//
arquivo

Ano Cabanillas

This tag is associated with 51 posts

O premio Ramón Cabanillas


O Concello de Cambados sorpréndenos unha vez máis cunha nova: a concesión do segundo premio Ramón Cabanillas a Manolo Paz. Parece entón confirmarse que este premio de recente creación se consolida, non como premio de poesía, tal como foi aprobado pola corporación municipal no 2009, senón coma un premio que se outorga a personalidades senlleiras da cultura cambadesa; pero para iso lembre o Sr. Alcalde que xa tiñamos outro premio outorgado polos libreiros cambadeses.

Quero pensar que é máis doado e barato para o Concello dar un premio de honra coma este que  non ten dotación económica (creo) que organizar un premio de poesía con dotación en metálico, convocatoria de xurado (que hai que pagar) etc. etc. Se non é así é de supoñer que o motivo é que se fai por rebentar o outro premio; unha vez máis o Concello de Cambados en vez de sumar, divide.

Remato dicindo que Manolo Paz merece calquera premio que lle dean pola súa traxectoria artística porque é un magnífico escultor, pero é unha mágoa que non se lembraran “a título póstumo” de Luís Silvoso.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

Advertisements

O plaxio: a falta de respecto do que non ten ideas


Coñecimos hai ben pouco cun día de antelación que Luis Rei ía ser premiado polo Concello de Cambados polo seu labor cultural, de especial relieve no caso do Ano Cabanillas (lembremos que Luis xunto con Fernández Rei levou o peso da súa organización e que nese mesmo ano presentou a súa fantástica biografía sobre o poeta). Un premio merecido e que xerou unanimidade.

O “pero” do asunto recae nas formas. A primeira, que é habitual, foi a de non ter en conta á oposición nin para crear o premio nin para decidir a quen llo daban. A segunda é xa de traca: plaxiar o premio, desde a perfil do premiado (persoa con traxectoria na defensa e espallamento da cultura galega) até ao estilo da gala, o nome do premio e “trofeo” físico en si, o busto de Don Ramón.

O plaxio só denota unha total falta de ideas propias que leva a apoderarse do que outros orixinalmente labraron. Os libreiros levan sete anos concedendo un premio, en cuxa organización colaboran ademais outras asociacións do Concello. É, polo tanto, tamén unha total falla de respecto a esa xente que participou nestes anos e mesmo aos premiados do verdadeiro Ramón Cabanillas e do novo. Porque o que está claro é que Luis Rei non merece verse envolto en tal polémica.

Reponsabilidades? Sen dúbida só goberno local, que fixo e desfixo sen pedir consello, pode asumir as culpas. O curioso do asunto é que quen ostenta as competencias de concelleiro de Cultura é o mismísimo alcalde Luis Aragunde. Pronto, en campaña electoral, se presentará con promesas e ideas novas para o noso Concello. Agora sabemos cal é a credibilidade que temos que darlle á súa palabra.

Entrevista a Luis Rei para o Despregable #23


Entrevista realizada en Abril de 2010

Luis Rei (O Grove, 1960) é sobradamente coñecido en  Cambados porque é o bibliotecario da nosa vila desde antes de que algúns teñamos memoria. Ademais, é técnico de Cultura do Concello, tarefa na que a súa man se percibe, entre outras cousas, nas programacións de calidade de teatro que se achegan ao Concello.

Durante os últimos vinte anos dedicou o seu tempo a investigar a figura do “poeta da Raza” e finalmente o ano pasado, no Ano Cabanillas 2009, veu a luz a súa biografía titulada Ramón Cabanillas: Crónica de desterros e saudades. Nela, o autor vainos achegando cronoloxicamente á vida do vate, aos seus problemas e ás súas alegrías, permitindólle ao lector enteder o cando e como da súa produción literaria.

Seiscentas páxinas cargadas de información solidamente documentada na correspondencia do poeta, en artigos xornalísticos, publicacións… que fan seguramente da obra, a primeira biografía de Cabanillas, a mellor publicación sobre o escritor cambadés.

