//
arquivo

global

This category contains 71 posts

CTKast – Episodio Tres: Episodio Serenísimo


Imaxe

Presentación do Albariño 2015 (Faro de Vigo)

Episodio Tres: Episodio Serenísimo. Neste capítulo de CTKast falamos da organización da Festa do Albariño. Tratamos o resultado da Festa de 2016 así como os cambios introducidos nos útlimos dous anos polo goberno do cambio. Adicamos unha boa parte a tratar de analizar que é o chamado Capítulo do Serenísimo e que relación debe ter o novo goberno local con esta entidade.

O programa inclúe unha entrevista co tenente de Alcalde e concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño, co que ademais do Albariño falamos da súa área de goberno.

Para rematar, viaxamos até Gran Bretaña, onde conversamos con André, cambadés que leva uns catorce anos vivindo e traballando en Inglaterra.

Ir a iVOOX para descargar

Podes escoitar este capítulo empregando o reprodutor que aparece enriba, ou tamén podes descargar o audio e escoitalo no dispositivo da túa preferencia cando teñas tempo libre seguindo este enlace. Non dubides en deixar comentarios coas impresións, críticas e ideas…tanto aquí como no Facebook ou Twitter.

Nota – Fe de erros : durante a gravación mencionouse que o custo das entradas ao Xantar é de “sobre 50 e 55 euros” e isto non é certo. O custo era de 50 euros durante os gobernos do PP e descendeu a 40 coa entrada do novo goberno (45 e 2016 polo donativo de 5 euros a Esperanza Salnés)

Máis información sobre os temas tratados:

Datos sobre o Xantar e outras cifras (info complementaria ao Espisodio 3)

O Capítulo Serenísimo rexeita retirar o nomeamento a Jaume Matas (2015)

Entrevista a Víctor Caamaño en Cambados(tk) (2012)

Xantar do Albariño de 2012, máis de 600 convidados (2012)

Lista de convidados ao Xantar facilitada polo Concello en 2010 (2010)

Xantar do Albariño: quen son e por que comen gratis? (2010)

Presentación de “Suprema Injusticia” de María Garzón o vindeiro Xoves


María Garzón vén este xoves 22 de Novembro a Cambados a presentar o seu libro, Suprema Injusticia, no cal fai unha análise dos acontecementos que levaron a que o seu pai, o coñecido Baltasar Garzón, fora inhabilitado como xuíz. E faino empregando tamén moitas anécdotas e describindo desde a súa situación como viviu o proceso protagonizado polo ex maxistrado; “esta é a miña verdade”, di María, “débollo ao meu pai e a todo o que el fixo por nós. Xa está ben de estar calados e aguantar como fixemos até o de agora”. Baltasar Garzón segue na actualidade loitando na súa defensa en organismos internacionais e tamén segue comprometido coa Xustiza e cos Dereitos Humanos a través da fundación á que lle dá nome. Exerce tamén a defensa como avogado de Julian Assange, o creador de Wikileaks que permanece refuxiado na embaixada de Ecuador en Londres.

O acto deste xoves terá lugar ás 20 horas no Auditorio municipal, e contará coa presenza da autora do libro. Acompañarana os profesores Manuel Núñez e Carmen Durán, de Cambados, así como o da Universidade de Vigo, Ángel Rodríguez Gallardo. Proxectarase un pequeno vídeo que pon de relevo a relación de Garzón con Galicia (lembremos que foi o impulsor da Operación Nécora nos noventa). Organizan as librarías Cabanillas e Contos.

