cando en vez, e ademais recordará a certa celebracion relixiosa desta vila. Se están tan agradecidos con Fraga é a solución perfecta para todos, nonsi? Eles a teñen para si mesmos e nós ademais de non pagala non sufrimos a Fraga en terreo público. É o que se dá en chamar un win-win.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

O modelo europeo necesario


“-Gustoume máis Seattle, creo que hai máis movemento, máis xente, máis que facer; pero problemente me quedaría con Vancouver para vivir.

 -Claro, alí teñen sanidade de balde”

Veño de cruzar máis ou menos estas palabras co meu compañeiro de piso (el é o que dá a resposta). Seattle e Vancouver están só a unhas tres horas en coche. Pero estas dúas cidades da costa pacífica caen en países diferentes. A primeira en Estados Unidos e a segunda en Canadá.

Fíxome graza o comentario por varias razóns. A primeira simplemente porque unha das conclusións que sacáramos da fugaz visita foi que Vancouver era algo máis “europea” que as cidades americanas, e a referencia á sanidade inevitablemente tamén mira cara a outra banda do Atlántico. Non é certo que a sanidade sexa de balde, en ningún lugar nin baixo ningún sistema. Pero as diferenzas entre estes últimos son abismais e ás veces unha distancia de menos de tres horas fai que saltes dun lugar onde os cidadáns dispoñen dun sistema universal a outro no que a sanidade non é máis que outra peza do dogma oferta-demanda, e no que a pesar de dispoñer de excelente tecnoloxía e formación millóns de cidadáns non poden acceder a eles por motivos económicos.

Nestes tempos de indignación xustificada (e impresicindible), ollamos á esfera europea con estupor ante as imposicións que se fan tanto nas receitas económicas de axuste que nos levan ao desastre, como consecuentemente nos recortes sociais e laborais . Imposicións que tamén nos veñen de organismos non-eleitos até o punto de que se cambian gobernos democráticos ou Constitucións sen pasar polas urnas. Pero a pesar da indignación non é tempo de deixarse prender polo discurso antieuropeísta, tipo británico, que aproveita o desencanto para construir consignas tan simples como destrutoras. Europa é necesaria, a nosa Europa, a Europa que impulsou o Estado do Benestar, os avances nos dereitos da cidadanía, a Europa dos pobos, ese proxecto común que ten que ser unha potencia e deixar de ser potencia potencial. E por que non dicilo? A Europa que pode servir de marco para as nacións como Galiza na súa emancipación. A Europa, lembremos, da fin das fronteiras.

Volvendo ao tema sanitario, temos que defender o que está ben. E a Sanidade, como todo mellorable, é un avance fundamental. Aquí nos Estados Unidos calcúlase que máis de 35 millóns de persoas carecen de ningún tipo de seguro médico e que 45.000 morren ao ano ao non dispoñer del. Iso a pesar de que o gasto per cápita é maior que na veciña Canadá, onde repito, teñen un sistema de cobertura universal.

Nos Estados Unidos estamos en campaña electoral dende hai demasiado, principalmente coas primarias dos republicanos. Unha diferenza EEUU-Europa vital é a seguinte: Mentres aquí os conservadores pelexan acusándose uns aos outros de “liberais” (como lle chaman aos de esquerdas aquí, considerado case un insulto) e satanizando calquera forma de sistema sanitario público; en España é impensable que un político se atreva a dicir abertamente que o quere destruir. A pesar de que logo na práctica os que temos agora no poder son especialistas en desmantelalo, achicándoo aos poucos. Mais a opinión pública xamais admitiría unha proposta de partida de disolución do noso modelo de sanidade. Parece unha parvada pero a pesar dos esforzos dalgúns por americanizarnos, Europa por fortuna segue sendo diferente. Nos EEUU do pensamento individualista para moitos (demasiados) Sanidade pública significa “pagarlle a uns vagos que non queren traballar os seus gastos médicos”, en Europa é unha necesidade solidaria pero que se sabe que revirte no benestar común.

