//
arquivo

BNG

This tag is associated with 287 posts

CTKast – Episodio Tres: Episodio Serenísimo


Imaxe

Presentación do Albariño 2015 (Faro de Vigo)

Episodio Tres: Episodio Serenísimo. Neste capítulo de CTKast falamos da organización da Festa do Albariño. Tratamos o resultado da Festa de 2016 así como os cambios introducidos nos útlimos dous anos polo goberno do cambio. Adicamos unha boa parte a tratar de analizar que é o chamado Capítulo do Serenísimo e que relación debe ter o novo goberno local con esta entidade.

O programa inclúe unha entrevista co tenente de Alcalde e concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño, co que ademais do Albariño falamos da súa área de goberno.

Para rematar, viaxamos até Gran Bretaña, onde conversamos con André, cambadés que leva uns catorce anos vivindo e traballando en Inglaterra.

Ir a iVOOX para descargar

Podes escoitar este capítulo empregando o reprodutor que aparece enriba, ou tamén podes descargar o audio e escoitalo no dispositivo da túa preferencia cando teñas tempo libre seguindo este enlace. Non dubides en deixar comentarios coas impresións, críticas e ideas…tanto aquí como no Facebook ou Twitter.

Nota – Fe de erros : durante a gravación mencionouse que o custo das entradas ao Xantar é de “sobre 50 e 55 euros” e isto non é certo. O custo era de 50 euros durante os gobernos do PP e descendeu a 40 coa entrada do novo goberno (45 e 2016 polo donativo de 5 euros a Esperanza Salnés)

Máis información sobre os temas tratados:

Datos sobre o Xantar e outras cifras (info complementaria ao Espisodio 3)

O Capítulo Serenísimo rexeita retirar o nomeamento a Jaume Matas (2015)

Entrevista a Víctor Caamaño en Cambados(tk) (2012)

Xantar do Albariño de 2012, máis de 600 convidados (2012)

Lista de convidados ao Xantar facilitada polo Concello en 2010 (2010)

Xantar do Albariño: quen son e por que comen gratis? (2010)

CTKast – Episodio Dous: Repaso ao primeiro ano de cambio


AnodeCambio

Os líderes das catro forzas do cambio (Diario de Arousa)

Episodio Dous: Repaso ao primeiro ano de cambio.  En Maio de 2015 os cidadáns de Cambados decidiron poñer fin a 28 anos de goberno do Partido Popular. A investidura de Fátima Abal como primeira alcaldesa cos votos de PSdeG-PSOE, BNG, Somos Cambados e Cambados Pode colleu a moitos por sorpresa, incluída a propia Fátima. Días despois, asinábase o pacto de goberno coas propostas e reparto de áreas e dedicacións exclusivas.

Está a cumprir coas expectativas o goberno do cambio? Cumpre coas medidas do acordo de goberno? Mellorou ou empeorou o noso Concello? Neste episodio especial de CTKast analizamos o primeiro ano de goberno cuatripartito. O programa inclúe entrevistas con Xurxo Charlín, concelleiro de Economía e Facenda e portavoz do Goberno, e con Fátima Abal, alcaldesa de Cambados.

Ir a iVOOX para descargar

Podes escoitar este capítulo empregando o reprodutor que aparece enriba, ou tamén podes descargar o audio e escoitalo no dispositivo da túa preferencia cando teñas tempo libre seguindo este enlace. Non dubides en deixar comentarios coas impresións, críticas e ideas…tanto aquí como no Facebook ou Twitter.

Máis información sobre os temas tratados:

Análise do cumprimento do Acordo de Goberno (descarga arquivo Excel)

Análise da duración dos plenos e das mocións defendidas por cada concelleiro (descarga arquivo Excel)

Entrevista con Fátima Abal en Cambados(tk) de Nadal de 2012

Páxina web de Transparencia do Concello de Cambados

-Audio: O ex alcalde non permitía gravar os plenos (2012) 

Artigo en ATMC “Unha ollada ao medio ano de cambio”. Xaneiro de 2016

O último pleno do ano case completo en vídeo


Como xa reflectimos aquí hai uns días, o alcalde non fixo nada por impedir que gravaramos a última sesión plenaria do ano, logo dunha polémica entorno a este tema. A propia prensa referiuse a este feito, no caso de La Voz de Arousa non dubidaron en calificalo como o máis relevante -máis ben era o máis incerto- do pleno (xa que os demais asuntos eran máis ou menos de trámite). Nos primeiros puntos tratáronse aprobacións de taxas ou novas regulacións. A taxa de realización de tarefas de control e verificación de actividades e tramitación dos expedientes de licenzas de apertura ou actividade, foi aprobada cos votos do Partido Popular. O BNG votou en contra, porque considera que os cidadáns están a ver subas de impostos a diarios nun momento moi difícil, e PSOE abstívose. Este esquema repetiuse nos puntos seguintes. Tamén se modificou a taxa de outorgamento de licenzas urbanísticas (subiuse) e o mesmo aconteceu co imposto sobre construcións, instalacións e obras. Aprobouse unha nova ordenanza do procedemento para a concesión de licenzas de obras e de actividade, e de comunicación previa e declaración responsable. Todos estes asuntos están no vídeo “Varios (taxas…”. Seguir lendo

