O Ano Cabanillas, recentemente valorado por CANDEA, polo Concello de Cambados e mesmo polos lectores de Cambados(tk) só pode ser descrito en último termo como un acontecemento positivo. Pero, por suposto, case ningunha cousa pode describirse cun só adxectivo, ou cunha simple análise.
O Ano Cabanillas foi unha gran idea, acercou un pouquiño a figura e a obra do ilustre escritor cambadés ao pobo que o viu nacer e finar. Deu pé a cantidade de actos. publicacións e actividades. Foi bo.
Ao entrar a analizar a responsabilidade de cada un no seu desenvolvemento hai que dicir que o feito de que o Concello non quixera (nin intentara) aglutinar a todos nun proxecto que debería ser común, fixo que poidamos dicir que é unha oportunidade que se perdeu de facer algo incluso superior. Respecto ao traballo do goberno local pódese valorar moi positivamente a súa acción, mais só no referido ao desenvolvemento das actividades e en comparación coa escasa política cultural do Concello (hai que ter en conta tamén que detrás do Ano Cabanillas “oficial” se atopaban dúas persoas altamente cualificadas e dinámicas, como Francisco Fernández Rei e Luís Rei, autor este último dunha obra que quizais sexa a mellor pegada deste Ano).
Só no referido ás actividades, e incluso criticando que comezaran con certo retraso, e suspendendo o seu labor de coordinación, que como se vén de dicir foi nulo: ao Concello segue sen interesarlle sumar esforzos, non sabe xogar en equipo.
E non é que en Cambados non exista xente disposta a traballar na figura de Cabanillas, e en xeral en calquera proxecto cultural; os libreiros, CANDEA, Chourizo Films, Unha Grande Chea, asociacións veciñais, incluso clubes deportivos, centros escolares…demostraron que hai iniciativa aínda cando os que terían que encargarse de levala non queiran facelo, non é bo seguir unha máxima que un bo amigo me ensinou: aquela que di “ou xogamos todos ou pinchamos a pelota”. Para que?, se podemos xogar con dúas!
Si, houbo dous Anos Cabanillas 2009 paralelos: o oficial do Concello e o de CANDEA e das demais organizacións apoiadas puntualmente a comezos de ano pola Consellaría de Cultura bipartita e mesmo por outros dos departamentos autonómicos. Porque mentres o goberno local se queixaba por subvencións que nin sequera pedía ou polo menos non en tempo, o certo é que si houbo implicación con este evento por parte daquela Xunta, que desgrazadamente hoxe, tralo cambio de goberno, xa non está interesada en promover a lingua e cultura galegas: máis ben xusto ao contrario.
O Ano Cabanillas foi positivo; queda quizais un mal regusto porque se o Concello tivese querido tería sido verdadeiramente enriquecedor ver algo que no noso municipio non acontece moi a miúdo: a todos, os dun signo e do outro, traballando conxuntamente. Non puido ser, pero polo menos traballouse na mesma dirección.
O(s) Ano(s) Cabanillas 2009 xa forma(n) parte da historia de Cambados.
Chámome Ramón Nogueira e comezo este blog como desafogo dos meus desordenados e caóticos pensamentos…
Durante este ano tivemos a ocasión de asistir a cantidade de eventos, exposicións, mostras, presentacións, obras, xornadas, gaiteiradas, carreiras…e un sinfín de etcéteras, para homenaxear ao poeta cambadés Ramón Cabanillas. De seguro que el estaría contento ao ter constancia dun dos, de seguro, últimos momentos no Ano na súa honra: un xove e prometedor rapaz de San Tomé vai publicar en papel o que desde hai tempo nos leva ofrecido en formato dixital. Desde o blog Berros dende o alén, Ramón Nogueira escribe pequenas poesías intimistas, cunha xenial mestura do imaxinario e o cotiá, e combativas cando o requiren.
Agora, CANDEA prepara o seu primeiro traballo en papel. O libro será presentado nun acto o vindeiro venres 18 de Nadal no IES Francisco Asorey. Será, en principio, ás oito da tarde. E alí estaremos.
Que mellor forma de pechar o Ano Cabanillas que a presentación formal dun novo creador en Cambados?
Mentres, antes de ter nas túas mans o volume, pásate polo blog de Ramón a ler o que foi pendurando desde Agosto.
Organiza CANDEA, colaboran IES Francisco Asorey e librarías Ramón Cabanillas e Contos.
Participaron 55 persoas até a medianoite do xoves 19 de Novembro. Cinco desas persoas abandoaron a enquisa antes de rematala, os seus resultados foron desbotados.
Perfil medio: Menor de 40 anos e participante dalgunha actividade do Ano Cabanillas
Así é, un 67% dos enquisados marcaron que tiñan menos de 40 anos, a maioria deles no subgrupo 18-25 anos. O outro terzo dos totais marcou a opción Máis de 40. En xeral pódese apreciar que a idade dos participantes está moi repartida entre os diferentes grupos estabelecidos, prevalecendo a xente moza.
