//
arquivo

alcalde

This tag is associated with 88 posts

Luís Aragunde: “………………………………………”


Foto de luisaragunde.es

Foto de luisaragunde.es

Luís Aragunde naceu en Fefiñáns e di coñecer á perfección todos os recunchos da nosa vila. “Unha persoa sinxela que sinte orgullo de ser cambadés”, así se definía na carta de presentación da web electoral de 2011. É traballador da lonxa en excedencia, e foi tenente de alcalde de Cores Tourís até 2009, cando o sucedeu na alcaldía.

Logo, nas eleccións de 2011 foi o candidato do Partido Popular e conseguiu un excelente resultado para a súa formación, nun momento en que o PP vivía a “marea azul” que expulsou ao PSOE das principais institucións do Estado. Esta podería ter sido, por exemplo, unha entrevista a Aragunde se nola tivese concedido algunha vez.
Preme en SEGUIR LENDO para ver a entrevista completa
Seguir lendo

Víctor Caamaño: “Traballamos por un modelo de sociedade distinto”


Victor2Víctor Caamaño, a pesar de ter nacido en Noia, é cambadés, e aquí vive desde hai máis de corenta anos. Traballa como profesor no IES Francisco Asorey, na disciplina das ciencias naturais. A natureza é precisamente unha das súas paixóns, non en van é membro desde comezos dos noventa do Colectivo Ecoloxista do Salnés. Estas dúas ocupacións, ensino e natureza, levárono a participar na publicación de diverso material sobre o tema, destacando os magníficos libros da editorial A Nosa Terra. Tranquilo e cordial, dialogante, pero tamén firme nas súas conviccións. Foi candidato do BNG á alcaldía de Cambados en 2007 e 2011 e é o voceiro desta formación no noso Concello.

Que valoración do goberno fas deste ano e medio de lexislatura?
Estamos nunha crise moi forte, non só económica pero quizais o económico marca máis que outro tipo de cousas. Aínda que ás veces semella que todo isto está fóra da vida municipal, quero deixar claro que aquí neste ano e medio de lexislatura o goberno de Cambados o que fixo foi tratar de  trasladar esas políticas ao Concello, sexa con suba de impostos, sexa con privatización de determinados servizos, ou sexa simplemente aceptando o que che impoñen aínda que consideres que é inxusto. Por un lado, hai ese papel de sumisión ao que veña “de arriba”, e polo outro o papel de continuas meteduras de pata e postas en evidencia do alcalde que viña con outra imaxe e comprobamos que realmente no Partido Popular non importa quen sexa o alcalde; os modos e as formas son as mesmas. PREME EN “SEGUIR LENDO” PARA VER A ENTREVISTA COMPLETA Seguir lendo

Aragunde non dá resposta ao noso escrito para gravar o pleno


O alcalde de Cambados leva máis de cinco semanas sen responder ao escrito que entregamos o 26 de Outubro informándoo de que procederíamos a gravar os plenos da Corporación en audio e/ou vídeo. Transladábamoslle daquela que este materia sería usado para difundir o devir das sesións plenarias desde este blog a todos os interesados, e que numerosas sentenzas e informes avalan o dereito do cidadáns a gravar estes actos públicos. No documento, solicitámoslle ao rexedor explicitamente unha resposta, que a día de hoxe, máis de un mes despois, non chegou. Só coñecemos a posición do goberno local do PP por medio da prensa, que hai un mes reflectía que desde o PP estaban “fartos” de Cambados(tk) porque consideran que empregamos de forma sesgada as imaxes do pleno. Toda a polémica comezou cando no último pleno o señor alcalde interrumpiu o mesmo para sinalar que estaba “prohibido gravar” sen solicitalo previamente, a pesar de que nese momento CTK non estaba a rexistrar imaxes da sesión. Seguir lendo

Aragunde atribúe a pintada á estatua a “unha gamberrada” xuvenil relacionada coa movida nocturna