O Bloque denuncia que o goberno local gasta cartos en solucionar os problemas que provoca a obra de Maza


Imaxe da arqueta nova a carón de Maza | BNG

Imaxe da arqueta nova a carón de Maza | BNG

Reflectíamos onte en CTK os problemas que está a causar o antigo piñeiral de Maza, unha obra que o BNG non dubida en calificar de ilegal por carecer de licenza urbanística e aténdose ao que din as Normas Subsidiarias do Concello sobre o seu uso. Pois ben, Víctor Caamaño denuncia nun escrito presentado hoxe no Concello que o o propio goberno local está adicando tempo e cartos a paliar os problemas que ocasiona a auga e a lama que baixan desde Maza cando chove. En concreto, o BNG afirma que persoal do Concello acudiu en diversas ocasións á zona para resolver problemas, co cal o Concello destina recursos a isto. Tamén son coñecedores no Bloque de que se instalou este ano unha beirarrúa e unha arqueta na entrada da finca, e presentan unha serie de cuestións sobre estes temas para ser respondidas en pleno (que será este xoves).

Unha das preguntas fai referencia á presenza da Policía Local na zona pola anegación da capela de San Antón. Os nacionalistas quererían saber se existen informes ao respecto e se poderían consultalos. Tamén queren saber cantas veces acudiron os operarios municipais no outono a resolver problemas xerados en Maza. O BNG pregunta tamén pola arqueta da foto: en concreto piden saber a razón da súa instalación e a data. Tamén se a finca de Maza ten algún tipo de sumidoiro conectada a esta arqueta, e se solicitou permiso para facer isto. Por último, o Bloque sabe que unha excavadora estivo a levantar a beirrarrúa a carón de Maza, e quere saber se esta obra foi realizada polas empresas vinculadas coa deforestación da parcela (Dismaterra e Cancelo, relacionadas cun concelleiro do PP e o ex alcalde Tourís por medio da súa dona).

As choivas causan problemas nos arredores de Maza ao baixar auga e lama pola vía pública


O caso do antigo piñeiral de Maza (agora reconvertido nunha gran superficie adicada ao albariño) deixou a vía política para entrar na xudicial, logo de que tal e como informaramos hai semanas o Bloque transladara ao Xulgado este tema. En resumo, convertiuse un terreo forestal nunha plantación de viñedo, sen, presuntamente, os trámites legais necesarios. Vinculados a estas obras están un concelleiro do PP de Cambados e o propio Jose Manuel Cores Tourís, volto a nomear hai tres días delegado da Xunta en Pontevedra. Seguir lendo

Víctor Caamaño: “Traballamos por un modelo de sociedade distinto”


Victor2Víctor Caamaño, a pesar de ter nacido en Noia, é cambadés, e aquí vive desde hai máis de corenta anos. Traballa como profesor no IES Francisco Asorey, na disciplina das ciencias naturais. A natureza é precisamente unha das súas paixóns, non en van é membro desde comezos dos noventa do Colectivo Ecoloxista do Salnés. Estas dúas ocupacións, ensino e natureza, levárono a participar na publicación de diverso material sobre o tema, destacando os magníficos libros da editorial A Nosa Terra. Tranquilo e cordial, dialogante, pero tamén firme nas súas conviccións. Foi candidato do BNG á alcaldía de Cambados en 2007 e 2011 e é o voceiro desta formación no noso Concello.

Que valoración do goberno fas deste ano e medio de lexislatura?
Estamos nunha crise moi forte, non só económica pero quizais o económico marca máis que outro tipo de cousas. Aínda que ás veces semella que todo isto está fóra da vida municipal, quero deixar claro que aquí neste ano e medio de lexislatura o goberno de Cambados o que fixo foi tratar de  trasladar esas políticas ao Concello, sexa con suba de impostos, sexa con privatización de determinados servizos, ou sexa simplemente aceptando o que che impoñen aínda que consideres que é inxusto. Por un lado, hai ese papel de sumisión ao que veña “de arriba”, e polo outro o papel de continuas meteduras de pata e postas en evidencia do alcalde que viña con outra imaxe e comprobamos que realmente no Partido Popular non importa quen sexa o alcalde; os modos e as formas son as mesmas. PREME EN “SEGUIR LENDO” PARA VER A ENTREVISTA COMPLETA Seguir lendo