Ademais un 84% dos enquisados afirmou ter participado dalgunha actividade relacionado co Ano Cabanillas 09. Un 87% xa coñecía a obra do escritor cambadés pero dixo que afondara no seu coñecemento fronte a un escaso 9% que afirmou seguir sen coñecelo e un 4% que di que grazas a este evento leu por primeira vez ao poeta da Raza.
Bo percepción xeral do Ano Cabanillas pero con matices. A publicación da biografía por parte de Luís Rei foi o acontecemento máis valorado.
Un 49% dos enquisados valora o Ano Cabanillas como Bo ou Moi bo, e só un escaso 9% o tilda de Malo ou Moi malo; pero o grupo que escolleu Regular é considerabelmente alto, cun 42% ocupa o lugar de preferencia nos resultados. Co cal aínda que a percepción xeral é boa parece que moitos dos participantes teñen opinións intermedias sobre o asunto.
Do total de votos sobre a mellor actividade un 27% escolleu a publicación da biografía de Cabanillas (Ramón Cabanillas: Crónica de desterros e saudade) por parte de Luís Rei como o máis interesante do ano. De perto lle seguía a exposición Cabanillas e os artistas do seu tempo e o Serán Ramón Cabanillas. Tamén cabe destacar que as opcións máis abertas, como Outra exposición, Outra actividade, etc, aínda que ocupan os últimos lugares suman entre elas o 21% dos votos, o cal deixa patente que por un lado a pregunta debería ter máis opcións nas respostas e que a diversidade de actividades foi boa en canto a que non todos atoparon a que máis gustaron entre as catro opcións principais.
A comisión organizadora non serviu como coordinadora; Suspenden a nova Xunta e o Concello e aproba a Xunta bipartita e CANDEA é a asociación escollida por unha maioría como a que máis fixo neste Ano Cabanillas 09.
O 64% dos participantes cren que a comisión organizadora, auspiciada polo Concello e tamén limitada por este por non dar entrada directa nela a todos os implicados, non serviu para coordinar aos colectivos na organización do Ano Cabanillas. O 27% non coñecen o traballo desta comisión e o 9% si cre que serviu como aglutinador de asociacións.
Das institucions, o 64% di que a xestión da nova Xunta de Galicia do PP no Ano Cabanillas é Mala ou Moi Mala. O Concello obtén unha lixeira mellor nota, pero non logra o aprobado xa que o 38% inclínase polas opcións críticas e só un 20% polas enteiramente positivas. Un nada desdeñábel 42% califica a xestión do Concello como Regular, sen especificar. A Xunta bipartita é a que sae mellor parada 54% de votos positivos e só o 9% de negativos.
CANDEA, a asociación de ensinantes do Salnés é con diferenza a mellor valorada entre as organizacións que participaron dalgún xeito no Ano Cabanillas. Un 27% marcaron a esta asociación como a máis activa na promoción da vida e obra do poeta a través das actividades. 8 puntos por detrás atópase a Asociación de libreiros e logo a Asociación Cultural e Deportiva Unha Grande Chea, centros escolares e xa no quinto posto aparece o Concello de Cambados cun 10% de votos.
Resulta chamativo neste apartado como todas as primeiras prazas son ocupadas por asociacións, non por institucións. Os enquisados marcaron, pois, organizacións de tipo non político e deixaron a Concello, Deputación e Xunta nos últimos lugares da táboa (xuntos todos só suman un 22%, ridículo ao carón do 27% só para CANDEA).
Detalles
Preme en Seguir Lendo para ver todos os resultados detallados, pregunta a pregunta.
Este vindeiro venres día 20 de Novembro faranse públicos os resultados da enquisa sobre o Ano Cabanillas que se está a levar a cabo desde Cambados(tk). De momento a participación foi moi boa nos dous primeiros días pero estancouse a partir do terceiro. As previsións contemplan unha participación dunhas cincuenta persoas.
Para quen queira participar: podedes facelo durante esta semana premendo neste enlace.
Durante os últimos días anuncíabase neste espazo a publicación dun balance persoal do Ano Cabanillas 2009 para moi pronto.
Pois ben, antes diso estaría mellor coñecer a túa opinión sobre o que foi este Ano Cabanillas, tanto desde o punto de vista das actividades como da organización. Trátase de tan só 10 preguntas que poderás respostar moi axiña. Nos vindeiros días serán publicadas as respostas detalladas nesta mesma páxina.
ABRE A ENQUISA ANO CABANILLAS 2009
Cabanillas
A Televisión de Galicia fíxose eco do acto conmemorativo do 50 cabodano de Ramón Cabanillas en Compostela. Pódese ver o vídeo da TVG premendo neste enlace.
Pola tarde de onte os actos transladáronse primeiro ao cemiterio de Fefiñáns e logo ao Auditorio da Xuventude.
Hoxe, 9 de Novembro, fanse 50 anos da morte do escritor cambadés Ramón Cabanillas. Este 50 cabodano é o motivo polo cal se escolleu este 2009 como Ano Cabanillas, polo tanto hoxe é un día central na celebración de actos enmarcados neste Ano.