O alcalde fixo declaracións hoxe a Radio Arousa – Cadea Ser, e atribuiu hoxe a unha “gamberrada” a transformación da estatua de Manuel Fraga no superheroe Superman, como vimos informando desde onte. Luís Aragunde relacionou o acto directamente coa mocidade, e chamou a atención que se repetira varias veces que veñen a Cambados mozos “de toda a comarca”, seguramente coa intención de non relacionar estes feitos coa polémica que arrastra a instalación da escultura desde hai semanas na propia vila. Desde o goberno local non lle queren dar importancia ao ocorrido: “hai que darlle o mesmo valor que se fora un banco ou a escultura de calqueira outro persoeiro”. Tamén indicaron na radio que o Concello xa intentou limpar a estatua pero non foi quen de facelo, e que se volverá a intentar. Escóitao todo premendo no botón do “play”.

Actualizado 27/11 Hoxe no Faro de Vigo o Concello anuncia que a Policía Local abriu “unha investigación” sobre o caso, aínda que Aragunde descarta que houbera motivacións políticas neste acto. A estatua parece que foi limpada, polo menos case na súa totalidade, por traballadores do Concello de Cambados. Isto a pesar de que en teoría a estatua foi sufragada por unhas persoas descoñecidas (só parace coñecelas o goberno local). É preciso manter o que reclamabamos onte: a estatua con ou sen pintura fóra dos terreos públicos de Cambados. Que lla devolvan aos promotores da homenaxe (se existen)!

Un bo momento para devolver a estatua aos supostos promotores (se existen)


Cando en Maio se coñeceron os plans do goberno de Cambados de poñerlle unha estatua na vila a Manuel Fraga, a polémica estaba claramente servida. O propio PP, e o propio Aragunde, recurriu a mentiras e medias verdades sobre quen estaba detrás da iniciativa e sobre todo, quixeron levalo adiante pola vía do rodillo. Pero unha homenaxe dun pobo non pode ter éxito cando unha parte moi importante del está en contra; é máis, cando esa parte é non só ignorada senón que desprezada polos que gobernan. A oposición á estatua de Fraga fraguouse rapidamente fóra dos propios partidos políticos (aínda co seu apoio), na rede, o cal  puxo de manifesto que non se trataba dun simple tema de oposición municipal; e tivo como punto álxido unha acción de protesta cívica sen precedentes en Cambados (a ocorrida durante a inauguración do Albariño, que é quizais a máis orixinal das últimas décadas, e que contra todo pronóstico reuniu a arredor dun cento de persoas).

Tralo coñecemento de que a escultura de bronce que descansa entre rexas no Pazo de Torrado foi cuberta de pintura (non sen certa orixinalidade) é momento outra vez de reclamar que se retire do espazo público cambadés unha homenaxe coa que non concorda unha parte importante dos cidadáns. E sobre todo, que no caso de que non se revele a identidade dos autores da pintada (algo que parece xa probable) se acorde non destinar fondos públicos ao mantemento (limpeza, custodia, etc) da estatua. Hai que reiterar que se o goberno mantén que a iniciativa partiu dun grupo de viticultores (en tal caso moi reducido, como se demostrou hai meses), o Concello pode e debe devolverlles a estatua para que sexa colocada nos terreos privados destes ou onde eles consideren oportuno.

SEN REACCIÓNS POLO MOMENTO

O Concello de Cambados non emitiu no día de onte ningún comunicado, tal e como se desprende da ausencia de comentarios do gabinete de Aragunde na prensa, que si se fixo eco amplamente do sucedido (editado: xa houbo reaccións). A nova de CTK chegou outra vez a portada do dixital español Menéame, que redirixiu a esta web unhas 14.000 visitas até esta esta hora. Isto foi posible simplemente grazas a que unha veciña se puxo en contacto onte pola mañá connosco para comunicarnos os feitos e achegarnos a imaxe; lembra que ti tamén podes contactarnos polo email en cambadostk@gmail.com, ou persoalmente.
Anecdóticos un par de gazapos da prensa, un o da Voz que sinalaba que convertiran a Fraga en Spiderman (na edición dixital xa está corrixido) ou o de Terra, que sinala no pé de foto que se trata da “estatua de Franco”.

