Anova – Irmandade Nacionalista reúne a súa asemblea comarcal este sábado 17 de Novembro en Barrantes. A cita, como de costume, é aberta a todos aqueles que queiran asistir, tanto militantes, como persoas que se involucraron na campaña ou xente que simpatiza con esta organización que concorreu ás pasadas autonómicas na coalición Alternativa Galega de Esquerda. Na asemblea, que comezará ás seis e media na Casa de Cultura, os participantes farán a súa análise da campaña e dos resultados que as eleccións deixaron, e ademais tratarase a organización de Anova nos Concellos da comarca. A convocatoria pode lerse neste enlace.
As eleccións do pasado 21 de Outubro supuxeron unha perda brutal de apoio aos partidos tradicionais, coa irrupción da Alternativa Galega como única que medrou en votos. En Cambados esa tendencia tamén se cumpriu, aínda que a diferenza do panorama nacional, onde a esquerda retrocedeu máis que a dereita, en Cambados o centro-esquerda aumentou fronte á dereita se comparamos os datos destes comicios cos das pasadas xerais ou municipais de 2011.
Para ver o comportamento do voto confeccionamos un sinxelo gráfico no cal se pode observar a evolución en Cambados entre 1991 e 2012 (coidamos que vinte anos era suficiente). Nesta primeira figura compárase o voto á dereita (PP) co voto á esquerda (PSOE+BNG, sumado con Alternativa Galega nestas últimas eleccións). Podemos ver que nos últimos anos o voto de centro esquerda en Cambados está atravesando momentos baixos, aínda que a tendencia é de leve recuperación. O voto á dereita (PP) acadou máximos históricos en 2011 pero estes últimos comicios supuxeron un forte retroceso para o PP (onde deixou de obter máis de mil papeletas) que a esquerda conseguiu evitar, quizais pola irrupción de AGE. Aínda así o Partido Popular está hoxe 731 papeletas por riba da suma da súa oposición.
É interesante (e tamén desmotivador) ver como a dereita do PP tivo nos últimos anos maioría fronte ao centro-esquerda coa única excepción das autonómicas de 2005 (por tres votos). Estivo moi preto de perdela nas municipais de 2007 (por 31 votos) e nas de 2003. Isto último non se percibe no gráfico porque daquela tamén obtivo representación Independentes por Cambados, que non é incluído nesta figura por non adecuarse ao esquema centro-dereita/centro-esquerda.
O PP obtivo nestas eleccións o seu peor resultado en votos desde as xerais de 1993, é dicir, este foi o seu peor resultado en Cambados en vinte anos. Para o BNG non hai resultado peor en votos desde 1991 e para atopar un rexistro de papeletas inferior do PSOE hai que remontarse até 1999. Isto vai en consonancia coa baixada xeralizada dos partidos convencionais a nivel nacional. Pero a baixa dos partidos convencionais de centro-esquerda foi compensada con creces pola entrada na escena de AGE. A tendencia de cada partido pode observarse na seguinte figura. Inclúense todos os partidos que desde 1991 obtiveron máis do 3% de sufraxios en Cambados. Para unha análise máis completa habería que ter en conta tamén os resultados en porcentaxe de voto válido e non só en termos absolutos.
Fontes: Varias en internet, datos definitivos salvo para as últimas eleccións por motivos obvios.
A nosa comarca enviará a dous deputados e dúas deputadas ao Parlamento Galego. Iso é o que ditaron as urnas o pasado 21de Outubro, pero podería verse modificado pronto se o previsible próximo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, volve a pedir aos seus futuros conselleiros que renuncien á acta de deputado. Nese caso algúns poderían dimitir e outros novos nomes poderían aparecer na cámara, como por exemplo o da ex deputada Rosa Oubiña, que non foi electa o pasado domingo. Seguir lendo
O Partido Popular acadou onte 41 deputados na cámara galega fronte aos 38 de 2009. E fíxoo a pesar de deixarse máis de 130 mil votos nunha xornada na que tamén é certo que 240 mil galegos menos se achegaron a votar aos colexios electorais. A oposición parlamentar desta lexislatura afúndese por completo. O BNG pasa de 12 a 7 escanos e o PSOE de 25 a 18. Xuntos deixan de obter máis de 350 mil votos que acadaran nos pasados comicios autonómicos. A sorpresa dáa a Alternativa Galega de Esquerda (coalición na que participan a Anova de Beiras e Esquerda Unida, entre outros), que obtén 200 mil votos e convírtese na terceira forza do Parlamento con nove deputados, por riba do Bloque. Xosé Manuel Beiras asina así o seu segundo sorpasso, tralo adiantamento electoral executado en 1997 polo BNG ao PSOE. Seguir lendo
Hoxe saltou aos medios un manifesto publicado por uns douscentos representantes do mundo da cultura (músicos, actores, escritores, catedráticos…) que apoian de xeito explicito as candidaturas da Alternativa Galega de Esquerda de cara os comicios do vindeiro domingo. Entre os asinantes, a nivel nacional destacan Xosé Luís Mendez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Julián Hernández, Antonio Durán Morris ou Manuel Rivas. Estas duascentas persoas consideran que o goberno de Feijoo actuou coa fin de derrubar a cultura e a lingua galegas mentres prolongou e aumentou a hipoteca do Gaiás, e fomentou a cultura do espectáculo fronte á da participación social. Coidan que a coalición liderada por X.M. Beiras é “capaz de unir nun mesmo proxecto de intervención política, de emancipación nacional e social, dúas tradicións tan insignes coma as que representan hoxe Anova e EU, coas achegas de Equo e Espazo Ecogaleguista”. Seguir lendo
Eu creo firmemente na política. Pero coido que neste momento de perda de credibilidade, é preciso, máis que nada, destacar a importancia de mudar a política. E iso empeza por mudar a nosa visión da mesma, porque só así acharemos a forma de sermos cidadáns libres e iguais.