Manifestación multitudinaria no Salnés pola Folga


Multitudinaria mobilización nas rúas de Vilagarcía de Arousa, que lembrou e moito á masiva manifestación de Xuño contra os recortes. Hoxe, os cidadáns da comarca volveron a responder aos ataques do goberno á maioría social mediante esta convocatoria de greve xeral. Destacou a presenza de traballadoras de Alfageme, inmersas nun conflito que pode levar á desaparición da empresa e dos cento cincuenta postos de traballo. Seguir lendo

CTK unirase simbolicamente á Folga Xeral


O vindeiro mércores 14 de Novembro animamos á xente a participar na Folga Xeral que convocan as principais organizacións dos traballadores contra as políticas de recesión aplicadas polos Gobernos central e galego en consonancia cos ditados da troika e dos poderes oligárquicos. Ese día, o 14N non haberá actualización na web máis que para informar sobre a propia convocatoria de Greve Xeral.

Do mesmo xeito animamos especialmente aos lectores a acudir ás mobilizacións convocadas para ese día. En Vilagarcía de Arousa haberá unha manifestación unitaria (CIG, CCOO e UXT) que sairá ás 12 da Casa do Mar. Pola tarde, ás 20h terá lugar a protesta convocada polo sindicato anarquista CNT.

GastroGalicia: iniciativa moza en tempos de crise


“As cousas boas axiña se botan en falta”, esa é a idea base do proxecto. É unha excelente nova en tempos onde estas escasean, unha iniciativa emprendedora de mans de xóvenes cambadeses. Son catro, a maioría aínda estudantes, pero durante o verán comezaron a madurar unha idea que agora plasmaron na realidade de internet. Trátase dunha tenda virtual centrada en produtos gastronómicos de Galiza (como ben indica o nome), e non pretenden ser “unha máis”, senón “a mellor”. Isto queren conseguilo co feedback dos seus clientes ou potenciais clientes, que poden contactar cos responsables da empresa de varias canles.

Os catro rapaces son xóvenes e tres deles aínda están a formarse. Jorge Horro faino en administración de empresas e Dereito en Madrid, e Javier Álvarez e Ramón Gómez fanno en Compostela; o primeiro Enxeñaría Química e o segundo Dereito. Jonatan Ríos vive en Cambados, onde entrena á base do Club Juventud. El, técnico administrativo, supoñemos que exerce de centro de operacións (a sede física da tenda está na Avenida de Vilariño). Na web pódense atopar xa un bo número de produtos da terra, desde viños, licores ou cervexas, até conservas, algas ou sobremesas. No Facebook xa contan cunha páxina onde van informando das novidades que lanzan. Desexámoslles moita sorte nesta iniciativa!

A Alternativa


Que vivimos nun momento de emerxencia social e nacional é evidente. Que remata un ciclo histórico, tamén creo que o é. Vivimos un tempo no que boa parte da cidadanía deixou de confiar nas institucións ao decatarse de que en moitos casos non son máis que parte da correa de transmisión que nace duns poderes non democráticos, que desvirtúan o resto da cadea. Uns poderes, a oligarquía, os poderes financeiros, que ninguén elixiu e que a pesar disto gobernan ao seu antollo apoiados en pseudo institucións como o BCE, FMI, etc. Só así pode explicarse que as receitas que o dogma impón para saír da crise sempre lastimen aos máis feridos e beneficien aos menos, aos de sempre. Ese lema tan popular nos Estados Unidos que di que “We are the 99”, en referencia ao 99% da poboación que conforma esa maioría social fronte a un 1% no cal se concentra riqueza e poder (as porcentaxes non son tan esaxeradas pero a idea si vai na boa dirección).

A indignación percorre os centros de traballo, as colas do INEM (cada vez máis longas), e as familias das máis de 20.000 persoas que o ano pasado tiveron que emigrar desde Galicia. A historia da Galicia que marcha repítese. E en fronte están os bonecos de ventríluoco dos poderes oligárquicos que mentres aplican as súas receitas e nos esmagan, desenvolven un discurso perigoso e antidemocrático: o de que “todos son iguais”, que a política non serve. Temos que paralos. Porque esta batalla é unha batalla polos dereitos básicos: dereitos cidadáns (hoxe o dereito á manifestación está tamén en entredito) e sociais, o dereito a unha sanidade pública, a un ensino público. Os piares do por que da democracia. En definitiva é  unha batalla pola xustiza social. A codicia dun poucos está a chegar demasiado lonxe, até o punto de que hoxe segundo a Constitución Española (esa que era sagrada até que os de arriba mandaron cambiala, e así foi nun par de semanas e sen referedum) sexa máis prioritario pagarlle aos bancos que os servizos públicos. Basicamente, pagar os créditos ten prioridade por riba de todo. Aínda que segundo a campaña de Alberto Núñez Feijóo, por riba de todo está Galiza. Cando vimos que a realidade é que con Feijóo todo está por riba de Galiza, máis ben.