Jesucristo era maricón (mal que lle pese á dereita)


No momento que  escribo  estas liñas estase a espera de saber a resolución do Tribunal Constitucional sobre o recurso que o Partido Popular puxo, no ano 2005,  contra a Lei de matrimonios homosexuais aprobada pola administración Zapatero durante a sua primeira lexislatura.

Vaia por diante,  dende o meu punto persoal,  que, xa no seu dia,  me pareceu unha das leis mais xustas e necesarias,  acorde cos tempos que vivimos e que cumpre con unha das reivindicacións mais demandadas polo colectivo homosexual.

O que resulta penoso e que en pleno século XXI e moito despois de que organizacións como a OMS (Organización Mundial da Saúde), decláranse que a homosexualidade non é nin moito menos unha enfermidade, repito, é penoso que dende diversos estamentos da nosa sociedade empezando polo propio Partido Popular se lles queira  negar  o dereito ó matrimonio e a tódolos dereitos  dos que si gozan os matrimonios heterosexuais. Atrás quedan situacións esperpénticas coma as declaracións  da actual alcaldesa de Madrid Ana Botella facendo unha comparación entre peras e mazás  ou as manifestacións do clero, con Rouco Varela á cabeza, polas rúas de Madrid defendendo a “familia tradicional”, como si polo feito de que os homosexuais poidan casarse supoña algún tipo de ataque a tal concepto de familia.

O Partido Popular dende o principio baseou a súa loita contra esta lei  no feito de que se definise a esta unión como matrimonio, pois considera que tal definición só se debería aplicar ós matrimonios heterosexuais e que a unión entre persoas do mesmo sexo tería  de chamarse de outra maneira; afortunadamente non toda a xente do PP pensa igual e, incluso,  entre as súas filas xa se  celebraron matrimonios homosexuais para desgraza do sector mais “conservador”.

Sempre que escoito o PP defender a súa postura oficial contra esta lei non podo evitar recordar unha visita que o presidente de Iran, Mahmud Ahmadineyad fixo a Nova York, con motivo dun cumio da ONU, resulta que foi invitado a dar unha conferencia  nunha universidade  (paréceme recordar que a de Columbia) e declarou, no medio de apupos e asubíos,  que no seu pais non existía a homosexulidade e algo de razón tiña pois,  e moitos casos, tal practica págase coa vida.

 

¿Cando abrirá os ollos  ó PP? ¿Cando se decatarán de que estamos no ano 2012? ¿a que ven tanta intransixencia? Afortunadamente non todo o mundo  neste partido pensa así pero demostra que neste tema, coma en outros moitos, os dirixentes desta formación política parecen estar ancorados no pasado, persoalmente penso que deberían ser mais consecuentes cos tempos que vivimos.

En canto á postura da Igrexa,  é para darlles de comer a parte, aínda que …. que se pode esperar dunha institución  que  tardou mais de trescentos anos en pedirlle desculpas a Galileo Galilei por levalo case á fogueira ao atreverse o científico italiano en concordancia co que tamén afirmaba Copérnico  ao  afirmar que a terra xiraba entorno ó sol (¡¡tremendo pecado!!).

A Igrexa basa todo o seu discurso para o opoñerse a homosexualidade e ós matrimonios entre persoas do mesmo sexo en que   o  “natural” é a relación entre un home e unha muller e o seu fin primordial é a procreación  xa que así, razoan,   se observa na natureza; o que pasa que este argumento cae por si só porque se tivésemos que guiarnos pola natureza a postura mais próxima ó que se define como  “natural”  serian os matrimonios poligámicos dun home con moitas mulleres  (presente en  algunhas culturas coma a islámica), pois, unha simple ollada ós animais empezando polos mais próximos ao ser humano como son os simios e seguindo por outros mamíferos como leóns, cervos,  etc.,  o macho dominante é o que dispón dunha maioría de femias  para procrear.

