Aquí podes acceder rapidamente a todos os episodios de CTKast publicados até o momento.
Episodio Piloto – Fefiñáns, Guatemala (Abril de 2016)
Primeira entrega deste novo proxecto. Despois dunha breve introdución sobre CTKast, entramos de cheo no tema central; a peonalización (ou non) da Praza de Fefiñáns. Repasamos a polémica do mes pasado xerada entorno a pechar ao tráfico a Praza durante a Semana Santa e a crise de goberno asociada. Para afondar no tema de fondo, a peonalización, falamos con Iago Pillado Losada, un dos promotores da páxina de Facebook “Peonalización da Praza de Fefiñáns”. Para rematar, conversamos con Manuel Silva Rey, cambadés que leva xa tres anos na Cidade de Guatemala. Ao final do programa escoitamos un tema musical moi especial.
Episodio Un – Aquí non hai praia (Maio de 2016)
É necesaria unha grande praia en Cambados? Precisamos dun areal para atraer turismo? Hai outros modelos de turismo? Neste episodio falamos de praias e turismo. Conversamos con Carmelo, dono dun hotel, José Ramón, Concelleiro de Enoturismo, e Victoria, mariscadora xubilada que participa en Guimatur. Viaxamos até Luanda, Angola para conversar con Blas Charlín, cambadés adestrador na Academia de Fútebol de Angola (AFA). Rematamos cun tema de Xeografías do Deserto, traballo musical de Sito Suárez e Manuel Núñez sobre poesía de Ramón Caride.
Episodio Dous – Repaso ao primeiro ano de cambio (Xuño de 2016)
En Maio de 2015 os cidadáns de Cambados decidiron poñer fin a 28 anos de goberno do Partido Popular. A investidura de Fátima Abal como primeira alcaldesa cos votos de PSdeG-PSOE, BNG, Somos Cambados e Cambados Pode colleu a moitos por sorpresa, incluída a propia Fátima. Días despois, asinábase o pacto de goberno coas propostas e reparto de áreas e dedicacións exclusivas. Está a cumprir coas expectativas o goberno do cambio? Cumpre coas medidas do acordo de goberno? Mellorou ou empeorou o noso Concello? Neste episodio especial de CTKast analizamos o primeiro ano de goberno cuatripartito. O programa inclúe entrevistas con Xurxo Charlín, concelleiro de Economía e Facenda e portavoz do Goberno, e con Fátima Abal, alcaldesa de Cambados.
Episodio Tres – Episodio Serenísimo (Setembro de 2016)
Neste capítulo de CTKast falamos da organización da Festa do Albariño. Tratamos o resultado da Festa de 2016 así como os cambios introducidos nos útlimos dous anos polo goberno do cambio. Adicamos unha boa parte a tratar de analizar que é o chamado Capítulo do Serenísimo e que relación debe ter o novo goberno local con esta entidade. O programa inclúe unha entrevista co tenente de Alcalde e concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño, co que ademais do Albariño falamos da súa área de goberno. Para rematar, viaxamos até Gran Bretaña, onde conversamos con André, cambadés que leva uns catorce anos vivindo e traballando en Inglaterra.
Episodio Catro – en produción (Nadal de 2016)
Os comentarios están pechados.