Tivo onte lugar a asemblea comarcal da fronte nacionalista. Nesta ocasión foi só unha a candidatura presentada para o órgano, xa que o Encontro Irmandiño abandounou a formación recentemente e Máis Galiza (a outra corrente “crítica) renunciou a dar a batalla a falta dos compañeiros que deixaron o Bloque (na anterior asemblea presentaran candidatura conxunta). Seguir lendo
Este mércores 5 de Outubro ás oito presentarase no Centro Comarcal Exposalnés a iniciativa a prol do futuro novo medio de comunicación Sermos Galiza. A presentación correrá a cargo da escritora e profesora da USC Teresa Moure e do presidente da asociación O Galo, Néstor Rego.
A profesora Adela Leiro será quen realice á introdución do acto.
A Xunta de Galicia ten unha fronte aberta nos centros de ensino de todo o país. Hai dous días miles de profesores se manifestaban en Santiago de Compostela polos recortes na educación (lía o manifesto, por certo, a profesora cambadesa Adela Leiro).
Esas protestas van moito máis alá de reivindicacións de índole laboral por parte deste colectivo de traballadores públicos, xa que como informa hoxe La Voz de Arousa, varios centros do noso propio Concello comezan o curso con falta de persoal especializado. A Xunta busca aforrar cartos nun sector moi importante, o ensino, e faino entre outras cousas eliminando o persoal de apoio dos centros. Empobrécese, polo tanto, o sistema de educación pública. Seguir lendo
O vindeiro martes 12 de Abril ás 20.30 horas no salón de actos de Exposalnés de Cambados terá lugar a presentación do libro “Rosalía de Castro, Estranxeira na súa patria”, coa presenza do autor, Francisco Rodriguez, que será presentado por Adela Leiro. Colaboran a Asociación Socio Pedagóxica Galega e a Asociación de ensinantes do Salnés.
Trátase dunha obra de Francisco Rodríguez que ofrece unha lectura que parte do contexto da poeta, do coñecemento explicativo e causal da súa obra íntegra, para traela á marcha da historia, coa súa incomparábel e única lucidez e tormento. Tal como se xerou e como combateu, na súa tendencia e intencionalidade. O libro desenvolvido para informar, explicar e valorar, con máis fundamento de causa, deitando máis luz, Rosalía e a súa obra.
Este libro hai que inserilo dentro do esforzo colectivo por nos facer conscientes do noso propio valor, neste caso do valor dunha obra literaria e dunha muller, Rosalía de Castro, que transcenden o campo da literatura por seren sintomáticas da aspiración e do dereito á existencia do pobo galego, e tamén dunha perspectiva da historia e do mundo xenuína e moi esclarecedora. Imprescindíbel.
Nova extraída de Unha Grande Chea.
Anunciábase esta semana que Unha Grande Chea deixaba o seu lugar en Windows Live Spaces para mudarse á popular plataforma de blogs blogspot.
Pois ben, parece que a web da asociación xa funciona outra vez a todo gas e hai que dicir que o cambio é moi positivo. Non só o deseño máis atractivo que amosan, senón tamén a comodidade para o lector, xa que se eliminaron os carteis de anuncios de eventos da parte superior e agora pódense observar dun xeito moito máis elegante no lado esquerdo do espazo.
A marxe dereita resérvana para publicidade (calquera pode contactar con eles se está interesado en aparecer na páxina máis lida de Cambados) , para os seus álbumes do fotografías e para os enlaces. Ademais de todas as novidades xa solucionaron o problema que tiñan co redireccionamento, polo que a nova web é accesíbel desde o anterior enlance, www.unhagrandechea.org.es.
Parabéns, pois, para UGCH por esta evolución positiva.
REDE CAMBADESA NA INTERNET
O certo é que Cambados non pode queixarse de botar en falta unha mini rede de espazos. Aínda que por suposto que sería desexábel contar con máis webs, varias páxinas e sobre todo de variada temática ocupan esta rede. Por un lado a anteriormente citada, que xunto con Cambadosweb informan desde o seu punto de vista sobre temas de Cambados. E por outro páxinas da máis variada temática, como a nova de Adela Leiro con cantidade de material froito de anos de traballo, ou o blog de xeografía crítica de Maribel Iglesias (e a nova web sobre Asorey) e mesmo o blog onde o poeta Ramón Nogueira nos amosa parte das súas creacións. Ou espazos de negocios que son algo máis ca iso (bastante máis no caso do blog do Rif-Rock). E isto por non falar de todos os espazos en Facebook e outras redes…!