A igrexa diríalle ó mesmo que ao PP,  deberían adaptarse ós tempos e deixar de condenar  actitudes totalmente normais, neste senso resulta curioso a dobre vara de medir que manteñen nos asuntos “da carne”: por un lado condenan  a homosexualidade e todo o que lle rodea e por outro pechan os ollos (cando non ó intentan silenciar por tódolos medios) ante os miles  de casos de pederastia que levan a cabo os membros da súa institución en numerosos países do mundo.

Ademais ( é o que vou a dicir e unha teoría miña) en relación co título deste artigo, persoalmente, estou convencido de que Jesucristo era homosexual (espero non estar condenándome a excomuñón ou peor, aínda, ó lume eterno). Unha lectura pormenorizada da Biblia, mais exactamente, do Novo Testamento,  na que se describe a vida do fundador do Cristianismo pode levarnos, sen lugar a dubidas,  a esta conclusión, xa que,  en diversas ocasións, nestas escrituras, se mencionan  as mostras de cariño, de amor (como bicos, abrazos, caricias) que o fillo de Deus dedicaba  a outros homes, especialmente, ós apóstolos e a súa defensa do “amor al prójimo” mentres que pola contra, non se lle coñece relación con muller algunha, salvo, quizais con María Magdalena.

Repito que esta é unha teoría miña como a de que Xesús foi o primeiro comunista da terra (definitivamente estou condenado ó inferno), pois moitos dos seus ideais coinciden plenamente con esta corrente e, segundo a miña santa aboa, os que o crucificaron eran de dereitas (¡¡que grande eres Mercedes!!).

Para concluír reiterar ó meu desexo de que a resolución do Tribunal Constitucional sexa claramente en favor da súa total legalidade e que este sexa o paso a que nun futuro próximo  teñan dereito estes matrimonios a outra das súas grandes reivindicacións  como é a adopción de nenos (esperemos que de aquela o PP e a Igrexa mostren unha actitude mais “cristiana”).

Un saúdo a todos.

Ricardo Domínguez Rey. 

Víctor Caamaño (BNG) anuncia novas accións polo Pinal de Maza


Aragunde di que non houbo movemento de terras

O voceiro do BNG puxo de relevo que o alcalde tardou cinco meses en respostar ás preguntas do seu grupo no relativo ao caso do Pinal de Maza. As cuestións foran plantexadas a mediados de Maio e reiteradas até en tres ocasións e os nacionalistas tiveron que agardar até o pleno da pasada semana para  obter unha contestación (bastante escueta, por certo, como adoita acontecer coas preguntas da oposición).

En primeiro lugar, Víctor Caamaño reiterou, que a pesares do informe que esgrime Aragunde, si existiu movemento de terras na parcela. O movemento de terras defínese, segundo o voceiro do Bloque, como “operacións que implican movementos de terras por medios mecánicos”, algo que xa foi probado mediante fotografías de escavadoras operando nas terras. O informe presentando por Aragunde argumentaba que non había este movemento de terras por non existir cambio nas cotas do terreo; para Caamaño esta resposta non ten sentido posto que só en macro-obras se xera un cambio tan grande na parcela que se reflicte na modificación das cotas (puxo como exemplo as excavacións de Meirama). Para o Bloque o informe técnico que redactou un técnico municipal non é máis que a excusa que o PP buscou durante meses para poder saír do paso destas preguntas.

Para Víctor Caamaño é moi grave o que acontece no Concello de Cambados, xa que o alcalde estaría dando cobertura a unha obra ilegal por unha razón moi simple: a obra está relacionada con cargos do PP; un concelleiro de Cambados e o ex delegado da Xunta en Pontevedra Jose Manuel Cores Tourís. Tamén critica que varios departamentos da Xunta participaran no silenciamento do caso, cando menos obstruíndo o labor da oposición. Foi o caso de Patrimonio o de Medio Rural, ou da Axencia de Protección de Legalidade Urbanística, que lle pasou a responsabilidade de volta a Aragunde sabendo que este estaba a dar cobertura a estas irregularidades. Tamén lamenta que as preguntas do BNG no Parlamento sigan sen resposta.

