As entradas da nova obra da Compañía Caracol xa están á venda. Pódense adquirir en Sansatur e en Chinelas e estas sesións para o público xeral (lembrar que as obras de Caracol teñen como principais destinatarios os nenos e nenas dos centros de ensino) serán o Domingo 22 de Abril ás 6 e ás 8 da tarde no Salón de Actos do IES Francisco Asorey. Seguir lendo
A compañía Caracol presenta un dos temas que formará parte da súa obra de teatro deste 2012. Desta volta a obra chámase “Un día de espías” e a canción que podedes ver no vídeo ten por título Australia. A voz principal é a de María del Carmen Fariña, con coros de Néstor Blanco e Laura Alfonso. Caracol está dirixida por Olga González Vilas e leva xa décadas poñendo en escea unha obra de teatro anual para nenos e nenas de toda a comarca.
Entreparadas é unha iniciativa que ten lugar nos autobuses urbanos de Ourense, nos que 16 persoas (con diferentes discapacidades físicas, intelectuais, vítimas de accidentes de tráfico…) representan pequenas pezas de teatro nas que se rinde homenaxe á xeración Nós, mentres os usuarios dos buses suben e baixan dos mesmos. O obxectivo é fomentar o uso do transporte público e a integración das persoas que pertencen a grupos con risco de exclusión social. Seguir lendo
Gobernar é, certamente, elixir. No caso do cartos, trátase de xestionar o que hai nas arcas públicas de xeito responsábel e en beneficio da maioría social. Trátase de priorizar, especialmente nestes días nos que a administración se queixa de que non dispón de diñeiro para todo o que se gastaba hai uns anos.
E nun Concello ocorre exactamente o mesmo, en cada lugar á súa escala. O Alcalde, o goberno e en poucos casos a Corporación (normalmente a oposición nin pincha nin corta, como é o caso) deciden en que se invirten os cartos e como se gasta. Gobernar non só é iso, aínda que para algúns alcaldes parece que si, pero está claro que é unha das tarefas que se desenvolve.
En Cambados non sabemos moi ben a miúdo se a prioridade somos a maioría dos cambadeses ou tan só un grupo máis ou menos “selecto”de persoas. Dígoo por cousas concretas, e non por esbardallar.
Podería voltar sobre o machacado tema do Xantar do Albariño e o gasto de miles de euros anuais en que cando menos a metade dun número irracional de persoas veñan comer de balde simplemente porque son do PP. Iso xa di bastante sobre as prioridades de cada quen, creo eu.
Pero hai meses soubemos que a Deputación, a petición do Concello suponse, ía remodelar a sede dunha asociación cultural con custo cero para esa asociación e con custo 700.000 euros para os contribuíntes. Porque aínda que non o pareza os cartos que gasta Louzán non son del, son de todos nós. E para rematalo ao final resultou que por complicarse “un pouco” as obras pagaremos 1 millón de euros, tres veces a cantidade que destina o Concello de Cambados en inversións reais.
E a cousa non queda aí. Xa que se lembramos ben, recordaremos que hai unhas semanas se paralizaron dúas obras en teoría por mor da crise económica. Aclaración necesaria: a crise económica ten unha característica que non falla: é selectiva, só afecta a algunhas das cousas. Afecta á educación, a sanidade (minucias) pero non a Xantares nin a reformas de dubidosa necesidade. Neste caso era a piscina e sobre todo, o prometido Centro de Día, as que se quedaban no doce recordo das notas de prensa e dos boletín populares previos ás Elecccións.
Onte lía que para o Concello é unha prioridade cederlle o Centro de Saúde ao Sergas porque paga 50.000 euros anuais en mantemento. Non vou entrar a discutilo, seguramente que sexa mellor que o Sergas se faga cargo. Pero o mesmo Concello permite que se gaste 1 millón na Cultural. Ou que non se realice a mellora na piscina que lle ocasiona ao Concello un gasto de máis de 100.000 euros en calefacción cada ano.
E parece que tamén é prioridade do goberno local non darlle a subvención que merecen a asociacións como Caracol, que recibe un 2 sobre 5 en “transcendencia e repercusión fóra do ámbito municipal” no baremo filtrado polo BNG (é sabido que a transparencia non é prioridade no Concello de Cambados), cando acuden cada ano milleiros de nenos de toda a comarca ao IES Asorey.
E o máis chamativo, ao Concello parécelle unha prioridade seguir coa teima de construir unha praia artificial no Saco. E custoulle moito recoñecer que a prioridade no Saco era o saneamento e non as comportas. En calquera caso, priorízase a Cultural, o Xantar, fronte a obras que son moito máis que obras, son servizos sociais, como é o caso do Centro de Día, que seguirá a agardar.
Estas son as prioridades do PP. E as que nos esperan.
