//
arquivo

CANDEA

This tag is associated with 19 posts

Ramón Nogueira presenta o seu primeiro libro: Berros dende o alén. De blogue a papel.


Chámome Ramón Nogueira e comezo este blog como desafogo dos meus desordenados e caóticos pensamentos…

berrosdendeoalenDurante este ano tivemos a ocasión de asistir a cantidade de eventos, exposicións, mostras, presentacións, obras, xornadas, gaiteiradas, carreiras…e un sinfín de etcéteras, para homenaxear ao poeta cambadés Ramón Cabanillas. De seguro que el estaría contento ao ter constancia dun dos, de seguro, últimos momentos no Ano na súa honra: un xove e prometedor rapaz de San Tomé vai publicar en papel o que desde hai tempo nos leva ofrecido en formato dixital. Desde o blog Berros dende o alén, Ramón Nogueira escribe pequenas poesías intimistas, cunha xenial mestura do imaxinario e o cotiá, e combativas cando o requiren.

Agora, CANDEA prepara o seu primeiro traballo en papel. O libro será presentado nun acto o vindeiro venres 18 de Nadal no IES Francisco Asorey. Será, en principio, ás oito da tarde. E alí estaremos.

Que mellor forma de pechar o Ano Cabanillas que a presentación formal dun novo creador en Cambados?

Mentres, antes de ter nas túas mans o volume, pásate polo blog de Ramón a ler o que foi pendurando desde Agosto.

Organiza CANDEA, colaboran IES  Francisco Asorey e librarías Ramón Cabanillas e Contos.

CANDEA considera o balance do Ano Cabanillas "moi positivo"


candea3Na rolda de prensa que celebraron os membros da Asociación de Ensinantes do Salnés CANDEA no CEIP Antonio Magariños salientouse a idea de que o Ano Cabanillas escolar fora un éxito pola implicación de máis de 2000 alumnos en actividades relacionadas co Poeta da Raza.

“Moi satisfactorio”, así calificaba Adela Leiro o traballo de máis de un ano e medio que se vén realizando desde a organización, que implicou non só á impresionante cifra de alumnos antes amosada, senón a profesores, pais, nais, escritores, pintores, fotógrafos, investigadores… de toda a comarca, non só de Cambados, o que permitiu que a obra de Ramón Cabanillas se traballara, se interpretara, se ilustrara…e o máis importante: que se coñecese e se disfrutase.

CANDEA, no último punto da súa conclusión, quere dar as grazas a todos os que dalgún xeito se implicaron neste Ano Cabanillas 2009.

ACTIVIDADE FRENÉTICA

Desde Unha Grande Chea calificaron esta semana a CANDEA como “con diferenza a máis fixo polo Ano Cabanillas en Cambados, facéndolle sombra a propia comisión organizadora do evento auspiciada polo Concello de Cambados”.

O certo é que CANDEA ten realizado ao longo de todo este Ano 2009 unha infinidade de actividades en forma de presentación de libros, conferencias, exposicións… entre as que destacan as I e II Xornadas Cabanillas e a escola (outubro 08 e 09) coa participación de máis de 150 profesores do Salnés de Galiza e que serviu de ponte para compartir recursos e experiencias para o ensino sobre o autor cambadés.

Ou unha decena de publicacións sobre Cabanillas, desde un calendario até un DVD con traballos de colexios, pasando polo excelente Polo Salnés con Ramón Cabanillas (libro de acuarelas de Eduardo P. Baamonde) ou o do mesmo título con fotografías inspiradas nas poesías.

Sen dúbida o Ano Cabanillas 2009 non podería entenderse do mesmo xeito sen o traballo realizado desde CANDEA, onde, se se me permite, Adela Leiro xoga un rol determinante. Parabéns!

Fotografía do Diario de Arousa.

Nos vindeiros días publicarase un balance persoal do Ano Cabanillas, en xeral, no que se tocarán aspectos relacionados coas actividades postas en marcha polas diferentes organizacións, pero tamén coa parte política do asunto (como non podía ser doutro xeito desde esta páxina).

II Xornadas Cabanillas e a escola, nova actividade de CANDEA


IIXornadasCabanillasnaescola

CANDEA, a asociación  de ensinantes do Salnés dirixida por Adela Leiro, ten posta xa a data da súa próxima actividade, e volve ter relación co ilustre poeta Ramón Cabanillas. Coas II Xornadas Cabanillas e a escola preténdese fomentar que o profesorado comparta experiencias e materiais sobre o autor, actualización didáctica de recursos e difundir o coñecemento da figura de Ramón Cabanillas a través do ensino.