A asociación de ensinantes do Salnés, CANDEA, vén de presentar ao público as súas Xornadas Pedagóxicas (que van xa pola súa edición número 14) e que estarán centradas na biodiversidade da comarca.
Como de costume, as actividades englobadas nestas Xornadas están dirixidas ao profesorado e servirán para presentar novos materiais e fomentar o intercambio entre profesionais do ensino; ademais de poñer en valor os recursos que ofrece O Salnés a nivel etnográfico, cultural, natural, literario…
As Xornadas terán como sede o instituto Francisco Asorey, desde o día 13 ao 17 deste mes en horario de tarde, cubrindo un total de 20 horas presenciais. A inscrición é de 30 euros ou de 20 para membros de CANDEA e parad@s. Calquera que así o desexe pode apuntarse nos teléfonos 986530407 ou 986520161.
Ademais de conferencias e presentacións que terán lugar durante o primeiro día das Xornadas destacan as diferentes saídas temáticas para coñecer de cerca o que O Salnés nos ofrece; haberá unha dedicada a árbores, outra a dunhas, praias e areais, outra á costa rochosa e unha última centrada nos recursos para o estudo da natureza. Os ponentes durante as Xornadas serán Víctor Caamaño, Mon Daporta, Manuel Domínguez, Ramón Caride e Adela Leiro.
A profesora e escritora Adela Leiro vén de publicar en internet unha páxina web na que pon a disposición de todo aquel que queira o “traballo de case corenta anos”. Fotografías (as cales son unha auténtica marabilla e xa deron pé a varias publicacións), material didáctico, rutas para coñecer o país…en definitiva un lugar extremadamente interesante para coñecer máis -e mellor- a nosa Galiza.
Noraboa a Adela por este novo paso e sobre todo moitas grazas por compartir aínda máis todo o que coñeces.
AdelaLeiro.com pasa a formar parte das ligazóns de Cambados(tk).
Berros dende o alén vén de ser presentado en público hai escasas dúas horas no salón de actos do IES Francisco Asorey. Abriu o acto a presidenta da asociación de ensinantes CANDEA, Adela Leiro, que deu por fechados os actos de Ano Cabanillas 2009 coa presentación deste poemario. Indicou ademais que os responsábeis de CANDEA consideraran que a presentación en sociedade dun novo escritor era a mellor forma de rematar o Ano Cabanillas ollando ao futuro. Referiuse a portada do libro, na cal se pode ver o Portalén ou Porta do Alén, na serra do Cando, lugar cheo de lendas e monumentos naturais, e desde onde se poden divisar as Rías de Arousa, Pontevedra e Vigo.
Logo, o director do Asorey, José Rivera, falou do Ramón Nogueira que os profesores ven nas aulas, unha persoa colaboradora en actividades e interesada polo que sucede no mundo. Por último, o propio Ramón adicou palabras de agradecemento, especialmente á familia e aos seus amigos e a CANDEA pola oportunidade brindada.
O final do acto consistiu en que foses estes, os amigos, os que recitasen poesías que nós podemos ler no libro. Ramón encargouse de ler a última. Nos vindeiros días publicarase unha entrevista con el neste medio. E mentres, por suposto, pódese visitar o seu blog, ou facerse co libro nas librarías Contos e Cabanillas.
O Ano Cabanillas, recentemente valorado por CANDEA, polo Concello de Cambados e mesmo polos lectores de Cambados(tk) só pode ser descrito en último termo como un acontecemento positivo. Pero, por suposto, case ningunha cousa pode describirse cun só adxectivo, ou cunha simple análise.
O Ano Cabanillas foi unha gran idea, acercou un pouquiño a figura e a obra do ilustre escritor cambadés ao pobo que o viu nacer e finar. Deu pé a cantidade de actos. publicacións e actividades. Foi bo.
Ao entrar a analizar a responsabilidade de cada un no seu desenvolvemento hai que dicir que o feito de que o Concello non quixera (nin intentara) aglutinar a todos nun proxecto que debería ser común, fixo que poidamos dicir que é unha oportunidade que se perdeu de facer algo incluso superior. Respecto ao traballo do goberno local pódese valorar moi positivamente a súa acción, mais só no referido ao desenvolvemento das actividades e en comparación coa escasa política cultural do Concello (hai que ter en conta tamén que detrás do Ano Cabanillas “oficial” se atopaban dúas persoas altamente cualificadas e dinámicas, como Francisco Fernández Rei e Luís Rei, autor este último dunha obra que quizais sexa a mellor pegada deste Ano).