Por iso cómpre á par de mobilizarnos contra a merma democrática que nos vén de “arriba”, defender a necesidade do modelo europeo, da socialdemocracia e do Estado do Benestar. Que perdamos esta batalla significará sen dúbida un futuro moito peor para os que veñan. Condenarémolos a vivir nun lugar menos xusto. Senón que llo pregunten a outro amigo americano que hoxe comendo comentábame o seguinte:

“ É triste,  pero agora mesmo estou sen seguro sanitario.” Poñédevos no seu lugarPenso que nun país normal ninguén debería pasar por isto. E tamén podería meter no saco o ensino ou os servizos sociais. Outro tanto.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

Democráticos erros


O BNG celebrou esta fin de semana a súa XIII Asemblea Nacional. Díxose, dixen, que esta era unha asemblea histórica, que marcaría un punto de inflexión. Para ben ou para mal. Antes de continuar, e prevendo algúns comentarios ou reaccións (que xa tiveron lugar incluso antes da publicación deste artigo) deixar claro que non poño en dúbida o carácter limpo e democrático das votacións do sábado e o domingo en Amio. Os militantes do BNG, trala volta ao asemblearismo (logo dun escuro paréntese cunha “asemblea” con delegados) decidiron soberanamente o seu futuro; isto é, as teses políticas e a dirección para os vindeiros dous anos.

Agora ben, que as votacións foran democrácticas (un militante presente=un voto) non quere dicir que estas decisións sexan as acertadas. O problema, ao meu entender, do BNG e das decisións que foi tomando nos últimos anos radica na desconexión entre a base militante que participa nas asembleas e a sociedade galega. O que é máis grave, desconexión entre a propia militancia e os simpatizantes. Unha desconexión que non atopa cura nin sequera nas consecutivas derrotas. E é certo, o Bloque non levou un grande batacazo, pero si constantes beliscos que fan que leve anos “en recesión” continua.

Por moito que nos queiran convencer a asemblea do pasado fin de semana foi de confrontación, de confrontación de dous modelos; o da UPG-MGS que aposta por seguir igual, con referentes cando menos pouco carismáticos e discursos que non conectan ben coa sociedade; e o de irmandiños, Máis Galiza e independentes, que apostaban pola “rexeneración”, por abrir o BNG á sociedade (cantas ampollas levantou esta frase, que debería ser, porén, a práctica habitual dun partido transformador), por re-conectar cos sectores máis conscientes do país, mesmo por re-conectar cos moitos que se foron desvinculando do Bloque. Porque xa está ben de dicir que “as persoas non importan”,  loce moi bonito pero non é verdade. As persoas non o son todo, certo; mais si unha parte importante. Importan porque coas persoas nos presentamos ante a sociedade que queremos transformar e non a transformaremos xamais sen os votos. O contrario é resignarse a resistir, camiñar cara a marxinalidade.

E non é certo que non houbera “nin vencedores nin vencidos”. Houbo vencedores (e Feijoó  seguramente durmiu máis tranquilo) pero sobre todo houbo vencidos. Centos de simpatizantes –e votantes- que máis unha vez observamos como non hai derrota que impida que entre aire novo no que foi até hai pouco “a casa común”. Xa non. Moitos de nós non temos máis paciencia. Respectamos as decisións dos afiliados pero dicimos “até aquí chegamos”. Con pena, porque quixemos ás siglas do BNG moitas veces con militancia, aínda sen afiliación, pero sobre todo con razón e sen dogmas. Mais con firmeza e coa cabeza alta, non é traizón senón coherencia. Porque como ben expresou Beiras nun dos seus brillantes (que raro!) discursos en Amio, a nosa lealdade é co noso Pobo en calquera circunstancia e por riba de todo (…) a lealdade ao Pobo galego, ás camadas populares, á maioría social; e polo tanto, engado eu, non cunha organización.

Din que fóra do Bloque vai frío, mais eu cada día teño máis claro que non ten que ser certo. A realidade é que no BNG hai tempo que para moitos vai demasiada calor. É tempo de valentía, porque empregando un lema benegá “hai alternativa”. Será difícil, será traumático. Pero Galiza ben merece o intento. Adiante o nacionalismo galego de esquerdas, o da irmandade, aberto e moderno. E sobre todo, útil.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

A Esperanza discontinua


O tema repítese e repítese ao longo dos anos. A asociación Esperanza Salnés, que trata a nenos con discapacidade de toda a comarca, volve a ter a auga ao pescozo. O problema de raíz: esta asociación non pertencente á Xunta  carece de convenios estábeis coas institucións que puideran permitir que se esqueceran por un ano dunhas contas que nunca saen.

O asunto que vimos denunciando moitos todos estes anos é que estes malos momentos financeiros da organización son empregados electoralmente polo Partido Popular. En concreto, ano tras ano (só fai falla remitir a calquera hemeroteca para comprobar como isto é totalmente fiel á realidade) Esperanza anuncia que nun breve espazo de tempo entrará en bancarrota.

Finalmente, no último momento, Rafael Louzán aparece na prensa concendendo unha subvención que lle devolve o pulso á asociación, pero que non lle retira o risco dunha recaída inminente. Ocorre ano tras ano, e nunca até agora houbo un intento serio dos alcaldes (o máis involucrado debería ser Aragunde, quen por certo contou co apoio electoral do xerente da asociación en Maio), da Deputación ou da Xunta por asinar un convenio que poña fin a esta historia.