Para o Bloque as obras de Maza seguen a ser ilegais independentemente do informe presentado por Aragunde, xa que se acometeu un cambio de uso do solo totalmente irregular. Dita parcela consta como de uso forestal nas Normas Subsidiarias do Concello (alí había un monte moi xeitoso até o ano pasado) e para convertilas en uso agrícola -agora van ser empregadas para o cultivo de albariño- entende o BNG que o cambio tería que ser aprobado polo Pleno da Corporación, onde tería que argumentarse que dito cambio é de “interese xeral”… o cal neste caso non parece nada claro.

Polo tanto Víctor Caamaño puxo énfase na dobre presunta ilegalidade das obras, por un lado por este cambio de uso irregular e polo outro por carecer das licenzas municipais pertinentes (isto admitiuno Aragunde cun dos seus “non” en resposta ás cuestións no último pleno).

Caamaño afirmou na rolda de prensa de hoxe que o caso do Pinal de Maza estaba a ser estudado polo equipo xurídico do BNG e que seguramente remate nas instancias xudiciais.

Relacionado: O Blog “A ti meu Cambados” publicou unhas fotos onde se pode comprobar como a Policía Local acudiou ao Pinal de Maza hai dúas semanas, aínda que Aragunde no Pleno dixo que non existiu tal actuación.

O problema de imaxe do señor Alcalde


Recordo ter lido nunha ocasión a existencia dunha tribu  en  África que, nas  raras ocasións, nas que se atopaban con occidentais se negaban rotundamente a que lles sacasen fotografías; a razón de tal curiosa medida era que pensaban que, no momento que lle facían unha fotografía, o seu espírito, a súa alma  quedaba plasmada na mesma , abandonando para sempre o seu corpo.

Habería que indagar no árbore  xenealóxica do señor alcalde de Cambados para descubrir se ten algún antepasado lonxano en dita tribu para saber si procede da mesma o seu rexeitamento a que se graven os plenos municipais, a que quede plasmada dixitalmente a súa presenza, a súa actitude para a posteridade; en canto a posibilidade de que lle roubase o espírito, pode estar tranquilo, non xa porque sexa unha superstición ancestral senón porque cada dia estannos a convencer mais  de que carece de espírito.

Todo isto ven  a raíz do derradeiro pleno municipal,  no que  o señor Alcalde, a petición da súa concelleira Isabel Varela,  tras comprobarse que algún dos asistentes estaba gravando dito pleno, e baseándose nunha “suposta xurisprudencia”,  negouse a que se seguise gravando.

A primeira pregunta que se me ocorre a min e de seguro que a ti tamén, querido lector, e que de onde se saca o alcalde esa “xurisprudencia”, porque hai que lembrar que estamos a falar dun acto público como é un pleno municipal, en instalacións públicas e debatendo de cuestións públicas e de interese xeral. Salvando as distancias hai que dicir que as sesións do Congreso dos Deputados e dos diferentes parlamentos autonómicos non só son gravadas senón que, na maioría dos casos, son emitidas pola televisión, en algúns casos, a través de cadeas especificamente creadas para tal fin; igualmente, en tódolos xulgados, as comparecencias nas salas de vistas, incluso un simple xuízo de faltas,  son gravadas e arquivadas, sen que ninguén obxecte  nada o ríspeto.

Dende   logo se hai un adxectivo que define e que quedara  na posteridade, como exemplo do que foi a  xestión de Luís Aragunde, como alcalde de Cambados, ese é o de escurantismo, o de tratar de tapar de tódolos modos posibles as súas accións, a súa xestión; fíxoo no tema da estatua de Fraga, escondendo todo o tempo que lle foi posible a  súa iniciativa, e unha vez que se descubriu o pastel, intentou facernos creer a tódolos cambadeses que  dita iniciativa partiu dun suposto sector  do viño; por certo, nunca mais se supo de esa suposta conta aberta na que centos de cambadeses, agradecidos a Fraga, depositarían os seus donativos.