Non quero estenderme demasiado por agora, houbo e haberá tempo durante esta campaña e máis alá (porque en absoluto falamos dalgo que remate cuns comicios). O certo é que a emerxencia apremia. A política SI vale mentres estea en conexión coa cidadanía e non se profesionalice. Cómpre recuperala para a cidadanía e para iso a cidadanía debe saber que é imprecindible na tarefa. É tempo de rebelión, non se trata de ocupar as institucións senón de rachar democraticamente coas actuais porque non serven para o seu cometido.

Nesta empresa atópase unha fórmula electoral inédita en Galiza: A Alternativa Galega de Esquerda, que une á esquerda nacionalista coa non non nacionalista e con movementos sociais. E AGE non é só Xosé Manuel Beiras, pero temos a sorte de contar con el e con todo o que el representa, cunha persoa que pese a estar na vellez física ten unha mente máis xoven e sobre todo lúcida que a de calquera político de mediana idade de calquera dos partidos convencionais. Só fai falla escoitalo (e estamos a ter oportunidades a diario, terémolas tamén na comarca). Alternativa conta ademais con homes e mulleres por todo o país decididos a practicar esa máxima básica da esquerda (e que por desgraza en moitas organizacións se perdeu): a entrega de tempo gratuito para transformar a sociedade. É ilusionante, saber que hai Alternativa, e loitar por ela. O mellor, o máis importante, é que se o conseguimos, o seu éxito será en beneficio do ben común.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

As palabras necias dun Presidente impresentable


“Hoxe Galicia paga e Catalunya pide”, fai uns días o presidente Feijóo, facía  estas declaracións no marco da presentación das próximas eleccións  galegas, do próximo  mes de outubro. Debo dicir que me sinto indignado ante tales declaracións, primeiro como galego de nacemento, sentimento e corazón e despois coma catalán de adopción e , sobre todo, como pai de cataláns.

A realidade é moi distinta, non se trata de  se  Galicia paga  e Catalunya   pide, senón do contexto e os motivos nos que  Galicia paga e Catalunya  pide, e, que neste tema, coma noutros moitos, nin todo é branco nin todo é negro.

Dende logo o Sr. Feijóo fixo estas declaracións a sabendas  de que non son de todo certas ou, peor aínda, dende unha ignorancia impropia do seu cargo,  o cal é máis grave e, dende logo, o descalifica para ocupar o cargo que ostenta.

Antes de seguir, deixádeme que vos dea uns datos que nos situará en todo o que aquí se está   a tratar:

Catalunya cunha poboación de máis de 7.600.000 e un PIB per cápita de 27.589 euros é a primeira economía de España, aportando ao PIB total do Estado mais dun 18,5 %. Isto representa, case, unha quinta parte do mesmo. Dende o punto de vista fiscal, e, en canto á contribución tributaria per cápita (tomando 100 como media),  Catalunya aporta un 118,5 % as arcas do estado ( Galicia está nun 90,5 %). En canto os recursos autonómicos recibidos, e tamén sobre 100 de media, Catalunya percibe un 98,9 %  (Galicia percibe un 111, 6 %); de forma mais gráfica, de cada 100 euros que o estado recauda en Catalunya, 43 se destinan a outras comunidades. Todo isto sen entrar no debate da débeda histórica do Estado con esta comunidade; á vista destes datos penso, sinceramente, que a Catalunya se lle pode acusar de moitas cousas pero non dende logo de que non aporta como o que máis ao sostemento e ao finanzamento de España. Cabe dicir, que se Catalunya tivese un rexime fiscal propio, como no caso de Euskadi, non necesitaría axuda nestes intres tan difíciles.