Repetímolo moitas veces en Cambados(tk), parece que rinde máis unha Esperanza constantemente en perigo que sexa triunfalmente rescatada por Louzán e compañía que unha asociación operativa e sen problemas que poida desenvolver de xeito normal a súa actividade.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

O goberno ausente


A ausencia do suposto Presidente de Galicia nun dos dous debates máis importantes do ano, o da aprobación dos Orzamentos da Xunta, deixa claro cales son as preferencias do actual goberno do país. Non se trata dunha simple ausencia, senón de preferencia. Preferencia por estar no debate de investidura de Rajoy que asistindo ao debate parlamentar sobre os presupostos do seu goberno. Desgrazadamente hai máis, a segunda autoridade do país, a Presidenta do Parlamento, estaba tamén en Madrid acompañando a Feijoó nunha viaxe que só se entende como propia dun país (auto)colonizado.

Sabiamos xa que o goberno do PP viñera para desmontar o que brevemente planeara o bipartito, sabiamos que era paradoxicamente un goberno de Galicia antigalego,  sabiamos que no máis importante do momento (emprego) estabamos ante un goberno inútil e  incompetente; e incompetente en palabras do propio Presidente, quen manifestou que carecía das competencias para loitar contra o paro cando en campaña prometera rematar con el en 45 días.  Mais agora sabemos tamén que non está disposto nin sequera a disimular, e non dubida en correr a Madrid a aplaudir ao xefe en lugar de exercer as súas responsabilidades máximas en Galiza. E peor, se cabe, a actuación de Pilar Rojo como representante da Cámara, acudindo de espectadora da festa do seu partido en lugar de moderar un debate de tanta importancia en Compostela. Por suposto  que faltan na xornada do debate, non se atreven a facelo o día seguinte posto que terían perdido as votacións (a maioría do PP é absoluta por un deputado).

A Feijoo agótaselle o tempo antes de que se lle acaben os culpábeis da situación que padece Galiza (antes era o bipartito, agora Zapatero). E ante este panorama desolador e unhas eleccións que se aveciñan anticipadas (antes de que os efectos negativos do goberno Rajoy se fagan notar) é necesario que os partidos que hoxe ocupan a oposición espabilen e presenten alternativas claras e atractivas, ademais do necesario debate das persoas. Doutra forma a maré azul escura case negra transfórmase en pesimismo para un amplo sector dos cidadáns.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

Eleccións e benegá


Os resultados deste domingo volveron dar unha abrumadora maioría ao Partido Popular, en España, en Galiza, e máis unha vez, en Cambados. Por esa parte hai máis ben pouco que comentar. Está case todo dito, incluído o tema da inxustísima Lei Electoral. O PPdeG atópase en moi bo momento, tanto que se chegou a rumorear que Feijoo podería adiantar a este ano as eleccións para aproveitar esta marea (azul din, máis ben escura) e revalidar comodamente un goberno que en 2009 conseguiu por ben pouco. Hoxe, porén, o Presidente dixo que non haberá tal adianto. Menos mal.

E menos mal porque o que parece claro é que as forzas da actual oposición non están preparadas para asumir a tan curto prazo unha contenda electoral galega con esperanzas de éxito. E non simplemente pola derrota actual, nin pola pasada. É que hai un problema de cohesión e liderado nos dous partidos máis que palpábel. E unha renovación que non foi tal tralo fracaso de 2009. Só se renovaron uns cantos, os demais siguen aí e seguen a obter malos resultados. Respecto ao tema específico dos dous líderes, manteño o que dixen hai dous anos, “líderes provisionais e pouco carismáticos”. Non había tempo para transición, pero decidiron que si o hai. E así imos.

A min o caso do PSdeG, para servos sinceros, preocúpame ben pouco pola pouca coincidencia que teño con esta formación e máis agora cando baixo este pobre liderado afloran (ou aumentan) os localismos inútiles de sempre e agóchase aínda máis o galeguismo. E a esquerda, a pouca que quedaba, levouna a última lexislatura de Zapatero.

Pero o BNG si me preocupa. Preocúpame porque é o único partido (fronte) de esquerdas e que mira polo país. Porque até agora foi un instrumento válido para a transformación de Galiza e porque é a casa común do galeguismo/nacionalismo. Onte, tralos resultados das Xerais, escoitei a Guillerme Vázquez valorar os resultados (en diferido, posto que na TVG o cortaron para amosar a Rajoy brincando no balcón de Génova) e o certo é que, se ben non dixo que eran magníficos (como se dixo por aí), si observei un certo triunfalismo que non vén ao caso. É verdade que é unha mangnífica nova que o nacionalismo manteña os dous representantes en Madrid. Pero hai que centrarse: O BNG leva perdendo apoios desde xa non sei cando. De forma constante e ininterrumpida. Non valen xa balóns fóra, non valen xa tsunamis, complots, situacións complicadas e resistencia á dereita. A min, non me vale.