Levo tempo observando como se corrompe a política desde os propios partidos ou desde os medios de comunicación. Non deixo, efectivamente, de ler a xornalistas preguntando sobre pactos, consellerías, presidencias e vicepresidencias. E non, non se trata diso. Cómpre deixar claro que estas son unhas eleccións lexislativas e que o que estamos votando é a candidatos ao parlamento. E que o parlamento é a voz do pobo, a nosa voz, a voz de todos. Xa foi repetido centos de veces, e nunca deixará de ser certo, que a ‘democracia’ é o goberno do pobo polo pobo, e que o que temos neste momento é unha oligarquía, é dicir, o goberno duns poucos que ademáis, gobernan só para outros poucos.
E porén, non é certo que o goberno non é máis que unha das tres patas do poder político? Seica é máis o poder executivo, é dicir, o executor da lexislación aprobada no parlamento, que o poder lexislativo, o centro de toda soberanía democrática? A que vén, entón, tanto afán por repartírense consellerías?
É necesario, por tanto, facermos unha nova política. E aí é onde de verdade entra a Alternativa Galega de Esquerda. Hai agora en Galicia un establishment político de tres partidos, que conforman un parlamento depauperado democráticamente. É, pois, a hora de renovar o Hórreo. Parece que non hai ventilación no piorno. Chegou a hora de abrir portas e ventás e permitir que entre o aire novo, un furacán de dignidade que sexa o altavoz do 99%, o noso altavoz, o da maioría social.
Dicía tamén, aí atrás, que temos a forza da ilusión. Digo agora que esa forza nos acompañou durante todos estes días de campaña, sen esmorecer. É importante que sexades conscientes de que somos unha coalición nova, que pensedes na falta de recursos e nos esforzos que estamos a facer pra que chegue a nosa voz á xente. Pero tamén vos digo que levamos case quince días facendo unha campaña nova, cargada de optimismo, de indignación e de resistencia. Somos auténticos guerrilleiros á procura dunha rebelión cívica, da toma verdadeira das institucións democráticas (e polo tanto nosas) a través da recuperación da confianza na política. A nosa bandeira, a integridade. O noso símbolo, un zapato sostido en alto. Somos guerrilleiros e somos zapatistas, porque con eses zapatos imos marcar un camiño de ida e volta entre o parlamento e a sociedade e porque con eses zapatos contribuiremos a darlle a patada (enténdase a metáfora, non me acusedes de incitar á violencia) ás gaivotas que sobrevoan San Caetano.
Somos, pois, unha forza nova, que recolle moitas das teses propias da esquerda social, do activismo antiglobalización, do altermundismo, do ecoloxismo. Representamos a unha esquerda inclusiva, lonxe de dogmatismos. Somos galeguistas, nacionalistas, independentistas, pero tamén federalistas. Achégannos as gañas de cambiar o mundo. Únenos a visión de que, ante un momento de crise, a asociación dos diferentes sectores políticos e sociais de esquerdas, supón un deber. O noso obxectivo, e dígoo desde o convencemento, coa razón e o corazón, é darvos voz. Como dixo Castelao, “nós temos fe no noso pobo e moi logo o noso pobo terá fe en nós”.
Estamos, en conclusión, ante un momento clave da historia contemporánea galega, española, mundial. É por isto que vos pido que vaiades votar. A vós, que este 21 de outubro tedes o dereito de escoller aos que si vos deberían representar en Galicia e ante o mundo. E co orgullo de formar parte da xente que traballa por un mundo mellor e por levar á realidade aquilo de que “outro mundo é posible”, pídovos tamén o voto para Alternativa Galega de Esquerda.