Estes datos  coñécenos perfectamente o Sr. presidente Feijóo e se “hoxe Galicia paga” como di é porque existe o que se chama “solidariedade autonómica” no que as  autonomías que máis teñen, aportan máis e reciben menos para que outras autonomías, que teñen menos e, por tanto, aportan menos, reciban máis.

Catalunya pideu un rescate, iso é innegable (como probablemente o teña que pedir España en Europa). Pero unha crise económica,e sobre todo, financeira e bancaria coma esta, cébase moito máis  nas zoas mais industrializadas (como Catalunya), no que a totalidade das empresas recorren, xeralmente, a produtos bancarios  (liñas de crédito e desconto, pagarés etc.). Aquí a crise está sendo moi dura (como en moitos sitios) coa insolvencia de miles de empresas, arrastrando, á súa vez,  a familias e á propia Administración autonómica,  o que supón un lastre moi difícil de superar por si só para Catalunya, e se Catalunya, por primeira vez na historia,  pide axuda, de agradecidos é devolverlle unha mínima parte do que ela leva aportado ( e seguirá  aportando).

Tamén resulta, cando menos curioso,  que Feijóo dixese “Catalunya pide” e non “Valencia pide” ou “Murcia pide” pois estas dúas comunidades tamén pediron axuda; unha mente maléfica  podería pensar que coma nestes dous sitios, goberna o PP, a Feijóo non lle interesaba resaltar este dato pero, dende sempre, o PP tende a meterse máis con  Catalunya que co resto. Quizais porque a teñen debaixo dun dente e porque aquí nunca pasan de ser a cuarta forza  política por detrás de CIU, PSC/ PSOE e ERC. Isto é debido, en boa medida, a que en Catalunya hai unha dereita máis europeísta, demócrata e máis acorde cos tempos que corren representada por CIU, lonxe da dereita retrógrada, acartonada e caduca que aquí, igualmente,  representa o PP.

Tamén debo destacar a resposta pacifica e madura dos medios, dos políticos e da sociedade catalana, en xeral,ante ás palabras de Feijoo, considerándoas, simplemente, unha bravuconada, produto quizais dos nervios ante a próxima cita electoral.

Galicia e Catalunya son dúas grandes nacións (si esta ben dito: nacións, por historia, idioma, cultura, tradicións, identidade propia  e un largo etc), dentro dun Estado plural, que  moitos melancólicos de tempos pasados  rexeitan e que pensan que aínda estamos en “una grande libre”.

O que podo garantizar dende logo porque o vivo no día a día  que Galicia e os galegos, os galegos e Galicia  son un dos pobos máis queridos, aprezados e admirados  en Catalunya, moito máis que doutras zonas de España. De feito, existe en Catalunya a expresión que eu, persoalmente,  escoitei en moitas ocasións “no existe un gallego tonto” para destacar o carácter emprendedor, aventureiro, que sempre se nos asociou. Tamén se nos asocia tradicionalmente (e erroneamente) cun carácter conservador, inconvenientes de compartir patria chica con Franco, Fraga e , sobre todo, o gran estadista Mariano Rajoy.