Óscar Pardo Planas
O domingo teremos espectáculo de danza en Cambados grazas á nova iniciativa de Teatro Caracol, que ofrece aos Concellos grupos artísticos a cambio da cesión do local e publicidade, e os profesionais cobran o que recaudan na taquilla.
A primeira ocasión que nos brinda Caracol é a de “A mínima expresión”, danza que chega de Madrid dirixida por Luiscar Cuevas, e que nos resolverá unha dúbida: Que pasa cando os bailaríns bailan nun escenario sen luz?, xa que se basea nos xogos de luces e sombras.
Segundo os organizadores “A mínima expresión” é o halo que queda na retina cando criches ver algo que xa non está aí. É utilizar un mínimo espacio para enchelo de contido, sen precisar de argumento, porque nela mesma reside o seu discurso.
O dito, domingo 26 de Xuño no Auditorio de Cambados a partires das 20.30. Prezo 5 euros.
Hoxe domingo, a compañía Caracol abriu ao público non-escolar o seu telón, logo de varios días atendendo a nenos e nenas de toda a comarca. E o resultado, coma sempre, positivo. Os asistentes disfrutamos como ananos da maxia que este grupo de persoas nos trasmite desde o escenario dun xeito desinteresado e cada vez máis profesional.
Os actores, bordando os papeis de Historia dun Chícharo, en particular xenial interpretación do actor revelación Goyo e tamén da protagonista no papel de princesa; e os máis veteranos, como os reis Dominguez e Montse, deixaron clara a súa valía no escenario. Aínda que non é preciso destacar a persoas en concreto porque todos e todas fan un estupendo traballo de interpretación, coreografía e incluso canto.
A todos eles, e tamén aos múltiples colaboradores e á directora Olga González, noraboa por estar un ano máis aí para nenos e non tan nenos.
O cartel é un deseño de Matías Daporta
A compañía Caracol volve unha vez máis a escena ante miles de nenos de toda a comarca cunha obra titulada “Historia dun chícharo”. A directora, Olga González, di que será unha adaptación libre dun telefilme de Disney chamado Once upon a matress, baseado á súa vez no clásico da princesa e o chícharo.
A obra vaise representar ao longo do mes de abril, durante dúas semanas, e tamén estará aberta ao público adulto a través de funcións nos domingos 10 e 17 dese mes. O que está claro é que tanto nenos como adultos poderemos, unha vez máis, sorprendernos, rirnos, divertirnos e en definitiva ilusionarnos cunha nova obra da fantástica Caracol.
O xoves 21 de outubro ten lugar no IES Francisco Asorey a representación da obra que xurdiu froito da colaboración entre Caracol e Esperanza Salnés. Esta peza fora creada para grabar un vídeo e participar nun concurso da Dirección General de Tráfico o pasado Maio e resultou finalista.
A representación terá lugar a partires das 17.30 horas no Salón de Actos do centro de ensino. Que mellor forma de apoiar á xente que tomou parte nesta boa idea que pasarse a ver unha pequena mostra de que “O noso pobo é fermoso”, título moi certo mentres quede xente como eles.
A imaxe foi tirada do blog de Unha Grande Chea.
Hoxe reflicte a prensa arousá unha colaboración entre dúas das mellores creacións de Cambados: a asociación de atención a nenos discapacitados Esperanza Salnés e a compañía de teatro Caracol.
As dúas xuntáronse para gravar un vídeo co cal poden participar nun concurso estatal da Dirección General de Tráfico (DGT). Este concurso consiste en crear un spot sobre seguridade vial que logo podería ser emitido en toda España. De gañar a asociación Esperanza recibiría un premio de 8.000 euros que non lle viría nada mal dada ao mal estado permanente das súas contas pola ausencia de estabilidade no seu financiamento, asunto que xa foi denunciado nalgunha ocasión neste mesmo espazo.
Pero xa antes de coñecer o veredicto os responsábeis do proxecto calificárono de moi positivo, tanto que teñen previsto unha posta en escena este verán para que o todo público poida achegarse a esta orixinal colaboración. Noraboa.
A compañia de teatro Caracol xunto co I.E.S Francisco Asorey de Cambados organiza un obradoiro de 6 horas os vindeiros 4 e 5 de Xuño que realizará un achegamento no proceso creativo para poder coñecer e experimentar, xerando o mesmo tempo unha enerxía grupal, o coñecemento de como se constitue un espectáculo de danza e maxia, na que os asistentes, a través de pautas de movemento poderán realizar.
A idea do obradoiro é achegar ao público ao proceso creativo do espactáculo HABELAS que lles permitirá profundizar nas vertentes artísticas arriba mencionadas. Inscricións no número de teléfono 620569046. O prezo é de 20 euros.
O curso será impartido pola compañía TRASPEDIANTE, que fará una representación do seu espectáculo ao final do cursiño. Trátase dunha mestura de danza e maxia sobor da historia das meigas. Podes ver unha mostra do espectáculo a seguir: