Se hai algo que queda claro ao observar os resultados da Mini Enquisa (preme aquí para velos íntegros) aberta a semana pasada en Cambados(tk) sobre o futuro de Exposalnés, é que a diversidade de opinións é moi importante. Certo é que unha aplastante maioría dos lectores participantes (máis do 80%) consideran que se o Concello se fai coa sede da antiga Fundación Comarcal, os usos das instalacións deberán cambiar. Se queres, podes premer en Seguir lendo
Nos últimos días deuse a coñecer a intención da Xunta de Galicia de eliminar as Fundacións Comarcais, aqueles entes creados por Manuel Fraga que non acabaron por ter unha finalidade definida e que en moitos casos remataron por ter como fin principal o emprego de persoas afíns ao partido. Pero a cuestión é…que se vai facer coas sedes daquelas Fundacións? [Preme para acceder á enquisa] Continúa premendo en Seguir lendo
Durante a última semana realizouse un pequeno inquérito entre os lectores de Cambados(tk) para coñecer a súa opinión sobre o gasto de fondos públicos en Cambados, e especialmente arredor do gasto de un millón de euros que a Deputación empregou en reparar a sede dunha asociación de carácter privado (a Cultural).
Pois ben, as persoas que participaron nesta enquisa discrepan radicalmente cos criterios que segue o Concello de Cambados –ademais doutras institucións- para invertir os cartos de todos. En concreto, nunha escala do 1 ao 5 en prioridade, tan só outorgan de media un 1,41 á reforma da sede da Cultural. Dúas obras que segundo o goberno local tamén son prioritarias, as comportas do Saco e a construción dunha praia artificial, contan co rexeitamento dos lectores. Seguir lendo
A continuación amósanse os resultados da enquisa de campaña que se desevolveu en Cambados(tk) nos últimos días. Téñase en conta que non pretende ser un estudo realista sobre os próximos resultados electorais do domingo 22, e que os datos que amosan deben ser contextualizados no perfil do enquisado, que máis adiante se especifica. Foron cubertas 88 enquisas, o máximo número que permitía a plataforma empregada e había restricción de IP, unha enquisa por computadora. Amplía as imaxes ao premer.
O PERFIL DO ENQUISADO: Xove, galeguista e de esquerdas. E votará.
O primeiro apartado da enquisa consistía en definirse politicamente. Nunha escala do 1 ao 5 os lectores de CTK manifestaron que na escala Esquerda (1) – Dereita (5) o perfil medio é de 2.03, e na escala de sentimento de pertenza Galego (1) – Español (5) o lector medio estaría no 2.01. Isto cadra tanto coa liña editorial da web desde o seu inicio hai seis anos, como co perfil de enquisado da enquisa preelectoral realizada en Nadal (a coincidencia é case total).
Canto á idade, volve a ser maioría o segmento 18-25 anos cun 48% dos participantes. As persoas con menos de 35 son o 68%, un público moi novo.
Por outra banda, unha maioría aplastante (88%) afirma que votará o vindeiro domingo. Só catro persoas (5%) din que non irán votar -2 delas corresponden aos menores de 18- e un 7% non decidiu aínda se acudirá á cita electoral.
PROPOSTAS E CANDIDATURAS: O BNG o mellor valorado, seguido de PSOE e PP
Os enquisados podían facer unha valoración tanto das propostas lanzadas polos partidos como das súas candidaturas. Se medimos nunha escala de 10, as propostas do BNG acadaron un 7.08, aprobando, fronte aos suspensos de PSOE (raspado, 4.74) e PP (3.8). A candidatura máis valorada pola audiencia de CTK é tamén a do Bloque, coa mesma nota (7.08). Aproba tamén o PSOE cun 5.12 e volve suspender o PP cun 3.76.
COÑECEMENTO DE CANDIDATOS: Aragunde o máis coñecido; o BNG situa a 7 persoas entre os 10 primeiros
Dábanse todos os candidatos das 3 listas e pedíase recoñecemento (non simpatía, só coñecemento). Aragunde situouse primeiro na lista (97.73%), seguido do ex alcalde Tourís (96.59%) e dos candidatos de PSOE, Domingo Tabuyo (94.32%) e BNG, Víctor Caamaño (90.91%). Os outros 7 no “top 10” son candidatos do BNG, destacando Xaquín Charlín (89.78%). Se falamos dos postos de “cola” en coñecemento, todos están ocupados por candidatos de PP e PSOE a partes iguais. Podes consultar toda a lista ordeada premendo aquí.
O CAMBIO: É posible e sobre todo é querido
Hai unha diferenza substancial en relación coa enquisa de decembro. Daquela, unha abrumadora maioría dos lectores de CTK (78%) cría que o cambio non sería posible de conquerir desta volta nas urnas, aínda que case todos (86%) querían ese cambio. Esa cifra mantense practicamente igual (87%) pero agora case o 60% dos lectores cren que o cambio si é posíbel o 22 de Maio. Sen dúbida unha moi boa nova, hai ilusión de cara ás eleccións fronte a unha actitude máis desmobilizada hai seis meses.
Consulta os resultados completos comodamente
Ademais de todos os datos xa dados,os lectores podían opinar libremente ao finalizar a enquisa. 27 persoas decidiron escribir algo, e as mensaxes son moi variadas. Bastantes inciden na necesidade dun cambio para democratizar o Concello, aínda que hai opinións para todos os gustos. Podes acceder á súa lectura premendo aquí.
Abrimos unha xanela máis á participación. Nesta nova enquisa de CTK poderás facer unha valoración da campaña.
Comeza, como a anterior, pedindo unha breve descrición de idade e afinidade esquerda-dereita e galego-español. Logo, poderás puntuar as tres candidaturas e as propostas, en xeral, de cada partido. O apartado máis longo é o de coñecemento das listas, xa que se dán as tres e se pide que se marque que candidatos se coñecen (excluíndo aos suplentes para acurtar algo o proceso).
Ao final hai un espazo aberto, como sempre, para que cadaquén valore calquera cousa que sexa do seu interese (propostas concretas, críticas, acontecementos, predicións de resultados…). Preme na imaxe para comezar a enquisa.
Se onte a nova era que os resultados da enquisa de hai 2 días producían unha subida de lectores tal que Cambados(tk) ocupaba o sexto posto en blogs máis lidos en Blogaliza.org, hoxe coñécese que no día de onte CTK acadou a oitava praza (e cun maior número de visitas). Grazas a tod@s @s que vos pasades por aquí e ogallá o que se publica sexa do voso interese.
Un dos aspectos que máis me chamou a atención da enquisa preelectoral que Cambados(tk) vén de publicar é o feito de que a pesar de que unha maioría aposta por un cambio político no Concello, tamén unha maioría rexeita que iso poida ser realidade nas eleccións de Maio.
Porque lembremos que non é esta unha enquisa aleatoria, senón que se trata dun inquérito realizado aos lectores dunha web que dista bastante de ser obxectiva. Demóstrase tamén a través da enquisa que o perfil do participante medio é moi semellante ao da liña editorial da web, de esquerdas e nacionalista.
Que importante conclusión pode sacarse dos datos? Unha bastante preocupante ao meu modo de ver, nin sequera nós, os que deberamos pregonear un troco no goberno local con ilusión, o facemos a día de hoxe. E é certo que a situación non é a de 2007, cun Partido Popular desaloxado dos gobernos central e galego e cun candidato cada vez menos popular incluso entre os seus votantes polas saídas de tono ás que nos acostumaba. Hoxe hai un momento político diferente, máis difícil se cadra, pero para nada xustifica este derrotismo que se respira.
Vale con acudir aos datos de resultados de eleccións municipais e comprobar como o treito que separa a dereita (PP) e oposición (BNG e PSOE) é cada vez máis curto, acadando un mínimo en 2007 que non foi, desgrazadamente,suficiente para tumbar aos conservadores.
Observo con optimismo como a figura dun candidato (Víctor Caamaño) que hai catro anos carecía de coñecemento incluso entre os seus votantes do Bloque, xa é unha figura consolidada en termos de popularidade (aínda que habería que traballar nese sentido para mellorar os datos).
A min tócame hoxe, e fágoo gustosamente, animar a tod@s @s que votaron NON na pregunta “Cres que pode haber un cambio político?” a que replantexen a cuestión. Que o cambio empeza aquí, en cada un, en cada conciencia. Sen autoestima vai ser moi difícil tratar de convencer ao pobo de Cambados para que se sume á nosa opción.
Tamén fai falla que os partidos presenten, de aquí a Maio, proxectos críbeis, que vaian directamente a solucionar problemas da xente de a pé. Que presenten candidaturas con xente de todos os estratos, de todos os tipos de profesión, de cada parroquia, de cada idade. Que empreguen todos os medios ao seu alcance para espallar a mensaxe.
A razón, creo eu, témola. Sen que nolo creamos non o imos conseguir nin hoxe nin en quince anos. Adiante.
A enquisa preelectoral sobre os comicios municipais de Maio de 2011 tivo unha boa acollida na internet cambadesa. Durante os dez días que estivo aberta á participación foron 84 persoas quen acudiron á chamada de Cambados(tk). Amplía as figuras premendo nelas.
