//
arquivo

CANDEA

This tag is associated with 19 posts

“O Prestige na memoria” este luns


O instituto Francisco Asorey acollerá unha xornada de “memoria colectiva” este luns 19 para cando CANDEA, o propio instituto e o Colectivo Ecoloxista do Salnés organizan esta actividade. Consiste nun acto dividido en dous: por un lado a presentación dunha serie de fotografías daqueles días realizados por xornalistas da prensa comarcal (Martina Miser, Víctor Mejuto, José Luiz Oubiña, Iñaki abella, Mónica Vila e Carlos Puga) xunto cunha presentación realizada no centro de ensino hai dez anos.

Por outro lado, intervirán unha serie de persoas para falar do que supuxo a traxedia ecolóxica e social da maré negra. Participan nesta parte Víctor Caamaño, profesor e Xefe de Departamento de  Bioloxía e Xeoloxía, Marta Lois, bióloga e presidenta do Colectivo Ecoloxista, e Nito Dios, bateeiro da Arousa e Membro da Plataforma en Defensa da Ría. Ao remate haberá lectura dunha serie de poemas por parte do alumnado do IES Asorey.

Será o luns 19 de Novembro ás 20 horas no Salón de actos do instituto cambadés.

XVI Xornadas Pedagóxicas do Salnés de CANDEA


A asociación de mestres do Salnés, CANDEA, publicou xa o seu programa para as Xornadas Pedagóxicas deste ano. O 2012 é o “Ano da enerxía sostible para todos” e por ese motivo as Xornadas van centrarse en enerxía e aforro, ademais de tocar outros temas. O groso das xornadas terá lugar do IES Asorey, a excepción dunha visita ao parque eólico de Sotavento. Esta visita, o sábado 29 de Setembro, pechará as actividades que comezan o Luns 24.
As xornadas están dirixidas a profesorado de todos os niveis (conta coa homologación de 25 horas por parte da Consellaría) e custan 20 euros, prezo da saída aparte. A visita a Sotavento está aberta a non-matriculados sempre que haxa prazas. Se queres consultar todo o programa, preme aquí. Seguir lendo

Candea adica as súas xornadas á Química


A asociación de ensinantes do Salnés, Candea, organiza como cada ano as súas Xornadas Pedagóxicas. Desta volta, na XV edición, as actividades que organizan englóbanse dentro do “Ano da Química” que a Asemblea Xeral da ONU declarou para este 2011.

A Química, recordan con acerto desde Candea, está presente en todos e cada un dos momentos da nosa vida (como sería un día sen ela?). Química non é simplemente un científico nun laboratorio…o xabrón, a pasta de dentes, os medicamentos, a auga potábel, os combustíbeis que empregamos…todo é posible grazas a ela. Tamén ten efectos negativos, como a choiva ácida, a contaminación, o quecemento global…

Seguir lendo

O Sábado podes realizar unha visita guiada á exposición de Asorey


Xa se falou nesta mesma páxina da importancia da Exposición de escultura de Francisco Asorey que acolle este mes o Pazo de Torrado, e que irá proximamente para Santiago e logo Madrid. Este sábado a asociación de ensinantes do Salnés, Candea, organiza unha visita guiada por Maribel Iglesias á mesma. Seguir lendo

Unidade, polo de agora, entorno ao Ano Asorey


Xa en marzo deste ano  reclamaba Maribel Iglesias que se celebrase en 2011 o Ano Francisco Asorey, conmemorando o 50 cabodano do artista cambadés. Logo foi o Partido Socialista, a semana pasada, quen propoñía ao Concello de Cambados que se puxera mans á obra cos preparativos.

Paralelamente CANDEA achegábanos unha nota indicando que hoxe se reunirían con tod@s @s interesad@s en organizar actividades para o Ano Asorey. CANDEA (con Adela Leiro e Maribel Iglesias como coordinadoras) plantexa, obviamente, a súa achega como unha achega desde os centros educativos. Prevén dúas actividades a realizar, unha exposición e un libro a elaborar entre varios centros coa colaboración de pintores, escritores, fotógrafos… Pero tamén anuncian que dependen de axudas económicas para poder levar todo adiante.

Tanto Concello como PP de Cambados (por medio da deputada Rosa Oubiña) sairon rápidamente ao paso para declarar que xa tiñan pensado realizar unha serie de actividades en 2011 relacionadas con Asorey, e mesmo Oubiña se reuniu en Santiago co Conselleiro para falar do tema.