 

Outro exemplo deste escurantismo  do que fai gala o alcalde, foi raíz dunhas gravacións nas que se acusaba ao seu antecesor no cargo Cores Tourís de cobrar,  presuntamente, unhas comisións nunhas obras realizadas en Cambados; neste caso, Aragunde, dou carpetazo o asunto, negándose a que se abrira  unha comisión de investigación e alegando que non había nada que investigar, aínda que neste caso hai que recordar que Aragunde segue a ser un vasallo de Tourís, e loxicamente, seguindo a pirámide de mando non ten nin a capacidade nin o mando de enfrontarse a un superior.

E nestas chegamos ao último pleno referido no que o alcalde négase a que se grave o mesmo, aínda que se o pensamos ben Aragunde non ten ningún problema coas fotografías, e mais invítovos a que vaiades as distintas hemerotecas e veredes como sempre está  á expectativa de onde está o obxetivo, intentando namorar á cámara, con poses solemnes, xa sexa  o lado da maciza de turno, na Festa do Albariño ou nos distintos saraos e inauguracións  ó lado dos seus amados Feijoo e Rajoy.

O que pasa,  Luisiño, que ser alcalde e moito mais importante que iso, é aceptar que todas  as  túas accións como edil requiren de luz e taquígrafos, que a política en xeral, e a municipal en particular, non é unha cousa que se faga as escondidas, nin o concello e a túa finca particular, que te debes os teus concidadáns ….cando aceptaches o cargo, aínda que fose como un alcalde de palla, alguén debería de tercho   dito.

Finalmente quería dirixirme a Isabel Varela, despois de ver que es unha muller ben guapa non sei a que ven o teu rexeitamento a que che graven, pensa que estas desempeñando unha tarefa moi digna ó representar os teus veciños, e non dubido da túa capacidade  para desenrolala aínda que vendo como fai o actual alcalde, penso que no Partido Popular canto mais alto é o cargo mais incompetente o buscan.

Un saúdo para todos

Ricardo Domínguez Rey. 

“Co PP na Xunta, teremos praia en Cambados” di Aragunde no mitin


Con esta frase, o alcalde de Cambados pediu o apoio para Alberto Núñez Feijoo. Como se a praia fora a auténtica prioridade para o noso Concello (onde aínda que poucas, tamén as temos naturais) nun momento en que se empeoran servizos fundamentais como a sanidade e o ensino pola suposta falta de cartos. Ademais desta proposta de dubidosa necesidade, o PP volveu prometer nunha campaña electoral máis que a nova praza de abastos será levada a cabo. Ao mitin celebrado na Cultural asistiu o nº2 de Feijoo, Alfonso Rueda, e tamén interviron ademais do alcalde, o ex alcalde Cores Tourís, o presidente da Deputación Rafael Louzán e a deputada Rosa Oubiña. O Diario de Arousa non aclara se finalmente o presidente da Xunta estaba no acto ou non. Todos os que falaron tentaron sementar o medo a un suposto tri ou cuatripartito, chegando a escenificar este voto do medo coa frase “Ou o PP ou o caos”. A única presenza non agardada polos populares foi a dos tres afectados polas preferentes que se pasearon polo salón de actos coas súas camisolas reivindicativas. Dous días antes estiveran no acto de Alternativa, no cal se lles deu a palabra para que explicaran a súa posición.

Como che puido pasar a ti, Tourís?


Despertei a semana  pasada coa nova publicada polo xornal  “El País” dunhas  manifestacións  gravadas, e que se atopan en  poder do xulgado de Arzúa, nas que o  ex alcalde de Melide implicaba a Xosé Manuel Cores  Tourís, ex alcalde do meu amado pobo,  nun  asunto de comisións ilegais, e, como a  maioría dos meus veciños, a miña primeira reacción foi de sorpresa.

Porque, quen é Xosé Manuel Cores Tourís? Teñen algunha base estas acusacións? Recordo os inicios de Tourís na política municipal, despois dunha discreta xestión en Horsal, e como xa, dende os inicios, optou (coma o entonces alcalde Santiago Tirado) pola dedicación exclusiva (non hai nada mais atractivo que chupar da teta do estado) a diferenza do  antecesor de ambos, Xosé Antonio Pillado Silvoso, que, por contra, non nos custou un peso aos cambadeses xa que optou por compaxinar a súa labor ó fronte da Casa Consistorial co seu traballo de mestre, sacrificando o seu tempo libre e o da  súa familia, para poder  levar a cabo ambas tarefas.