“Estamos relativamente contentos”, di Aragunde tras coñecer os tres despidos do Parador


Hai un días coñecimos a moi mala nova de que Paradores, unha empresa dependente do Estado, aplicará un ERE a parte da súa plantilla. Nalgúns casos péchanse centros, noutros os Paradores só abrirán sete meses ao ano, e na maioría despídese a parte do persoal. Cambados está nese último grupo, con tres despidos sobre os pouco máis de trinta traballadores. Precisamente a ese extremo, ao non-peche do hotel da nosa vila, agarrouse Luís Aragunde para facer unhas declaracións moi desafortunadas ao Faro: “Dentro de lo malo, porque hay tres personas que van a quedarse sin trabajo, en Cambados estamos relativamente contentos”. Na mesma liña se expresou o presidente dos comerciantes, Marcos González. Non debían estar pensando no traballador de mantemento, nunha empregada de limpeza e no director do centro cambadés, que van perder o posto de traballo fundamentalmente pola mala xestión da alta dirección de Paradores, intimamente ligada ao goberno de turno, na actualidade ao Partido Popular. Os traballadores teñen claras sospeitas de que esta operación é a preparación a máis recortes e á privatización total ou parcial da empresa. Seguir lendo

O BNG pregunta por Magariños e o PSOE por Torrado


O Bloque Nacionalista Galego rexistrou varias preguntas sobre o colexio de Magariños. Nos últimos días fíxose público na prensa o malestar no profesorado polas malas condicións da pista cuberta, que fixo que anunciaran a súa intención de dar a clase de ximnasia na aula e mesmo non permitir aos alumnos empregar a pista no recreo polo risco de accidentes. O BNG lembra que no verán a Consellaría anunciou a inversión duns 386.000 euros no centro pero que a día de hoxe non invertiu 200 mil dos prometidos, nin están adxudicados. Tamén lle lembra ao Concello que é responsable do mantemento do centro, e que nos últimos anos reduciu esta partida. Víctor Caamaño pregunta a Aragunde que medidas acometeu o Concello para o mantemente do centro, tanto na súa cuberta principal como da pista deportiva. Tamén quere saber cal é a situación das obras prometidas polo conselleiro de Educación para a pista cuberta, e se ten a Xunta orzamento para acometelas. Do mesmo xeito pide coñecer a data na que serán acometidas as obras. Por último Caamaño pídelle ao alcalde que o Concello se implique ao máximo para solucionar esta problemática.

O PSOE pola súa banda rexistrou varias preguntas para o vindeiro pleno. Nunha delas, Fátima Abal fai constar a grande siniestralidade da estrada entre a rotonda de Vilariño e o polígono de Sete Pías, e pide coñecer que medidas se van aplicar para reducila. Tamén fai constar da falta de pasos de peóns para os rapaces que empregan o autobús escolar, e a pouca visibilidade dalgúns tramos, como no cruce do bar Vilariño. Por outra banda pregunta a portavoz do PSOE sobre as obras que están causando molestias na Rúa Sevilla (estase acometendo unha nova pavimentación) e na Rúa Vicente Risco. Tamén volven preguntar (xa non é a primeira vez) polo mal estado das instalacións do parque Torrado, como os aseos ou o propio parque infantil, que pode causar situacións de perigo para os nenos.

CTK entrevista aos portavoces dos grupos


Cambados(tk) publicará nos vindeiros días entrevistas aos voceiros dos grupos municipais. Trátase de analizar con eles a situación da política municipal, o devir da lexislatura (ano e medio dela) en Cambados e avaliar o estado das súas organizacións. Xa confirmaron a súa entrevista a voceira do PSdeG-PSOE, Fátima Abal, e o do Bloque Nacionalista Galego, Víctor Caamaño. Polo Partido Popular aínda non recibimos resposta.

O BNG presenta unha denuncia nos Xulgados polo caso do “Pinal de Maza”


O voceiro do BNG de Cambados, Víctor Caamaño, acompañado do seu compañeiro Xaquín Charlín, presentaron hoxe no rexistro dos Xulgados de Cambados unha denuncia polas presuntas irregularidades cometidas no piñeiral coñecido como “Pinal de Maza”. Este tema leva no debate político varios meses, trátase dunha actuación nunha grande parcela d’A Modia onde se talou unha grande masa forestal para plantar albariño. Este cambio de usos non sería presuntamente legal ao estar calificado o terreo como de protección forestal e non de uso agrícola. Ademais o BNG mantivo en todo momento que se levou a cabo un movemento de terras (hai fotografías que o proban) sen licenza urbanística. Todo isto coa peculiaridade de que son persoas vinculadas ao PP quen están detrás das obras: o concelleiro Juan Ramiro Gómez e o agora deputado do PP e ex alcalde Cores Tourís por medio da súa dona. Seguir lendo

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.