Hoxe é o BNG por medio do seu voceiro quen se suma á petición do Ano Asorey, e faino cun artigo no que se pide tamén a creación dunha comisión aberta a todo aquel que queira aportar e critica que no Ano Cabanillas se empregara aquela comisión para informar máis que para organizar, e tamén como plataforma de lanzamento da daquela concelleira de cultura e do novo alcalde Luis Aragunde.

Polo tanto plantéxanse varias conclusións/dúbidas

1) Hai unidade (polo menos á hora de anunciar mediaticamente) de cara á celebración dun Ano Asorey 2011 ao estilo do de Cabanillas.

2) Non se sabe se haberá por parte do Concello vontade de corrixir a pouca participación que ofreceu á oposición e aos colectivos en 2009. E isto inclúe apoio a actividades alleas ao Concello.

3) Hai disposición por parte de colectivos para levar adiante actividades de xeito independente ás institucións.

Mentres, e como petisco, suxírese o interesante blog sobre Francisco Asorey pacoasorey.blogspot.com. A imaxe, o monumento ao Sagrado Corazón en Cuntis, está extraída dese espazo.

Relacionados

Artigo de Víctor Caamaño sobre o Ano Asorey 2011

http://pardoplanas.blogaliza.org/wp-admin/post.php?post=3437&action=edit

A biodiversidade do Salnés, protagonista nas XIV Xornadas Pedagóxicas de CANDEA


A asociación de ensinantes do Salnés, CANDEA, vén de presentar ao público as súas Xornadas Pedagóxicas (que van xa pola súa edición número 14) e que estarán centradas na biodiversidade da comarca.

Como de costume, as actividades englobadas nestas Xornadas están dirixidas ao profesorado e servirán para presentar novos materiais e fomentar o intercambio entre profesionais do ensino; ademais de poñer en valor os recursos que ofrece O Salnés a nivel etnográfico, cultural, natural, literario…

As Xornadas terán como sede o instituto Francisco Asorey, desde o día 13 ao 17 deste mes en horario de tarde, cubrindo un total de 20 horas presenciais. A inscrición é de 30 euros ou de 20 para membros de CANDEA e parad@s. Calquera que así o desexe pode apuntarse nos teléfonos 986530407 ou 986520161.

Ademais de conferencias e presentacións que terán lugar durante o primeiro día das Xornadas destacan as diferentes saídas temáticas para coñecer de cerca o que O Salnés nos ofrece; haberá unha dedicada a árbores, outra a dunhas, praias e areais, outra á costa rochosa e unha última centrada nos recursos para o estudo da natureza. Os ponentes durante as Xornadas serán Víctor Caamaño, Mon Daporta, Manuel Domínguez, Ramón Caride e Adela Leiro.

CANDEA presenta mañá a exposición "Uxío Novoneyra, O COUREL". Podes vela no Pazo de Torrado até o 9 de Maio


A asociación de ensinantes do Salnés, CANDEA, inaugura mañá venres 23 de Abril ás 20.30 no Pazo de Torrado a exposición Uxío Novoneyra, O COUREL.

No ano en que o Día das Letras Galegas se lle adica a este escritor CANDEA pretende facer chegar á sociedade, especialmente a educativa, tanto a figura e a obra de Novoneyra como a do patrimonio que reside no Courel.

A través de 30 fotografías de Adela Leiro e Carlos Puga o espectador viaxará polo Courel da man dos poemas de Uxío Novoneyra, “o que mellor soubo plasmar nos seus versos toda a inmensidade e diversidade dun espazo natural único”.

Na presentación da exposición de mañá á tarde proxectarase o audiovisual de Adela Leiro A Natureza nos poemas de Novoneyra.

A posta de largo de Ramón Nogueira


ramonnogueira2

ramonnogueira3Berros dende o alén vén de ser presentado en público hai escasas dúas horas no salón de actos do IES Francisco Asorey. Abriu o acto a presidenta da asociación de ensinantes CANDEA, Adela Leiro, que deu por fechados os actos de Ano Cabanillas 2009 coa presentación deste poemario. Indicou ademais que os responsábeis de CANDEA consideraran que a presentación en sociedade dun novo escritor era a mellor forma de rematar o Ano Cabanillas ollando ao futuro. Referiuse a portada do libro, na cal se pode ver o Portalén ou Porta do Alén, na serra do Cando, lugar cheo de lendas e monumentos naturais, e desde onde se poden divisar as Rías de Arousa, Pontevedra e Vigo.