Pola mañá terá lugar unha lectura de poemas en Santo Domingos de Bonaval e ofrenda floral na tumba do poeta. Pola tarde, outra ofrenda terá lugar no cemiterio de Fefiñáns e un acto na Xuventude, ás oito, repasará os textos publicados na prensa galega tralo falecemento de Cabanillas.
O xornal electrónico Vieiros publica hoxe na súa portada unha entrevista con Luís Rei, un dos motores do Ano Cabanillas e autor da primeira biografía sobre o noso poeta, Ramón Cabanillas: Crónica de desterros e saudade (Galaxia). Nela, Luís Rei vai repasando por medio das respostas ao xornalista algúns dos momentos da vida de Cabanillas. Ademais, na última cuestión fai o seu balance do Ano Cabanillas 2009:
“Non se fixo todo o que algúns soñamos hai dous ou tres anos cando comezamos a preparalo pero fíxose moito máis do que nalgún momento tememos. A figura e a obra de Cabanillas recobrou certa actualidade, fálase e escríbese sobre un autor que estaba a caer nun inxustificábel esquecemento. Deste ano van ficar unha ducia de libros e moitas cousas na memoria. Non é para queixarse.”
Tamén é destacábel a boa crítica que fan desde Vieiros ao libro publicado por el este pasado verán:” Luís Rei, traballou a eito e o froito foi este libro que dalgún xeito é case definitivo no que ao estudo da vida de Ramón Cabanillas se refire”
Imaxe extraída de Vieiros.com, alí podes ler tamén a entrevista completa.
Na rolda de prensa que celebraron os membros da Asociación de Ensinantes do Salnés CANDEA no CEIP Antonio Magariños salientouse a idea de que o Ano Cabanillas escolar fora un éxito pola implicación de máis de 2000 alumnos en actividades relacionadas co Poeta da Raza.
“Moi satisfactorio”, así calificaba Adela Leiro o traballo de máis de un ano e medio que se vén realizando desde a organización, que implicou non só á impresionante cifra de alumnos antes amosada, senón a profesores, pais, nais, escritores, pintores, fotógrafos, investigadores… de toda a comarca, non só de Cambados, o que permitiu que a obra de Ramón Cabanillas se traballara, se interpretara, se ilustrara…e o máis importante: que se coñecese e se disfrutase.
CANDEA, no último punto da súa conclusión, quere dar as grazas a todos os que dalgún xeito se implicaron neste Ano Cabanillas 2009.
ACTIVIDADE FRENÉTICA
Desde Unha Grande Chea calificaron esta semana a CANDEA como “con diferenza a máis fixo polo Ano Cabanillas en Cambados, facéndolle sombra a propia comisión organizadora do evento auspiciada polo Concello de Cambados”.
O certo é que CANDEA ten realizado ao longo de todo este Ano 2009 unha infinidade de actividades en forma de presentación de libros, conferencias, exposicións… entre as que destacan as I e II Xornadas Cabanillas e a escola (outubro 08 e 09) coa participación de máis de 150 profesores do Salnés de Galiza e que serviu de ponte para compartir recursos e experiencias para o ensino sobre o autor cambadés.
Ou unha decena de publicacións sobre Cabanillas, desde un calendario até un DVD con traballos de colexios, pasando polo excelente Polo Salnés con Ramón Cabanillas (libro de acuarelas de Eduardo P. Baamonde) ou o do mesmo título con fotografías inspiradas nas poesías.
Sen dúbida o Ano Cabanillas 2009 non podería entenderse do mesmo xeito sen o traballo realizado desde CANDEA, onde, se se me permite, Adela Leiro xoga un rol determinante. Parabéns!
Fotografía do Diario de Arousa.
Nos vindeiros días publicarase un balance persoal do Ano Cabanillas, en xeral, no que se tocarán aspectos relacionados coas actividades postas en marcha polas diferentes organizacións, pero tamén coa parte política do asunto (como non podía ser doutro xeito desde esta páxina).
CANDEA, a asociación de ensinantes do Salnés dirixida por Adela Leiro, ten posta xa a data da súa próxima actividade, e volve ter relación co ilustre poeta Ramón Cabanillas. Coas II Xornadas Cabanillas e a escola preténdese fomentar que o profesorado comparta experiencias e materiais sobre o autor, actualización didáctica de recursos e difundir o coñecemento da figura de Ramón Cabanillas a través do ensino.
As xornadas terán lugar no instituto Ramón Cabanillas durante a semana do 26 de Outubro. De luns a xoves haberá dúas actividades -experiencias ou conferencias- desde as seis até as oito e media da tarde e o último día, o venres 30 de Outubro está programada unha saída dirixida por Manuel Núñez e titulada Polo Salnés con Ramón Cabanillas.
A matrícula aboarase o primeiro día, é de 10 euros e de balde para os participantes no proxecto. O curso ten unha duración homologada pola Consellaría de Eduación de 20 horas. Máis información nos teléfonos 986520407 (CANDEA) ou 986542950 (IES Ramón Cabanillas).