E nestas eleccións deuse unha situación semellante á que tivemos en Cambados este ano nas municipais: o descalabro do PSOE non trae votos ao Bloque, como era tradicional e esperable. Eses votos quedan agora na casa ou van parar a outras forzas, como Esquerda Unida (que en lugares como ao Norte do país supera nalgunhas mesas ao BNG). E isto é moi grave, non é para estar precisamente contentos e seguros de que “comeza a recuperación” do BNG.

A remontada virá cando voguemos todos na mesma dirección. Cando haxa un liderado forte e que ilusione. Porque as persoas SI importan, por suposto que o colectivo tamén, pero as persoas e a linguaxe que se emprega de cara a sociedade é vital. E aí falla o nacionalismo. Sigo sen entender por que trala perda da Xunta non se elixiu ao home ou muller capaz de conducir ao BNG cara o Goberno Galego e se optou pola temporalidade, sigo pensando que non había tempo para transicións. Todo isto comenteino nun “polémico” artigo en 2009 titulado A refundación do BNG. Case nada do que se propoñía alí se cumpriu, eu avisaba de que de ser así “a tendencia vai continuar e de votantes descontentos pasaremos a simpatizantes e militantes desmoralizados”.

Eu non quero desmoralizarme. Pero somos moitos os que imos por ese camiño e hainos, tamén bastantes, que xa chegaron alí. Por iso espero que a Asemblea Nacional de Xaneiro fixe un novo rumbo. Xogámonos moito.Tamén como país.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.


Non me deixan votar


Esa é a sensación que teño no corpo. Non me permiten exercer o meu dereito ao voto. Vivimos nun país no que a única ocasión que nos brindan para opinar chámase xornada electoral e ocorre cada catro anos. Forma parte dun xogo viciado, no que o sistema de reparto e as circunscricións danlle a vantaxe aos dous partidos que o xestionan. Un sistema inxusto, no que o voto duns vale menos que o voto doutros, no que un escano do PP ou PSOE custa moitos menos votos que un do BNG, de ERC e sobre todo de EU. Por non falar da inexistencia total das demais opcións nos medios de comunicación, debates, etc.

Eu iso sabíao. Por iso a miña opción para o 20N é (era) clara. Para o Congreso, voto galego e de esquerdas, voto ao BNG. Non só por coincidencia ideolóxica senón por utilidade, porque en política é de xustiza premiar a quen o traballa. Fannos ver que todos son iguais, que a clase política “apesta”. En parte é certo, pero eu creo na política como xeito de cambiar as cousas, incluídas as que non me gustan no sistema actual. Por iso digo alto e claro que non todos son iguais do mesmo xeito que non todos os votantes somos iguais. Os deputados nacionalistas no Congreso comportáronse en realidade como deputados nacionais, xa que foron os únicos que exerceron de galegos e traballaron a favor da cidadanía deste país. Ademais, dentro do posíbel, inclinaron a balanza para impulsar políticas de esquerda ou rexeitar recortes da dereita (hoxe representada en PP e PSOE). Algo que beneficia á maioría dos cidadáns de España. O Bloque, como expoñía Duarte aquí hai uns días, propón unha saída da crise que non se leve por diante o que tanto custou construir. Defensa da sanidade e ensino públicos. Progresividade na fiscalidade, redución de gasto militar. Cambio na Lei Electoral. Unha alternativa clara á política que PP e PSOE comparten.

Estou a vivir nos Estados Unidos de xeito temporal, e por iso hai máis de un mes realicei no Consulado o papeleo necesario para poder votar, algo que por certo supón un gasto que desde logo estiven disposto a asumir. Logo de máis de un mes, non recibín as papeletas para poder emitir o meu veredito. Hoxe remata o prazo para envialo, polo tanto xa podo dicir que por vez primeira integrarei ese amplo porcentaxe de abstencionistas. No meu caso, forzoso. Retiráronme o minúsculo dereito de opinar cada catro anos. Seguramente digan que a culpa é de tal ou cal servizo de correos, mais o tempo, tivérono. Eu, este 20N, sinto que non contan comigo no meu país. E o inverno xa está aquí.

.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.


Nas redes sociais

Marzo 2023
L M M X V S D
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.