O crítico literario Ramón Nicolás definiu este volume como  “unha das achegas ensaístico-biográficas máis salientables do ano”.

A BIOGRAFÍA

A primeira impresión que un ten cando remata de ler o teu libro é a dun traballo impresionante … como te decides a escribir esta biografía, porque deduzo que non sería de súpeto…?

Non, funme metendo pouco a pouco, primeiro por cousas do traballo,  utilizando o material de Cabanillas que xa había na biblioteca, despois reunindo documentos novos que ían aparecendo e finalmente dedicando moito tempo á investigación. Cando considerei que dispoñía de información relevante empecei a publicar artigos e finalmente, bastante anos despois, metinme a redactar este libro, traballo que aínda me levou outro par de aniños.

O propio Ramón afirma nunha carta a Carvalho Calero que as súas  notas biográficas non teñen importancia. Despois de todos os anos de estudo levarslle a contraria a Cabanillas, nonsi?

Cabanillas é un autor demasiado importante na historia da literatura galega como para facer caso do seu consello de non prestarlle atención á súa biografía. Foi protagonista e testemuña dun tempo excepcional, sen el non se comprende cabalmente a literatura galega da primeira metade do século XX.

Todo o mundo parece coincidir no momento en louvar a poesía de Cabanillas: que ofrece o traballo de don Ramón?

Cando Cabanillas eclosionou como poeta galego en Cuba, alá por 1913, a nosa poesía vivía unha crise funesta. Desaparecidos Rosalía e Curros e apartado do mundo literario Eduardo Pondal non había perspectiva de continuídade e moito menos de renovación. Desde este punto de vista Cabanillas non apareceu só como un novo poeta de calidade, tamén foi visto por boa parte da crítica como o poeta “arelado”, como ben dixo Ramiro Fonte: “o poeta necesario”.

“Oxalá algún día apareza a conrrepondencia que recibía”

A imaxe do Cabanillas que mellor coñecemos é a dun velliño baixo un pucho… pero é esta imaxe a máis caracteristica para describilo?

Posibelmente non. Esa  imaxe que está en todos os libros de texto é o retrato dun Cabanillas certo, pero só dun tempo de vellice. O poeta foi, en palabras de Vicente Risco, “un dandy perdido en la bohemia”, un home de moito mundo e de moita historia. Oitenta e tres ano de vivir, como el dixo, “sen apouso nin repouso” dan para moitas imaxes: vestiu fraque en ocasións solemnes, usou chapeus de todo tipo e gostou máis da  “pajarita” que da gravata.

Desterros e saudades: Cuba, Mondariz, Madrid…cal consideras que foi o desterro máis importante para a súa vida e obra?

Aclarando que ningún xuiz dictou nunca, que saibamos, unha orde de desterro contra Cabanillas o certo é que el viviu “no desterro” case toda a vida. Seguramente o alonxamento máis influínte na súa obra fose o “desterro” cubano porque alí naceu para a poesía galega. Se cadra , porén, no seu vivir foron máis importantes algunhas das as etapas pasadas en Madrid: para alí “fuxiu” cando perdeu o cargo de secretario no concello de Mós e alí botou tamén anos de soedade e penurias durante a II República. Pero opino que Cabanillas viviu “no desterro” sempre, porque foi un xeito de vida que el escolleu.

Botándolle imaxinación (moita), poñamos  que tiveras oportunidade de ter unha conversa co vate de Cambados…sobre que cres que xiraría a charla? Se che permitisen facerlle unha pregunta sobre algún aspecto da súa vida que non coñeces/comprendes, cal elixirías?

Hai moitísimas cousas que non sei de Cabanillas e que me gustaría coñecer e tampouco teño a imaxinación que me pides, pero o que máis me gustaría sería que non fose certo o de que el rompía as cartas que recibía e que aparecese un día unha arca vella con toda esa correspondencia. A xente gardaba as cartas que lle mandaba Cabanillas e teño lido centos delas, pero case non lin cartas remesadas para el. Sabemos moito do que os seus amigos publicaban en prensa sobre el pero moi pouco do que lle decían cando se dirixían a el persoalmente.