Só no referido ás actividades, e incluso criticando que comezaran con certo retraso, e suspendendo o seu labor de coordinación, que como se vén de dicir foi nulo: ao Concello segue sen interesarlle sumar esforzos, non sabe xogar en equipo.
E non é que en Cambados non exista xente disposta a traballar na figura de Cabanillas, e en xeral en calquera proxecto cultural; os libreiros, CANDEA, Chourizo Films, Unha Grande Chea, asociacións veciñais, incluso clubes deportivos, centros escolares…demostraron que hai iniciativa aínda cando os que terían que encargarse de levala non queiran facelo, non é bo seguir unha máxima que un bo amigo me ensinou: aquela que di “ou xogamos todos ou pinchamos a pelota”. Para que?, se podemos xogar con dúas!
Si, houbo dous Anos Cabanillas 2009 paralelos: o oficial do Concello e o de CANDEA e das demais organizacións apoiadas puntualmente a comezos de ano pola Consellaría de Cultura bipartita e mesmo por outros dos departamentos autonómicos. Porque mentres o goberno local se queixaba por subvencións que nin sequera pedía ou polo menos non en tempo, o certo é que si houbo implicación con este evento por parte daquela Xunta, que desgrazadamente hoxe, tralo cambio de goberno, xa non está interesada en promover a lingua e cultura galegas: máis ben xusto ao contrario.
O Ano Cabanillas foi positivo; queda quizais un mal regusto porque se o Concello tivese querido tería sido verdadeiramente enriquecedor ver algo que no noso municipio non acontece moi a miúdo: a todos, os dun signo e do outro, traballando conxuntamente. Non puido ser, pero polo menos traballouse na mesma dirección.
O(s) Ano(s) Cabanillas 2009 xa forma(n) parte da historia de Cambados.
Na rolda de prensa que celebraron os membros da Asociación de Ensinantes do Salnés CANDEA no CEIP Antonio Magariños salientouse a idea de que o Ano Cabanillas escolar fora un éxito pola implicación de máis de 2000 alumnos en actividades relacionadas co Poeta da Raza.
“Moi satisfactorio”, así calificaba Adela Leiro o traballo de máis de un ano e medio que se vén realizando desde a organización, que implicou non só á impresionante cifra de alumnos antes amosada, senón a profesores, pais, nais, escritores, pintores, fotógrafos, investigadores… de toda a comarca, non só de Cambados, o que permitiu que a obra de Ramón Cabanillas se traballara, se interpretara, se ilustrara…e o máis importante: que se coñecese e se disfrutase.
CANDEA, no último punto da súa conclusión, quere dar as grazas a todos os que dalgún xeito se implicaron neste Ano Cabanillas 2009.
ACTIVIDADE FRENÉTICA
Desde Unha Grande Chea calificaron esta semana a CANDEA como “con diferenza a máis fixo polo Ano Cabanillas en Cambados, facéndolle sombra a propia comisión organizadora do evento auspiciada polo Concello de Cambados”.
O certo é que CANDEA ten realizado ao longo de todo este Ano 2009 unha infinidade de actividades en forma de presentación de libros, conferencias, exposicións… entre as que destacan as I e II Xornadas Cabanillas e a escola (outubro 08 e 09) coa participación de máis de 150 profesores do Salnés de Galiza e que serviu de ponte para compartir recursos e experiencias para o ensino sobre o autor cambadés.
Ou unha decena de publicacións sobre Cabanillas, desde un calendario até un DVD con traballos de colexios, pasando polo excelente Polo Salnés con Ramón Cabanillas (libro de acuarelas de Eduardo P. Baamonde) ou o do mesmo título con fotografías inspiradas nas poesías.
Sen dúbida o Ano Cabanillas 2009 non podería entenderse do mesmo xeito sen o traballo realizado desde CANDEA, onde, se se me permite, Adela Leiro xoga un rol determinante. Parabéns!
Fotografía do Diario de Arousa.
Nos vindeiros días publicarase un balance persoal do Ano Cabanillas, en xeral, no que se tocarán aspectos relacionados coas actividades postas en marcha polas diferentes organizacións, pero tamén coa parte política do asunto (como non podía ser doutro xeito desde esta páxina).