O PERFIL DO ENQUISADO: Xove, de esquerdas e galeguista
Así é, un 46% dos participantes dixo ter entre 18 e 25 anos e as persoas con menos de 35 anos foron un 72% do total. Polo tanto, esta terceira enquisa de Cambados(tk) foi a que maior interese espertou entre o sector da mocidade, curioso tendo en conta que era unha enquisa totalmente política a diferenza da anterior (Albariño).
Do mesmo xeito o perfil do enquisado é claramente progresista. Entre 1(esquerda) e 5(dereita) a media foi dun 2.0. Canto ao sentimento galego(1)/español(5) o resultado foi de 1.9. Isto cadra bastante coa liña editorial da páxina web desde o seu inicio.
OS MAIORES PROBLEMAS DE CAMBADOS: Política clientelar (enchufismo), cheiros e problemas ambientais
Estes foron os tres principais problemas que atoparon os cidadáns, seguidos da falta de apoio a colectivos e asociacións e mantemento de infraestruturas. O aparcamento foi o sexto problema en votos. Os participantes tiñan a posibilidade de escribir libremente, neste sentido destaca a grande cantidade de referencias á falta de sensibilidade institucional do Concello (non convidar á oposición aos actos, xantar do Albariño, soberbia…). Podes ler todas as respostas íntegras aquí.
VALORACIÓN DOS GRUPOS POLÍTICOS: PP e PSOE suspenden e aproba por pouco o BNG. Aragunde o máis coñecido seguido de Tabuyo e Víctor Caamaño
Bastante estritos foron os participantes á hora de valorar aos tres grupos políticos con representación. Podíase puntuar do 1 ao 5. O PP obtivo unha nota media de 1.9, a peor dos tres, o PSOE acadou un 2.4, no límite pero suspenso, e o BNG un 2.9, pouco por riba do aprobado.
Canto coñecemento dos diferentes políticos, os máis coñecidos foron, obviamente os líderes: o máis popular foi o alcalde Luis Aragunde (97.6%), seguido de Domingo Tabuyo (96.4%) e Víctor Caamaño (91.6%). Situouse algo por detrás MªJosé Cacabelos, BNG, (70.2%) e xa a bastante distancia o tenente de alcalde Antonio Iglesias (40.5%) e o concelleiro do PSOE Rafael Blanco (38.1%).
O CAMBIO POLÍTICO: Desexado pero non críbel
Quizais sexa este o punto que máis chame a atención da enquisa. Un 68% cre que non vai haber un cambio político nas vindeiras municipais, a pesar de que o 76% desexa que iso ocorra. Chama a atención polo perfil do enquisado, potencial votante da esquerda, que non ve crible hoxe por hoxe que o cambio vaia suceder en Maio.
Estas respostas contrastan coas recollidas na última pregunta da enquisa, na cal se podía deixar calquera comentario respecto das eleccións municipais. Neste caso un número elevado de participantes piden un cambio político (“a perpetuidade no poder é a enfermidade crónica deste Concello”, dixo un enquisado). Outro, ademais, se dirixen á oposición porque “debería ser máis agresiva” ou “son persoas pouco cercanas. Hai opinións para todos os gustos, o mellor é lelas integramente, neste enlace.
Cando a campaña estea realmente cerca, Cambados(tk) lanzará de novo unha enquisa para pulsar daquela a percepción dos lectores, e sobre todo, comparala coa que existe neste momento.
Relacionados
Os resultados da enquisa. Podes acceder aquí aos resultados completos da enquisa preelectoral de Cambados(tk).
Eleccións 2011. Especial eleccións municipais en Cambados(tk)
A enquisa preelectoral que se estivo levando a cabo desde esta web xa está fechada e os datos están sendo tratados. O número total de participantes foi de 88, pero só poderán ser empregados 84 votacións por restriccións da plataforma de enquisas empregada.
A partires de mañá todo aquel que queira poderá ver os resultados completos (comentarios incluidos) neste espazo, ben a través do informe completo en pdf que se colgará, ben a través dos resultados que se amosarán nunha anotación do blog.
Xa está á túa disposición a enquisa de Cambados(tk) sobre as eleccións de Maio de 2011 en Cambados. Son oito preguntas sinxelas que permitirán analizar que é o que pensan os lectores da páxina no momento político actual. Hai posibilidades reais de cambio en 2011? Queremos ese cambio? Cales son os problemas máis importantes que afrontamos os cambadeses?
Todo iso pode ser respondido na enquisa, á que podedes acceder durante os vindeiros días premendo neste botón, que poderás atopar tamén na marxe dereita da web. Moi pronto, aquí, os resultados.
Relacionados