Xaquín Charlín “Chon”, presidente da asociación Unha Grande Chea, voceiro comarcal de Queremos Galego! e colaborador do xornal O Aturuxo, publica esta semana nese medio un artigo no que dá a réplica ao que escribía hai un par de semanas o voceiro de feito da asociación Galicia Bilingüe, Pedro Sanmiguel, no cal chamaba ditadores ao BNG e á Mesa pola normalización, ademais de criticar ao propio Chon e á plataforma convocante da manifestación do pasado outubro.
Podes ler a resposta de Xaquín Charlín premendo neste enlace.
Nun artigo recén publicado no xornal comarcal O Aturuxo, Pedro Sanmiguel (Galicia Bilingüe e concorreu nas últimas municipais na lista do Partido Popular) quéixase de que Xaquín Charlín (Chon) califica a Galicia Bilingüe como “grupo da dereita máis rancia” ou “pijos malcriados” pero comeza o seu artigo coas seguintes verbas: “Sobre la plataforma Queremos Galego: Bajo esta denominación (…) se esconden los mismos dictadores de siempre: A Mesa pola Normalización Lingüística, el BNG…”
Sanmiguel fai no seu texto unha mistura total de conceptos e de feitos, querendo relacionar á plataforma Queremos Galegos con actos terroristas, cando el ben sabe que a manifestación do 18 de Outubro non só foi a maior da historia, senón que foi unha expresión totalmente democrática e foi unha manifestación de amor pola nosa lingua e en contra de ningunha outra, ao contrario que aquela a que el asistira convocada por GB e que, ademais de ser un fracaso en número de persoas tamén fixo historia, por número de manifestantes traidos de fóra do país e por fomentar o odio hacia o noso.
Fala no seu artigo tamén d’A Mesa pola Normalización Lingüística, e parece escandalizado porque reciba subvencións públicas! Debería saber o señor Sanmiguel que A Mesa é a maior asociación cultural de Galiza, e como tal ten dereito a esas axudas. É máis, durante os gobernos de Fraga Iribarne os tribunais déronlle a razón a esta asociación porque non estaba a percibir o que lle correpondía. Pola contra, Sanmiguel (gran preocupado polas inxustizas deste mundo) non di nada de todos os miles de euros que recibe, por exemplo, La Voz de Galicia en concepto de normalización lingüística e que obvia por completo o uso desta lingua nas súas páxinas. Iso, que a todos lles debería parecer unha inxustiza, non interesa. Tampouco di nada de que a Deputación de Pontevedra pagou 50.000 euros por unha actividade de dous días organizada por Galicia Bilingüe e á que acudiron ponentes como membros da Fundación FAES…etc etc
Pedro Sanmiguel, por favor, non sexa tan demagogo, e sobre todo (e falo a título individual, pero seguro que comparto isto con moitos simpatizantes tanto do BNG como da Mesa) ninguén, e menos vostede, que parece que ten o galego no seu punto de mira e gusta de fomentar o odio hacia el, vai chamarme dictador a min. Non llo consinto.
Ramón Mouriño é coñecido por todos, especialmente polos simpatizantes do BNG, por ter sido a cara visíbel do nacionalismo en Ribadumia nos últimos 10 anos. Recentemente anunciou a súa renuncia como concelleiro na corporación desde Concello por motivos persoais e deu paso a Luciano Fontán como edil, elección que tomou en asemblea a militancia.
Nesta entrevista que lle realiza o xornal comarcal Aturuxo, Mouriño repasa a súa traxectoria como concelleiro pero tamén analiza a situación interna do Bloque Nacionalista Galego, a nivel comarcal e nacional. Sen dúbida unha moi boa descrición do que pasou e pasa na organización dalguén que leva moitos anos adicados á loita na base do nacionalismo.
Preme nesta ligazón para ler a entrevista completa na web do Aturuxo. A imaxe pertence tamén ao xornal.
O Aturuxo do mes de Agosto (durante o resto do mes só haberá actualización na rede) recolle na sección adicada ao noso concello a iniciativa xurdida en internet pola peonalización da Praza de Fefiñáns. O impulsor deste debate na rede, Iago Pillado Losada, afirma na entrevista do Aturuxo que pensa presentar as sinaturas pola peonalización ao Concello de Cambados e á Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia cando se recollan un bo número delas.
Iago cre que a grande maioría dos cambadeses aposta por esta medida, de feito afirma o seguinte: “achegáronseme mesmo persoas que non coñecía para felicitarme e comentarme que estaban a favor. “ No blog que abriu despois do éxito da plataforma na rede social Facebook danse solucións aos problemas de tráfico e aparcamento que podería ocasionar a peonalización de Fefiñáns.
Recorda que podes asinar pola peonalización de Fefiñáns premendo neste enlace.
Hai un conto que a todos nos ensinan de pequenos no que unha rapaciña que vestía de vermello tiña que levarlle de comer á súa avoa anciá. No camiño, o vieiro bifurcábase supostamente nunha opción curta e nunha longa. O antagonista da historia, o lobo feroz, mentíalle á xove rapaza e sinaláballe un camiño curto que non era tal. Ela non o dubidaba e botaba a andar por alá.
Á Caparuchiña Vermella plantexábanlle dúas posibilidades pero ademais de mentirlle non escollía en liberdade porque o lobo só lle falaba dun dos camiños e con esa información resultaba lóxica a escolla da nena.
Porque a liberdade de elixir non é tal cando se oculta unha das opcións , e máis cando se minte.