Na biografía o intento de Cabanillas por publicar as Obras Completas é unha constante, cales eran os atrancos?

A realidade dunha lingua minorizada. A xente era maioritariamente analfabeta en calquera lingua e case absolutamente analfabeta en lingua galega. Publicar libros en galego foi moito tempo un acto de puro idealismo e, sobre todo un negocio ruínoso. Se publicar libriños de poesía era complicado imaxina unha “obra completa”.

CABANILLAS E A POLÍTICA

“Cabanillas foi un demócrata anticaciquil e galeguista”
Tras unha lectura ideóloxica da súa vida vemos que o poeta é favorecido por gobernos dereitisitas pero que parece non renunciar nunca ao galeguismo…foi Cabanillas un malabarista no plano político?

Eu penso que non. Foi un poeta revolucionario nos días do agrarismo e o máis importante escritor das nacionalistas Irmandades da Fala e sempre foi consecuente con eso, sempre foi un demócrata anticaciquil e un galeguista sen tacha. Por outra banda non creo que fose especialmente favorecido nunca. O goberno dereitista de Lerroux durante a segunda república deulle un carguiño non político no Instituto de España que axudou ao poeta a saír da miseria na que se atopaba, non o fixeron ministro nin gobernador. A ditadura de Franco deixouno vivir e aí remata o favor. Nada de malabarismos.

Amigo do líder agrarista Basilio Álvarez e “irmán” dos galeguistas, tentou acercar ambos movementos…por que non foi posíbel?

Houbo moitos acercamentos e distanciamentos entre Basilio Álvarez e as Irmandades da Fala pero nunca chegaron a xuntarse. Seguramente a historia do galeguismo e mesmo a de Galiza tería sido outra se iso tivese acontecido. Pero Cabanillas non era máis que un poeta, el non podía propiciar ese encontro co único instrumento dos seus afectos persoais.

Declarándose republicano…que fallou para que Cabanillas se sentise decepcionado co novo rexime democrático?

No libro digo que Cabanillas sentiu como unha afrenta a retidada dunha pensión vitalicia que as Deputacións lle outorgaran cando fora elixido como membro da Real Academia Española e estou seguro de que eso influíu moito no seu ánimo, pero as súas disidencias co réxime foron máis amplas: non concordaba co carácter laico da constitución, estaba en desacordo coa alianza do galeguismoi  coa forzas de esquerda, detestaba a “reutilización” republicana de vellas de redes caciquís, etc, pero, repito, como di o refrán: cada un fala da feira segundo lle vai nela… e a Cabanillas na II República foille mal.

CABANILLAS E CAMBADOS
“Cabanillas amou profundamente a Cambados”
Como é a relación Cambados-Cabanillas? Porque por un lado, o autor adícalle poemas e gostaba de voltar á vila natal, pero por outro afirmaba ás veces sentirse “horrorizado” por el…

Cabanillas amou profundamente Cambados, eso mírase en moitos poemas e non admite duda. Pero tamén foi un home crítico coa súa vila. Quen lea os seus artigos e poemas nos xornais El Umia e El cometa descubrirá a un Cabanillas humorista (dos bós) a conta das cousas de Cambados. Despois de marchar para Cuba xa só voltou a Cambados a pasar pequenas estadías: o seu era un amor “a distancia”.

Como valoras o pasado Ano Cabanillas 2009? Que destacarías del?

En Cambados e mesmo no Salnés foi un grande éxito porque foi un ano cargado de actos e de publicacións. Creo que tanto o Concello como diversas entidades culturais, singularemente Candea, fixeron un esforzo verdadeiramente memorábel. En Galiza tamén tivo importante repercusión, pero non sei se tivo a que merecía.

Eu destacaría a normalidade e naturalidade con que se chegou a utilizar pola xente do común e polos medios de comunicación a expresión “Ano Cabanillas”: introducir a presenza dun poeta e da súa poesía na cotidianeidade da vida dunha vila enteira paréceme difícil e, mesmo, sorprendente. Sen embargo en Cambados pasou.