Logo, o director do Asorey, José Rivera, falou do Ramón Nogueira que os profesores ven nas aulas, unha persoa colaboradora en actividades e interesada polo que sucede no mundo.  Por último, o propio Ramón adicou palabras de agradecemento, especialmente á familia e aos seus amigos e a CANDEA pola oportunidade brindada.

O final do acto consistiu en que foses estes, os amigos, os que recitasen poesías que nós podemos ler no libro. Ramón encargouse de ler a última. Nos vindeiros días publicarase unha entrevista con el neste medio. E mentres, por suposto, pódese visitar o seu blog, ou facerse co libro nas librarías Contos e Cabanillas.

ramonnogueira4

O venres, lembra: presentación de Berros dende o alén, e pola noite música en directo no Rif-Rock


berrosdendeoalenO venres,18, tes unha cita coa cultura e coa música. Pola tarde, concretamente ás oito, Ramón R. Nogueira presenta o seu primeiro libro de poesía no IES Francisco Asorey, unha obra na que plasma todo o que nos vén contando dixitalmente a través do seu blog homónimo. Edita CANDEA e colaboran as librarías Contos e Cabanillas.

rifrockerzbluesbandE pola noite, no pub Rif-Rock (onde se non?), sesión da Rifrockerz Bluesband con Paco Charlín, Sito Suárez e Piti Drumz, xunto con varios convidados. Soará funk, rock’n’roll e rythm’n’blues. Será preto de medianoite. Vaia xeito de comezar as vacacións nonsi?

[O] Os Anos Cabanillas 2009


anocabanillas1O Ano Cabanillas, recentemente valorado por CANDEA, polo Concello de Cambados e mesmo polos lectores de Cambados(tk) só pode ser descrito en último termo como un acontecemento positivo. Pero, por suposto, case ningunha cousa pode describirse cun só adxectivo, ou cunha simple análise.

O Ano Cabanillas foi unha gran idea, acercou un pouquiño a figura e a obra do ilustre escritor cambadés ao pobo que o viu nacer e finar. Deu pé a cantidade de actos. publicacións e actividades. Foi bo.

Ao entrar a analizar a responsabilidade de cada un no seu desenvolvemento hai que dicir que o feito de que o Concello non quixera (nin intentara) aglutinar a todos nun proxecto que debería ser común, fixo que poidamos dicir que é unha oportunidade que se perdeu de facer algo incluso superior. Respecto ao traballo do goberno local pódese valorar moi positivamente a súa acción, mais só no referido ao desenvolvemento  das actividades e en comparación coa escasa política cultural do Concello (hai que ter en conta tamén que detrás do Ano Cabanillas “oficial” se atopaban dúas persoas altamente cualificadas e dinámicas, como Francisco Fernández Rei e Luís Rei, autor este último dunha obra que quizais sexa a mellor pegada deste Ano).

anocabanillasconcelloSó no referido ás actividades, e incluso criticando que comezaran con certo retraso, e suspendendo o seu labor de coordinación, que como se vén de dicir foi nulo: ao Concello segue sen interesarlle sumar esforzos, non sabe xogar en equipo.

E non é que en Cambados non exista xente disposta a traballar na figura de Cabanillas, e en xeral en calquera proxecto cultural; os libreiros, CANDEA, Chourizo Films, Unha Grande Chea, asociacións veciñais, incluso clubes deportivos, centros escolares…demostraron que hai iniciativa aínda cando os que terían que encargarse de levala non queiran facelo, non é bo seguir unha máxima que un bo amigo me ensinou: aquela que di “ou xogamos todos ou pinchamos a pelota”. Para que?, se podemos xogar con dúas!

Si, houbo dous Anos Cabanillas 2009 paralelos: o oficial do Concello e o de CANDEA e das demais organizacións apoiadas puntualmente a comezos de ano pola Consellaría de Cultura bipartita e mesmo por outros dos departamentos autonómicos. Porque mentres o goberno local se queixaba por subvencións que nin sequera pedía ou polo menos non en tempo, o certo é que si houbo implicación con este evento por parte daquela Xunta, que desgrazadamente hoxe, tralo cambio de goberno,  xa non está interesada en promover a lingua e cultura galegas: máis ben xusto ao contrario.

O Ano Cabanillas foi positivo; queda quizais un mal regusto porque se o Concello tivese querido tería sido verdadeiramente enriquecedor ver algo que no noso municipio non acontece moi a miúdo: a todos, os dun signo e do outro, traballando conxuntamente. Non puido ser, pero polo menos traballouse na mesma dirección.

O(s) Ano(s) Cabanillas 2009 xa forma(n) parte da historia de Cambados.

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.