As xornadas terán lugar no instituto Ramón Cabanillas durante a semana do 26 de Outubro. De luns a xoves haberá dúas actividades -experiencias ou conferencias- desde as seis até as oito e media da tarde e o último día, o venres 30 de Outubro está programada unha saída dirixida por Manuel Núñez e titulada Polo Salnés con Ramón Cabanillas.

A matrícula aboarase o primeiro día,  é de 10 euros e de balde para os participantes no proxecto. O curso ten unha duración homologada pola Consellaría de Eduación de 20 horas. Máis información nos teléfonos 986520407 (CANDEA) ou 986542950 (IES Ramón Cabanillas).

A Xunta do PP deixará a CANDEA sen subvencións para as Xornadas Pedagóxicas por primeira vez en 20 anos


candea2A Asociación de Ensinantes de Salnés (CANDEA), que entre moitas cousas organiza cada ano un conxunto de actividades formativas baixo o nome de Xornadas Pedagóxicas, deixará de percibir as tradcionais axudas económicas da Xunta para este propósito. Até agora, a Consellaría de Educación cofinanciaba estas activiades, xa que os mestres están obrigados a facelas para cubrir as 100 horas formativas que lles permiten acceder aos sexenios e os cursos que organiza a propia Xunta de Galicia non son suficientes para todo o profesorado.

Adela Leiro, presidenta da asociación, teno moi claro: trátase dunha decisión política. Este ano quen queira participar nas Xornadas terá que pagar até tres veces máis do que custaban en edicións anteriores. Isto, segundo a propia Adela, é grave porque ao contrario que nos cursos da Xunta nos de CANDEA participan tamén docentes sen emprego.

As XII Xornadas Pedagóxicas do Salnés terán lugar desde o día 21 até o 25 de Setembro desde as 16:30 até as 20:30 horas da tarde no instituto Francisco Asorey. Para inscribirse hai que chamar aos teléfonos 986520407 e 986520151 e pagar unha cota de 30 euros, excepto parados e socios (20 euros). Ten unha duración de 20 horas, homolagado pola Consellaría de Eduación.

PROGRAMA:

Conferencias: Proxecto Climántica por Francisco Soñora Luna, director do proxecto Climántica. “Qué pasa co galego” por Marta Dacosta.

Experiencias: “O Corpo e as emocións” (E. Infantil) por Rosa Falcón Chaves e Dolores Oubiña Millán. “Unidade didáctica sobre os portos” por Xosé Manuel Leal Bobeda. “O Contorno animado (Esperiencias de animación 1º e 2ª ciclo da E.S.O.) por Manuel Busto Maddalena. “Climántica” por Victor M. Caamaño Rivas, Isaac Pontanilla Pérez e Adela Leiro Lois . “Tics:  Ferramentas galegas de autor na escola” por Xosé Antón Vicente Rodriguez..

Obradoiros: “Oficios tradicionais de Galicia: sobreiros de palla, os Sancosmeiros”, por Antonio Pérez Froján de Noia.

Exposicións: “Climántica”.

Sáidas: “Ruta dos Muiños de Meis”.

Participa na concentración en defensa do galego no ensino mañá xoves


galego3O acto comezará arredor das oito e media da tarde no Paseo da Calzada, en Cambados. Convocaron esta mobilización diversas asociacións de pais e nais da comarca, como o colectivo Casaescola, convocatoria á que se sumaron profesorado (como CANDEA) , sindicatos (CIG, CCOO, UXT e SGTE) e outros colectivos como Nova Escola Galega ou Asociación Socio Pedagóxica Galega (AS-PG).

“En defensa da lingua, polo dereito a aprender en galego” Ese é o lema escollido para a protesta, que segundo indican desde Casaescola é “realizar unha última contestación tanto á mal intencionada e acientífica enquisa como á política contraria ao galego que parece querer implantar a Consellería de Educación.”

Prevese unha numerosa asistencia de cidadáns de toda a bisbarra, especialmente dos pais e nais do centro da Pastora que vén como o Plan Experimental do galego podería verse suprimido sen previo aviso despois de tres anos de exitoso funcionamento e con 68 rapaces acollidos a el.