Cres que a Fundación Cabanillas será algún día realidade? de que depende?

Penso que todo o que é unha necesidade acaba sendo unha realidade e fai falla unha entidade (posibelmente unha fundación) que se encargue de poñer en valor cada día a obra de Cabanillas. Tamén sei que esa fundación non será unha realidade se as institucións, e polo tanto os representantes políticos, non fan un esforzo por entenderse. Eu acredito na democracia e na sensatez dos representantes eleitos e por eso penso que ao final haberá unha Fundación Ramón Cabanillas.

O ano que vén cúmprense 50 anos da morte doutro artista cambadés ilustre, Francisco Asorey…cal foi a relación entre ambos?

Asorey e Cabanillas foron moi amigos. Cabanillas organizou, en 1922, a primeira homenaxe que Cambados tributou ao escultor e Asorey preparou, cando a vida de Cabanillas se apaga, o deseño do monumento que constituía a homenaxe derradeira de Cambados ao poeta.

Tras publicar este volume adicado a Ramón Cabanillas…en que se centran agora as túas inquedanzas como investigador?

Ando mirando algunhas cousiñas sobre a historia do 25 de xullo para un par de artigos que teño comprometidos pero non teño ningún proxecto importante diante. Xa miraremos o que vai saíndo.

Entrevista realizada para o número 23 do fanzine Despregable da Embaixada Prusiana en Abril de 2010e publicado en Xuño de 2010

Luis Rei faise coa primeira edición do segundo Premio Ramón Cabanillas que existe en Cambados


A nova deuna a coñecer hoxe o Concello de Cambados pola prensa. A institución, no día do 51 cabodano de Ramón Cabanillas, fixo pública a concesión do galardón a Luis Rei, quen ademais de ser bibliotecario na nosa vila publicou no Ano Cabanillas 2009 a biografía do poeta, ademais doutros traballos culturais nos que desde hai moitos anos participa.

Polo tanto, a máis sincera noraboa a Luis Rei, quen sobradamente merece que se lle faga entrega deste e doutros premios polo seu labor.

Canto ao Concello, resulta curioso que faga entrega dun Premio Ramón Cabanillas, e máis que o numeren como primeiro, cando deberían ser coñecedores de que no noso Concello entrégase desde hai sete edicións o Premio Ramón Cabanillas outorgado pola Asociación de Libreiros.

Sorprende, sobre todo, pola relación amor-odio que o Concello ten manifestado a ese Premio, xa que, por exemplo, na penúltima edición (cando foi homenaxeado o amigo e compañeiro de traballos de Luis Rei, Francisco Fernández Rei) non mandaron sequera representación ao acto, e pola contra o ano pasado si colaboraron na organización, encargándose o Concello até da cartelería do evento.

En nadal de 2009 acordouse unanimemente en pleno que, entre outras celebracións polo cabodano de Ramón Cabanillas, se crearía un premio de poesía. Foi unha proposta socialista,  e aínda o mes pasado Tabuyo preguntou se se celebraría ou fora unha concesión para saír do paso no momento.

Polo tanto, non parece que teña moito sentido crear un premio co mesmo nome e con características moi semellantes a outro existente no mesmo Concello.

Aínda así, Luis Rei merece a homenaxe, e o que é unha pena é que non se soubera antes a data da mesma. Será hoxe a partires das sete da tarde no Auditorio da Xuventude nun acto no que haberá música a cargo da soprano Daniela Stagnito da pianista Lorena Varela. Parabéns, Luis.

Coincidindo con esta nova, mañá publicarase en Cambados(tk) a entrevista a Luis Rei publicada no último número do Despregable da Embaixada Prusiana.

Relacionado

O blog sobre Ramón Cabanillas que edita a profesora Maribel Iglesias vén de publicar unha interesante presentación sobre o poeta no aniversario da súa morte. Accede premendo aquí.