Para finalizar deixade que vos conte unha anécdota persoal. Hai case dez anos, cando se produciu  a traxedia do Prestige, a traxedia ecolóxica mais grave de Europa até hoxe, por moito que entón Mariano Rajoy falase duns “hilillos de plastilina”, eu acababa de chegar a Catalunya (apenas levaba uns sete meses vivindo aquí). Pois como dicía, ante tal traxedia, sorprendeume e emocionoume   moi profundamente a resposta da sociedade catalana: centos, miles de estes cidadáns, acudiron a Galicia; dende aquí (coma de moitas partes de España). Saiu xente que montou nun autobús e meteuse entre peito e espalda mais de mil quilómetros por carretera para limpar praias de pobos que nin sequera sabían que existían, cataláns que nunca foron de vacacións a Galicia, pediron días de permiso no seu traballo, días da súas vacacións estivais para acudir en socorro de Galicia. Cataláns que se arremangaron ata arriba e puxéronse hasta as cellas de chapapote, non como Feijóo que cando se puxo para a foto, apagando a fogata dun incendio, coa manguera na man (da que tamén aguantaba o inefable Aragunde) parecía “un chico pijo de colegio acomodado listo para salir de vinos” . Tamén é certo que na inmensa maioría dos casos foron moi ben recibidos, cousa que me manifestaron, especialmente, a volta, aínda que en casos moi aillados, algún alcalde de algún pobo (que non nomeareo porque o pobo non ten culpa do seu alcalde) intentara espantalos porque non lle interesaba que se chegara a saber  a gravidade do asunto, intentando dar unha falsa sensación de normalidade.

Espero que a próxima vez que Feijóo fale non lle falte ao respecto a todo un pobo como nesta ocasión, non por ser Feijóo senón porque representa a Galicia, a todo un pobo que non ten por que cargar coas súas impresións partidistas e subxetivas.

Un saúdo a todos

Ricardo Domínguez Rey. 

A pobre democracia municipal


O pasado xoves asistín ao Pleno da Corporación de Cambados en calidade de oínte (pois todas as sesións do órgano representativo municipal son públicas). Non é primeiro pleno ao que acudo, nin será o último. A pesar de que foron moitos os que, antes da eleccións municipais, louvaron a Luís Aragunde polo seu “talante” diferente, eu non vin que tralo paso do tempo as actitudes dos edís e dos alcaldes do PP se diferencien demasiado.

Obviamente sempre hai cambios que se desprenden das personalidades de cada un; Cores Tourís foié, e atreveríame a dicir (oxalá me equivoque) que será un perfecto maleducado. Foino nos plenos pero tamén fóra deles, fomos moitos os que sufrimos a súa insolencia e o seu carácter sectario persoalmente. Aragunde prometíase diferente pero, ao fin e ao cabo, o sillón da Alcaldía e a maioría absoluta rematou por convertelo en algo semellante. Continuas interrupcións aos edís da oposición (resulta moi curioso que o volume do micro do alcalde, estea ademais, máis alto que todo o resto…), normalmente burlescas, faltas de respecto dos concelleiros do PP como saír a fumar no transcurso do debate, pasarse a sesión escribindo no móbil, aplaudir, rirse… Unha pequena mostra tentei reflectila no resumo do último pleno, nun vídeo no que se lle escoita ao alcalde respostar ao concelleiro do BNG: “non me jodas, Víctor” entre risas dos seus edís; ou cun audio dunha rastreira chamada de atención do alcalde ás “faltas de ortografía” dos escritos do Partido Socialista.

Fóra disto, a democracia municipal representada nos Plenos é ben pobre. Estas sesións, onde está representada a soberanía do pobo de Cambados, están limitadas en contidos. Primeiro, e isto é algo que eu descoñecía, porque entre os tres grupos só pode presentar catro mocións para o debate. O resto ha de ser presentado como preguntas ao goberno. Estas preguntas non dan lugar a debate, tan só son respostadas por Aragunde con escuetos “si”, “non”, “xa veremos”… E en moitas ocasións tamén bota man de “precisamos aínda documentación para poder responder”. Isto fai que temas como o do Pinal da Maza, que poderían ser constituíntes de irregularidades de tipo urbanístico que beneficiaron a un concelleiro do PP ou ao ex alcalde Tourís, leven desde Maio sen ser aclarados.