Nestes últimos meses padecemos unha batalla lingüística que foi a principal proposta de campaña do Partido Popular e que rematou co tradicional consenso neste país. Desde logo que non é bo xogar a gañar votos cun tema como este, o tempo está a demostralo.
Aqueles que nos opoñemos á nova medida da Xunta de enviar cuestionarios a pais e nais sobre a lingua que queren para os seus fillos no ensino facémolo porque entendemos a educación non só como un dereito individual, senón como un piar básico do desenvolvemento da sociedade, e polo tanto non como algo que só incumba aos actuais pais, senón aos que xa o foron, aos que o serán e a todos en xeral.
Porque sabemos que un neno que naza en Galiza e non se lle garanta o dereito a estudar en galego non vai ter esa liberdade -coa que tanto se enchen a boca algúns agora- para decidir, chegado o momento, que lingua queren empregar.
Galicia Bilingüe, a extrema dereita e desgrazadamente agora tamén o Partido Popular e a propia Xunta de Galicia integran ese lobo que tenta seducir aos pais cun atractivo atallo que non o é, que simplemente é unha excusa para dar pasos atrás na defensa do noso idioma por primeira vez na historia da democracia.
(Artigo publicado hoxe no xornal comarcal O Aturuxo, ademais de en La Voz de Arousa e Xornal de Galicia como cartas ao director)
Xaquín Charlín (Chon) reflexiona hoxe desde o Aturuxo sobre as eleccións europeas que vimos de celebrar o pasado domingo. Na súa análise repasa en primeira instancia os datos numéricos: as ganacias e as perdas de cada forza política na comarca e no país, e por último publica a súa opinión persoal sobre os malos resultados colleitados o domingo nas filas do BNG, particularmente de Cambados.
Para Chon os dirixentes nacionalistas están a realizar un bo traballo pero existe unha mala comunicación co electorado, ademais critica tanto que se exclúa a parte da militancia dos órganos de dirección como que haxa quen se “auto exclúa”. Fai un chamamento á mocidade de esquerdas para que arrimemos o ombro e non só vexamos “o touro desde a barreira”.
Ademais, o Aturuxo publica hoxe un artigo de Óscar Pardo Planas no cal se critica a medida de enviar cuestionarios aos pais para que, supostamente, decidan a lingua na que estudarán os seus fillos. Titúlase Caparuchiña galega e o lobo.
O presidente de Unha Grande Chea, Xaquín Charlín (Chon), falou no seu artigo do xornal comarcal Aturuxo dos problemas que lle presentan aos cidadáns o ser elixidos parte dunha mesa electoral e os diversos motivos que poden presentarse como alegación para non acudir.
Ao final no texto propón abrir un prazo antes dunhas eleccións para que se presenten voluntarios e intentar cubrir os postos con eles, e senón se consegue, tirar das listas do paro aumentando a remuneración polo día de traballo.
Remata tamén contemplando a posibilidade de que os máis críticos suxiran que esta opción podería ser aproveitada polos partidos para incluir aos seus simpatizantes nas mesas pero desbota tal posiblidade pola existencia dos interventores.
Eu inclúome neste grupo de “críticos” xa que considero que este, aínda que moi incómodo, é un bo sistema para que se garanta a igualdade e a limpeza na votación. O que non debera suceder é o que lles acontece a algúns cidadáns que vén como o suposto sorteo sempre recae nos mesmos afortunados.
Tamén se propón a miúdo que sexan funcionarios quen formen as mesas electorais, pero repito, eu penso que o actual sistema é o único que non presenta ningunha clase de puntos escuros ou dúbidas (aparte da obriga que supón para os elixidos).
Unha cousa son os interventores, que como ben di Chon están aí representando a cadanseu partido e fiscalizando o proceso, e outra moi diferente son os membros da mesa que son os que manexan os documentos oficiais, a orde nas instalacións e as propias papeletas. Para min, o feito de que eles sexan cidadáns de a pé escollidos por sorteo, meréceme moita máis confianza que calquera outro sistema que pode chegar a viciarse rapidamente. Iso si, que che toque é un incordio.
Grazas a Chon por introducir un novo debate na rede e, sen que sirva de precendente, hoxe lévolle a contraria.
O Aturuxo desta semana vén cargado de novidades, entre outras a entrevista a Óscar Pardo Planas na que se conta como foron os inicios da web hoxe hai máis de catro anos e a súa evolución co tempo até chegar até a actualidade.
Aproveito esta entrada para agradecer aos espazos que se acordaron de CTK no seu cuarto aniversario: que coñeza: Cambadosweb, Unha Grande Chea e Rifrockerz.
O presidente de Unha Grande Chea, Xaquín Charlín -e máis coñecido como Chon- fala na súa columna semanal no xornal Aturuxo do relevo no concello de Cambados. Chon, repasa por riba a xestión que levou a cabo o xa ex alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís,e deséxalle a Luís Aragunde que faga algo que, na súa opinión, obviou o primeiro: “ser o alcalde de tódolos cambadeses”. Podedes ler o artigo premendo nesta ligazón.
O xornal semanal gratuito da nosa comarca, Aturuxo, vén de publicar nas súas follas un novo artigo do presidente da Asociación Cultural e Deportiva Unha Grande Chea. Nel, Xaquín Charlín (Chon), láiase do declive que sufriu nos últimos anos a festa do Entroido en Cambados, e compárao coa situación que se vive noutros Concellos da comarca. Podes ler o artigo na páxina web do Aturuxo, premendo aquí.