O III Serán Ramón Cabanillas ten lugar mañá


O Serán Ramón Cabanillas volta a celebrarse por terceiro ano consecutivo. Pola mañá terá lgar un torneo 3×3 de fútbol senior e base e pola tarde noite haberá música e bailes a cargo de grupos da comarca. O Serán está organizado polo Clube Xuventude Cambados de fútbol e a Asociación Unha Grande Chea.

A tumba de Ramón Cabanillas será por fin adecentada


cabanillas-tumbaO Arzobispado deu o visto e prace á petición do Concello de Cambados de realizar unha serie de melloras na tumba do poeta da raza no panteón de Galegos Ilustres, a onde foi transladado desde o camposanto de Fefiñáns.

O goberno local considera de grande interese esculpir o epitafio que Ramón Cabanillas quería e do que xa dispoñía no seu lugar de descanso en Cambados. É unha frase extraída dun poema seu titulado Sono Dourado, que di así, Quero na lousa que me de sosego esta palabra que ten aas: poeta, e esta palabra que ten luz, galego.

A asociación Unha Grande Chea saúda o nova, xa que desde hai tres anos viñan reclamando este adecentamento, como recollen hoxe na súa web.

Rematado un 2009 adicado a el…quen se acorda da Fundación Ramón Cabanillas?


ramoncabanillasTanto falar de Ramón Cabanillas, incluso de debates entre os políticos, e parece que o tema da creación da Fundación Ramón Cabanillas, que o propio académico Francisco Fernández Rei propuxera hai tres anos, está aparentemente esquecida. A idea lanzáraa F.F. Rei  naquela homeaxe ao poeta que Unha Grande Chea realizou un 23 de Nadal de 2006 no Auditorio da Xuventude, e que quizas sentou as bases para o posterior desenvolvemento do Ano Cabanillas 2009.

Isto é que se pregunta a autora da biografía en imaxes do poeta da Raza, Maribel Iglesias Baldonedo, nunha entrada do seu blog na que expón unha pequena análise persoal do que foi este ano pasado adicado ao autor. Preme aquí para entrar no blog.

Ramón Nogueira: "publicar o libro é un soño"


ramonRamón Nogueira naceu hai dazasete anos e é veciño de Cambados, máis concretamente dese  barrio mariñeiro que é San Tomé (o propio pai de Nogueira traballa no mar). A carón deste mar, na Torre de San Sadurniño, Ramón di sentirse cómodo para escribir. E de feito faino, e faino ben.

Desde hai uns meses amosa ao público os seus poemas nun blog de internet (www.ramonogueira.wordpress.com) , acompañados de suxerentes imaxes, a maioría da súa propia autoría.

Este Nadal CANDEA puxo punto e final ao Ano Cabanillas 09 coa presentación do primeiro libro deste xove poeta, Berros desde o Alén. Nel podemos atopar unha colección de poemas intimistas que nos acercan aos pensamentos máis profundos de Nogueira cunha estética de vangarda, que como di o propio autor, “está de moda”.

No Café Continental, lugar axeitado para este tipo de encontros, séntome con Ramón para ter unha pequena conversa sobre el, sobre o seu libro e incluso sobre actualidade. Ramón ten unha fala clara e concisa, un galego correcto e á vez coherente co lugar onde o aprendeu. Responde rápido, ás veces incluso adiantándose ao final da miña pregunta.

Cando comezas a escribir?

Empezar a escribir aos sete anos pero poesía aos doce. Primeiro empecei con prosa, algún conto porque sempre me gustou moitísimo a lectura e despois de descubrir a Gloria Fuertes empecei a escribir algún verso pero moi pouquiño. Logo aos doce foi cando descubrín a Yolanda Castaño e centreime na poesía.

Por que poesía? que diferenza atopas nela?

A prosa non me amosaba nada, non era capaz de de expresar de verdade o que quería; a través dunha historia expresar é moi difícil, entón ao darme conta descubrín que a poesía era o que eu precisaba.

Supoño que detrás da escritura haberá bastantes horas de ler e reler…xa comentaches algún autor dos que influiron en ti, pero se tiveras que nomear os máis importantes cales serían?