En Cambados, ademais, celébrase o mínimo de sesións de Pleno que marca a lei: tan só se celebra un cada dous meses. E o resto de temas, como se aproban? En Xunta de Goberno, algo así como o que sería o “Consello de ministros” a nivel Estado. Esas reunións, a diferenza dos plenos, non son de carácter público, é dicir, ti e mais eu non podemos acudir a elas. En teoría empregaríase para que o goberno local desenvolva o seu día a día executivo, pero na realidade cambadesa este órgano é empregado para evitar que temas espiñentos cheguen ao Pleno, onde están todos os concelleiros –tamén da oposición- , a prensa, e a cidadanía que queira acudir. Respecto ás Xuntas de Goberno, o Concello ten que enviar as actas do que alí se decide á oposición, pero aínda que a lei marca un prazo máximo de 10 días para isto, xa van varias veces que o retraso acumulado é de máis de catro meses. O Valedor do Pobo tivo que actuar en varias ocasións ante denuncias do BNG, xa que cun Pleno cada dous meses e sen actas de goberno, o labor da oposición perde toda a súa capacidade.

Eu levo anos mantendo que Cambados precisa un cambio. Un cambio tamén político, por suposto. A necesidade deste cambio non só vén dada por cuestións programáticas (cambio nas políticas de contratación, peonalización do casco histórico, saneamento da costa, mellora da situación económica, dos programas culturais -ou coolturais como lles chama Aragunde-, da Festa do Albariño…). O cambio ten que traer en primeiro lugar outra forma de actuar por parte do goberno local. Comecemos polas cuestións éticas para logo trocar as políticas. Máis transparencia, non só cumprir os prazos de entrega da documentación á oposición senón melloralos e poñer a disposición da cidadanía por medio da páxina web de cantidade de información; máis debate, dobrar polo menos a cantidade de sesións plenarias e aumentar se é posible as mocións a presentar; novas  formas, rematar con xestos que pouco teñen que ver coa democracia, con expresións burlonas e outras faltas de respecto.

Que a xestión do goberno local sexa positiva depende de moitos factores, pero cambiar as formas na política municipal só depende da vontade de cada quen.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

Mobilización masiva en Vilagarcía contra os recortes


A xornada de hoxe xa foi calificada de éxito polos organizadores das más de oitenta manifestacións a nivel estatal. En Galiza o resultado das mobilizacións foi tamén excelente, encabezando a lista a cidade de A Coruña que xuntou entre 50  e 70 mil persoas  (segundo policía e sindicatos, respectivamente) na marcha. En Compostela houbo tanta xente que en lugar de rematar en Praterías como estaba previsto, fíxoo no Obradoiro. Seguir lendo

Os funcionarios concéntranse diante do Concello


O 19 de Xuño é xornada de mobilizacións contra os recortes aprobados polo Goberno de Mariano Rajoy. Se pola tarde será o turno das cidades, hoxe nalgún Concello xa houbo concentracións de funcionarios pola mañá. Concretamente no caso de Cambados esta protesta tivo lugar n’A Calzada onde funcionarios do Centro de Saúde, de Xustiza, do Concello, mestres… berraron contra as recentes decisións do goberno do PP a respecto do seu sector. Lembrar que á recente baixada de salario váiselle sumar a eliminación da paga extra de Nadal.

Pola tarde será o conxunto da cidadanía quen leven á rúa as protestas, no noso caso en Vilagarcía ás 21 horas saíndo da Casa do Mar. Entre as medidas máis rexeitadas están a baixada da prestación aos parados, unha suba xeralizada do IVE, privatización de empresas como RENFE, os mencionados recortes aos funcionarios…que se suman aos recortes na Sanidade e no Ensino, mentres as entidades financeiras que contribuiron a crear esta situación son “rescatadas” cos cartos de tod@s.

Concentración funcionarios 19XConcentración funcionarios 19XConcentración funcionarios 19X

Nas redes sociais

Marzo 2023
L M M X V S D
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.