Todos e todas debemos non só apoiar, senón tomar parte nesta concentración.

Imaxe extraída de A Nosa Terra.

Os centros de ensino homenaxean a Ramón Cabanillas cun libro


candea

Hoxe ás seis da tarde tivo lugar no colexio público de Santo Tomé a presentación do libro Ramón Cabanillas: exposición homenaxe dos centros de ensino do Salnés. A asociación de ensinantes do Salnés, CANDEA, leva traballando desde que se coñeceu a celebración do 50 aniversario da morte do poeta cambadés neste proxecto ambicioso que levou a que numerosos centros da comarca realizaran cos seus traballos unha exposición conxunta que agora se reflicte nese libro.

Foron en total 20 centros da comarca e o IES de Barro, un conxunto de 2.000 rapaces e rapazas desde os 3 anos até adultos. O exemplar hoxe presentado recolle os seus traballos que unen poesía, prosa, traballos de investigación, interpretacións plásticas, cómics, fotografía…todo xirando arredor da figura e a obra de Cabanillas.

A presidenta de CANDEA, Adela Leiro, quixo destacar que o entusiasmo co que o alumnado e o profesorado participou demostrou que Cabanillas pode ser unha fonte de inspiración para traballar a prol da nosa cultura e, en especial, da nosa lingua.

NOVAS ACTIVIDADES

Por outra banda, desde CANDEA anuncian que no mes de Outubro se celebrarán as II Xornadas Cabanillas na escola,  na que se presentará unha Unidade Didáctica coa explicación de diferentes propostas de traballo elaboradas nos distintos centros.

Esta asociación está a demostrar mes a mes neste Ano Cabanillas 2009 a valía e o traballo de iniciativa e coordinación  das persoas á fronte da mesma, así como a súa entrega na divulgación da cultura e a lingua deste país.

Ramón Cabanillas Enríquez. Libro homenaxe dos centros de ensino.


cabanillas-librocolexios

O mércores 20 de Maio nova actividade relacionada co Ano Cabanillas 2009. Desta volta voltan a ser os profesores da comarca os impulsores do evento. No colexio San Tomé de Cambados presentarase o libro Ramón Cabanillas Enríquez. Homenaxe dos Centros de Ensino do Salnés.

Esta publicación é froito do traballo que realizaron nos últimos meses os centros da comarca que participaron no proxecto ANO CABANILLAS. Será as 6 da tarde.

E este xoves tamén nova actividade do Ano Cabanillas, desta volta en Vilagarcía de Arousa


exposicioncabanillas

CANDEA, a asociación de ensinantes do Salnés que este ano está especialmente activa na organización de actividades do Ano Cabanillas, volta á carga pero desta volta faino no Concello veciño de Vilagarcía de Arousa.

Alí, as 20:30 do xoves 7 no Auditorio, inaugura unha exposición fotográfica colectiva (que reune a artistas e fotoxornalistas como José Luiz Oubiña, Quico Álvarez, Martina Miser, Iñaki Abella, Carlos Puga, Eduardo Apariz, Emilio Moldes…) que nós xa tivemos ocasión de ver no noso Concello. Pero ademais terá lugar tamén a presentación do libro que leva o mesmo nome que a exposición, Polo Salnés con Ramón Cabanillas, de Eduardo Baamonde, tamén presentado naquela ocasión no Centro Comarcal.

Para quen o perdera daquela, que non o dubide. Colabora a concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa.

Ramón Cabanillas, imaxes


Decátome de que apesar de que levamos xa 16 días de Ano Cabanillas, e de que o ano pasado se falou aquí e noutros medios moito deste tema, aínda non me referín a ningún dos actos que hai estes días.

E hoxe temos a ocasión de ter nas nosas mans unha publicación nova sobre o poeta da raza, xa que ás oito da tarde dá comezo do Instituto Francisco Asorey a presentación de Ramón Cabanillas Enríquez, Biografía en imaxes. 

A autora é Maribel Iglesias Baldonedo, profesora do departamento de Historia deste instituto, e CANDEA, a asociación de ensinantes que está a levar por agora a inciativa dos actos do Ano Cabanillas, é a artífice da súa publicación. Colabora tamén a Consellaría de Cultura e o mencionado instituto.

Nas redes sociais

Marzo 2023
L M M X V S D
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.