Yolanda Castaño por ser a primeira da poesía vangardista que atopei e Fernán Vello porque para min é un dos mellores escritores do momento. Manuel Rivas tamén, sen dúbida. E logo como poesía xa de élite Cabanillas, por suposto, e Manuel María tamén me encanta. Para min estes son os más importantes. E os clásicos, sempre, como Pondal, Rosalía e Curros.

“Busco a poesía que me faga sentir”

Cando ti les poesía, que é o que buscas? Cal é a diferenza que fai que che guste máis ou menos?

Sobre todo que me toque, que me toque por dentro. Porque o que busco eu na poesía é que me faga pensar, que me faga sentir, sobre todo, e se son capaz de levalo ao meu terreo; por exemplo se unha poesía está relacionada con algo que me pasou a min, levala ao meu ámbito e tratar de sentila mellor.

Desde hai un tempo publicas os teus poemas nun blog; isto é tan só unha afición para ti ou se puideras gustaríache dedicarte a isto seriamente?

A min encantaríame vivir disto.

Aínda que é difícil…

Si, si, pero claro, é moi difícil, sobre todo poesía que tampouco é un best seller precisamente. Pero si, gustaríame. Por iso tamén intento escribir outro tipo de cousas; comecei este mes con treatro e prosa tamén escribo. Sempre unha prosa poética, claro. E logo a poesía.

Ademais seguirei aí intentándoo, concurso que vexa concurso que me meterei, e para adiante. (coméntolle a iniciativa aprobada no último pleno do ano na cal se crea un premio literario anual en honor a Ramón Cabanillas)

Entrando en Berros dende o Alén, como definirías ti o estilo dos poemas do libro?

Defínoos como meus, sobre todo. Defínoos como novos, unha poesía que está moi de moda e de vangarda. Aínda así intento buscar sempre un ritmo. A medida depende da que traballe, pero sempre adoito centrarme no ritmo.

Como te sentiches cando soubeches que se ía publicar, e, en especial, no momento en que o tiveches o libro…

(remata por min a pregunta)…nas mans: Pois para min foi impresionante. Despois de catro anos querendo publicar un libro…saber que se ía publicar e que se interesaban por min, e que ía telo diante foi impresionante. Pero xa cando o tiven nas mans foi…foi un soño, completamente. É máis, despois de unha semana seguía sen crelo.ramonnogueira3

O teu libro publicouse ao final do Ano Cabanillas 09, un acontecemento que trouxo consigo cantidade de actividades culturais. Como valoras ti o Ano en xeral?

Para empezar é unha honra que se me publicara como remate das actividades de CANDEA no Ano Cabanillas. Unha honra moi grande. Valorando as actividades paréceme que foi un ano bastante activo. Aínda así mirando o que se puido facer véxoo tamén algo curto, porque puido ser moito máis espectacular, especialmente en dar a coñecer o Ano Cabanillas máis cara a fóra de Cambados. Pero as actividades gustáronme moitísimo.

E se tiveses que elixir algunha en concreto? Aparte da publicación do teu libro, que supoño  que che quedará para a toda a vida…

Para toda a vida. Pois supoño que as obras de teatro, gustáronme moito, ademais precisamente unha das miñas compañeiras participou nelas. O teatro estivo xenial, e logo gustoume especialmente unha presentación de diapositivas no Pazo de Torrado sobre a vida de Cabanillas, amosando a súa infancia e o Cambados daquela, acompañado dun violinista e dunha zanfona. E tamén o rueiro organizado por CANDEA, ao que non puiden ir, pero si vin as fotografías e o que se explicou.

Aparte da poesía que aparece en Berros dende o Alén, tamén tes poesía na que se albisca certo compromiso, como no poema do blog Berro á razón, que a min particularmente gústame moito…cando escribes dese xeito, máis combativo, falo porque sentes que tes que facelo…

Sinto que teño que facelo

…e gústache facelo?

Si, si. Gústame facelo, sinto que teño que facelo e sinto que máis xente debería facelo. Para min é unha necesidade defender o que teño. E agora que me coñecen véxoo tamén como unha obriga.