Non só iso. O noso traballo non remata este domingo. Iso sería de necios. Pídovos ademais que participedes activamente con nós. Tedes a forza da palabra. Quérovos pedir, pois, que contribuades a recuperar a credibilidade na política, pois esta é o fundamento da vida en sociedade, do civismo activo, da cidadanía plena.
Notade que a sigla resultante da Alternativa Galega de Esquerda ben podería conformar o acrónimo “age” en língua portuguesa; é dicir, o imperativo do verbo agir: “actúa”. E iso é o que demandamos. Que actuedes. Porque quedar na casa é ser cómplice da deturpación do sistema, quedar na casa significa ser partícipes da destrucción da nosa identidade social, e supón asumir a nosa aniquilación como cidadáns, como pobo. Dicía Rosa Luxemburgo que se non te moves, non sentes as cadeas que te manteñen atado. Eu coido que xa é o momento de romper esas cadeas, de exercer o noso dereito a, simplemente, ser.
O 21 de outubro comeza un novo tempo. Entre todos, podémolos parar. Estamos xa a paralos.
O 21 de outubro, actúa!
A coalición Alternativa Galega de Esquerda vén de anunciar un acto público para este mércores 17 no noso Concello. Será no Salón José Peña ás 20.30 horas. A presentación correrá a cargo do membro de Anova e coordinador desta páxina web, Óscar Pardo Planas, e intervirán ao longo do acto tres persoas. Unha delas é Xesús Alonso Montero, militante de EU, ensaísta, membro da Real Academia Galega e do Consello de Cultura Galega. Outra é un militante recoñecido do nacionalismo galego, Francisco Trigo, quen durante anos foi parlamentario galego e quen formou parte do único goberno de esquerda en Cambados. A terceira é Bernarda Rubianes, representante da comarca na candidatura da Alternativa e tamén implicada no nacionalismo desde hai anos.
Alternativa está a complementar con estes actos en todos os Concellos da comarca o seu gran acto central, que se celebrou onte na Praza de Peixería de Vilagarcía. Nel participaron ademais da xa citada Bernarda Rubianes, Juan Fajardo, Yolanda Díaz ou o aclamado Xose Manuel Beiras, e tivo un seguemento dunhas catrocentas persoas.
O BNG realiza este domingo o seu mitin central de campaña en Cambados. Será ás 18 horas no Salón de Exposicións José Peña e contará coas intervencións do voceiro local, Víctor Caamaño, da candidata comarcal Montse Prado, e do portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez. Pechará o acto o cabeza de lista en Pontevedra, Carlos Aymerich. O BNG realizou esta semana o seu mitin comarcal. Seguir lendo
Un cambadés residente do centro leva semanas tomando imaxes de persoas que se achegan a un coñecido supermercado ao seu peche. Achéganse na hora á que os empregados da superficie comercial tiran nos contedores da rúa de atrás os produtos que van caducar para recoller comida. Segundo o seu testemuño, hai tempo tamén ocorría pero o número de persoas era moi inferior, nos últimos meses ca crudeza da crise son moitas persoas as que rodean os contedores cada noitiña. Nesta imaxe que amosamos hai por primeira vez un neno duns tres anos.
Tamén nos comenta que no día de onte os camións de basura apareceron xusto á hora na que os empregados sacan a comida, co cal as persoas presentes tiveron que sacala ás presas. Di a testemuña, que os camións adoitan recoller esa “basura” máis tarde, quizais teñan ordes de adiantar a recollida para evitar estas imaxes.
Este tema xa entrou na precampaña galega a través dunha proposta de Alternativa Galega de Esquerda que quere impulsar no Parlamento unha lei para estimular ás grandes superficies a doar os alimentos próximos á caducidade que se atopen en bo estado.
A seguir amósanse moitas das imaxes que tomou a persoa que nos facilita as fotos. Comenta que as máis claras son de Xullo, cando acudían unhas seis persoas ao día, logo as máis escuras xa son de Agosto cando aparecían unhas quince e por último a que amosamos na entrada é de onte.
Recollida comida super, a set on Flickr.
Hoxe a medianoite comeza a campaña electoral, coa tradicional pegada de carteis. Durante os vindeiros días sucederanse os actos tamén na nosa comarca, e está previsto que PP, PSOE, BNG e Alternativa realicen actos no noso Concello. Esperamos dar conta deles desde esta web.
A nivel nacional é importante sinalar que mañá o CIS publicará dúas enquisas electorais, unha sobre Euskadi e outra sobre Galiza. Cabe lembrar que os últimos inquéritos coñecidos deixaban aberta a posibilidade de que o PP acadara maioría absoluta.