A organización Anova – Irmandade Nacionalista reuniu onte a boa parte dos seus membros do Salnés nunha cea celebrada en Dena. O encontro tivo por obxecto pasar unha noite de fraternidade e compañeirismo entre as persoas achegadas a este novo proxecto que naceu formalmente en Xullo e que electoralmente se estreou nas últimas autonómicas baixo a coalición Alternativa Galega de Esquerda (xunto con Esquerda Unida, Equo e Ecosocialistas). Alternativa obtivo nove representantes no Parlamento, sendo Juan Fajardo o deputado do Salnés desta nova entente da esquerda que xa é terceira forza política en Galiza con 200 mil votos. Os nove deputados de AGE xa formaron un grupo parlamentar en Santiago e comezaron a traballar, transladando a voz da cidadanía e dos movementos sociais á institución. A cea comarcal en Meaño prolongouse até ben entrada a noite nun moi bo ambiente. Anova está a implantarse en todos os Concellos desta comarca e celebra periodicamente asembleas abertas á cidadanía, nunha nova forma de artellar a política.
Anova – Irmandade Nacionalista reúne a súa asemblea comarcal este sábado 17 de Novembro en Barrantes. A cita, como de costume, é aberta a todos aqueles que queiran asistir, tanto militantes, como persoas que se involucraron na campaña ou xente que simpatiza con esta organización que concorreu ás pasadas autonómicas na coalición Alternativa Galega de Esquerda. Na asemblea, que comezará ás seis e media na Casa de Cultura, os participantes farán a súa análise da campaña e dos resultados que as eleccións deixaron, e ademais tratarase a organización de Anova nos Concellos da comarca. A convocatoria pode lerse neste enlace.
PSOE e BNG van despexando as incógnitas sobre as súas listaxes electorais. No ámbito socialista, tras uns últimos días convulsos as novas revelan que por primeira vez en moitos anos a comarca arousá quedará sen representación no grupo parlamentar do PSOE. Trala renuncia de Modesto Pose a integrar a lista (Pose estaba abertamente enfrontado a Pachi Vázquez), o vilagarcían Julio Torrado foi o elixido das bases para substituílo. Porén, as listaxes sufriron cambios de orde ao chegar a Compostela e Torrado foi tirado fóra dos postos de saída. Unha decisión que, ademais de causar malestar nas agrupacións da bisbarra, deixará fóra do Parlamento a unha comarca que historicamente estivo representada. Seguir lendo
Onte a medianoite remataba o prazo para presentar coalicións electorais entre varios partidos políticos de cara ás eleccións do 21 de Outubro. A incógnita a despexar era se cristalizaba a proposta de Xosé Manuel Beiras de crear “un fronte amplo” de esquerdas para rematar coas políticas de agresión á maioría social aplicadas tanto en Galiza, como en España e Europa. Finalmente esta fórmula si terá lugar, baixo o nome de “Alternativa Galega”, baseada na unión da formación soberanista Anova e de Esquerda Unida. No último día desmarcáronse os galeguistas de centro-esquerda de Compromiso por Galicia por non sentirse incluídos no acordo, ao que se adheriron tamén na última xornada.
Na vindeira semana aclararase o programa pactado, que xirará no anti-neoliberalismo e nas políticas de esquerda e de defensa do país. Sábese que xa que o histórico Xosé Manuel Beiras encabezará a candidatura d’A Coruña, seguido da coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz. Seguir lendo
Informa hoxe La Voz de Arousa na súa edición en papel que dous veciños de Oubiña, Montse Prado e Duarte Correa, foron propostos pola asemblea do BNG do Salnés no proceso de confección de candidaturas. O martes pola noite os militantes da comarca tiñan unha reunión para propoñerlle á dirección candidatos para as listas de Pontevedra. Desa xuntanza saíron seis nomes; os dous xa citados, relacionados con Cambados, e o do responsábel comarcal Xoán Allegue, a responsábel de Vilagarcía Rosa Abuín, a concelleira en Sanxenxo Sandra Fernández, e Victoria Canoura polo Grove. O vindeiro xoves a asemblea comarcal reunirase de novo para avaliar a proposta que lles veña da Executiva. Montse Prado é na actualidade Secretaria de Organización do BNG, ocupando o posto número 3 no organigrama interno do Bloque; Duarte Correa pola súa parte foi responsábel comarcal no Salnés e candidato a deputado nas Cortes o pasado Novembro.
A COALICIÓN ANOVA-EU, A NOVIDADE PARA O 21-O Seguir lendo
O 21 de Outubro será a vindeira cita electoral. Así o decidiu o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen fixo uso da súas competencia exclusiva para adiantar as eleccións que doutro xeito se celebrarían en Marzo de 2013 e que agora volverán coincidir coas eleccións bascas. Este anuncio enmárcase a todas luces na complicada situación que se atopa tanto o país como o partido que goberna (PP) canto a expectativas electorais. Ademais, o anuncio colle á oposición un tanto “desarmada”; a un PSOE sen ter elixido aínda o seu candidato e a un Bloque que vén de varias escisións. Pola súa banda, as novas formacións no campo do nacionalismo, Anova e Compromiso por Galicia, non foron quen de confluír e encararán a súa primeira proba electoral con grandes dificuldades. Formacións que nunca foron decisivas en Galiza, como Esquerda Unida, poderían dar a sorpresa ante a desorganización da esquerda nacionalista.
Desde Cambados(tk) agardamos cubrir efectivamente esta importantísima cita coas urnas, poñendo especial énfase no que aconteza na comarca e sobre todo, en Cambados.