Recordo que Tourís volveuse o fiel escudeiro de Tirado, e sobre todo recordo, unha época crucial para Tourís, como foi o enfrontamento entre o alcalde Tirado e a funcionaria Botana que desembocou na inhabilitación do primeiro, co que, Tourís, numero dous daquela, tiña vía libre para iniciar a que sería a súa fulgurante carreira política (nunca lle poderás estar mais agradecido a Botana, Xosé Manuel).

Da súa etapa como alcalde de Cambados, recordo, a parte do seu indubidable “sex appeal”, que levou a máis dunha simpatizante pepera a dicir: “Tenemos al alcalde mas guapo de la provincia!!  ou  “Que guapo me va hoy Tourís!” (asegúrovos que eu escoitei isto en máis dalgunha ocasión), dicía, que a parte de isto, recordo moita obra en Cambados, non vaiades a pensar mal, seguro que era porque quería o mellor para Cambados, verdade Tourís? Porque seguro que nunca cobraches un peso na túa xestión o fronte do consistorio cambades, que non fora os teus emolumentos  como alcalde, verdade Tourís? e porque a túa entrada na política municipal foi un indiscutible desexo altruísta  de axudar aos teus veciños, verdade Tourís?

Por certo desa época tamén recordo que Tourís, para evitarse posibles rivais e alternativas á súa figura (como o foi el mesmo de Tirado), optou, intelixentemente, por buscar un tenente de alcalde sen ningunha aspiración política, nin capacidade  algunha nin ansias de disputarlle o trono cambades …………. a afortunada foi Rosa Oubiña, mellor elección imposible.

Tamén recordo desa época o seu especial apego, primeiro, a Manuel Fraga e posteriormente a Feijoo, xa fose na Festa do Albariño ou coa escusa de calquera sarao  ou inauguración que  se levase a cabo e que, sen dúbida, influíu para  colocarse na  mellor posición de cara a progresar dentro do partido como posteriormente se vería o ser elixido Delegado Provincial da Xunta na provincia, e xunto co ínclito Rafael Louzán, presidente da Diputación, erixíronse como  unha especie de  Rómulo e Remo o fronte  desta particular Roma que é Pontevedra.

Iso si, antes de irse, Tourís tivo, a precaución de colocar a alguén que lle gardase o sitio (por si  a súa carreira autonómica non era o suficientemente longa xa que sempre cabe a posibilidade de que volva   a gobernar o bipartito )  e que, sobre todo, como no caso de Rosa Oubiña,  non lle puidese facer sombra co que,   para alegría do interesado   e desgraza dos cambadeses, tal honor recalou no insigne Luís Aragunde.

Por certo a raíz das citadas declaracións do ex alcalde de Melide e respetando sempre a presunción de inocencia a que ten dereito o Sr. Tourís, no hipotético caso de que fosen certas, virían a corroborar o papel de “chico de los recados” que sempre amosou  ter o actual alcalde  Aragunde, pois demostrarían quen segue a  gobernar realmente Cambados; aínda que sendo xustos, Aragunde, si que ten algo de autoridade, ten a autoridade (e  a cara ) de pasarlle dietas de comidas ao concello por mais de 8.400 euros en apenas catro meses ou, peor aínda, mais de 3.700 euros en apenas dez días  (“hai que recoñecer, Luís, que non lle saes nada barato ás arcas cambadesas”)

Pero podes estar tranquilo, Tourís,á fin e ao cabo, quen é o xornal  “El País”? ……….. Só   é o xornal mais lido da prensa nacional con case dous millóns de lectores  na súa edición impresa  (datos da segunda oleada do EGM de 2012) pero iso non lle garante a verdade absoluta, verdade Tourís?.

Como se di nestes casos deixemos que a xustiza faga o seu traballo e poña algo de luz neste caso,non xa por Tourís, senón  polo ben  do nobre nome do pobo de Cambados.

Un saúdo a todos.

Ricardo Domínguez Rey. 

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.