Teño máis poesía combativa, non toda para ensinar. Tento xuntala toda para crear outro poemario novo. Son todas arredor do galego, arredor de Galiza e arredor… da nosa terra, logo.

“O mellor que ten Galicia é o idioma”

Por poñer un exemplo de tema “combativo”, que che parece a situación actual da nosa lingua?

Unha pena, unha pena, a verdade. Porque non se valora nada o que temos, e aparte estano desfacendo. Cada vez máis xente se ten que dar conta do que temos, que é o mellor que hai: o mellor que ten Galicia é o idioma, e creo que deberíamos valoralo moitísimo máis do que o facemos. Eu tamén espero contribuír a abrir os ollos da xente.

Cando escribes poesía do tipo máis intimista, supoño que non consistirá en sentarse na mesa e veña a escribir, nese proceso…haberá algúns lugares especiais nos que te inspires non?

Si, hai na dedicatoria do libro unha referencia á Torre de San Sadurdiño, [no libro refírese a ela como a súa vella amiga de pedra] porque se non é a metade é  cuarta parte dos poemas que aparecen en Berros dende o Alén, foron escritos alí. Ademais quitas alí unha idea para, traballando, sacar un primeiro verso, logo segues e aparece un segundo, non che queda ben e segues traballando para que ao final dunha semana teñas un poema que pode consistir en só cinco ou seis versos.

Outros tamén son máis rápidos de escribir, neses momentos nos que necesitas botalo fóra todo, pero sempre hai que facer un traballo grande. E a Torre axúdame, A Pastora tamén.

E supoño que os outros, os combativos, nun momento de…

…de desafogo.

…de rabia.

Sen dúbida, de rabia. Despois de ler algo no periódico, despois de ver unha nova na televisión, despois de falar cun compañeiro, ou calquera cousa parecida…

Haberá que seguir atentos ao blog de Ramón Nogueira, á espera de que retome a publicación de textos. Por agora sabemos que está ordeando do que xa dispón, posto que un requisito de case todos os concursos literarios é que nunca foran publicados con anterioridade. Noraboa e a seguir escribindo!

Berros dende o Alén, está editado por CANDEA e podes atopalo nas librarías Contos e Cabanillas, por uns seis euros. Por certo, segundo puidemos saber estase a vender moi ben nesta campaña de nadal. Desde logo é un bo detalle para regalar!

O venres, lembra: presentación de Berros dende o alén, e pola noite música en directo no Rif-Rock


berrosdendeoalenO venres,18, tes unha cita coa cultura e coa música. Pola tarde, concretamente ás oito, Ramón R. Nogueira presenta o seu primeiro libro de poesía no IES Francisco Asorey, unha obra na que plasma todo o que nos vén contando dixitalmente a través do seu blog homónimo. Edita CANDEA e colaboran as librarías Contos e Cabanillas.

rifrockerzbluesbandE pola noite, no pub Rif-Rock (onde se non?), sesión da Rifrockerz Bluesband con Paco Charlín, Sito Suárez e Piti Drumz, xunto con varios convidados. Soará funk, rock’n’roll e rythm’n’blues. Será preto de medianoite. Vaia xeito de comezar as vacacións nonsi?

Presentación dunha escolma poética de Cabanillas seleccionada por Luís Rei


13luasEste xoves 17 de Nadal, ás oito da tarde no Centro Comarcal terá lugar a presentación dun novo volume da colección Trece Lúas da editorial Faktoria K de Libros.  Trátase dunha escolma de 13 poemas do escritor Ramón Cabanillas, con edición literaria de Luís Rei e ilustracións de Anxo Pastor. A presentación combinará recital de poesía e música en directo. Na publicación desta obra participaron os antes mencionados Luís Rei e Anxo Pastor, baixo a organización de Faktoría K de Libros e a colaboración da Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, pertencente ao Ministerio de Cultura.

Nas redes sociais

Decembro 2018
L M M X V S D
« Dec    
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.

RSS Praza Pública – Opinión

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

Advertisements